Acordo do consello de goberno do 29 de xuño de 2022 polo que se aproba o Regulamento do persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1022
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

Os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, dispoñen no seu artigo 91 o seguinte:

“2. A Xerencia estará asistida polas unidades directivas necesarias para o desempeño das súas competencias. Estas poderán estruturarse xerarquicamente, en función da especialidade ou da complexidade das funcións que asuman, en vicexerencias, xefaturas de área, servizos, oficinas e outras unidades de xestión cualificada.

3. A creación, modificación ou supresión destas unidades directivas realizarase a través da relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos, e corresponderalle ao Consello de Goberno.

4. Para garantir a profesionalización da xestión na Universidade de Santiago de Compostela, o desempeño das funcións directivas no ámbito da Xerencia corresponderalle, en todos os casos, ao persoal de administración e servizos, sen prexuízo da forma de provisión dos postos de traballo que corresponda aplicar, de acordo co establecido nestes estatutos e na relación de postos de traballo daquel.”

Con posterioridade, o artigo 13 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público configurou as características básicas do persoal directivo profesional nos seguintes termos:

1. Es personal directivo el que desarrolla funciones directivas profesionales en las Administraciones Públicas, definidas como tales en las normas específicas de cada Administración.

2. Su designación atenderá a principios de mérito y capacidad y a criterios de idoneidad, y se llevará a cabo mediante procedimientos que garanticen la publicidad y concurrencia.

3. El personal directivo estará sujeto a evaluación con arreglo a los criterios de eficacia y eficiencia, responsabilidad por su gestión y control de resultados en relación con los objetivos que les hayan sido fijados.

4. La determinación de las condiciones de empleo del personal directivo no tendrá la consideración de materia objeto de negociación colectiva a los efectos de esta ley. Cuando el personal directivo reúna la condición de personal laboral estará sometido a la relación laboral de carácter especial de alta dirección.

Pola súa banda, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia desenvolve a disposición estatal regulando no Capítulo II o concepto, a adquisición da condición de persoal directivo e carreira directiva, as retribucións e sistema de avaliación e o réxime de incompatibilidades. En relación co concepto, o artigo 33.2 define o persoal directivo como segue:“Enténdese por funcións directivas as tarefas xerenciais ou de dirección ou coordinación de unidades administrativas integradas polo número mínimo de efectivos de persoal que se determine regulamentariamente. Os postos que serán cubertos por esta clase de persoal contemplaranse nunha relación de postos directivos de contido análogo ao da relación de postos de traballo”.

O artigo 34 da mesma Lei regula a adquisición da condición de persoal directivo mediante a concorrencia, como regra xeral, de persoal funcionario de carreira e laboral fixo. Como excepción, no suposto de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e as dependentes de entidades locais, a provisión dos postos de persoal directivo profesional poderase realizar entre persoal que non teña a condición de persoal directivo.

Tendo en conta o anterior, e a ausencia dun marco normativo propio para este persoal na Universidade de Santiago de Compostela e as súas entidades dependentes e adscritas, cómpre facer un desenvolvemento normativo que permita empregar esta figura cuxa natureza responde ao desempeño de funcións xerenciais con carácter profesional previstas nos Estatutos da Universidade, cun nivel alto de autonomía e responsabilidade, de conformidade cos criterios e instrucións directas dos seus superiores xerárquicos.

O presente regulamento consta de catro capítulos, 12 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións transitorias.

O Capítulo I establece as disposicións xerais sobre o obxecto do regulamento, o réxime xurídico do persoal directivo profesional e a ordenación dos postos directivos a través dunha relación de postos.

O Capítulo II desenvolve a natureza dos postos directivos e os requisitos para o seu desempeño.

O Capítulo III establece o procedemento de adquisición da condición de persoal directivo profesional, o seu nomeamento e cesamento.

O Capítulo IV dispón as características dos postos directivos profesionais, a avaliación do seu desempeño, as retribucións e o réxime disciplinario e de incompatibilidades.

As disposicións adicionais establecen a continuación do desempeño de postos clasificados como directivos e que estean ocupados no momento da entrada en vigor deste regulamento e a relación de postos directivos profesionais inicial que se aproba xunto con este regulamento.

As disposicións transitorias regulan as retribucións complementarias dos postos directivos e a consolidación do grao do persoal funcionario en tanto non se desenvolva a carreira profesional.

No Anexo recóllese a relación de postos directivos profesional inicial da Universidade de Santiago de Compostela.

Á vista do exposto e en virtude das competencias atribuídas polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello de Goberno na súa sesión do 29 de xuño de 2022,

ACORDA

Artigo único. Aprobación do regulamento

Apróbase o regulamento do persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela.

Disposición final. Entrada en vigor.

O regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO. Relación de postos directivos profesionais da Universidade de Santiago

CAPÍTULO I. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Este regulamento ten por obxecto establecer a regulación do persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela e das súas entidades dependentes, o procedemento de provisión de postos directivos e o réxime xurídico aplicable ao persoal que desempeñe eses postos.

Artigo 2. Réxime xurídico.

1. O persoal funcionario de carreira ou laboral fixo das Administracións públicas que ocupe postos directivos profesionais da Universidade de Santiago de Compostela

rexerase polo disposto neste regulamento e polo disposto na Lei 2/2025, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

2. O persoal de entidades dependentes da Universidade de Santiago de Compostela

que non teña a condición de funcionario de carreira ou laboral fixo das Administracións públicas, terá unha relación laboral de alta dirección, de carácter temporal, e rexerase polas cláusulas establecidas no seu contrato e polo disposto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial de persoal de alta dirección.

Artigo 3. Ordenación dos postos directivos.

1. Os postos de traballo de persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela incluiranse nunha relación de postos directivos cuxa aprobación e modificación corresponderá ao Consello de Goberno, por proposta da Reitoría, previo informe económico da Xerencia.

2. A relación de postos de persoal directivo profesional será pública e conterá, como mínimo, a seguinte información:

- Código de identificación

- Denominación do posto

- Dependencia funcional

- Localización do posto de traballo

- Forma de provisión

- Grupo e subgrupo de clasificación profesional ao que se asimilen as súas funcións

- Requisitos esixidos para o desempeño do posto e reserva, de ser o caso, a persoal funcionario de carreira

- Retribucións do posto

3. A determinación das condicións de emprego do persoal directivo non terá a consideración de materia obxecto de negociación colectivo de conformidade co previsto nos artigos 13.4.e 37.2.c) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 33.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

CAPÍTULO II. Natureza dos postos directivos profesionais

Artigo 4. Postos directivos profesionais.

1. Son postos directivos profesionais os que figuren con tal carácter na correspondente relación de postos directivos.

2. Cualificaranse como postos directivos profesionais os que reúnan as seguintes condicións:

a) Que dependan directa e inmediatamente das persoas titulares dos órganos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela ou que realicen tarefas xerenciais no ámbito das entidades dependentes e adscritas da Universidade.

b) Que teñan un alto nivel de autonomía funcional, limitada unicamente polos criterios e instrucións directas dos seus superiores xerárquicos.

c) Que teñan atribuídas funcións directivas e responsabilidades sobre o desenvolvemento de políticas, programas e proxectos e a responsabilidade no cumprimento dos seus obxectivos.

Artigo 5. Funcións.

1. Corresponden aos postos directivos as seguintes funcións:

a) A participación no deseño e a formulación de políticas, programas e proxectos.

b) A planificación, dirección, coordinación, supervisión e avaliación das actividades que se leven a cabo para a execución dos programas ou proxectos que se lle asignen ou a consecución dos obxectivos que se establezan.

c) A dirección, coordinación e supervisión das persoas dos centros ou unidades que estean baixo a súa dependencia, así como dos servizos, medios materiais, e recursos que se lle asignen.

d) A proposta e, se procede, a implantación de medidas de innovación e mellora en relación cos servizos e actividades do seu ámbito competencial.

e) A rendición de contas.

2. Poderán atribuírse aos postos directivos profesionais o exercicio de competencias propias ou delegadas.

Artigo 6. Requisitos.

1. Para desempeñar un posto directivo profesional na Universidade de Santiago de Compostela será necesario ter a condición de persoal funcionario de carreira do subgrupo A1 ou A2 ou persoal laboral fixo dos grupos 1 e 2 da Universidade de Santiago de Compostela e, se así se establece na relación de postos directivos, de calquera Administración pública e non atoparse na situación administrativa de suspensión de funcións ou, de ser o caso, suspensión de emprego e soldo.

2. Nas entidades dependentes e adscritas da Universidade de Santiago de Compostela, con carácter excepcional, poden desempeñar postos directivos profesionais as persoas que non teñan a condición de funcionario de carreira ou persoal laboral fixo de calquera Administración pública, sempre que reúnan os requisitos esixidos para o desempeño do posto directivo.

3. Ademais do anterior, para o acceso á condición de persoal directivo serán necesario acreditar competencias directivas. Para os efectos do previsto neste regulamento entenderase que se posúen competencias directivas en calquera dos seguintes supostos:

a) Estar en posesión da certificación acreditativa de ter superado un curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva impartido pola Universidade de Santiago de Compostela ou por centros de formación acreditados doutras Administracións públicas.

b) Estar en posesión dun mestrado ou título de posgrao, de carácter oficial, sobre dirección pública.

c) Ter desempeñado postos directivos en calquera Administración pública durante, polo menos, dous anos continuados.

4. Na relación de postos directivos poderán incluírse outros requisitos específicos para o seu desempeño como titulacións específicas, idiomas ou outros que se consideren imprescindibles.

5. O persoal directivo profesional deberá acreditar os requisitos xerais previstos no artigo 50 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

CAPÍTULO III. Provisión de postos directivos profesionais

Artigo 7. Procedemento de provisión.

1. A provisión dos postos directivos profesionais realizarase previa convocatoria pública específica para a cobertura do posto que se publicará no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela e, de ser o caso, noutros medios de difusión que se determinen na convocatoria.

2. A competencia para convocar e resolver os procedementos de provisión de postos directivos profesionais corresponde á Reitoría que poderá nomear unha comisión asesora para levar a cabo a avaliación da documentación presentada e, de ser o caso, das entrevistas que se realicen durante o proceso.

3. A convocatoria incluirá, como mínimo, a seguinte información:

- Indicación das condicións de participación no procedemento de selección.

- Prazo de solicitudes que será, como mínimo, de 10 días hábiles, contados a partir da publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela

- Denominación e código do posto, nivel, xornada, retribucións totais, retribucións variables de ser o caso, localización do posto e centro de traballo.

- Requisitos do posto segundo a relación de postos directivos profesionais.

- Funcións do posto.

- Documentación a presentar xunto coa solicitude.

4. Os requisitos para poder participar nos procedementos de provisión de postos directivos profesionais da Universidade de Santiago de Compostela deberán posuírse no último día do prazo de solicitude previsto na convocatoria e manterse ata a toma de posesión.

Artigo 8. Desenvolvemento da convocatoria de provisión.

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano de selección previsto na convocatoria procederá a avaliar a idoneidade do perfil profesional das persoas participantes de conformidade cos méritos alegados no procedemento.

2. A convocatoria poderá prever a presentación, xunto coa solicitude, dun proxecto de xestión e a realización dunha entrevista curricular que poderá incluír, de ser o caso, a defensa do proxecto de xestión.

3. Finalizadas as actuacións anteriores, o órgano de selección proporá ao órgano convocante a persoa seleccionada para desempeñar o posto directivo profesional convocado ou a declaración do proceso como deserto por considerar que en ningún dos participantes concorren as condicións de idoneidade para o seu desempeño.

4. O órgano de selección elaborará un informe onde conste o resultado da avaliación realizada, coa indicación das condicións apreciadas na persoa proposta que motiven a súa idoneidade para o desempeño do posto convocado respecto do resto de persoas participantes ou, de ser o caso, as razóns polas que se considera que non concorren as condicións de idoneidade en ningunha das persoas aspirantes.

5. A Reitoría, unha vez recibida a proposta, emitirá unha resolución que porá fin ao procedemento e que será publicada no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela, na que nomeará á persoa proposta ou declarará deserto o procedemento.

6. No suposto de persoal directivo profesional de entidades dependentes que non teña a condición de funcionario de carreira ou persoal laboral fixo de Administracións públicas, a relación formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección.

Artigo 9. Nomeamento e cesamento.

1. Os nomeamentos e cesamentos en postos directivos profesionais que estean ocupados por persoal que teña a condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo das Administracións públicas serán competencia da Reitoría, que dará conta ao Consello de Goberno.

2. Os contratos de alta dirección das entidades dependentes ou adscritas á Universidade de Santiago de Compostela formalizados ao abeiro desde regulamento incluirán un pacto de permanencia e non competencia poscontractual polos dous anos seguintes á extinción do contrato.

3. O cesamento do persoal directivo profesional producirase por causas obxectivas vinculadas a unha avaliación negativa do seu desempeño, á perda de confianza ou a graves e continuadas dificultades de integración no equipo directivo, apreciadas polo órgano superior xerárquico do que dependa directamente.

4. Ao persoal funcionario de carreira ou laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela removido recoñeceránselle análogas garantías ás previstas para o persoal funcionario que cesa en postos de traballo provistos polo procedemento de libre designación na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

5. No caso do persoal directivo con contrato laboral de alta dirección, serán de aplicación as regras específicas da extinción deste tipo de contrato.

CAPÍTULO IV. Dirección pública profesional

Artigo 10. Avaliación de obxectivos e rendición de contas.

1. O persoal directivo profesional está suxeito á avaliación periódica con carácter anual, de conformidade cos criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade na súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lles foran asignados. En todo caso, os obxectivos poderán ser redefinidos en función das políticas que se impulsen en cada momento.

2. A avaliación dos resultados realizarase polo superior xerárquico, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Establecemento e avaliación de obxectivos.

b) Deseño, planificación e xestión de proxectos.

c) Xestión de recursos materiais, financeiros, tecnolóxicos e persoais.

3. O resultado desta avaliación determinará:

a) A continuidade no posto que se desempeñe e, de ser o caso, na condición de persoal directivo.

b) A progresión na carreira directiva profesional.

c) De ser o caso, a contía da parte variable da retribución do persoal directivo.

Artigo 11. Retribucións

1. O persoal directivo profesional percibirá as retribucións que se fixen na relación de postos directivos profesionais, en catorce pagas, doce ordinarias e dúas extraordinarias e constarán dunha parte fixa, que virá determinada pola titulación académica, a progresión alcanzada na carreira directiva e as características do posto directivo desempeñado e, de ser o caso, dunha parte variable, que estará vinculada á consecución dos obxectivos fixados.

2. A parte fixa das retribucións do persoal directivo estará integrada por:

a) As retribucións básicas, integradas polo soldo e, de ser o caso, os trienios, así como polos compoñentes destes nas pagas extraordinarias.

O soldo e os trienios do persoal directivo que teña a condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo corresponderanse aos do subgrupo ou grupo de clasificación profesional, ao que pertenza, ou aos conceptos retributivos equivalentes do persoal laboral. Nos demais casos percibiranse como retribucións básicas exclusivamente o soldo do subgrupo ou grupo de clasificación profesional do persoal funcionario de carreira que corresponda á titulación académica que se posúa.

b) As retribucións complementarias que incluirán un complemento de carreira e outro de posto directivo.

3. O persoal directivo que ostente a condición de funcionario de carreira ou persoal laboral fixo percibirá en concepto de antigüidade os trienios que teña recoñecidos ou lle sexan recoñecidos durante o exercicio das súas funcións pola súa administración de orixe.

4. As contías da retribucións íntegras do persoal directivo profesional experimentarán, en cada exercicio, a actualización prevista nas leis de orzamentos xerais do Estado para o persoal do sector público.

5. O persoal directivo percibirá pagas extraordinarias e indemnizacións por razón de servizo nos termos establecidos polos artigos 138 e 139 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

6. Durante as situacións de incapacidade temporal ao persoal directivo profesional seranlles de aplicación as previsións do Acordo sobre a xestión e control dos procesos de incapacidade temporal, as ausencias por enfermidade ou accidente que non dean lugar a incapacidade temporal e a incorporación progresiva despois de tratamentos oncolóxicos.

Artigo 12. Réxime disciplinario e incompatibilidades

1. O persoal directivo estará sometido ao réxime disciplinario previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia para o persoal funcionario, agás nos casos nos que accedeu ao seu posto en virtude de contrato laboral de alta dirección, nos que lle será de aplicación o réxime disciplinario previsto para o persoal laboral.

2. O persoal directivo profesional desempeñará a súa actividade con dedicación exclusiva e estará sometido á normativa de incompatibilidades do persoal funcionario.

Disposición adicional primeira. Persoal directivo da Universidade de Santiago de Compostela.

1. Para os efectos do disposto no artigo 6.3.c), entenderanse como postos directivos os previstos no artigo 91 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela con rango de vicexerencia.

2. O persoal funcionario de carreira ou laboral fixo que no momento da entrada en vigor do presente regulamento estea ocupando con carácter definitivo postos clasificados como directivos neste regulamento seguirá desempeñándoos ata o seu cesamento polas causas previstas no artigo 9, sen prexuízo da súa reasignación funcional segundo a relación de postos directivos profesionais inicial prevista no Anexo deste regulamento.

Disposición adicional segunda. Relación de postos directivos profesionais.

A relación inicial de postos directivos profesionais da Universidade de Santiago de Compostela recóllese no Anexo deste regulamento.

Disposición transitoria primeira. Retribucións complementarias do persoal directivo profesional.

Ata que se desenvolva o réxime de carreira profesional o persoal directivo público que teña a condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo percibirá como retribucións complementarias un complemento de destino equivalente ao nivel 28 e un complemento específico destinado a retribuír as condicións particulares do posto de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade.

Disposición transitoria segunda. Grao persoal

Ata que se desenvolva o réxime de carreira profesional, o persoal funcionario de carreira que ocupe postos directivos profesionais consolidará o grao persoal segundo as regras previstas para este persoal tendo en conta a asignación de nivel prevista na Disposición anterior.

Disposición transitoria terceira. Requisitos para o desempeño de postos directivos profesionais

1. En tanto a Universidade de Santiago de Compostela non desenvolva os cursos aos que se refire o artigo 6.3.a) e non haxa persoal propio que cumpra algún dos requisitos previstos no artigo 6.3 poderá acceder a postos directivos profesionais o persoal da Universidade de Santiago de Compostela que tivera desempeñado como persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo, durante polo menos dous anos continuados, funcións de xestión, dirección, coordinación ou supervisión relacionadas co posto directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela obxecto de cobertura.

2. O persoal directivo profesional que acceda segundo o apartado anterior, deberá superar no prazo de un ano desde a súa incorporación un curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva impartido pola Universidade de Santiago de Compostela ou por centros de formación acreditados doutras Administracións públicas.

Disposición final. Entrada en vigor.

Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

ANEXO. Relación de postos directivos profesionais da Universidade de Santiago de Compostela

Código Denominación Unidadeorgánica Provisión Clasificación Retribucións Observacións
PDP001 Vicexerencia Xeral Técnica Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 68.197,80
PDP002 Secretaría Xeral Adxunta Secretaría Xeral PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80
PDP003 Director/a da Área Económica Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80 Aberto a outrasAAPP
PDP004 Director/a da Área de Persoal Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80
PDP005 Director/a da Área de Infraestruturas Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80
PDP006 Director/a da Área Académica Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80
PDP007 Director/a da Área de Planificación eInnovación Administrativa Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80
PDP008 Director/a da Área de Xestión de Investigación Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80
PDP009 Director/a da Área de Promoción e EstratexiaCientífica Vicerreitoría dePolíticaCientífica PD A1/A2 – Grupo I/II 63.197,80
PDP010 Director/a do Centro de Datos e Procesos Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 60.329,45
PDP011 Director/a do Centro de Formación de Persoal Xerencia PD A1/A2 – Grupo I/II 60.329,45

Lenda

PD : posto directivo provisto segundo o Regulamento do persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver