Regulamento da Rede de Estacións Biolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela (REBUSC)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1170
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións
Trátase do texto consolidado. Non se poden visualizar as diferentes versións anteriores da norma.

(Aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión do 24 de setembro de 2020 e modificado polo Consello de Goberno na súa sesión de 26 de abril de 2024)

PREÁMBULO

Ao longo das últimas décadas, o ser humano modificou o medio ambiente máis extensiva e rapidamente que en calquera outro período comparable da humanidade. Fundamentalmente este cambio estivo asociado a unha demanda sempre crecente de alimentos, auga, combustibles e outros recursos naturais. Todo iso deu lugar a unha transformación substancial e en gran parte irreversible dos ecosistemas do noso planeta.

De forma global, aínda que moitos destes cambios aportaron substanciais melloras ao benestar da humanidade, isto produciuse a expensas dun elevado custo, contribuíndo á degradación de moitos ecosistemas, o aumento dos riscos ambientais e o incremento dos niveis de pobreza e desigualdade. Por outra banda, os beneficios que as futuras xeracións poderán obter dos ecosistemas víronse seriamente comprometidos.

Dentro das causas máis importantes destes cambios, atópanse as alteracións dos hábitats naturais mediante a modificación da cobertura do terreo, a contaminación do aire, auga e solo, a alteración dos réximes fluviais ou a descarga de altos niveis de nutrientes. A explotación non sostible dos recursos naturais e a introdución de especies exóticas xogaron tamén un importante papel. Entre os cambios que máis relevancia teñen adquirido en datas recentes, atópase o proceso de cambio climático global. É evidente que a actividade humana, mediante a emisión de gases de efecto invernadoiro, fundamentalmente debidos ó emprego de combustibles fósiles, deu lugar a un cambio substancial no sistema climático do noso planeta desde a época preindustrial.

As evidencias dispoñibles parecen indicar que todo este proceso de alteracións nos ecosistemas poderían incrementarse ao longo da primeira metade deste século. Estes cambios afectarán aos servizos prestados polos ecosistemas con efectos sobre o benestar humano. Reverter este proceso de degradación dos ecosistemas, á vez que se dá resposta ás cada vez maiores demandas sobre eles, é un importante desafío que require cambios significativos nas políticas, prácticas e institucións, que aínda non foron postos en práctica.

Por todo isto, a sociedade actual necesita ferramentas científicas que permitan incrementar o coñecemento sobre a dinámica dos ecosistemas e a interacción destes coas actividades humanas.

É especialmente importante coñecer a evolución das variables clave que controlan a dinámica dos ecosistemas para así mellorar a nosa capacidade de predicir a súa evolución futura. Así mesmo, tamén é necesaria a obtención de información sobre os procesos de cambio e sobre a súa intensidade, coa fin de avaliar a súa magnitude, afrontar a toma de decisións e prever as consecuencias. Por todo elo, constitúe unha prioridade fomentar a investigación científica sobre o tema, tendo en conta as importantes interrogantes que se propoñen no seu coñecemento. Os procesos naturais operan en escalas temporais tan amplas que é infrecuente dispor da información suficiente para chegar a acadar un nivel de comprensión dos mesmos suficiente que permita realizar proxeccións de futuro válidas. A inclusión de ecosistemas experimentais neste ámbito fai, se cabe, máis necesaria a implementación dunha investigación a longo prazo.

Afrontar o cambio climático é un reto que require do esforzo dos estados e da sociedade, e dentro dela das Institucións Académicas e a comunidade científica no seu conxunto, quen desenvolve un papel clave no mesmo. As estacións de campo biolóxicas e os laboratorios mariños son pezas clave para que a comunidade científica poida colaborar na comprensión e xestión deste cambio ambiental. Este tipo de infraestruturas permiten a realización de rexistros a longo prazo o que fai posible o estudo dos procesos ambientais a múltiples escalas espaciais e temporais. O investimento nestas redes non só se reflexa nos activos tanxibles, como son as instalacións e equipamentos, senón tamén en activos intanxibles como son a formación, a xeración de coñecemento e a contribución a mellorar o benestar social, por todo elo requiren dunha planificación constante que permita satisfacer necesidades que están en constante cambio.

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1.-NATUREZA

1. A Rede de Estacións Biolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela (REBUSC), como estrutura científica da que forman parte ás Estacións Biolóxicas da USC, desempeña labores de apoio a docencia e a investigación co fin de propiciar, fomentar e facilitar a investigación, a docencia e a divulgación do coñecemento dos ecosistemas naturais e a súa interacción co ser humano, e a investigación aplicada nos eidos das augas mariñas e continentais.

2. O seu funcionamento rexerase polo establecido na Lei Orgánica de Universidades e súas disposicións regulamentarias, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e seus decretos e normas de desenvolvemento, e polo presente regulamento. En particular, é relevante aquí o artigo 62 dos Estatutos da USC de creación de outras estruturas de investigación.

3. A Rede de Estacións Biolóxicas depende funcionalmente da Vicerreitoría con competencias en Investigación.

ARTIGO 2.- SEDE

A Rede de Estacións Biolóxicas está constituída por:

a) Estación de Bioloxía Mariña da Graña (A Graña, Ferrol, A Coruña).

b) Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra).

ARTIGO 3.- FUNCIÓNS

Son funcións da Rede de Estacións Biolóxicas:

1. O apoio a docencia, como espazos fundamentais para a formación do alumnado de grao, posgrao e formación continua, servindo a súa vez como un punto de encontro para o diálogo e o debate multidisciplinar ao redor da temática medioambiental.

2. O coñecemento, protección e conservación do patrimonio natural a través do apoio a investigación e o estudo da biodiversidade, así como das medidas de prevención, protección, conservación e recuperación dos hábitats e especies, e investigacións aplicadas nos eidos agrícola, gandeiro, forestal e das augas mariñas e continentais.

3. O fomento e promoción da investigación científica, facilitando aos investigadores tódalas súas instalacións e medios dispoñibles para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, teses de doutoramento e reunións científicas.

4. O seguimento da dinámica temporal a longo prazo dos principais ecosistemas galegos, caracterizando a variabilidade natural e identificando os patróns cíclicos ou tendencias direccionais.

5. O estudo das perturbacións de orixe natural ou antrópica que producen alteracións estruturais ou funcionais nos ecosistemas, así como a súa resposta.

6. A transferencia da innovación e o coñecemento da investigación científica sobre os ecosistemas, cospecial relación neste ámbito co sector produtivo, contribuíndo ao desenvolvemento económico sostible dentro dos territorios onde están situados, clave para o benestar social e a conservación dos espazos naturais.

7. A educación medioambiental, a través da divulgación e a xeración de cultura científica como parte importante da responsabilidade social.

8. O establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e institucións científicas de España e doutros países.

TÍTULO II: ÓRGANOS DE GOBERNO

ARTIGO 4.- A XUNTA DE GOBERNO

1.- Composición. A REBUSC estará rexida por unha Xunta de Goberno composta por:

a) O/A reitor/a da Universidade, ou persoa na que delegue, que a presidirá e convocará.

b) O/A coordinador/a científico/a da REBUSC.

c) Un/ha representante por cada un dos centros docentes directamente implicados na docencia que se realice nas Estacións.

2.- Funcións. Son funcións da Xunta de Goberno:

a) Elaborar as directrices que orienten a programación anual de actividades científicas, docentes, de divulgación e transferencia a desenvolver pola REBUSC e velar pola súa realización.

b) Aprobar a proposta de orzamentos e programación da REBUSC.

c) Aprobar a memoria anual de actividade e a económica da REBUSC, e dar conta das mesmas ao Consello de Goberno da USC.

d) Promover o financiamento e dotación da REBUSC.

e) Aprobar o regulamento de uso da Rede de Estacións e, de ser o caso, as modificacións posteriores para a súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.

A Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ao ano, e en sesión extraordinaria por iniciativa do seu Presidente, do coordinador/a da Rede de Estacións ou dun terzo dos seus membros.

ARTIGO 5.- DIRECCIÓN

1.- O/A Coordinador/a científico/a da REBUSC:

a) Será un membro do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, con coñecementos e formación en ciencias do medio natural, en activo e con vinculación permanente.

b) Será nomeado polo reitor, oída a Xunta de Goberno, por un período de catro anos. Poderá ser reelixido por outro período de igual duración.

2.- Funcións. Corresponde ao Coordinador/a:

a) A representación da Rede de Estacións no ámbito da súa competencia.

b) A elaboración das propostas de orzamento e programación de actividades.

c) A redacción das memorias anuais de actividade e económica.

d) A autorización de gastos do orzamento anual

e) Dirixir científica, técnica e administrativamente a REBUSC.

f) Elaborar e planificar a programación anual de actividades da Rede de Estacións, de acordo coas directrices aprobadas pola Xunta de Goberno.

TÍTULO III: DOS RECURSOS

ARTIGO 6.- ORZAMENTO

A Rede de Estacións terá as súas propias partidas de ingresos e gastos, que formarán parte dos orzamentos xerais da Universidade e xestionarase de acordo coas normas xerais orzamentarias que lle sexan aplicables.

ARTIGO 7.- RECURSOS ECONÓMICOS

Os recursos económicos da Rede de Estacións serán as cantidades que se adscriban á Rede de Estacións nos orzamentos xerais da Universidade de Santiago de Compostela, para o que se poderán ter en conta:

a. As cantidades que se xeren en virtude de proxectos, convenios e contratos de investigación desenvolvidos nas instalacións das Estacións Biolóxicas.

b. Os fondos provenientes pola prestación de servizos, da elaboración informes e do asesoramento.

c. Os fondos provenientes da súa oferta de instalacións docentes e investigadoras a outras Universidades ou Centros públicos e privados de investigación nacionais ou estranxeiros.

d. Os fondos provenientes de doazóns, subvencións e mecenados cos que as Estacións Biolóxicas véxanse favorecidas, concedidas por entidades públicas ou privadas.

ARTIGO 8.-

Na Rede de Estacións poderán prestar servizos persoal contratado con recursos finalistas procedentes de actividades de I+D vinculados ao ámbito científico das estacións.

ARTIGO 9.-

Os bens inventariables adquiridos para o funcionamento da Rede serán propiedade da Universidade de Santiago de Compostela e estarán adscritos ao cumprimento dos fins das Estacións Biolóxicas.

TÍTULO IV: DO RÉXIME ACADÉMICO

ARTIGO 10.-

As infraestruturas da Rede de Estacións estarán ao servizo dos centros docentes da Universidade de Santiago de Compostela para a realización da actividade docente de grao, mestrado, doutoramento, estudos propios ou Universidade de Verán entre outros. Sen menoscabo do uso polos centros da USC, tamén poderá prestar servizo a outras institucións.

ARTIGO 11.-

A Rede de Estacións poderá organizar, con cargo ao seu orzamento ou con financiamento externo, calquera actividade científica ou docente, sempre de acordo cos fins recollidos no presente Regulamento.

TÍTULO V. DO USO DA REDE DE ESTACIÓNS BIOLÓXICAS

ARTIGO 12.- Á hora de planificar o uso das instalacións da REBUSC:

1. Os centros docentes deberán comunicar ao Coordinador/a da REBUSC as actividades docentes que se planifican para cada curso tras a aprobación do PDA pola Xunta do Centro co obxecto de planificar os horarios e o uso das infraestruturas nas diferentes Estacións.

2. Os investigadores que desexen usar as instalacións da REBUSC para un proxecto de investigación deberán remitir unha pequena memoria coa descrición do proxecto, os obxectivos a alcanzar co uso das Estacións, os recursos de persoal e infraestruturas necesarios e o tempo de uso das instalacións. A recepción de propostas para proxectos de investigación estará aberta permanentemente.

En función da dispoñibilidade das infraestruturas e o persoal das Estacións daranse prioridade ao uso docente sobre os proxectos de investigación, en función da data de recepción de peticións. O Vicerreitorado con competencias en investigación publicará anualmente os prezos polo uso das infraestruturas da Rede de Estacións.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

Quedan derrogados os Regulamentos das Estacións Biolóxicas de A Graña, Encoro do Con e O Courel aprobados no Consello de Goberno do 12 de abril de 2004.

DISPOSICIÓNS FINAIS

PRIMEIRA.-

Corresponde ao Vicerreitor con competencias en investigación a facultade de interpretar o presente Regulamento e ditar as instrucións aclaratorias que sexan pertinentes.

SEGUNDA.-

O presente Regulamento poderá ser modificado a iniciativa da Xunta de Goberno da Rede de Estacións, mediante acordo do Consello de Goberno da Universidade de Compostela.

TERCEIRA.-

O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da publicación no taboleiro electrónico da USC tras a súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver