Acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 27 de decembro de 2024, polo que se establece a normativa para a avaliación do compoñente por mérito docente do complemento específico do persoal docente e investigador

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1204
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

O Real Decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, modificado polos Reais Decretos 1949/1995, 74/2000, 1325/2002 e 1112/2015, estableceu dentro do complemento específico un "compoñente por méritos docentes" para o profesorado dos corpos docentes universitarios. Para percibir este compoñente, o profesorado debía someter cada cinco anos a súa actividade docente a unha avaliación por parte da súa universidade. Con este fin, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 22 de decembro de 2011, estableceu os criterios para a avaliación e asignación do compoñente por mérito docente na USC.

O ámbito subxectivo de aplicación deste complemento veu experimentando diferentes ampliacións desde a súa creación en 1989. Así, o artigo 31 do Il Convenio Colectivo de Persoal Docente e Investigador Laboral das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, de 26 de xaneiro de 2011, estableceu que o persoal docente e investigador laboral, en función da natureza do seu contrato, percibirá complementos polos mesmos conceptos retributivos e con igual tratamento que o persoal docente e investigador funcionario. Ademais, distintos pronunciamentos xudiciais conduciron tamén a estender o ámbito subxectivo para incluír o profesorado axudante doutor, o profesorado interino e substituto e o persoal posdoutoral dos programas Ramón y Cajal, Beatriz Galindo, posdoutorais da Xunta de Galicia denominados I2C, Juan de la Cierva, Marie Sktodowska-Curie e Torres Quevedo.

Por outra banda, as convocatorias anuais para o recoñecemento do complemento por mérito docente, baseadas nos criterios do citado acordo do Consello de Goberno de 22 de decembro 2011, distinguían entre os períodos a tempo completo e a tempo parcial para efectos do cómputo de período de tempo do tramo que se trate. Recentemente, as sentenzas 228/24 do Xulgado do Contencioso Administrativo n” 2 de Santiago de Compostela, e a 177/2024 do Xulgado do Contencioso Administrativo n” 1 de Santiago de Compostela, anulan a base 2.5 dos criterios recollidos no citado Acordo do Consello de Goberno do 22 de decembro de 2011 sobre o cómputo de tempo para perfeccionar un tramo, polo que resulta preciso modificar a normativa da universidade para o recoñecemento do compoñente por mérito docente do complemento específico do profesorado.

Finalmente, para o recoñecemento dos méritos docentes é necesaria a concorrencia de dous elementos:a existencia dunha relación de servizos e o desenvolvemento dunha actividade susceptible de ser avaliada dentro do marco deste compoñente. Por esta razón, resulta tamén necesario establecer expresamente na normativa os requisitos para a acreditación dos méritos sometidos a avaliación.

Por todo o anteriormente exposto, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa sesión do 27 de decembro de 2024, acordou aprobar a seguinte Normativa para a avaliación do compoñente por mérito docente do complemento específico do persoal docente e investigador

Artigo 1. Obxecto

1. Esta normativa ten por obxecto regular o procedemento e os criterios para a avaliación do mérito docente e a asignación dos correspondentes tramos do complemento retributivo establecido no R.D. 1086/1989, do 28 de agosto, sobre Retribucións do Profesorado Universitario, e no Convenio Colectivo para o persoal docente e investigador laboral (DOG do 14 de abril de 2011).

2. Cada curso académico a Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela fará pública a través do taboleiro electrónico unha convocatoria para a avaliación do mérito docente e para a asignación dos complementos retributivos correspondentes. Esta convocatoria deberá axustarse ao contido nesta normativa.

Artigo 2. Requisitos

Para poder optar ao recoñecemento do mérito docente para a percepción deste compoñente, a persoa interesada deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser membro do persoal docente e investigador funcionario pertencente aos corpos docentes universitarios ou contratado nas categorías de profesorado permanente laboral, contratado doutor, colaborador fixo, laboral fixo asimilado a colaborador, axudante doutor ou substituto, que a 31 de decembro do ano da convocatoria se encontre en servizo activo na USC ou ben en situación de servizos especiais Ou en calquera situación de excedencia que dea dereito á reserva do posto de traballo nesta Universidade.

Poderá tamén participar nas convocatorias o persoal posdoutoral dos programas Ramón y Cajal, Beatriz Galindo, posdoutorais da Xunta de Galicia denominados I2C, Juan de la Cierva, Marie Sktodowska-Curie e Torres Quevedo.

b) Ter prestados un mínimo de cinco anos de servicios docentes, computados de acordo co establecido no artigo 4 desta normativa, a 31 de decembro do ano correspondente a convocatoria.

c) Non ser sancionado mediante expediente disciplinario no período para o que se solicita o recoñecemento. No caso de ser sancionado non se avaliará o tempo correspondente ao curso no que se cometeu a falta, Ou do curso no que se ditou a sanción, de terse cometido a falta antes do período para o que se solicita o recoñecemento.

Artigo 3. Presentación de solicitudes e documentación

1. No prazo fixado na convocatoria anual, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude a través do formulario electrónico dispoñible na sede electrónica da Universidade.

2. Dentro do formulario de solicitude as actividades desenvolvidas baixo diferentes categorías, con diferentes dedicacións ou en períodos non concatenados deberán ser presentadas separadamente.

3. Ademais da solicitude, deberase incluír como documento anexo, en formato PDF e preferiblemente nun único ficheiro, a seguinte documentación acreditativa:

3.1. Documentación de carácter xeral

a) Informe da persoa solicitante en relación coa actividade desenvolvida, que terá unha extensión máxima de cinco páxinas a dobre espazo.

b) Informes sobre a actividade e o cumprimento das obrigas docentes da persoa solicitante emitidos polo Consello de Departamento ao que está adscrita a persoa solicitante e polas Xuntas dos centros nos que esta impartiu docencia no período avaliado. Non será preciso achegar os informes correspondentes aos períodos en que a persoa solicitante permaneceu en situación de servizos especiais ou de excedencia con reserva de posto.

Os informes do Consello de Departamento e das Xuntas de centro poderán substituírse polos das comisións permanentes correspondentes. De ser este o caso, deberá indicarse a data de delegación da dita función.

Tanto os informes das persoas solicitantes coma os emitidos por Departamentos e Centros deberán valorar:

- A docencia en titulacións oficiais, examinando especialmente os seguintes aspectos:nivel obxectivable de cumprimento das obrigas docentes, congruencia entre os obxectivos docentes e a avaliación efectuada, atención e asistencia aos estudantes, cumprimento dos obxectivos didácticos. A comisión avaliadora terá en conta os resultados das enquisas de satisfacción dos estudantes coa docencia recibida.

- A participación en actividades de extensión universitaria, cursos de perfeccionamento, títulos propios das universidades, tarefas directamente relacionadas coa docencia en programas de posgrao ou outras actividades docentes institucionais de cada universidade, incluíndo entre estas as realizadas pola persoa solicitante durante os permisos ou licenzas por estudos concedidos pola universidade.

- Arealización de actividades de servizo á comunidade universitaria.

3.2. Documentación relativa ás actividades desenvolvidas en institucións distintas da USC, que se acreditarán do seguinte xeito:

a) A actividade como persoal docente e investigador desenvolvida noutras universidades acreditarase mediante unha folla de servizos ou documento equivalente na que se especifiquen as datas de inicio e fin, a categoría de profesorado e o réxime de dedicación, e mediante un informe do departamento de orixe sobre o labor docente desenvolvido.

b) A actividade desenvolvida noutras universidades como bolseiro/a de investigación ou como persoal investigador pre ou posdoutoral acreditarase mediante unha certificación emitida pola entidade correspondente, na que que deberán indicarse o programa de que se trate e as datas de inicio e de finalización efectivas da bolsa ou contrato, e mediante unha certificación da actividade docente desenvolvida.

c) A actividade desenvolvida en centros ou organismos públicos de investigación como persoal investigador acreditarase mediante unha certificación dos servizos prestados, con indicación dos postos desempeñados e das datas de inicio e finalización efectivas, e unha certificación da actividade docente desenvolvida

d) O desempeño de cargos académicos e o goce de licenzas por permiso sabático noutras universidades acreditarase mediante unha certificación expedida pola institución que corresponda na que consten as datas de inicio e de finalización.

4. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. O Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia presentada.

5. Os documentos acreditativos emitidos nunha lingua estranxeira deberán presentarse traducidos de xeito oficial a español, galego ou calquera dos idiomas cooficiais das comunidades autónomas do Estado que así os recollan nos seus estatutos de autonomía.

6. Non serán admitidas a trámite aquelas solicitudes que non se presenten a través do procedemento sinalado (a través do formulario electrónico da USC), as que se presenten fóra do prazo establecido ou aqueloutras que non cumpran os requisitos esixidos nesta normativa.

Artigo 4. Avaliación de solicitudes

1. A Vicerreitoría con competencias en materia de Profesorado analizará as solicitudes presentadas e elaborará unha proposta de recoñecemento de tramos do complemento por mérito docente.

2. As avaliacións faranse unha soa vez ao ano. O prazo de presentación de solicitudes fixarase na correspondente convocatoria, sen prexuízo de que a data de remate dos méritos a avaliar será sempre o último día do ano da convocatoria.

3. Para o cómputo dos períodos quinquenais consideraranse os períodos de actividade docente desenvolvidos:

a) En universidades españolas ou estranxeiras en calidade de persoal docente e investigador ou de contratado pre ou posdoutoral.

b) En centros do CSIC ou noutros organismos públicos de investigación en calidade de persoal investigador, sempre que neles a persoa solicitante realizase actividades docentes.

C) En situación de servizos especiais, comisión de servizos ou en excedencia con reserva de posto de traballo.

4. Os períodos de actividade desenvolvidos en réxime de tempo parcial valoraranse aplicando o coeficiente redutor que corresponda, de acordo coa seguinte táboa:

a) Dedicación P3 (90 horas): x 0,375

b) Dedicación P4 (120 horas): x 0,500

c) Dedicación PS5 (150 horas): x 0,625

d) Dedicación P6 (180 horas): x 0,750

5. Os servizos docentes en universidades privadas ou da lgrexa teranse en conta sempre que a docencia impartida corresponda a titulacións oficiais.

6. En ningún caso un mesmo período de tempo poderá ser computado máis dunha vez.

7. Non poderán utilizarse períodos de tempo anteriores á consecución do último quinquenio para o perfeccionamento dun novo tramo.

8. No caso de que a persoa solicitante fose sancionada tras a instrución dun expediente disciplinario ou de que non quede acreditado o cumprimento das obrigas docentes e as recollidas na normativa de cobertura e sinatura de actas, avaliarase negativamente o tempo correspondente ao curso no que se cometeu a falta ou incumprimento, ou ao curso no Que se ditou a sanción, de terse cometido a falta antes do período para o que se solicita o recoñecemento.

Artigo 5. Resolución da convocatoria

1. A Vicerreitoría con competencias en materia de profesorado negociará a proposta de recoñecemento do mérito docente cos órganos de representación do persoal e, tras O informe da Comisión de Organización Académica e Profesorado, someteraa á aprobación do Consello de Goberno e trasladaraa ao Consello Social da Universidade, que deberá acordar a asignación dos correspondentes complementos.

2. Unha vez resolta a convocatoria, o reitor ditará resolución na que se fixarán os tramos correspondentes e os efectos económicos que puideran corresponder a cada unha das persoas solicitantes.

Artigo 6. Efectos económicos

1. Con carácter xeral, os tramos recoñecidos terán efectos desde o 1 de xaneiro do ano seguinte ao da convocatoria. No caso do persoal que a 31 de decembro do ano da convocatoria se atope en situación de servizos especiais ou en calquera situación de excedencia que dea dereito á reserva do posto de traballo, os dereitos económicos non se devindicaraán ata o momento do seu reingreso na Universidade.

2. O número máximo de tramos recoñecibles será de seis. Para estes efectos teranse en conta os quinquenios recoñecidos por actividades docentes realizadas no ensino medio.

3. Aos tramos recoñecidos nunha convocatoria asignaráselles o nivel retributivo correspondente á categoría a que pertenza a persoa solicitante no momento da convocatoria.

4. Os tramos acadados nunha categoría non poderán ser convalidados como tramos dun nivel retributivo superior.

5. Unha vez conseguido o número máximo de tramos recoñecibles, poderanse someter a avaliación tramos adicionais sempre que estes correspondan a un nivel retributivo superior ao dalgún dos xa recoñecidos. De ser avaliado positivamente algún tramo adicional, este substituirá un tramo de nivel inferior, de xeito que en ningún caso se supere o número máximo establecido.

Artigo 7. Recoñecemento de tramos concedidos noutras universidades

1. Os tramos do complemento por mérito docente obtidos noutras universidades poderán ser recoñecidos na Universidade de Santiago de Compostela, por solicitude da persoa interesada, cos importes que correspondan á categoría na que se conseguiron.

2. Os recoñecementos de tramos concedidos noutras universidades terán efectos económicos desde a data de incorporación á praza ocupada na USC.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o acordo co Consello de Goberno do 22 de decembro de 2011 polo que se aproban os Criterios para a avaliación do mérito docente.

Disposición final

Esta normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver