Proposta de bases (liñas xerais) do Regulamento da Universidade de Santiago de Compostela sobre a creación e funcionamento de estruturas universitarias de docencia e investigación (Artigo 62 dos estatutos)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0870
Departamento: Claustro
Estado: En vigor

(Aprobadas polo Pleno ordinario do Claustro Universitario do 5 de decembro de 2017, reunido o 12 de decembro de 2017)

BASE PRIMEIRA. Definicións

Un.- A Universidade, no uso da súa autonomía, poderá crear Centros propios, Centros interuniversitarios ou Centros mixtos para o desenvolvemento de actividades ligadas aos seus fins institucionais.

Dous.- Os Centros propios dependerán organicamente do Consello de Goberno e estarán destinados esencialmente á investigación científica e técnica, así como á creación artística.

Tres.- Os Centros interuniversitarios serán constituídos conxuntamente con outras universidades nacionais ou estranxeiras mediante convenio específico. Os Centros mixtos serán creados en colaboración con organismos públicos ou privados, mediante convenio específico.

Catro.- Os Centros propios, interuniversitarios ou mixtos, estarán destinados preferentemente ao desenvolvemento de actividades singulares de docencia, investigación e extensión cultural ligadas aos fins institucionais da Universidade, que non teñan canle adecuado dentro doutras estruturas universitarias. As súas infraestruturas poden dar apoio loxístico e de xestión para o desenvolvemento de actividades académicas desenvolvidas por outros órganos da USC (Centros, Departamentos, Institutos de Investigación, Escolas de Doutoramento, etc.).

BASE SEGUNDA. Da creación

Un.- A iniciativa para a creación de Centros propios corresponde ao Reitor ou a varios grupos de investigación pertencentes a varias áreas de coñecemento. A súa creación corresponde ao Consello de Goberno logo de informe favorable do Consello Social. Para a súa toma de decisión, o Consello de Goberno deberá contar con informes dos departamentos e centros afectados e cun informe dun ente avaliador externo cualificado ou dun panel de expertos nomeados polo Reitor, oído o Consello de Goberno.

Dous.- A iniciativa para a creación de Centros interuniversitarios e mixtos corresponde ao Reitor ou a un ou varios grupos de investigación. A súa creación corresponde ao Consello de Goberno logo de informe favorable do Consello Social. Para a súa toma de decisión, o Consello de Goberno deberá contar, de ser o caso, cos informes dos departamentos e centros afecta

Tres.- Os expedientes de creación deberán incluír unha memoria cos obxectivos, xustificación da necesidade de creación, actividades previstas, persoal que previsiblemente se integraría, financiamento previsto e estimación de medios e orzamento necesario para O seu funcionamento e proxecto de regulamento de réxime interno. No caso dos Centros interuniversitarios ou mixtos, o expediente tamén incorporará os convenios que estea previsto asinar co resto de universidades ou organismos implicados.

BASE TERCEIRA. Do persoal

Un.- O persoal docente e investigador dos Centros propios, interuniversitarios e mixtos estará integrado por persoal funcionario dos corpos docentes universitarios e por persoal contratado para funcións docentes e investigadoras, así como por persoal investigador en formación da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén poderán estar integrados por persoal doutras universidades e centros de investigación públicos ou privados, de acordo co que estableza o regulamento de réxime interno e, de ser o caso, o oportuno convenio de colaboración.

Dous.- O profesorado da USC, integrado no centro, manterá as súas obrigas de acordo coa Programación Académica Anual.

BASE CUARTA. Do goberno

Un.- A estrutura, organización e funcionamento dos Centros propios, interuniversitarios e mixtos establecerase no seu regulamento de réxime interno, que será aprobado polo Consello de Goberno da Universidade.

Dous.- En todo caso, o regulamento de réxime interno contemplará, polo menos, a existencia dun órgano unipersoal con competencias executivas e dun órgano colexiado de natureza representativa que elixirá ao anterior e supervisará a súa actuación.

BASE QUINTA. Da supresión

Un.- O Consello de Goberno establecerá os criterios para a supresión dos Centros propios, interuniversitarios € mixtos.

Dous.- A supresión dos centros propios corresponde ao Consello de Goberno, oído o Consello Social.

Tres.- Os convenios de creación establecerán o sistema de supresión dos Centros interuniversitarios e mixtos. A decisión corresponderá ao Consello de Goberno, oído o Consello Social.

Catro.- Para a toma de decisión o Consello de Goberno debe contar con informes dos centros e departamentos afectados.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver