Regulamento da Universidade de Santiago de Compostela sobre dereitos, obrigas e rexistro de intereses dos seus altos cargos

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0012
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

Os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) regulan no seu artigo 70 o réxime de altos cargos da Institución, sinalando os cargos que se consideran como tales, a necesidade dun rexistro no que se inclúan as declaracións de intereses, e os límites da súa actuación. Así mesmo sinalan no seu apartado cuarto que se regulará o rexistro de intereses, así como os dereitos e obrigas dos altos cargos.

Neste sentido, o Claustro da USC aprobou con data do 12 de decembro de 2017, a modo de liñas xerais, as Bases do Regulamento da Universidade de Santiago de Compostela sobre os dereitos e obrigas e o rexistro de intereses dos seus altos cargos.

A base primeira prevé, de acordo co indicado no artigo 70.4 dos Estatutos da USC, a necesidade de aprobación dun regulamento nesta materia por parte do Consello de Goberno.

Dado que as Bases aprobadas polo Claustro presentan un elevado nivel de detalle, procede incorporalas practicamente nos seus termos e engadir unha referencia específica aos aspectos relacionados co conflito de intereses, a transparencia, o réxime retributivo e o procedemento, atendendo aos principios reitores da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Este Regulamento, que dá cumprimento ao mandato recollido nas citadas Bases do Claustro Universitario, consta de nove artigos, unha disposición transitoria e unha disposición final.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este Regulamento ten por obxecto regular os dereitos e obrigas dos altos cargos da USC así como o réxime do rexistro de intereses, e será de aplicación aos cargos de reitor/a, vicerreitores/as, secretario/a xeral e xerente, definidos como altos cargos da USC no artigo 70.1 dos Estatutos.

Artigo 2. Principios xerais

1. A actuación dos altos cargos na USC estará suxeita aos seguintes principios:

a) dedicación exclusiva ao cargo, nos termos deste regulamento

b) interese xeral

c) integridade

d) obxectividade

e) transparencia e responsabilidade

f) austeridade

g) prevención de conflitos de intereses

2. Para o desempeño dos cargos que teñen a condición de alto cargo serán de aplicación os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos da USC.

Artigo 3. Exercicio do cargo

1. As persoas que desempeñen altos cargos na USC gozarán dos dereitos inherentes á súa relación funcionarial ou laboral con aquela, coas limitacións establecidas polo ordenamento xurídico e, especificamente, por este regulamento, en garantía do principio de dedicación exclusiva ao cargo.

2. En particular, non poderán:

a) Ser responsables únicos da docencia dunha materia.

b) Gozar de licenzas ou permisos por tempo superior a dous meses, agás no caso dos permisos por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e por razón de violencia de xénero.

c) Beneficiarse das bolsas ou axudas que conceda a propia Universidade.

d) Formalizar contratos, acordos ou convenios nos supostos en que exista conflito de intereses.

e) Percibir retribucións derivadas de contratos para a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico ou para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación aos que se refire o artigo 83 da Lei Orgánica de Universidades.

Artigo 4. Réxime retributivo dos altos cargos

1. Os cargos de reitor/a e de vicerreitor/a, e o de secretario/a xeral cando sexa desempeñado por unha persoa do colectivo de persoal docente e investigador, percibirán a retribución que lles corresponda na súa condición de tal, á que se engadirá o complemento que corresponda por desempeño de cargo académico, na contía que anualmente se determine por norma estatal.

2. A retribución dos cargos de secretario/a xeral, cando sexa desempeñado por unha persoa do colectivo de persoal de administración e servizos, e de xerente/a será a que figura na RPT específica para altos cargos que se recolle no anexo deste Regulamento.

3. Estas retribucións actualizaranse anualmente na porcentaxe que se fixe con carácter xeral para os funcionarios públicos nas leis de orzamentos estatal e autonómica.

4. Non se poderá percibir en ningún caso máis dunha remuneración, periódica ou eventual, con cargo aos orzamentos da Universidade e dos organismos e empresas dependentes dela, sen prexuízo das indemnizacións por razón do servizo ou asistencias que en cada caso correspondan. No suposto de pertenza a máis de dous consellos de administración de organismos ou empresas con capital público ou de entidades de dereito público, só se poderán percibir cantidades en concepto de asistencia por un máximo de dous consellos de administración.

Artigo 5. Réxime de actividades e incompatibilidades

1. En aplicación do principio de dedicación exclusiva ao cargo, as persoas que desempeñen altos cargos na Universidade non poderán compatibilizar estes con ningún outro posto, profesión ou actividade, pública ou privada, por conta propia ou allea.

2. O exercicio das funcións de alto cargo será compatible coas seguintes actividades públicas:

a) O exercicio daqueles cargos que lle correspondan con carácter institucional ou para os cales fora designado pola súa propia condición.

b) A representación da Universidade en órganos colexiados das administracións públicas, en órganos colexiados ou padroados de fundacións e nos consellos de administración de organismos ou empresas con capital universitario ou público, ou en entidades de dereito público.

3. O exercicio das funcións de alto cargo será compatible coas seguintes actividades privadas, sempre que non comprometa a imparcialidade ou independencia das súas funcións públicas:

a) As que deriven da simple administración do patrimonio persoal ou familiar.

b) As actividades de produción e creación literaria, artística, científica ou técnica e as publicacións derivadas daquelas, así como a colaboración e a asistencia ocasional como persoa relatora en congresos, seminarios, xornadas de traballo, conferencias ou cursos de carácter profesional sempre que non sexan consecuencia dunha relación de emprego ou de prestación de servizos, ou supoñan un menoscabo do estrito cumprimento dos deberes do cargo. Nestes casos terán dereito á percepción das indemnizacións que correspondan.

c) A participación non remunerada en entidades culturais e benéficas que non teñan ánimo de lucro.

4. As persoas que desempeñen altos cargos na Universidade, agás o de xerente, poderán seguir desenvolvendo a súa actividade docente e investigadora sempre que non menoscabe o estrito cumprimento dos deberes do cargo.

Artigo 6. Conflito de intereses

1. As persoas que desempeñen altos cargos na Universidade deberán evitar a influencia dos seus intereses persoais no exercicio das súas funcións e responsabilidades por lles supoñer un beneficio ou un prexuízo.

2. Considérase que existe conflito de intereses en calquera situación na que o alto cargo participe nun contrato ou procedemento de licitación ou poda influír no seu resultado, ou teña directa ou indirectamente un interese financeiro, económico ou persoal, de xeito que poda verse comprometida a súa imparcialidade e independencia.

3. Do mesmo xeito, as persoas que desempeñen altos cargos absteranse nas votacións relativas aos puntos incluídos na orde do día das reunións dos órganos colexiados aos que pertenzan na súa condición de altos cargos cando a decisión que se vaia adoptar afecte aos seus intereses persoais.

4. No caso de que o conflito de intereses se produza no seo dun procedemento administrativo, as persoas que desempeñen altos cargos absteranse de intervir nel nos termos previstos na lexislación do procedemento administrativo común. Asemade, poderán ser recusadas polas persoas interesadas de acordo co establecido nesta.

5. Co fin de previr os conflitos de intereses, as persoas que desempeñen altos cargos na Universidade non poderán:

a) Desempeñar, en por si ou por persoas interpostas, cargos de toda índole en empresas ou sociedades que manteñan relacións contractuais de calquera natureza coa Universidade ou cos organismos e empresas dependentes dela.

b) Ter, por si ou por persoa interposta, participacións superiores a un dez por cento en empresas ou sociedades que manteñan relacións contractuais de calquera natureza coa Universidade ou cos organismos e empresas dependentes dela.

c) Xestionar, defender, dirixir ou asesorar asuntos particulares alleos cando, pola súa índole, lle competa á Universidade resolvelos ou quede implicada neles a realización dalgún servizo ou fin desta.

Artigo 7. Rexistro de intereses e transparencia

1. Baixo a dependencia da Secretaría Xeral, créase o Rexistro de Intereses dos Altos Cargos da Universidade de Santiago de Compostela, no cal se inscribirán, nos tres meses seguinte á toma de posesión e ao cesamento como alto cargo:

a) Unha declaración de actividades do alto cargo, que comprenderá toda actividade, negocio, empresa ou sociedade, pública ou privada, que a persoa desenvolva por si ou mediante substitución ou apoderamento, e que lle proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos ou nos cales teña participación ou intereses. Esta declaración deberá incluír tamén aquelas actividades que tivese desempeñado durante os dous anos anteriores á súa toma de posesión como alto cargo, así como as renuncias ou os alleamentos de participacións en empresas que tivese que realizar para cumprir co Regulamento.

b) Unha declaración de bens patrimoniais do alto cargo, que comprenderá a totalidade dos seus bens, dereitos e obrigas, incluídas as participacións en calquera tipo de sociedade, á cal se xuntará a copia da última declaración tributaria correspondente ao imposto sobre a renda das persoas físicas e, de ser o caso, ao imposto sobre o patrimonio.

2. O réxime de publicidade do Rexistro será o seguinte:

a) Garantirase o acceso público, previa petición, ás declaracións de actividades, conforme aos modelos que se aproben.

b) No caso das declaracións de bens patrimoniais, o acceso permitirase coas limitacións precisas para garantir a protección da seguridade, a intimidade e os datos persoais das persoas que desempeñen altos cargos na Universidade.

3. No Portal de Transparencia da USC recollerase, como mínimo, a seguinte información sobre os altos cargos da USC:

a) o seu perfil biográfico e traxectoria profesional

b) as súas retribucións e, en particular, o complemento polo desempeño dos cargos de reitor/a e de vicerreitor/a e as retribucións dos cargos de xerente/a e de secretario/a xeral

c) as resolucións de autorización para o exercicio de actividade privada, logo do cesamento como altos cargos

d) as declaracións inicial e final de actividades e de bens patrimoniais dos altos cargos

Artigo 8. Consecuencias do incumprimento das previsións deste Regulamento

1. O incumprimento das previsións deste Regulamento, sen prexuízo da esixencia da responsabilidade disciplinaria que puidera corresponder, poderá levar ás seguintes consecuencias:

a) o cesamento da persoa responsable no alto cargo que desempeñe

b) a obriga de restituír, de ser o caso, as cantidades percibidas indebidamente

c) a inhabilitación para desempeñar novos altos cargos na Universidade por un tempo proporcional á gravidade do incumprimento e ao dano producido aos intereses e á imaxe pública desta, que non será superior a dous mandatos consecutivos.

2. A imposición das consecuencias do incumprimento deste Regulamento corresponderá:

a) ao Claustro, por proposta do Consello de Goberno, no caso do/a reitor/a, logo de ser oído este/a

b) ao/a reitor/a, no que respecta ao cesamento dos demais altos cargos

c) ao Consello de Goberno, por proposta do reitor, no que respecta ás consecuencias distintas do cesamento para todos os altos cargos distintos do/da reitor/a, logo de instruír un procedemento contraditorio, coa audiencia da persoa interesada

Artigo 9. Limitacións posteriores ao cesamento no alto cargo

Durante os dous anos seguintes ao cesamento, as persoas que estiveran desempeñado un alto cargo na Universidade non poderán:

a) Realizar actividades ou prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales tiveran participación activa ou ditaran resolución no exercicio do cargo.

b) Asinar, nin por si mesmas nin a través de entidades participadas por eles directa ou indirectamente en máis do dez por cento, contratos de asistencia técnica, de servizos ou similares coa Universidade ou cos organismos e empresas dependentes dela, sempre que garden relación directa coas funcións que o alto cargo exercía.

Disposición Transitoria. Inscrición no Rexistro de Intereses dos altos cargos actuais

A inscrición no Rexistro de Intereses dos actuais altos cargos realizarase no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta norma, conforme aos modelos que para o efecto aprobe a Secretaría Xeral.

Disposición Final. Entrada en vigor

Este Regulamento entrará en vigor o dia seguinte ao da súa publicación no Taboleiro de Anuncios Electrónico da USC.

ANEXO RPT ESPECÍFICA PARA ALTOS CARGOS

XERENTE/A

GRUPO TIPO POSTO COMPL. DESTINO COMPL. ESPECÍFICO RÉXIME
A1 S 30 54.921,16 Funcionario

SECRETARIO/A XERAL

GRUPO TIPO POSTO COMPL. DESTINO COMPL. ESPECÍFICO RÉXIME
A1 S 30 42.385,28 Funcionario

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver