Acordo polo que se adapta o Regulamento Electoral Xeral da USC á Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1260
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

Acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela de 26 de setembro de 2025, polo que se adapta o Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela á Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario O Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi aprobado polo Consello de Goberno o 8 de outubro de 2015 e polo tanto non ten incorporados algúns aspectos da reforma sobre órganos unipersoais e colexiados que foron introducidos pola Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU).

Por outra banda, non é posible aprobar neste momento unha reforma en profundidade do Regulamento Electoral Xeral da USC por canto se atopan pendentes de aprobación os novos Estatutos da USC.

Deste xeito, faise necesaria unha modificación puntual e transitoria do réxime electoral da USC para adaptar o Regulamento Electoral Xeral aos mandatos da LOSU naqueles aspectos que son de aplicación directa.

A estes efectos e de conformidade co artigo 50 da LOSU, que establece que a presidencia da Comisión Electoral Central corresponderá á persoa que ocupe o cargo de secretario ou secretaria xeral da USC, procede modificar a redacción do artigo 8 do Regulamento Electoral Xeral da USC.

De conformidade co artigo 44 da LOSU, o mandato dos órganos unipersoais pasa a ser de seis anos improrrogables e non renovables, polo que procede modificar o artigo 21 do Regulamento Electoral Xeral, que establece como causa de perda da condición de cargo unipersoal a extinción do mandato transcorridos catros anos.

En virtude dos artigos 50 e 51 e do apartado terceiro da Disposición transitoria primeira da LOSU, procede modificar os requisitos para ser elixido reitor ou reitora e o criterio de cómputo dos votos, debendo mudar así a redacción dos apartados 1 e 2 do artigo 46 do Regulamento Electoral Xeral.

Así mesmo debe terse en conta a existencia, na actualidade, de novas categorías de persoal, polo que procede a adaptación dos artigos 3 e 52 do Regulamento Electoral Xeral á nova situación.

E por último, a nova denominación do persoal de administración e servizos que recolle a LOSU fai necesario incorporar no Regulamento Electoral Xeral unha nova disposición adicional para introducir este cambio.

En definitiva, o presente acordo ten por finalidade adaptar o réxime electoral da USC aos mandatos da Lei Orgánica 2/2023, do Sistema Universitario, para o que cómpre modificar parcialmente o Regulamento Electoral Xeral da USC.

Por todo o anterior, o Consello de Goberno na súa reunión do 26 de setembro de 2025, logo da acorda:

Artigo único. Modificación do Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Santiago de Compostela

O Regulamento Electoral Xeral da USC (REX) queda modificado como segue:

Un. Modifícanse os apartados b) e d) do artigo 3 do Regulamento Electoral Xeral da USC, que quedan redactados do seguinte xeito

“CAPÍTULO SEGUNDO. DEREITO DE SUFRAXIO

Artigo 3. Electores

(...)

b) Os membros das restantes categorías de persoal docente e investigador. En particular terá tal consideración:

- O profesorado funcionario non doutor

- O profesorado axudante doutor

- O profesorado colaborador

- O profesorado asociado

- O profesorado substituto

- O profesorado emérito

- O profesorado visitante

- O profesorado distinguido

- O persoal investigador da USC pertencente a algunha das categorías establecidas na Lei 14/2011, de 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación así como no Acordo sobre clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, sempre que permitan a colaboración en tarefas docentes.

- O persoal investigador en formación, segundo o establecido nos Estatutos da USC e na Disposición adicional quinta deste regulamento.

- O persoal doutor contratado pola USC consonte a lexislación vixente con cargo a programas competitivos de incorporación ás universidades de investigadores e/ou docentes, sempre que o contrato permita impartir docencia.

- Aqueloutras persoas contratadas pola USC mediante concurso público que realicen labores docentes ou investigadoras e que cumpran os requisitos, entre outros os de permanencia e dedicación que se establezan neste Regulamento.

No caso de profesorado e persoal investigador con vinculación temporal coa USC, será requisito para considerarse elector a acreditación do vínculo coa Universidade que debe ter unha antigüidade igual ou superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses e unha dedicación polo menos a media xornada.”

(...)

“d) O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos con cargo ao capítulo I das normas orzamentarias, o persoal directivo profesional e o persoal eventual, así como o persoal das categorías de persoal investigador sen colaboración en tarefas docentes e das de persoal de apoio á investigación recollidas no Acordo sobre clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

No caso de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e de persoal investigador sen colaboración en tarefas docentes e persoal de apoio á investigación con vinculación temporal será requisito para consideralo como elector que o seu vínculo coa Universidade teña unha antigüidade igual ou superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses e unha dedicación de polo menos media xornada.”

Dous. Modifícanse os apartados 1 e 4 do artigo 8 do Regulamento Electoral Xeral da USC, que quedan redactados do seguinte xeito:

“Artigo 8. Comisión Electoral Central

1.- A Comisión Electoral Central da Universidade terá como ámbito de actuación todos os procesos electorais sometidos ao presente regulamento. Estará composta pola secretaria ou secretario xeral, quen a presidirá, e por doce membros máis distribuídos como se detalla:

a) Seis do profesorado doutor con vinculación permanente (sector I), procurando que polo menos tres teñan coñecementos xurídicos.

b) Tres das restantes categorías de persoal docente e investigador (sector II).

c) Dous do estudantado matriculado en titulacións oficiais (sector III).

d) Un do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.”

(…)

“4.- Actuará como secretaria da Comisión Electoral Central, con voz pero sen voto, a persoa funcionaria da USC que se designe.”

Tres. Modíficase a redacción do apartado 1.- b) do artigo 21 do Regulamento Electoral Xeral da USC que queda coa seguinte redacción:

Artigo 21. Perda da condición de cargo unipersoal

1.- Sen prexuízo do disposto nas restantes normas aplicables, a condición de órgano de goberno unipersoal de carácter electivo, que é persoal e intransferible, perderase por:

(…)

“b) Extinción do mandato.”

(...)

Catro. Modifícase a redacción dos apartados 1 e 2 do artigo 46 do Regulamento Electoral Xeral da USC, quedando redactado do seguinte xeito:

“CAPÍTULO SEGUNDO. ELECCIÓN DO REITOR OU REITORA

Artigo 46. Elección do reitor ou reitora

1.- O reitor ou reitora da Universidade será elixido pola comunidade universitaria, mediante elección directa e sufraxio universal ponderado, libre e secreto. Será nomeado polo órgano correspondente da Xunta de Galicia. Os candidatos ou candidatas deberán ser persoal docente e investigador permanente doutor a tempo completo, prestar servizos na USC e estar en posesión, como mínimo, dos requisitos establecidos no apartado 3 da disposición transitoria primeira da Lei Orgánica 2/2023, do Sistema Universitario.

2.- O voto para a elección de reitor ponderarase do xeito disposto no artigo 48 deste regulamento. Será proclamado reitor, en primeira volta, o candidato que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes.”

Cinco. Modifícanse os apartados 2 e 4 do artigo 52 do Regulamento Electoral Xeral da USC quedando redactados do seguinte xeito:

“Sección Segunda. Eleccións de representantes no Claustro Universitario

Artigo 52. Sectores

(...)

2.- Consonte á lexislación vixente o colexio electoral do sector II estará formado polo persoal das seguintes categorías:

- Profesorado funcionario non doutor

- Profesorado axudante doutor

- Profesorado colaborador

- Profesorado asociado

- Profesorado substituto

- Profesorado emérito

- Profesorado visitante

- Profesorado distinguido

- O persoal investigador da USC pertencente a algunha das categorías establecidas na Lei 14/2011, de 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación así como no Acordo sobre clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, sempre que permitan a colaboración en tarefas docentes.

- O persoal investigador en formación, segundo o establecido nos Estatutos da USC e na disposición adicional quinta deste regulamento. O persoal doutor contratado pola USC consonte a lexislación vixente con cargo a programas competitivos de incorporación ás universidades de investigadores e/ou docentes, sempre que o contrato permita impartir docencia.

- Aqueloutras persoas contratadas pola USC mediante concurso público que realicen labores docentes ou investigadoras e que cumpran os requisitos, entre outros os de permanencia e dedicación que se establezan neste Regulamento.

No caso de profesorado e persoal investigador con vinculación temporal coa USC, será requisito para considerarse elector que o seu vínculo coa Universidade teña unha antigüidade igual ou superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses e unha dedicación polo menos a media xornada.”

(...)

“4.- O colexio electoral do sector IV estará integrado polo persoal técnico, de xestión e de administración e servizos con cargo ao capítulo I das normas orzamentarias. Tamén formarán parte deste sector o persoal directivo profesional e o persoal eventual así como o persoal das categorías de persoal investigador sen colaboración en tarefas docentes e das de apoio á investigación recollidas no Acordo sobre clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigado e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

No caso de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e de persoal investigador sen colaboración en tarefas docentes e persoal de apoio á investigación con vinculación temporal será requisito para consideralo como elector que o seu vínculo coa Universidade teña unha antigüidade igual ou superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses e unha dedicación de polo menos media xornada.”

Seis. Incorpórase unha nova disposición adicional ao Regulamento Electoral Xeral da USC co seguinte contido:

“Disposición adicional oitava. Referencias ao persoal de administración e servizos

Todas as referencias contidas neste regulamento ao persoal de administración e servizos deberán entenderse feitas ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.”

Disposición transitoria. Comisión Electoral Central

O cambio na presidencia da Comisión Electoral Central previsto no artigo 8 farase efectivo no prazo máximo dun mes a contar desde a entrada en vigor deste Acordo.

Disposición final. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro Electrónico da USC.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver