Instrución da Vicerreitoría de Profesorado, de 15 de maio de 2024, sobre o pagamento de indemnizacións por razón de servizo a membros de comisións de selección de concursos de profesorado axudante doutor, profesorado asociado, profesorado asociado de ciencias da saúde e bolsas de emprego
NORMA CONSOLIDADA
Ao longo dos próximos meses vanse celebrar na Universidade de Santiago de Compostela os concursos de selección de prazas de profesorado incluídos dentro da Planificación de Profesorado 2024. Nesta ocasión, o desenvolvemento dos concursos constitúe un desafío superior ao enfrontado en anos anteriores, fundamentalmente debido a unha conxunción de factores: en primeiro lugar, o elevado número de prazas convocadas, principalmente como consecuencia dos procesos de estabilización de prazas de profesorado asociado prevista na Lei Orgánica do Sistema Universitario; en segundo lugar, o incremento no número de aspirantes, debido sobre todo á eliminación do requisito de acreditación para optar a prazas de profesorado axudante doutor; en terceiro lugar, os cambios introducidos pola citada lei na composición das comisións de selección, que nos concursos de profesorado axudante doutor, profesorado permanente laboral e corpos docentes deben estar formados por unha maioría de membros alleos á universidade convocante; e finalmente, a maior complexidade no proceso de conformación das comisións de selección, como consecuencia da definición do conflito de interese no Real Decreto 678/2023, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a prazas do dito corpo.
Por outra banda, a Universidade de Santiago de Compostela aprobou, por acordo do Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020, un Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, que foi posteriormente modificado por acordo do Consello de Goberno do 27 de decembro de 2023. Este texto regula, entre outros asuntos, a percepción, por parte dos membros das comisións de selección, das indemnizacións por asistencia ás sesións das ditas comisións, así como as correspondentes ás axudas de custo por desprazamento e manutención.
En todo caso, o desenvolvemento de aplicacións e ferramentas tecnolóxicas rexistrado nos últimos anos permite que a maior parte das actuacións das comisións de selección poida celebrarse de xeito non presencial sen que isto vaia en menoscabo das garantías de obxectividade, publicidade e transparencia que deben rexer os procesos de selección do persoal.
Tendo en conta todo o anterior, razóns de economía, e tamén de axilidade e eficacia na xestión e desenvolvemento dos concursos, fan aconsellable limitar ao mínimo imprescindible os desprazamentos dos membros das comisións, así como establecer uns criterios á hora de asignar as indemnizacións por asistencia.
Polo anteriormente exposto, esta Vicerreitoría dispón:
Primeiro.-
Nos concursos para a elaboración de bolsas de emprego e para a provisión de prazas de profesorado asociado de ciencias da saúde, que constan dunha única fase e que non prevén a realización de ningunha proba que requira da presenza física das persoas aspirantes, non se aboarán indemnizacións por desprazamento, manutención ou aloxamento dos membros da comisión de selección. Estes si terán dereito, porén, á percepción das indemnizacións por asistencia a concursos que lles correspondan, de acordo co que se indica no número terceiro desta instrución.
Segundo.-
Nos concursos para a provisión de prazas de profesorado axudante doutor e profesorado asociado, que constan de dúas fases e que prevén a realización dunha proba que esixe a presenza física das persoas aspirantes, unicamente se aboarán indemnizacións por desprazamento, manutención e aloxamento, de ser preciso, á persoa que desempeñe a presidencia ou a secretaría da comisión e que estea presente xunto coas persoas aspirantes durante a celebración da proba presencial, sempre que sexa allea á Universidade de Santiago de Compostela ou estea adscrita a un campus diferente daquel no que se celebre a proba. Pola contra, non se aboarán as indemnizacións mencionadas para asistir á constitución da comisión, á aprobación dos criterios de valoración de méritos e ao desenvolvemento da primeira fase do concurso. Polo demais, os membros destas comisións de selección terán dereito á percepción das indemnizacións por asistencia a concursos que lles correspondan, de acordo coa táboa que se indica no número terceiro desta instrución.
Terceiro.-
Os membros das comisións de selección de concursos para a provisión de prazas de profesorado axudante doutor, profesorado asociado e profesorado asociado de ciencias da saúde, e para a elaboración de bolsas de emprego terán dereito á percepción de indemnizacións por asistencia ás reunións das ditas comisións, de acordo coa seguinte táboa:
1. Constitución da comisión de selección e aprobación dos criterios de selección:unha asistencia.
2. Primeira fase (ou fase única en concursos de PACS e bolsas de emprego):unha asistencia por cada dez aspirantes ou fracción.
3. Segunda fase:unha asistencia por cada dez aspirantes ou fracción.
Cuarto.-
Esta instrución será de aplicación para as comisións de selección que se constitúan desde o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico.
Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica
O Vicerreitor de Profesorado
Ernesto González Seoane
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.