Regulamento de profesorado e persoal investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0116
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A figura de profesorado ou persoal investigador ad honorem concíbese para vincular coa universidade a persoas de probado prestixio, que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade profesional ou académica tanto dentro como fóra da Universidade de Santiago de Compostela, e que se pretende que manteñan unha colaboración coa nosa Universidade que redunde nun incremento do seu prestixio e proxección.

Polo que se refire á regulación desta figura na Universidade de Santiago de Compostela, a súa existencia está recollida no Regulamento de honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado por acordo do Consello de Goberno do 14 de marzo de 2008. Posteriormente, o Consello de Goberno do 25 de marzo de 2009 acordou regular a incorporación ocasional de relevantes profesionais que colaborasen na docencia e na investigación para achegar á universidade o coñecemento profesional, científico, técnico ou artístico que nace ou se actualiza tanto no ámbito universitario como fóra del. En calquera caso, a natureza da figura de profesorado ou persoal investigador ad honorem é allea ás propias das figuras de persoal docente e investigador das universidades que se recollen na lexislación estatal e autonómica e, por suposto, nos Estatutos da USC.

Para desenvolver esta figura, o Consello de Goberno, na súa sesión do 5 de xuño de 2015, aprobou un Regulamento das figuras honoríficas de profesor e investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela que lle atribuía ao reitor en exclusiva a capacidade para presentar propostas diante do Consello de Goberno e que abría a posibilidade de utilizar esta figura tanto para vincular á Universidade persoas de prestixio profesional alleas a ela como para manter a vinculación de persoal docente e investigador xubilado.

Tras a aprobación no Consello de Goberno celebrado o 18 de xullo de 2019 dun novo Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela, o equipo de goberno da Universidade decidiu promover un novo Regulamento de profesorado e persoal investigador ad honorem que actualice a definición desta figura, que estableza os requisitos para acceder a ela e que fixe un procedemento para o seu nomeamento.

O Regulamento foi acordado na Mesa de Persoal Docente e Investigador do 17 de outubro de 2019 e informado favorablemente pola Comisión de Organización Académica e Profesorado, delegada de Consello de Goberno, o 21 de outubro de 2019.

En consecuencia, o Consello de Goberno, na súa reunión do 29 de outubro de 2019, acordou aprobar o presente regulamento.

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1. Ámbito de aplicación.

Esta norma ten por obxecto regular o acceso á condición de profesorado e persoal investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela así como as condicións relativas a esta figura e as funcións que poderá desenvolver.

TÍTULO I. Disposicións xerais

Artigo 2. Condicións do profesorado ou persoal investigador ad honorem.

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá nomear profesorado ou persoal investigador ad honorem entre aquelas persoas que teñan feito unha achega relevante á institución, gocen dun relevante prestixio profesional no seu campo e presenten un proxecto para colaborar desinteresadamente en actividades formativas ou investigadoras da USC que sexan de interese para a institución por razón de prestixio e proxección.

2. Este nomeamento terá efectos puramente honoríficos, e non dará dereito a percibir retribución ningunha por parte da Universidade.

3. A duración do nomeamento será de tres anos, prorrogables por máis de acordo co procedemento establecido, e sempre que se manteñan os requisitos establecidos no artigo 5. En calquera caso, o nomeamento finalizará cando a persoa cumpra os 75 anos.

4. Unha vez finalizado este período, a condición de profesorado ou persoal investigador ad honorem será vitalicia a efectos honoríficos.

Artigo 3. Actividades.

1. O profesorado e persoal investigador ad honorem poderá realizar as seguintes actividades:

a) Colaborar en actividades de investigación, incluídos contratos, convenios e proxectos.

b) Colaborar na docencia de posgrao, tanto en mestrados oficiais e propios como en programas de doutoramento, ata un máximo de 10 horas por curso académico. En calquera caso, esta colaboración non terá a consideración de actividade docente, senón a de conferencia, e non computará para o cálculo da capacidade docente lectiva da área de coñecemento.

c) Colaborar na organización e desenvolvemento doutras actividades académicas ou de investigación, sempre de acordo co establecido nas súas normas reguladoras.

2. O profesorado e persoal investigador ad honorem non poderá desempeñar cargos académicos nin participar en órganos colexiados da Universidade.

3. A condición de profesor/a ou investigador/a ad honorem non dará dereito á reserva de espazos de uso individual dentro da Universidade. Non obstante, os centros, departamentos ou institutos poderanlles asignar un espazo de traballo, sempre dentro da súa dispoñibilidade.

4. O profesorado e persoal investigador ad honorem disporá dunha conta de correo electrónico e de credenciais de acceso aos servizos en rede da Universidade, e poderá acceder a todos aqueles servizos que o prevean nas súas regulacións específicas.

TÍTULO II. Requisitos e procedemento

Artigo 4. Requisitos.

Para ser nomeado profesorado e persoal investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela será necesario reunir os seguintes requisitos:

a) Ser persoa de relevante prestixio profesional ou académico.

b) No caso de persoal que pertencera ao cadro de persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, estar en situación de xubilación forzosa por razón de idade ou ter sido declarado en situación de incapacidade permanente.

c) Ter menos de 75 anos.

d) Non incorrer en ningunha causa de incompatibilidade de conformidade co artigo 1.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas.

e) Estar en situación de alta, alta especial ou situación asimilada á de alta na Seguridade Social ou mutualidade equivalente, tanto nacional como internacional, mediante certificado expedido polo órgano competente.

Artigo 5. Solicitude.

1. A solicitude para o nomeamento de profesorado ou persoal investigador ad honorem poderá ser presentada por un departamento, centro, instituto ou centro singular de investigación, así como proposta pola Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) O plan de traballo, que deberá concretar o tipo de colaboración que se pretende que realice o candidato no caso de ser nomeado e o período inicial de duración no que esta colaboración se vai desenvolver.

b) A conformidade coa proposta da persoa interesada, xunto cunha declaración responsable relativa ao cumprimento dos requisitos mencionados nos apartados d) e e) do artigo 4.

c) O curriculum vitae actualizado da persoa proposta.

d) Un informe do departamento, centro, instituto ou centro singular de investigación ao que se pretende vincular a persoa proposta ou no que vaian desenvolverse as actividades previstas no plan de traballo.

Artigo 6. Avaliación das solicitudes.

1. A Vicerreitoría con competencias en materia de profesorado dará traslado da documentación á Comisión de Avaliación de Accións Especiais, que será a encargada de realizar a avaliación das solicitudes presentadas.

2. Para realizar esta avaliación teranse en conta, entre outros, os seguintes aspectos:

a) A traxectoria docente ou profesional da persoa proposta.

b) A actividade investigadora e de transferencia desenvolvida, en particular, a produción científica, o número de teses de doutoramento e de proxectos de investigación dirixidos e outros indicadores de calidade da actividade investigadora.

c) As actividades de xestión realizadas no ámbito da universidade, así como en organismos e institucións nacionais e internacionais de relevancia social, cultural ou científica.

d) O plan de actividades que a persoa proposta vai desenvolver no período para o que se solicita o nomeamento.

e) O interese para a universidade da colaboración proposta.

TÍTULO III. Réxime do profesorado ou persoal investigador ad honorem

Artigo 7. Nomeamento de profesorado ou persoal investigador ad honorem.

1. O Consello de Goberno acordará o nomeamento de profesorado ou persoal investigador ad honorem á vista da avaliación das diferentes candidaturas realizada pola Comisión de Avaliación de Accións Especiais e da proposta subseguinte da Comisión de Organización Académica e Profesorado.

2. A Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, en execución do acordo adoptado polo Consello de Goberno, nomeará as persoas propostas indicando o departamento, centro ou instituto de investigación no que se desenvolverá a súa actividade, e expedirá o diploma acreditativo de tal condición e, de ser o caso, a venia docendi. Este nomeamento comunicarase aos departamentos, centros ou institutos correspondentes.

3. A Secretaría Xeral levará un rexistro electrónico no que se inscribirán as distincións a que fai referencia este regulamento.

Artigo 8. Extinción do nomeamento

1. A extinción do nomeamento poderase realizar, ademais de pola causa establecida no artigo 2.3, por renuncia da persoa interesada ou ben por acordo do Consello de Goberno ante unha causa xustificada, previa proposta motivada do reitor ou dos órganos de dirección do departamento, centro ou instituto afectado e tras dar trámite de audiencia á persoa interesada e solicitar informe da Comisión de Accións Especiais e á Comisión de Organización Académica e Profesorado.

2. A relación extinguirase tamén no caso de que a persoa nomeada pase a ter unha vinculación contractual ou estatutaria coa Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 9. Prórroga

1. As solicitudes de prórroga deberán ser presentadas pola persoa interesada acompañadas dun informe motivado sobre o grao de cumprimento do plan de actividades proposto canda a solicitude de nomeamento como profesorado ou persoal investigador ad honorem, dunha actualización do plan de traballo para o seguinte período e dos informes mencionados no artigo 5.2.d) deste Regulamento.

2. A Vicerreitoría con competencias en materia de profesorado dará traslado da documentación á Comisión de Accións Especiais, que avaliará as solicitudes de prórroga. Á vista desta avaliación, a Comisión de Organización Académica e Profesorado emitirá un informe, que elevará ao Consello de Goberno.

3. O Consello de Goberno decidirá sobre a prórroga do nomeamento de profesorado ou persoal investigador ad honorem.

Disposición transitoria única. Régime do profesorado e persoal investigador ad honorem nomeado.

As prórrogas do profesorado e persoal investigador ad honorem nomeado antes da entrada en vigor do presente regulamento rexeranse polo establecido neste no seu artigo 9.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Queda derrogado o Regulamento das figuras honoríficas de profesor e investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado por acordo do Consello de Goberno do 5 de xuño de 2015.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

A presente norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver