Instrución 1/2019 da Secretaría Xeral polo que se establece un protocolo de actuación no caso de incidencias técnicas non xeneralizadas e non imputables ás persoas interesadas que impidan a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións por sede electrónica
NORMA CONSOLIDADA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A USC publicou a Resolución Reitoral do 04-04-2019 pola que se regula a ampliación de prazos de presentación de solicitudes, escritos e comunicacións na sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela no caso de determinadas incidencias técnicas que imposibiliten o seu funcionamento ordinario.
Esta norma contempla un protocolo de actuación no caso de incidencias técnicas xeneralizadas que impiden a calquera interesado, independentemente do método de identificación e sinatura que utilice, a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións na sede electrónica da USC.
Porén, existen situacións puntuais nas que algúns dos métodos de identificación e sinatura non funcionan correctamente na sede electrónica da USC e que non son debidas a unha incidencia xeneralizada. Para estes casos, é necesario establecer un protocolo de actuación diferenciado, dado que non procede nestes casos a ampliación de prazos para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións na sede electrónica da USC.
Por todo isto, DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
A presente Instrución ten por obxecto establecer un protocolo de actuación para os casos nos que unha persoa interesada non poda presentar dentro de prazo solicitudes, escritos e comunicacións no caso de determinadas incidencias técnicas non xeneralizadas que se atribúan ao funcionamento da sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Esta Instrución é de aplicación aos procedementos administrativos nos que se contemple a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións a través da sede electrónica da USC e cuxa tramitación e resolución sexan competencia dos órganos/unidades/servizos que formen parte da estrutura da Universidade de Santiago de Compostela.
Exceptúanse os procedementos administrativos cuxa normativa específica resulta incompatible coas previsións contidas nesta Instrución.
Artigo 3. Definicións
Consideraranse incidencias técnicas para efectos desta Instrución, aquelas incidencias concretas que teñan as persoas interesadas que non son debidas a un fallo xeneralizado do sistema, pero si a fallos puntuais atribuíbles ao funcionamento da sede electrónica e, polo tanto, non atribuíbles ás persoas interesadas.
Artigo 4. Procedemento de actuación
Corresponde a área de Tecnoloxías da información e comunicación (área TIC) a comunicación das incidencias que imposibilitaron a unha persoa interesada a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións en sede electrónica.
A área TIC da Universidade de Santiago de Compostela remitirá aos órganos/unidades/servizos responsables da tramitación dos procedementos afectados e á Secretaría Xeral da USC un informe na que consten os seguintes datos:
- Nome e apelidos da persoa interesada
- Documento de identificación da persoa interesada (DNI, Pasaporte, ...)
- Datos de contacto das persoas interesadas
- Procedemento ao que concorren
- Data e hora na que se comunicou a incidencia
- Descrición da incidencia.
- Indicación de se a incidencia é atribuída ou non ao funcionamento da sede electrónica da USC.
Os órganos/unidades/servizos responsables da tramitación dos procedementos afectados, deberán autorizar ás persoas interesadas á presentación de solicitudes a través de medios alternativos, no caso de que a incidencia técnica:
-Se producise e comunicase ao Centro de Atención a Usuarios dentro do prazo de presentación de solicitudes, e
-Dita incidencia sexa atribuíble ao funcionamento da sede electrónica.
Os órganos/unidades/servizos responsables da tramitación dos procedementos afectados deberán empregar o modelo de autorización que se achega como anexo a esta Instrución fixando unha data límite para a presentación de solicitudes e comunicarán dita autorización ás persoas interesadas e á Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros.
Artigo 5. Xestión da incidencia
A Secretaría Xeral trasladará á Comisión Técnica de Administración Electrónica o informe da área TIC respecto ás incidencias acaecidas para a súa avaliación e toma de decisións, de ser o caso.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na presente Instrución.
Disposición final
Esta Instrución entrará en vigor tras a súa publicación no Taboleiro de Anuncios Electrónico da USC.
A Secretaria Xeral
Dulce Mª García Mella
ANEXO: MODELO DE AUTORIZACIÓN
Vistas as incidencias comunicadas polas persoas interesadas que se indican a continuación, que impediron a presentación de solicitudes/escritos/comunicacións na sede electrónica da USC e unha vez comprobado que:
-O intento de presentación das solicitudes/escritos/comunicacións na sede electrónica da USC produciuse en prazo, e
-Que ditas incidencias non son atribuíbles ás persoas interesadas.
AUTORÍZASE A:
-
-
Á presentación da súa solicitude para o procedemento _____________________________ na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da Universidade de Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 16 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, con data límite do _____________________.
No caso de que non presente a solicitude antes da finalización do prazo indicado no parágrafo anterior considerarase que desiste de participar no procedemento descrito.
(Cargo)
(Nome e apelidos)
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.