Acordo do Consello de Goberno do 23 de xullo polo que se aproba o Regulamento do Servizo Universitario de Residencias

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1254
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Universidade de Santiago de Compostela conta cun servizo universitario de residencias consolidado e robusto, que destaca dentro do panorama universitario español por ofrecer un elevado número de prazas en relación ao total de estudantes matriculados. Este sistema veu tradicionalmente constituíndo un piar fundamental para o desenvolvemento académico e persoal do estudantado, facilitando a súa integración na vida universitaria e contribuíndo ao prestixio da nosa institución.

De acordo co art. 154 dos Estatutos da USC, con data de 29 de xullo de 2015, o Consello de Goberno aprobou o Regulamento do Servizo Universitario de Residencias da Universidade de Santiago de Compostela.

Actualmente, cómpre adecuar o seu contido ao novo marco normativo introducido pola Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do Sistema Universitario e polo Regulamento polo que se establecen as normas de convivencia da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno de 30 de marzo de 2023, ditado en aplicación da Lei 3/2022 de 24 de febreiro, de convivencia universitaria, que dispón que o réxime sancionador aplicable aos usuarios dos servizos universitarios deberá ser revisado no prazo dun ano dende a entrada en vigor do citado regulamento para adaptar o seu contido.

A Universidade de Santiago de Compostela, fiel ao seu compromiso coa excelencia académica, a inclusión e a igualdade de oportunidades, considera prioritario que o servizo universitario de residencias estea plenamente orientado ás necesidades do estudantado.

A captación de estudantes, tanto nacional como internacional, así como o acceso e permanencia na educación superior do estudantado procedente de entornos máis desfavorecidos, dependen en gran medida da capacidade da Universidade para ofrecer servizos de aloxamento de calidade.

En canto á súa estrutura, o regulamento divídese en dous títulos. O Título I, “Do Servizo Universitario de Residencias” ten por obxecto a regulación da organización administrativa do SUR, fortalecendo a participación do estudantado na súa gobernanza.

O Título II, “Da prestación do servizo de aloxamento”, ten por obxecto a regulación do réxime xurídico do servizo do acceso ao mesmo polas persoas usuarias, co fin de garantir unha convivencia baseada no respecto, a responsabilidade e o compromiso coa vida universitaria.

TÍTULO I. Do Servizo Universitario de Residencias

CAPÍTULO I - Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Este regulamento ten por obxecto a ordenación das atencións e servizos que integran o Servizo Universitario Residencias da Universidade de Santiago de Compostela (SUR).

Artigo 2. O Servizo Universitario de Residencias

1. O SUR está integrado polo conxunto de atencións e servizos básicos prestados ao estudantado e, no seu caso, aos demais membros da comunidade universitaria co fin de proporcionarlles aloxamento e de promover a súa formación integral.

2. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) procurará atender a demanda dos servizos integrados no SUR pola comunidade universitaria, en particular, do de aloxamento.

Artigo 3. Obxectivos

O SUR persegue, entre outros, os seguintes obxectivos:

a) Contribuír á igualdade de oportunidades no acceso e a permanencia do estudantado na universidade.

b) Proporcionar o aloxamento e o ambiente de convivencia axeitados para facilitar o estudo e a formación integral das persoas residentes. Na creación deste espazo resulta capital a erradicación de calquera comportamento atentatorio contra a dignidade da persoa, ofrecendo ás persoas usuarias información e formación para a súa sensibilización neste ámbito.

c) Procurar a cohesión social, territorial e cultural, no deseño dos seus programas e servizos.

d) Promover a participación das persoas residentes na xestión dos centros de aloxamento respecto das cuestións que lles afecten.

e) Promover a realización de actividades docentes, de divulgación investigadora, cultural, artística e deportivas, desenvolvendo un programa cultural que teña proxección sobre toda a comunidade universitaria e sobre a sociedade, en xeral.

f) Favorecer a creación de espazos de convivencia co fin de estimular o diálogo, a comunicación, e o intercambio cultural.

CAPÍTULO II - Dos servizos do SUR

Artigo 4. Catálogo de servizos

O SUR ten por obxecto a prestación de servizos de apoio e asistencia ao estudantado e, no seu caso, aos demais membros da comunidade universitaria en materia de aloxamento, entre os que se inclúen:

a) O servizo de aloxamento e a promoción de actividades de divulgación cultural, científica e artística e actividades deportivas dirixidas ás persoas residentes nos centros de aloxamento, sen prexuízo de que, cando así se dispoña, poidan participar nas mesmas outros membros da comunidade universitaria ou a sociedade, en xeral.

b) Os servizos de información, orientación, e asesoramento, en particular, en materia de aloxamento.

c) Bolsas e axudas orientadas a satisfacer necesidades de aloxamento.

Artigo 5. Centros integrantes do SUR

A USC prestará os servizos comprendidos nas áreas de actuación do SUR a través dos seus centros propios

Artigo 6. Centros adscritos

1. A USC poderá adscribir a través do oportuno convenio, centros de entidades públicas, privadas sen ánimo de lucro ou de similar natureza, sen que, en ningún caso, formen parte do SUR.

2. Poderán ter a condición de centros adscritos da USC aqueles nos que se cumpran os seguintes requisitos, sen prexuízo daqueloutros esixidos pola normativa que lles resulte de aplicación:

a) Dispoñer de máis de 50 prazas de aloxamento en cuartos individuais ou dobres para a comunidade universitaria, sen segregación por xénero, durante o curso académico. No caso de inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago ou do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do recinto amurallado e a súa zona de influencia de Lugo poderán ter a consideración de centros adscritos cando conten cun número mínimo de 25 prazas ou cando estean localizados en edificios de interese histórico, urbanístico ou comunitario singular.

b) O 80% das súas prazas deberán ocuparse por membros do estudantado da USC.

c) Estruturarse nunha unidade “física independente, con outros servizos complementarios, que ocupen a totalidade dun ou de varios edificios, ou unha parte independizada deles, cuxa dependencias constitúan unha explotación homoxénea, con entradas, escaleiras e ascensores de uso independente.

d) Dispoñer das seguintes instalacións e servizos básicos:cuartos de baño suficientes en cada andar, servizo de limpeza, internet e, cando menos, as seguintes instalacións comúns:cociñas, sala de usos múltiples, sala de estudo e lavandería.

e) Contar cun órgano de representación das persoas residentes, que garanta, como mínimo, a representatividade do estudantado recollida neste regulamento para o Consello de Residentes.

f) Contar cunha programación de actividades que contribúan á formación integral das persoas residentes.

g) Prestar o servizo de acordo cos obxectivos previstos no artigo 3 do presente regulamento.

3. O contido do convenio de adscrición dun centro á USC poderá establecer:

a) Unha reserva de prazas para a prestación de servizo de aloxamento á comunidade universitaria durante o curso académico.

b) Unha reserva de prazas para a prestación de servizo de aloxamento á comunidade universitaria e aos participantes en actos organizados pola comunidade universitaria, en particular, durante os períodos non lectivos.

c) A inclusión do centro na programación de extensión universitaria que se realice nos centros do SUR, en canto a actividades culturais, físico-deportivas e de divulgación.

d) O emprego da imaxe institucional da USC e a súa aplicación en soportes físicos ou formatos dixitais, así como no ámbito da sinalética nas condicións que se determinen.

e) A participación de representantes institucionais da Universidade nos seus actos institucionais nas condicións que se especifiquen.

CAPÍTULO III - Da organización do Servizo Universitario de Residencias

Artigo 7. O coordinador ou coordinadora do Servizo Universitario de Residencias

O coordinador ou coordinadora do SUR será nomeado/a e cesado/a polo Reitor ou Reitora da USC. O coordinador ou coordinadora do SUR dependerá orgánica e funcionalmente do Reitor ou Reitora da USC.

Artigo 8. A Comisión de Garantías

1. A Comisión de Garantías é un órgano colexiado adscrito orgánica e funcionalmente ao Reitor/a.

2. Corresponde á Comisión de Garantías a exención dos mínimos académicos ou de calquera outro requisito esixido na convocatoria de prazas, así como a reconsideración da cota asignada ou o centro adxudicado, a quen o solicite, en supostos excepcionais e por causas debidamente acreditadas de enfermidade, situacións familiares especiais Ou outras causas extraordinarias que se poidan apreciar.

3. Estará composta polos seguintes membros:

a) O/a Reitor/a, quen a presidirá.

b) O coordinador ou coordinadora do SUR.

c) O xefe ou xefa do servizo administrativo ao que corresponda a xestión do SUR, á que corresponderá a secretaría da comisión.

d) Tres directores de centros do SUR, designados por sorteo, que se renovarán cada catro anos.

e) Tres membros dos Consellos de Residentes, designados por sorteo, que representen ás persoas residentes nos centros da SUR.

4. Os membros da Comisión de Garantías deberán gardar o debido sixilo do tratado nas reunións.

5. A comisión poderá nomear asesores/as, con voz pero sen voto, co fin de aportar coñecementos especializados e experiencia nas áreas específicas que se avalían, que deberán gardar o debido sixilo.

Artigo 9. O Consello Interresidencial

1. O Consello Interresidencial é o órgano colexiado de representación de todos os centros integrados no SUR creado co fin de velar pola correcta aplicación da normativa aplicable aos centros e, en particular, de promover unha axeitada convivencia entre os residentes.

Atópase adscrito orgánica e funcionalmente ao Reitor/a.

2. O Consello Interresidencial estará composto por:

a) O/a Reitor/a, que o presidirá.

b) A persoa que teña delegadas as competencias sobre o Servizo Universitario de Residencias.

c) Apersoa que teña delegadas as competencias en materia de infraestruturas.

d) O coordinador ou coordinadora do SUR.

e) O/a xefe/a do servizo administrativo ao que corresponda a xestión do SUR.

f) Os/as directores/as dos centros integrados no SUR.

g) Os representantes das persoas residentes designados polos Consellos de Residentes dos centros integrados no SUR entre os seus membros, de acordo cos seguintes criterios:

Un máximo de un representante dos centros de menos de 200 prazas.

Un máximo de dous representantes dos centros de máis de 200 prazas.

3. Son funcións do Consello Interresidencial:

a) Propor as súas normas de réxime interno, que serán aprobadas polo Consello de Goberno.

b) Formular propostas e recomendacións, de oficio ou cando así se lle solicite polos órganos competentes ou polos residentes, respecto das cuestións organizativas ou de funcionamento dos centros integrados no SUR.

c) Formular propostas e recomendacións, de oficio ou cando así se lle solicite polos órganos competentes ou polas persoas residentes, para manter e mellorar a calidade da prestación dos servizos do Servizo Universitario de Residencias.

d) Elaborar guías, manuais e protocolos de boas prácticas nos centros integrados no SUR e velar pola correcta aplicación dos mesmos.

e) Calquera outra que lle atribúa o presente regulamento, a normativa que o desenvolva ou a normativa de aplicación ás universidades públicas.

4. O Consello Interresidencial reunirase ordinariamente dúas veces por curso académico, agás que poida convocarse de forma extraordinaria a solicitude da metade dos seus membros.

Artigo 10. O Consello de Residentes do centro

1. O Consello de Residentes é o órgano colexiado de representación dos centros do SUR.

2. O Consello de Residentes estará composto por:

a) O director ou directora do centro, que o presidirá.

b) O subdirector ou subdirectora do centro, de ser o caso, que actuará como secretario do órgano.

c) Os representantes das persoas residentes, no número que se determine de acordo cos seguintes criterios:

Un máximo de cinco representantes nos centros de menos de 200 prazas.

Un máximo de sete representantes nos centros de máis de 200 prazas.

3. Son funcións do Consello de Residentes:

a) Colaborar e participar no desenvolvemento das actividades de cada centro.

b) Asesorar á dirección nos asuntos relacionados coa vida do centro, así como realizar propostas para atender ás necesidades identificadas.

c) Informar a proposta de instrucións de convivencia do centro, que deberán ser aprobadas polo Reitor ou Reitora ou polo/a vicerreitor/a no que delegue.

d) Participar nas diferentes actividades do centro, así como propoñer á dirección a creación de comisións destinadas á organización de actividades de interese para os residentes.

e) A designación, por maioría entre seus membros, das persoas representantes no Consello Interresidencial

f) Calquera outra que lle atribúa o presente regulamento, a normativa que o desenvolva ou a normativa de aplicación ás universidades públicas.

4. As eleccións de representantes no Consello de Residentes serán convocadas no primeiro mes de cada curso académico, de acordo coa normativa aprobada ao efecto polo Consello de Goberno. A duración do cargo como representante no Consello de Residentes circunscribirase ao curso académico.

5. O Consello de Residentes reunirase dúas veces ao trimestre, sen prexuízo de que poida convocarse de forma extraordinaria a petición da metade dos seus membros.

Artigo 11. O director ou directora do centro

1. Os centros integrados no SUR contarán cun director ou directora que será nomeado/a e cesado/a polo Reitor ou Reitora. O Reitor ou Reitora informará do nomeamento do director ou directora ao Consello de Goberno.

2. Son funcións da dirección do centro:

a) A dirección da actividade ordinaria do centro, así como o exercicio da súa representación.

b) Propoñer o nomeamento do/a subdirector/a.

c) Propoñer ao/á coordinador/a do SUR a execución de gasto do centro por exercicio orzamentario.

d) Elaborar a memoria de actividades do centro por curso académico.

e) Atender e informar ás persoas residentes sobre cuestións que afecten á súa estadía no centro e atender cantas iniciativas, suxestións e queixas se lle presenten.

f) Promover e facilitar a programación de actividades que contribúan á formación integral das persoas residentes e informalas das convocatorias que existan para tal fin.

g) Propoñer á vicerreitoría competente accións de mellora respecto da organización e funcionamento do centro.

h) Calquera outra que lle atribúa o presente regulamento, a normativa que o desenvolva ou a normativa de aplicación ás universidades públicas.

Artigo 12. O subdirector ou subdirectora do centro

1. Os centros integrados no SUR poderán contar cun subdirector ou subdirectora, que será nomeado/a e cesado/a polo Reitor ou Reitora e que será un membro do estudantado residente no centro.

2. Son funcións da subdirección do centro:

a) Colaborar co director ou directora no exercicio das súas funcións, velando polo bo funcionamento do centro, baixo a responsabilidade daquel.

b) Substituír ao/á director/a en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

TÍTULO II. Da prestación do servizo de aloxamento

CAPÍTULO I - Disposicións xerais

Artigo 13. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable ao SUR é único, rexéndose polo disposto no presente regulamento e polas demais normas que lles resulten de aplicación.

Artigo 14. Titulares do dereito de acceso ao servizo

Terán dereito de acceso ao servizo de aloxamento prestado a través de centros integrados no SUR o estudantado e, no seu caso, os demais membros da comunidade universitaria de acordo co disposto nos Estatutos da USC, en función da valoración obxectiva das súas necesidades e outorgando preferencia a aquelas persoas que, por motivos económicos, teñan maiores dificultades para o acceso e permanencia nas titulacións ofertadas pola Universidade.

Artigo 15. Residentes

1. Terán a condición de residentes as persoas físicas que obtiveran unha praza mediante a correspondente convocatoria en calquera dos centros integrados no SUR e a ocupen de maneira efectiva.

2. A ocupación dunha praza nalgún dos centros do SUR implica a aceptación das normas que rexen o servizo, deste regulamento, da convocatoria e das instrucións de convivencia que, no Seu caso, se diten.

Artigo 16. Natureza da relación coas persoas usuarias

As relacións coas persoas usuarias dos servizos do SUR terán natureza xurídico- administrativa e regularanse polo dereito administrativo.

Artigo 17. Dereitos das persoas usuarias

1. Todas as persoas usuarias do servizo terán os mesmos dereitos en relación coa súa prestación.

2. En particular, terán dereito:

a) A ser admitidas ao servizo e a exixir a súa prestación cando reúnan os requisitos subxectivos e obxectivos que se establezan para ser beneficiarias.

b) A recibir as prestacións en que consiste o servizo con pleno respecto aos principios de igualdade e non discriminación.

c) A ser tratadas con deferencia e respecto no marco da prestación do servizo de que se trate.

d) A acceder a toda a información que sexa precisa para formular queixas ou reclamacións sobre a prestación do servizo, de acordo co disposto na normativa aplicable en materia de transparencia.

e) A presentar suxestións e queixas sobre o funcionamento do servizo, que deberán ser contestadas de forma motivada e individual.

h) A exixir da USC o exercicio das súas facultades de inspección, control e, se for o caso, sanción para garantir o bo funcionamento do servizo, garantir e regular a prestación deste e emendar calquera irregularidade na súa prestación.

3. Ademais, e sen prexuízo do disposto no artigo anterior, son dereitos das persoas residentes:

a) O aloxamento durante o prazo indicado na convocatoria correspondente en condicións dignas e adecuadas.

b) O goce e utilización dos servizos, instalacións e equipamento comúns do centro no que se aloxe e nas condicións que se establezan.

c) A ser informado, con carácter previo á estancia, das normas que rexen a prestación do servizo, do presente regulamento e das instrucións de convivencia dos centros.

d) A elixir aos seus representantes no Consello de Residentes e no Consello Interresidencial e formar parte dos órganos de representación de residentes para o que fora elixido e asistir ás súas reunións.

e) Aiiniciativa, participación e asistencia a actividades sociais, culturais e deportivas que se realicen nos centros nos que sexan residentes.

f) Aformular iniciativas, suxestións e reclamacións ante a dirección do centro sobre o funcionamento do servizo.

g) Aqueloutros dereitos que deriven da Carta de Servizos aprobada ao efecto e das demais normas aplicables.

Artigo 18. Deberes das persoas usuarias

1. As persoas usuarias estarán suxeitas ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) A aboar, de ser o caso, a contraprestación económica que corresponda segundo as tarifas aprobadas.

b) A tratar con respecto e coidado as instalacións nas que se preste o servizo e os bens utilizados na súa prestación.

c) A tratar con deferencia e respecto ás demais persoas usuarias, así como ao persoal que preste o servizo.

d) A rrealizar un uso non abusivo dos servizos. Entenderase que unha persoa fai un uso abusivo cando a súa conduta obstaculice de maneira irracional, desproporcionada e evidente o bo funcionamento do servizo, ocasionando un prexuízo ao resto das persoas usuarias ou á USC.

2. Ademais, e sen prexuízo do disposto no artigo anterior, deberán:

a) Coñecer e cumprir as normas que rexen a prestación do servizo.

b) Ocupara praza de aloxamento que lle foi adxudicada.

c) Realizar un uso responsable dos servizos e no horario establecido, de forma que non se obstaculice o seu bo funcionamento nin se prexudique ao resto de persoas usuarias ou á Universidade.

d) Asistir ás reunións dos órganos de representación para os que foron elixidos.

e) Respectar os horarios de estudo e descanso das persoas usuarias.

f) Facilitar o acceso aos cuartos ao persoal encargado dos servizos de limpeza, conserxería, seguridade e persoal autorizado pola USC. Cando non se trate de accesos programados ou derivados dun imprevisto, realizarase un aviso previo.

g) Custodiar o equipamento dos cuartos asignados.

h) Aqueloutros deberes que deriven da Carta de Servizos aprobada ao efecto e das demais normas aplicables.

Artigo 19. Carta de servizos

1. O Consello de Goberno aprobará a carta do servizo de aloxamento, documento escrito polo que se informará aos usuarios do contido do servizo, dos compromisos de calidade e dos dereitos e obrigas que os asisten.

2. A carta do servizo publicarase no taboleiro electrónico e na páxina web da USC.

Artigo 20. Instrucións de convivencia dos centros

1. De acordo co disposto na Carta de Servizos e atendendo ás singularidades de cada equipamento, o Reitor ou Reitora, previo informe do Consello de Residentes, aprobará as instrucións de convivencia do centro, co fin de garantir o coidado e a boa orde do servizo prestado no mesmo.

2. As instrucións de convivencia dos centros regularán, cando menos:

a) As normas de acceso ao centro e a determinación dos horarios para o uso das instalacións comúns.

b) As normas de hixiene e limpeza das habitacións e dos espazos comúns.

c) As normas para a celebración de eventos ou xuntanzas nas dependencias dos centros.

d) Calquera outra norma que poida incidir na convivencia pacífica no centro.

Artigo 21. Perda da condición de residente

Será causa de perda da condición de residente:

a) A renuncia expresa á praza de aloxamento ou a falta de uso da mesma de forma inxustificada por un prazo superior a un mes.

b) A falta de pagamento ou o atraso reiterado no aboamento dos prezos públicos que corresponda. A perda da condición de residente por este motivo dará lugar, ademais, á incautación da fianza, sen prexuízo da reclamación das cantidades pendentes de aboar.

c) A falsificación ou omisión de datos na solicitude da praza de aloxamento. En tanto non se verifiquen completamente os datos consignados na solicitude, a adxudicación da praza terá carácter provisorio.

d) O incumprimento das regras de prestación do servizo e das obrigas derivadas da condición de residente, de acordo co disposto no presente regulamento e nas demais normas de aplicación.

Artigo 22. Consecuencias do incumprimento das regras sobre a prestación do servizo de aloxamento

1. O incumprimento das obrigas dos/as usuarios/as derivadas da normativa de aplicación ao servizo e, en particular, o uso abusivo do mesmo, facultará ao Reitor ou Reitora ou ao Vicerreitor ou Vicerreitora en quen delegue a non admitir á persoa usuaria ao servizo, perdendo, polo tanto, a súa condición de usuario do mesmo, sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan de conformidade coas normas sectoriais que resulten de aplicación, en particular, da normativa de convivencia da USC. En todo caso, garantirase a audiencia previa do interesado.

2. O/a director/a, o/a subdirector/a ou o persoal da USC encargado da prestación do servizo, en ausencia de axentes da autoridade, poderán adoptar as medidas imprescindibles para manter a boa orde na prestación e funcionamento do servizo e garantir os dereitos dos/das demais usuarios/as, debendo poñelo en coñecemento da Reitoría, e podendo dar lugar, de ser o caso, ás denuncias pertinentes e ao exercicio das accións que correspondan. Para estes efectos, servirán de medio de proba as obtidas polo persoal da USC debidamente acreditado e os medios previamente homologados polo órgano administrativo competente, así como calquera outro admitido en dereito.

CAPÍTULO II - Do acceso ao servizo de aloxamento en centros integrados no SUR

Artigo 23. Réxime de convocatorias

1. O acceso ao servizo de aloxamento no SUR, xestionarase, a través das convocatorias ordinarias que, en cada caso, se establezan e que garantirán a transparencia do procedemento. Cando menos, levaranse a cabo as seguintes convocatorias:

a) Convocatoria ordinaria.

b) Convocatoria para o verán.

c) Convocatoria para o estudantado internacional.

2. Sen prexuízo do anterior, poderán realizarse outras convocatorias extraordinarias para dar resposta ás necesidades da comunidade universitaria así como a previsión dunha reserva de prazas para cubrir as necesidades protocolarias da Universidade.

3. O servizo de información e asesoramento prestarase, de forma continuada, a tódolos membros da comunidade universitaria, participantes en congresos, organizados ou patrocinados pola universidade, así como a aquelas persoas que realicen ou vaian realizar algunha actividade docente, investigadora, de xestión ou cultural na mesma.

Artigo 24. Convocatoria ordinaria

1. O Consello de Goberno da USC será o órgano competente para aprobar as bases da convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento para o curso académico.

2. As bases da convocatoria conterán, como mínimo:

a) Os requisitos de admisión e readmisión.

b) O procedemento de asignación de prazas e de cambio de centro.

c) Os criterios de exclusión de solicitudes.

d) Os baremos académicos e económicos para a avaliación das solicitudes de admisión e readmisión. Para a admisión teranse exclusivamente en conta os criterios económicos, mentres que para a readmisión teranse en conta criterios económicos e académicos.

e) A documentación que debe acompañar as solicitudes, que poderá actualizarse, de ser preciso, na propia convocatoria anual.

3. O Consello de Goberno aprobará as bases da convocatoria ordinaria de prazas do servizo de aloxamento en centros integrados no SUR.

4. Corresponde ao Reitor/a Ou, no seu caso, o Vicerreitor/a no que delegue, a convocatoria ordinaria das prazas ofertadas en centros integrados no SUR.

5. A convocatoria ordinaria conterá, como mínimo:

a) O número de prazas de aloxamento ofertadas reservadas a cada sector da comunidade universitaria para o curso académico.

b) As tarifas segundo o tipo de cuarto.

c) Os prazos e forma de presentación das solicitudes e os prazos de publicación e reclamación.

d) A determinación do período ordinario de aloxamento.

e) Información sobre a incompatibilidade con outras axudas da mesma finalidade.

6. A asignación de cuartos a inicio de curso realizarase, por sorteo, en sesión pública, co fin de garantir a transparencia do procedemento. No caso do sorteo de cuartos dobres, as persoas que teñan interese en compartir cuarto poderán manifestalo e as direccións procurarán atender estas solicitudes na medida do posible.

Disposición adicional primeira. Convenios con centros dependentes doutras entidades públicas ou privadas

Sen prexuízo do disposto no presente regulamento respecto dos convenios para a adscrición de centros, a USC poderá asinar outros convenios de colaboración con centros dependentes doutras entidades públicas ou privadas co fin promover solucións habitacionais ou actividades culturais, de divulgación científica, artísticas, deportivas ou calquera outro tipo de actividade que resulte de interese para os membros da comunidade universitaria, sen que, en ningún caso, os devanditos centros teñan a condición de centros adscritos.

Disposición adicional segunda. Centros do Servizo Universitario de Residencias da Universidade de Santiago de Compostela

No momento de aprobación deste regulamento, forman parte da SUR os seguintes equipamentos residenciais:

a) Fonseca (Campus de Santiago de Compostela).

b) Rodríguez Cadarso (Campus de Santiago de Compostela).

c) San Clemente (Campus de Santiago de Compostela).

d) Burgo das Nacións (Campus de Santiago de Compostela).

e) Monte da Condesa (Campus de Santiago de Compostela).

f) Jesús Bal y Gay (Campus de Lugo).

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Regulamento do Servizo Universitario de Residencias da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno do día 29 de xullo de 2015, así como todas aquelas normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao disposto neste regulamento.

Disposición derradeira primeira. Instrucións de convivencia dos centros

No prazo máximo de catro meses, a partir da entrada en vigor do presente regulamento, deberán aprobarse as instrucións de convivencia dos centros do SUR, que deixarán sen efecto aos regulamentos de réxime interno vixentes ata ese momento.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

Facúltase ao Reitor ou Reitora ou ao Vicerreitor ou Vicerreitora en quen delegue para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para O desenvolvemento e aplicación do presente regulamento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro Electrónico, agás o previsto no artigo 24.d., que será de aplicación á convocatoria ordinaria de prazas de residencia do curso 2026/27.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver