Normativa para a concesión de exencións docentes e para a contratación de PDI substituto, no marco de accións especiais relacionadas coa xestión, a docencia ou a investigación
NORMA CONSOLIDADA
A necesidade de enfrontar novos retos asociados á creación do Espazo Europeo do coñecemento, á posta en marcha de centros de investigación de referencia Ou ao desenvolvemento e coordinación de proxectos singulares de especial relevancia esixen con frecuencia a realización de esforzos extraordinarios por parte do profesorado implicado, que se ve na necesidade de incrementar significativamente a súa dedicación a actividades especiais de xestión, docencia ou investigación.
A Universidade de Santiago de Compostela, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o fomento da súa proxección académica, científica, social e cultural, e singularmente a promoción da docencia e da investigación de excelencia, considerou necesario implementar medidas que posibilitasen o desenvolvemento destas actividades especiais nos ámbitos da xestión, a docencia e a investigación por parte do seu profesorado.
Con este fin aprobou o 2O de xuño de 2007 unha normativa, que recollía a posibilidade de contratación de persoal docente e investigador substituto no marco de accións para a intensificación singular de actividades de xestión, docencia e investigación. Ademais, este texto recollía a creación dunha Comisión de Avaliación de Actividades Especiais, encargada de valorar as propostas.
Co fin de ampliar a participación da comunidade universitaria, sométese á consideración do Consello de Goberno unha revisión do texto, que afecta fundamentalmente á composición da Comisión, que ve reducido o número de membros pertencentes ao equipo reitoral para posibilitar a incorporación de representantes doutras estruturas de goberno.
Na súa virtude, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión ordinaria do 22 de xuño de 2018, ACORDA
Primeiro.-
O obxecto desta Normativa é a concesión de exencións totais ou parciais das obrigas docentes e, de ser o caso, a contratación de PDI substituto, no caso de accións de gran transcendencia, que contribúan a incrementar o prestixio e proxección da USC, desenvolvidas por profesoras e profesores cunha excelente traxectoria docente e investigadora.
Segundo.-
Poderán solicitar a exención total ou parcial das súas obrigas durante un período máximo de catro anos aqueles membros do PDI que teñan previsto desenvolver unha acción de especial relevancia que esixa unha dedicación intensiva e para a que se conte con fontes de financiamento específicas que, de ser necesario, poidan servir para a contratación de PDI substituto. Esta exención poderá renovarse sempre e cando se manteña a acción especial que a motivou. En todo caso, a solicitude de prórroga deberá ser obxecto dun novo proceso de valoración.
Terceiro.-
As accións de especial relevancia investigadora susceptibles de axuda serán valoradas por unha Comisión de Avaliación de Accións Especiais, que estará formada polos seguintes membros:
- O reitor
- O vicerreitor ou vicerreitora con competencias en materia de Profesorado
- O vicerreitor ou vicerreitora con competencias en materia de Investigación
- Dous decanos ou decanas
- Dous directores ou directoras de Departamento
- Cinco membros do PDI que representen as cinco grandes áreas e os campus de Lugo e Santiago de Compostela. Estes membros do PDI deben cumprir a condición de posuír unha traxectoria docente e investigadora de relevancia.
Correspóndelle ao reitor someter á aprobación do Consello de Goberno a proposta de membros que integrarán a Comisión.
Cuarto.-
Unha vez avaliadas as solicitudes por parte da Comisión, esta elaborará unha proposta que será sometida á aprobación do Consello de Goberno.
Quinto.-
Esta normativa deixa sen efecto a aprobada polo Consello de Goberno o día 2O de xuño de 2007.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.