Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1199
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

O artigo 130 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) prescribe que "En todo caso, a formalización da matrícula supón o dereito de asistencia e participación en todas as actividades formativas que se establezan na programación docente e a ser avaliado. Asemade, implica o deber de asistencia e participación naquelas actividades formativas que se establezan como obrigatorias na programación docente e que “Con carácter singular para casos específicos, a xunta de centro poderá conceder a dispensa de asistencia á clase. Nestes casos, se fose necesario, poderá considerarse un sistema de avaliación diferenciado do criterio xeral".

Os Estatutos tamén establecen no seu artigo 35 que o Estatuto do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá polo miúdo os seus dereitos e deberes e regulará as condicións de estudio na Universidade.

Precisamente o artigo 9.2. desta norma inclúe entre os deberes do estudantado o de participar de forma activa nas actividades académicas que axuden a completar a súa formación e o de cumprir coas obrigas discentes inherentes á súa condición, e o artigo 10 prescribe que “O estudantado deberá cumprir coa asistencia ás clases teóricas e prácticas e a realización das actividades formativas propias de cada materia, de acordo co establecido nas guías docentes e nas memorias verificadas.” Inclúese tamén entre os dereitos do estudantado o de “conciliar, no posible, a formación coa vida familiar e laboral”.

Por outra banda, segundo a Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, aprobada polo Consello de Goberno do 15 de xuño de 2011, os estudantes serán avaliados unicamente de acordo cos criterios que figuren de forma explícita na programación da materia, que se basearán en diversas actividades, entre elas, a participación nas clases expositivas, interactivas e outras actividades complementarias. Indica tamén que a programación docente dunha materia pode determinar as actividades obrigatorias que se realizarán durante o curso (actividades prácticas, de laboratorio...), sen as cales non será posible a súa superación.

Máis recentemente, a Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario recolle no seu artigo 36 entre os deberes do estudantado o de “Participar de forma activa y responsable en las actividades docentes y en las demás actividades universitarias”.

Polo tanto, a asistencia a clase configúrase como un dereito/deber do estudantado, sendo a programación docente de cada materia a que determina e concreta as actividades formativas obrigatorias. Aínda así, non debe considerarse como un fin en si mesma; o importante é valorar os resultados do proceso de aprendizaxe e os coñecementos adquiridos coa asistencia ás actividades presenciais. Interesa que o profesorado faga ver ao estudantado os beneficios que fornece esta asistencia a clase:mellor comprensión da materia, adquisición de competencias en grupo e individuais, aprendizaxe continua, interacción directa con outros e outras estudantes, posibilidade dunha metodoloxía docente-discente máis participativa, etc.

O Consello de Goberno, con data 25 de marzo de 2010, aprobou a Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao espazo europeo de educación superior. Dado o tempo transcorrido, procede actualizala tomando en consideración as aportacións realizadas polo valedor da comunidade universitaria, polo Consello do Estudantado e polos centros e departamentos.

Por outra parte, tamén procede actualizar o contido da Instrución nº 1/2017, do 27 de abril, da Secretaría Xeral, sobre a dispensa de asistencia a clase en determinadas circunstancias, que por razóns de sistemática debe integrarse no texto normativo que se ocupa da regulación da asistencia a clase.

Por todo o anterior, e en virtude da potestade estatutaria conferida, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 25 de novembro de 2024, acordou aprobar o presente

REGULAMENTO DE ASISTENCIA A CLASE NAS ENSINANZAS OFICIAIS DE GRAO E MÁSTER DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

TÍTULO I. Efectos da asistencia a clase na avaliación

Artigo 1. Sistemas de avaliación

1. A asistencia a clase configúrase como un dereito/deber do estudantado, sendo a programación docente de cada materia a que determina e concreta a súa valoración e establece as actividades formativas obrigatorias.

2. O sistema de avaliación que se estableza na programación docente deberá respectar o disposto na memoria do título e a asistencia a clase poderá ter a seguinte incidencia:

a) Valorarse como un factor máis na avaliación continua.

b) Ponderarse na cualificación final ou parcial, nunha porcentaxe previamente establecida.

c) Ser preceptiva para superar a materia ou para presentarse á realización de exames. Neste caso, na programación da materia deberase indicar a porcentaxe de presencialidade necesaria nas actividades docentes programadas e con anterioridade á realización das probas deberá publicarse un listado do estudantado que satisfaga este requisito para poder examinarse.

d) Non ter ningunha valoración.

3. As faltas de asistencia non poderán puntuar negativamente na nota da proba final de avaliación, pero si se poderán ter en conta na avaliación continua. En todo caso, de realizarse nas sesións de aula actividades que teñan algún tipo de ponderación na cualificación final da materia, o/a estudante que non asista a elas por unha causa xustificada poderá compensar a súa ausencia na forma en que se determine polo profesorado da materia.

4. A falta de asistencia a actividades ordinarias que se realicen de forma síncrona fóra dos horarios establecidos para a materia non terán efectos na avaliación final, sen prexuízo das especificidades que se contemplen na programación docente.

Artigo 2. Acreditación da asistencia a clase

1. O control de asistencia ás actividades programadas como obrigatorias deberá realizarse a través de soportes de carácter duradeiro. A estes efectos poderá establecerse un sistema electrónico mediante unha ferramenta que subministrará información aos centros e comisións académicas, aos departamentos e ao propio estudantado sobre o seguimento das actividades.

2. Cando a programación docente da materia contemple no sistema de avaliación como elemento de valoración a asistencia a clase, e mentres non exista un sistema electrónico, cada profesor/a ou coordinador/a deberá establecer o sistema de control a utilizar. As evidencias dos resultados dos controis de asistencia xunto co resto dos materiais obxecto de avaliación deberán conservarse durante o tempo que indique a normativa vixente.

3. Para o control das prácticas de campo ou daquelas actividades que se realicen en instalacións fóra da USC empregarase o mesmo sistema.

4. A manipulación ou falsificación intencionada dos sistemas de control de asistencia determinará a consideración de non asistencia á actividade e deberá ser comunicada á Reitoría para o inicio das actuacións disciplinarias que puidesen corresponder.

Artigo 3. Xustificación da falta de asistencia a clase

1. O estudantado poderá xustificar a falta de asistencia ás actividades académicas por razóns de índole persoal ou familiar, pola realización de deberes inescusables de carácter social debidamente acreditados ou por causas de forza maior. Cando isto suceda e a xustificación sexa considerada apta e suficiente, a falta de asistencia non implicará consecuencias negativas para a avaliación e cualificación dos e das estudantes, debendo concretarse co estudantado os cambios oportunos para a súa realización dentro do período de planificación académica da materia, sempre que sexa posible.

2. En todo caso, serán causas xustificadas as seguintes:

a) A realización de exames oficiais ou probas selectivas na Administración, xustificada mediante a acreditación do órgano avaliador.

b) A presenza en órganos colexiados universitarios internos, ou externos á USC cando se asista en representación do colectivo, acreditada mediante a correspondente convocatoria e certificación da secretaría do órgano.

c) O ingreso en centros hospitalarios e as consultas médicas non reprogramables, acreditadas con xustificante do centro médico ou facultativo responsable.

d) A enfermidade que impida a presenza física no centro, debidamente acreditada.

e) O paro académico ou a folga doutros colectivos cando impida o acceso ás aulas.

f) A enfermidade grave ou falecemento dun familiar ata o 2º grao, debidamente acreditada.

g) O cumprimento dun deber público, debidamente xustificado.

h) A limitación oficial de mobilidade por inclemencia meteorolóxica ou estado de alerta, alarma ou excepción debidamente declarado.

i) A participación en actividades por parte de deportistas de alto nivel ou de alto rendemento, conforme á normativa autonómica e a da USC.

l) Calquera causa de forza maior debidamente acreditada.

3. A acreditación da existencia de causa xustificada para a non asistencia a clase deberá realizarse ante o profesor ou profesora no prazo máximo de cinco días hábiles desde que remate a causa que impediu a asistencia. De existir discrepancia de criterio entre o/a docente e o/a estudante sobre a acreditación, a decisión final corresponderá á dirección do centro ou comisión competente.

4. Entenderanse cumpridas as obrigas de asistencia ás actividades formativas recollidas na programación docente das materias sen necesidade de aportar xustificación cando a falta de asistencia non supere o 10% das horas programadas, agás nos casos de actividades de realización obrigatoria.

5. No caso de que o control de asistencia se realice por medios electrónicos establecerase o sistema específico de comunicación e xustificación das faltas de asistencia.

Artigo 4. Actividades complementarias

Excepcionalmente poderase xustificar a non asistencia a clase pola realización de actividades formativas de interese institucional para a USC ou que complementen a formación transversal ou específica da titulación. A falta de asistencia poderá autorizarse pola Reitoría no caso de actividades de interese institucional, pola dirección do centro no caso de que se trate de formación transversal ou específica da titulación ou polo profesorado responsable da materia cando se trate de formación relacionada con esta. A ausencia por estas causas non poderá superar o 5% das horas programadas para a materia pero deberá cubrir polo menos unha sesión.

Artigo 5. Falta de asistencia a probas de avaliación

1. As causas de xustificación da non asistencia a clase recollidas no artigo 3.2. poderán alegarse tamén para xustificar a falta de asistencia a probas de avaliación, agás no caso de deportistas de alto nivel e alto rendemento no que só se flexibilizará o calendario de exames cando coincida coas competicións e con concentracións e adestramentos de seleccións oficiais, xustificados mediante certificación da federación deportiva correspondente.

2. De existir causa xustificada o/a estudante terá dereito a realizar a proba noutra data, que se fixará polo profesorado responsable da materia, preferiblemente de forma consensuada co/a estudante afectado/a e sempre con anterioridade á data de peche de actas da correspondente oportunidade. Entre a comunicación da nova data de avaliación e a realización da proba deberá transcorrer, sempre que sexa posible, un mínimo de dous días hábiles.

Artigo 6. Estudantado repetidor

Se un ou unha estudante matriculado nunha determinada materia tivese superados os requisitos de asistencia, na programación docente poderase determinar que se someta ao réxime ordinario ou posibilitar que realice actividades específicas para superar a disciplina sen necesidade de acudir a todas as actividades académicas programadas como obrigatorias. Neste último caso recollerase un sistema de avaliación específico.

TÍTULO II. Valoración das faltas de asistencia a clase

Artigo 7. Análise das faltas de asistencia

1. Os resultados anuais de asistencia a clase por titulación poderán ser obxecto de análise e informe polas comisións do título correspondentes.

2. Se nunha determinada materia se detectase unha falta de asistencia masiva e reiterada, a comisión do título deberá identificar a causa ou causas da falta de asistencia e concretar as medidas de corrección e mellora que considere pertinentes.

3. Se transcorridos tres anos desde a adopción desas medidas non se apreciasen melloras, a situación deberá ser avaliada pola Comisión delegada do Consello de Goberno con competencias na materia, que deberá propoñer novas medidas tendentes a mellorar a situación.

TÍTULO III. Dispensa de asistencia a clase

Artigo 8. Dispensa de asistencia a clase

1. A dispensa de asistencia a clase ten carácter excepcional e só se poderá conceder a falta doutra alternativa viable para cursar estudos en modalidade presencial.

2. As xuntas de centro ou as comisións nas que deleguen poderán conceder a dispensa de asistencia a clase para casos específicos, logo da solicitude e acreditación das causas da petición e cando non impida que se acaden os obxectivos de aprendizaxe e as competencias indicadas na memoria verificada do título.

Artigo 9. Solicitude de dispensa de asistencia a clase

1. Nos estudos de grao e máster o estudantado poderá solicitar ao principio do curso ou do semestre e nas datas establecidas polo centro, ou posteriormente se concorresen causas imprevisibles e sobrevidas, a dispensa de asistencia a clase, mediante a presentación dunha solicitude motivada ante a dirección do centro, que deberá acompañar dos documentos acreditativos que correspondan.

2. O/A estudante poderá solicitar a dispensa de asistencia a clase para a totalidade das materias nas que estea matriculado ou, se a programación docente o permite, para unha parte delas ou para determinadas actividades.

3. Poderase solicitar a dispensa con base nas seguintes causas:

a) Enfermidade grave ou tratamentos médicos inaprazables que impidan a presenza do/a estudante no centro.

b) Embarazo de alto risco, ter menores a cargo de ata 3 anos de idade e coidado de persoas dependentes a cargo ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade, debidamente acreditados.

c) Prestación de servizos por conta allea ou por conta propia debidamente acreditada (alta no Réxime Xeral ou no de Autónomos da Seguridade Social, copia do contrato de traballo ou dos encargos a realizar, copia do recibo de pago da última cotización).

d) Situación de acoso, violencia de xénero ou similar así como supostos de adopción de medidas cautelares ditadas en procesos xudiciais e expedientes disciplinarios.

e) Calquera causa de forza maior debidamente acreditada a xuízo da Xunta de centro ou comisión competente.

Artigo 10. Criterios para a resolución das solicitudes de dispensa de asistencia a clase

1. Para a resolución das solicitudes de dispensa os centros deberán ter en conta os seguintes criterios:

a) A excepcionalidade da medida.

b) A natureza dos estudos que se pretenden cursar, tendo en conta que a dispensa deberá ser denegada cando exista necesidade acreditada de asistencia a certas materias ou actividades, en particular, as de contido fundamentalmente práctico.

c) As posibilidades de adquirir as competencias por sistemas alternativos á asistencia a clase, previa consulta co profesorado responsable se fose necesario.

2. A comisión do título deberá emitir un informe motivado para a resolución das solicitudes de dispensa.

3. A resolución de concesión da dispensa determinará, logo da consulta co profesorado afectado cando sexa necesario, o sistema de avaliación que debe seguirse. Poderase considerar un sistema diferenciado do criterio xeral, que debe permitir acadar a mesma puntuación que ao resto do estudantado.

4. A resolución que se dite deberá comunicarse ás persoas afectadas.

Artigo 11. Alternativas á dispensa de asistencia a clase

1. O/A estudante no que concorra algunha das causas para a solicitude de dispensa deberá solicitar simultaneamente un cambio de grupo, agás que polas súas circunstancias non sexa unha opción viable para el/ela. No caso de non aceptarse o cambio de grupo valorarase a solicitude de dispensa. Terá preferencia o estudantado con obrigas familiares e persoais acreditadas.

2. No caso de que a solicitude de dispensa de asistencia a clase non sexa aceptada o/a estudante, unha vez coñecida a resolución denegatoria, poderá formular ante o Servizo de Xestión Académica unha solicitude extraordinaria de cambio de matrícula nos seus estudos a dedicación parcial. Na resolución desta solicitude teranse en conta os límites fixados respecto ao número máximo de estudantes a tempo parcial na titulación.

Disposición adicional primeira. Estudantado con necesidades educativas especiais

O estudantado con necesidades educativas especiais deberá ter unha planificación e seguimento da actividade académica adaptada á súa situación.

O órgano con competencias na materia emitirá unha resolución coas adaptacións que procedan e comunicaraa á persoa interesada, ao Decanato ou Dirección do centro e ao profesorado afectado para a súa concreción e execución.

Tamén poderá solicitar unha dispensa de asistencia a clase con adaptación do sistema de avaliación.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento deste regulamento polos centros

Os centros poderán concretar o establecido no Título III deste regulamento sobre a dispensa de asistencia a clase nas convocatorias anuais nas que se fixe o procedemento para a súa solicitude.

Disposición adicional terceira. Implantación dun sistema electrónico de control

Con carácter previo á implantación dun sistema electrónico de control poderán establecerse plans piloto para avaliar a súa eficacia.

Disposición adicional cuarta. Aplicación subsidiaria en ensinanzas non oficiais

O réxime establecido neste regulamento será de aplicación subsidiaria nas ensinanzas non oficiais.

Disposición derrogatoria

No momento no que produza efectos este Regulamento quedará derrogada a Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior, aprobada polo Consello de Goberno o 25 de marzo de 2010, a Instrución Nº 1/2017, do 27 de abril, da Secretaría Xeral, sobre a dispensa de asistencia a clase en determinadas circunstancias, e cantas normas de igual ou inferior rango e resolucións se opoñan ao previsto nela.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor tras a súa publicación no Taboleiro Electrónico Oficial da USC e producirá plenos efectos a partir do curso académico 2025-2026, debendo aplicarse na elaboración da programación académica que se realice para ese curso.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver