Acordo do 26 de setembro de 2025 do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela polo que se regula o proceso de estabilización do persoal investigador de programas de recursos humanos con axudas do European Research Council
NORMA CONSOLIDADA
O persoal investigador incorporado á Universidade de Santiago de Compostela no marco de programas de recursos humanos que levan aparellado un compromiso de estabilización, como é o caso dos programas Ramón y Cajal ou Beatriz Galindo, pode optar, con carácter xeral, a ocupar unha praza de profesorado permanente laboral ou de corpos docentes universitarios, en función da acreditación de que dispoñan, cando se encontra próximo a finalizar o seu período de contratación como persoal investigador.
Non obstante o anterior, tendo en conta o interese estratéxico que reviste para a universidade a captación de axudas do European Research Council, e co fin de facilitar o desenvolvemento dos proxectos de investigación que constitúen o obxecto da axuda, resulta aconsellable que a Universidade estableza un procedemento que permita axilizar e adiantar no tempo o proceso de estabilización do persoal investigador que conte cunha axuda do ERC.
De acordo co anterior, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 26 de setembro de 2025, ACORDA
Primeiro.-
Para posibilitar a estabilización do persoal investigador beneficiario de axudas do European Research Council, os departamentos correspondentes poderán propoñer, sempre coa conformidade da persoa interesada, a creación dunha praza de profesorado permanente laboral ou de corpos docentes, en función da acreditación de que dispoña, que a Universidade incluirá na primeira planificación de profesorado que elabore con posterioridade a esta solicitude.
Segundo.-
No caso do persoal investigador beneficiario de axudas do European Research Council, para cuxa estabilización xa foi creada unha praza en planificacións de profesorado aprobadas con anterioridade á adopción do presente acordo, os departamentos correspondentes poderán solicitar, sempre coa conformidade da persoa interesada, a súa convocatoria, que a Universidade realizará o prazo máis breve posible.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.