Regulamento de réxime interno do claustro universitario

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0004
Departamento: Claustro
Estado: En vigor

(Aprobado polo Pleno do Claustro do 26 de xuño de 2015)

LIMIAR

O Regulamento de Réxime Interno do Claustro Universitario, aprobado polo Pleno do órgano colexiado do 26 de xuño de 2015, xurdiu como a necesidade de adaptar o seu funcionamento ao novo marco xurídico introducido polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela contidos no Decreto 14/2014, do 30 xaneiro. Marco xurídico no que o ata agora vixente Regulamento de Réxime Interno do Claustro, aprobado polo Pleno do 23 de febreiro de 2006, tiña unha mala cabida que xa provocara a intervención da Comisión Electoral Central para a celebración do Claustro constituinte posterior aos procesos electorais acaecidos na nosa Universidade tras a entrada en vigor dos citados Estatutos.

Xunto con esa necesidade principal, a devandita adaptación, o novo Regulamento intenta ademais mellorar algunhas cuestións técnicas referidas ao funcionamento do Claustro e das súas comisións, incorporar ás novas tecnoloxías no seu devir cotiá, e facilitar o cumprimento de deberes e a realización de dereitos dos e das claustrais no eido da conciliación da súa vida familiar e laboral.

CAPITULO I. NORMAS XERAIS

Artigo 1. Do Claustro

O Claustro Universitario, máximo órgano representativo da comunidade universitaria, réxese polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, polo presente

Regulamento, polos acordos que adopte no seu desenvolvemento e pola normativa que sexa de aplicación.

Artigo 2. Das reunións do Claustro

O Claustro Universitario actúa en pleno ou en comisións, tanto as establecidas especificamente neste Regulamento como aquelas que decida constituír.

Artigo 3. Das decisións do Claustro

1.-As decisións do Claustro no exercicio das súas competencias adoptarán a forma de acordos que esgotarán a vía administrativa e serán impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa.

2.- Os acordos do Claustro serán executados pola Presidencia da Mesa do Claustro.

3.- O Claustro poderá, así mesmo, adoptar mocións e propostas. Estas últimas poden atinxir a materias que non sexan competencia do Claustro.

4.- As propostas non vincularán os restantes órganos da Universidade no exercicio das súas competencias.

Artigo 4. Das competencias do Claustro

Son competencias do Claustro Universitario, segundo o disposto no artigo 78 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, as seguintes:

a) A elaboración dos Estatutos, así como a súa modificación.

b) A remoción da reitora ou do reitor, mediante a convocatoria de eleccións extraordinarias, de acordo co disposto no artigo 83.4 dos Estatutos.

c) A elección de membros do Consello de Goberno na súa representación, por e entre os propios membros do sector representado.

d) A elaboración e aprobación do seu Regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado por maioría, contando polo menos co voto favorable dun terzo dos membros do Claustro.

e) A elección e, se é o caso, revogación do valedor ou valedora da comunidade universitaria, a aprobación do seu Estatuto e o debate do seu informe anual.

f) A aprobación do Estatuto do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela.

g) A aprobación das liñas xerais do Regulamento Electoral Xeral e dos regulamentos de persoal docente e investigador, de persoal de administración e servizos e dos estudos conducentes á obtención de títulos propios.

h) A deliberación sobre o informe anual do reitor.

i) A aprobación das liñas xerais da programación plurianual e dos orzamentos.

j) O coñecemento e debate da planificación estratéxica e das relacións de postos de traballo.

k) A expresión da opinión da comunidade universitaria e a formulación de recomendacións, propostas e declaracións institucionais, así como o debate dos asuntos que lle sexan formulados polo reitor ou polo Consello de Goberno.

l) A recepción de información sobre o funcionamento e os obxectivos da Universidade, para o cal poderá solicitar a comparecencia das persoas titulares dos órganos de goberno e representación e dos membros da comunidade universitaria.

m) O control da xestión dos órganos de goberno da Universidade, mediante a formulación de preguntas e interpelacións.

n) A elección da comisión que valorará as reclamacións contra as propostas das comisións dos concursos de acceso á condición de persoal funcionario, así como de persoal contratado doutor.

o) O establecemento dos criterios xerais que a Universidade de Santiago de Compostela deberá ter en conta para a creación, modificación e supresión de centros e departamentos e para a súa adscrición á Universidade.

p) As restantes competencias que lle atribúan os Estatutos.

Artigo 5. Da composición do Claustro

1.- De acordo co artigo 75 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Claustro Universitario está composto por:

a) O reitor ou a reitora, que o presidirá.

b) O secretario ou a secretaria xeral, que será tamén secretario do Claustro.

c) O xerente ou a xerente.

d) 300 representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria, elixidos mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, coa seguinte composición numérica dos sectores que se indican:

- Sector I:cincuenta e un por cento de profesorado doutor con vinculación permanente, é dicir, 153 membros.

- Sector II:once por cento de membros das restantes categorías de persoal docente e investigador, é dicir, 33 membros.

- Sector III:vinte e oito por cento de alumnado matriculado en titulacións oficiais, é dicir, 84 membros.

- Sector IV:dez por cento de membros do persoal de administración e servizos, é dicir, 30 membros.

2.- O colexio electoral do sector II estará formado polas seguintes categorías:

a) Profesorado funcionario non doutor.

b) Profesorado axudante non doutor.

c) Profesorado axudante doutor.

d) Profesorado colaborador.

e) Profesorado asociado.

f) Persoal doutor contratado pola Universidade de Santiago de Compostela consonte a lexislación vixente con cargo a programas competitivos de incorporación ás universidades de investigadores ou docentes, sempre que o contrato permita impartir docencia.

g) Profesorado emérito.

h) Persoal investigador en formación.

i) Aqueloutras persoas contratadas pola Universidade de Santiago de Compostela mediante concurso público que realicen labores docentes ou investigadores e que cumpran os requisitos, entre outros os de permanencia e dedicación, que estableza o art. 52 do Regulamento Electoral Xeral da Universidade.

3.- O colexio electoral do sector III estará integrado por todo o estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, matriculado en titulacións oficiais de licenciatura, diplomatura, grao, máster ou doutoramento que cumpran as condicións estipuladas no artigo 52 e na disposición transitoria cuarta do Regulamento Electoral Xeral da Universidade.

4.- O Colexio Electoral do sector IV estará integrado polo persoal de administración e servizos retribuído con cargo ao capítulo I das normas orzamentarias que cumpran as condicións estipuladas no artigo 52 do Regulamento Electoral Xeral da Universidade.

Artigo 6. Elección dos membros do Claustro

1.- O Claustro Universitario será elixido cada catro anos, de acordo co artigo 76 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, agás:

a) A representación do estudantado de todos os ciclos e modalidades que será renovada cada dous.

b) A remoción do reitor consonte o disposto nos artigos 76.2 e 83.4 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

2.- O procedemento para a elección dos membros do Claustro será o establecido polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e polo seu Regulamento Electoral Xeral.

Artigo 7. Da suspensión da condición de membro do Claustro

A condición de membro do Claustro suspenderase por sentenza firme condenatoria que así o impoña ou cando o seu cumprimento impida o desenvolvemento da súa condición de claustral.

Artigo 8. Da perda da condición de membro do Claustro

1.- A condición de membro do Claustro perderase por:

a) Falecemento ou incapacitación declarada esta por sentenza firme.

b) A renuncia expresa do claustral que deberá formalizarse por escrito dirixido ao presidente do Claustro.

c) O cesamento da vinculación coa Universidade de Santiago de Compostela.

d) Perda da condición de servizo activo na Universidade de Santiago de Compostela no caso do persoal funcionario ou a situación equivalente no persoal laboral.

e) Deixar de pertencer ao sector ou subsector da comunidade universitaria polo que fora elixido.

f) Extinción do mandato.

g) Inhabilitación por sentencia ou resolución administrativa firme

h) Sentenza firme que anule a elección pola que foi designado.

i) Polo incumprimento reiterado das súas obrigas como claustral, nos termos previstos no presente Regulamento e no artigo 22.1 do Regulamento Electoral Xeral.

j) Disolución do órgano colexiado.

g) Calquera outra prevista no Regulamento Electoral Xeral ou na normativa electoral que sexa de aplicación.

2.- No caso de perda da condición de claustral, as designacións de substitutos farase de acordo co disposto no artigo 22 do Regulamento Electoral Xeral.

Artigo 9. Das obrigas dos claustrais

1.- Sen prexuízo do disposto no artigo 19 deste Regulamento, todos os membros do Claustro teñen a obriga de asistiren ás súas reunións, tanto do Pleno coma das correspondentes comisións delegadas ou específicas, e o dereito a voz e voto.

2.- Os membros do Claustro están, así mesmo, obrigados a:

a) Adecuar a súa conduta ao disposto neste Regulamento, respectando e facendo respectar a orde e a cortesía académica nos debates.

b) Non divulgar os debates e as decisións que se refiran a aspectos privados das persoas.

CAPITULO II. DA CONSTITUCIÓN E DO FUNCIONAMENTO DO CLAUSTRO

Sección primeira. - Do Claustro constituínte, da Mesa provisoria e da Mesa do Claustro

Artigo 10. Do Claustro constituínte e da Mesa Provisoria

1.- Despois da elección da totalidade dos membros do Claustro, procederase á súa constitución nunha sesión extraordinaria do Pleno presidida pola Mesa Provisoria.

2.- A Mesa Provisoria quedará integrada polo reitor ou reitora, o secretario ou secretaria xeral e os membros de máis idade pertencentes aos catro sectores que compoñen o Claustro distribuídos como se indica:

a) 6 do Sector I

b) 3 do Sector II

c) 3 do Sector III

d) 1 do Sector IV

3.- Para a válida constitución da Mesa Provisoria será necesaria a maioría absoluta dos seus membros.

4.- O reitor ou reitora será quen ocupe a Presidencia da Mesa Provisoria e do Claustro constituínte e quen modere as súas sesións.

5.- O secretario ou secretaria xeral será tamén o da Mesa Provisoria.

6.- Con carácter xeral os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes. No caso de empate, o presidente ou a presidenta, ou quen faga as súas funcións, decidirá co seu voto de calidade.

7.- Son competencias da Mesa Provisoria:

a) Aprobar a orde do día do Pleno do Claustro constituínte.

b) Fixar as normas de desenvolvemento do Pleno do Claustro constituínte.

c) Dirixir a elección da Mesa do Claustro.

d) Cantas outras sexan adecuadas ao desenvolvemento das súas funcións consonte o presente Regulamento.

8.- Na orde do día do Pleno do Claustro constituínte, figurará inescusablemente a elección dos membros da Comisión Electoral Central.

Artigo 11. Da elección e constitución da Mesa do Claustro

1.- O Claustro constituínte elixirá a Mesa do Claustro de entre os seus membros, en votación por sectores.

2.- A Mesa do Claustro, que é o órgano que ostenta a presidencia e a representación colexiada do Claustro, quedará integrada por:

a) O reitor ou reitora, que ocupara a presidencia. .

b) O secretario ou secretaria xeral, que é tamén o do Claustro.

c) Os membros do Claustro elixidos consonte o parágrafo anterior e distribuídos como se indica:

- 6 do Sector I

- 3 do Sector II

- 3 do Sector III

- 1 do Sector IV

3.- No caso de ausencia ou enfermidade do reitor ou da reitora, asumirá as súas funcións o vicerreitor ou a vicerreitora que designe.

4.- No caso de ausencia ou enfermidade do secretario ou da secretaria xeral, a Mesa do Claustro elixirá entre os seus membros a persoa que o substituirá.

5.- Para a válida constitución da Mesa Provisoria será necesaria a maioría absoluta dos seus membros.

Artigo 12. Das funcións da Mesa do Claustro

Son funcións da Mesa do Claustro as seguintes:

a) Aprobar a orde do día das sesións.

b) Fixar as normas de desenvolvemento das sesións.

c) Recibir as propostas e cuestións de orde.

d) Interpretar o presente Regulamento de acordo co disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e demais normas de aplicación.

e) Decidir sobre a alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día.

f) Decidir a expulsión de membros do Claustro que alteren gravemente a orde de acordo co artigo 18 do presente regulamento.

g) Decidir, tras oír a persoa interesada, a perda da condición de claustral daqueles que incumpriran inxustificadamente as súas obrigas nos termos do artigo 5 deste Regulamento.

Artigo 13. Das funcións da Presidencia da Mesa do Claustro

Son funcións da Presidencia da Mesa do Claustro as seguintes:

a) Convocar as sesións.

b) Moderar os debates tentando acadar o consenso.

c) Aplicar o Regulamento.

d) Velar polo mantemento da orde nas sesións.

e) Executar os acordos do Claustro.

Artigo 14. Da adopción de acordos na Mesa do Claustro

Con carácter xeral os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes. No caso de empate, o presidente ou a presidenta decidirá co seu voto de calidade.

Sección segunda Do Pleno do Claustro

Artigo 15. Das sesións do Pleno do Claustro

1.-O Pleno do Claustro deberá reunirse con carácter ordinario cando menos dúas veces ao ano.

2.- O pleno do Claustro poderá reunirse así mesmo con carácter extraordinario cando o decida o reitor por propia iniciativa, a instancia do Consello de Goberno ou por un mínimo dun terzo dos claustrais. Neste último caso, os solicitantes deberán indicar o punto ou puntos que serán incluídos na orde do día da sesión.

3.- O Pleno do Claustro debe celebrarse en días administrativamente hábiles, segundo o disposto na base 8ª das Liñas Xerais do Regulamento Electoral Xeral.

4.- Ademais, as sesións ordinarias do Pleno do Claustro non terán lugar durante as datas de exames oficiais ordinarios.

5.- As sesións extraordinarias do Pleno do Claustro convocadas por iniciativa do Consello de Goberno ou dun mínimo dun terzo dos claustrais deberán celebrarse no prazo máximo dun mes dende a solicitude sen que se tomen en consideración as datas de exames oficiais ordinarios.

Artigo 16. Da convocatoria

1.-A convocatoria do Pleno do Claustro corresponde á Presidencia.

2.- Para que a convocatoria produza efectos, deberase poñer en coñecemento de todos os membros do Claustro, mediante unha notificación na que se fará constar a orde do día, data, hora, lugar da reunión e se esta é ordinaria ou extraordinaria.

3.- A convocatoria do Pleno, xunto coa correspondente orde do día, será publicada nos medios oficiais da Universidade e posta en coñecemento do conxunto da comunidade universitaria.

4.- A notificación da convocatoria farase polo menos con noventa e seis horas de antelación, agás o caso de extraordinaria e urxente necesidade cando se poderá reducir o prazo á metade, e terá un carácter nominal.

5.- A notificación da convocatoria será dirixida a cada un dos membros do Claustro que sexa persoal da Universidade de Santiago de Compostela a través da Sede Electrónica da Universidade.

6.- No caso do alumnado a notificación da convocatoria será dirixida ao enderezo de correo electrónico fornecido pola Universidade.

7.- Ante a imposibilidade de notificar a convocatoria por medios electrónicos, esta efectuarase ao departamento, centro ou servizo ao que pertenza o membro do Claustro.

Artigo 17. Da orde do día

1.-A proposta da orde do día será elaborada pola Reitoría asistida pola Secretaría Xeral.

2.- A aprobación da orde do día é competencia da Mesa do Claustro, a cal deberá incorporar aqueles puntos solicitados pola maioría dos seus membros presentes ou os que fosen demandados previamente por escrito por, cando menos, unha sexta parte dos claustrais.

3.- Na orde do día da sesión ordinaria do Pleno, figurará inescusablemente os puntos relativos á:

a) Aprobación da acta da sesión anterior.

b) Informe da reitora ou do reitor.

c) Rolda aberta de intervencións.

4.- Serán nulos os acordos adoptados sobre asuntos que non figuren incluídos na orde do día, sen prexuízo do establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Do quórum

1.- O Pleno do Claustro constitúese validamente en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta dos seus membros e, en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, cando asista polo menos un terzo. De non alcanzar o quórum sinalado na segunda convocatoria, procederase a efectuar unha nova para un día posterior.

2.- Para os efectos de determinación do quórum, a acreditación da asistencia ao Claustro será obrigatoria e consistirá na sinatura do claustral ou no rexistro electrónico da súa identificación e presenza, previa comprobación da identidade, antes do inicio da sesión, consonte o sistema establecido pola Secretaría Xeral.

3.- O secretario ou a secretaria do Claustro constatará ao inicio da sesión o número de acreditados para os efectos de verificar o quórum.

Artigo 19. Da asistencia ás sesións

1.- Ademais da obriga, segundo o establecido no artigo 9 deste Regulamento, só teñen dereito de asistencia ás sesións do Claustro con voz e voto os seus membros.

2.- A asistencia ás sesións do Pleno e das comisións do Claustro xustificará a ausencia en calquera tipo de compromiso académico relacionado coa Universidade. A Secretaría Xeral establecerá os medios de control desa asistencia e, de ser o caso, emitirá os certificados.

3.- Os membros do equipo de goberno que non o sexan do Claustro poderán asistir ás reunións con voz pero sen voto.

4.- O valedor da comunidade universitaria poderá asistir as reunións con voz pero sen voto.

5.- Cando a natureza dos asuntos o requira, a Reitoría ou a Mesa do Claustro poderá convocar calquera membro da comunidade universitaria para que informe.

6.- A Presidencia poderá autorizar a asistencia ás sesións do Claustro daquelas persoas que o solicitasen cun mínimo de antelación de vinte e catro horas, dándolles preferencia aos membros da comunidade universitaria. A correspondente credencial dará dereito a ocupar as prazas expresamente reservadas para as persoas convidadas no lugar das sesións.

Respectarán a orde das sesións e as instrucións da Presidencia, e absteranse de calquera manifestación pública de opinións ou valoracións, sexa verbal ou doutro tipo.

Artigo 20. Da orde dos debates e da súa duración

1.-Consonte o artigo 10 deste Regulamento, o reitor ocupará a Presidencia, moderará os debates e velará polo mantemento da orde no desenvolvemento da sesión.

2.- Consonte o artigo 12 deste Regulamento, a Mesa do Claustro fixará as normas de desenvolvemento das sesións establecendo un tempo de debate para cada tema e, en función dos pedimentos de palabra, determinando a duración de cada intervención.

3.- No caso de que, a solicitude dun claustral, a Mesa do Claustro considere que un tema non queda suficientemente debatido, establecerá unha nova quenda de debate.

4.- Ningún membro do Claustro poderá ser interrompido cando estea a facer uso da palabra, agás o previsto no parágrafo seguinte.

5.- A Presidencia poderá retirar o uso da palabra, despois de dúas advertencias, no caso de:

a) Esgotar o tempo da intervención.

b) Despois de dúas chamadas a orde ou a cinguirse ao tema.

6.- Ante unha alteración grave da orde na sesión, a Presidencia, previo acordo da Mesa do Claustro, poderá privar da asistencia ao resto da sesión ao membro responsable dela que fora xa apercibido por tres veces.

7.- As alusións só autorizarán para que o membro do Claustro a quen se refiren, segundo o xuízo do presidente, poida contestar ás manifestacións pronunciadas sobre a súa persoa.

8.- No suposto de excesiva duración do Pleno, a Presidencia, previo acordo da Mesa do Claustro, poderá dispoñer a interrupción da sesión fixando o día e a hora na que deba reiniciarse.

Artigo 21. Da adopción dos acordos e da votación

1.- Para a adopción válida de acordos, necesitarase no momento da votación a presenza polo menos dun terzo dos membros do Claustro.

2.- Os acordos adoptaranse por maioría simple, agás as excepcións consideradas nos Estatutos da Universidade ou neste Regulamento. Os acordos poderán considerarse adoptados por asentimento sen necesidade de votación cando, logo da proposta en tal sentido da Presidencia, non se manifestase ningunha opinión en contra.

3.- Como regra xeral, as votacións serán públicas polo procedemento e co sistema de reconto que estableza a Mesa do Claustro.

4.- De xeito excepcional, as votacións serán secretas se:

a) A Mesa do Claustro así o decide.

b) Afectan a persoas concretas.

c) Son solicitadas pola maioría das persoas presentes.

d) Noutros supostos especiais previstos na normativa.

5.- Non se admitirá o voto anticipado dos membros do Claustro. Tampouco se admitirá a delegación do voto, agás no caso establecido na disposición adicional terceira deste

Regulamento .

Artigo 22. Dos acordos relativos á designación de claustrais como membros da Mesa do Claustro, das comisións e doutros órganos estatutarios, e das candidaturas

1.-A adopción de acordos relativos á designación de claustrais como membros da Mesa do Claustro, das comisións delegadas ou doutras comisións, e doutros órganos estatutarios, virá precedida dun proceso electoral celebrado no seo do Claustro.

2.- A representación do Claustro na Mesa do Claustro e na Comisión Electoral Central elixirase na sesión do Claustro Constituínte. Para a elección do Claustro nas comisións delegadas o noutras comisións e nos órganos estatutarios, abondará coa súa inclusión como punto na orde do día do Pleno do Claustro convocado segundo o disposto neste Regulamento.

3.- Con pleno respecto ao disposto no Regulamento Electoral Xeral, ese proceso electoral sométese ás seguintes regras específicas:

a) Resultarán elixidas as persoas candidatas máis votadas no seu respectivo sector.

b) A forma da votación será a que aprobe a Mesa do Claustro.

c) A Mesa do Claustro poderá acordar a acumulación de votacións.

d) Caberá a ponderación do resultado do proceso electoral atendendo a asegurar a correcta representación dos dous campus, das cinco grandes áreas de coñecemento, da paridade dende a perspectiva do xénero ou doutro criterio obxectivo.

4.- As candidaturas dos membros dos Claustro para ser elixible como representante na Mesa do Claustro, nas comisións delegadas ou noutras comisións e nos órganos estatutarios, presentaranse por escrito no Rexistro Xeral ou no Rexistro Electrónico antes das 14.00 horas da data de remate do prazo establecido pola Mesa do Claustro, agás que esta dispoña doutro xeito, e segundo o modelo por ela establecido.

5.- Na Comisión Electoral Central, a presentación de candidaturas será acordada pola Mesa Provisional e, no caso de renovación parcial daquela consonte os artigos 72.4 e 76.1 dos Estatutos e o artigo 8 do Regulamento Electoral Xeral, pola Mesa do Claustro.

6.- No caso de perda da condición de claustral ou de dimisión dalgún membro elixido en representación do Claustro, procederase do seguinte xeito:

a) Nomearase o candidato máis votado dos que non foran designados previamente.

b) De resultar imposible o anterior, procederase a unha nova votación.

7.- Para os efectos do funcionamento do Claustro e dos seus procesos internos de eleccións e toma de acordos, non se admitirán documentos que non cumpran os requisitos establecidos pola Mesa do Claustro.

Artigo 23. Das mocións e propostas

1.- Consonte o artigo 3 deste Regulamento, o Claustro poderá adoptar mocións e propostas, e corresponderá á Mesa do Claustro o establecemento do procedemento para a súa tramitación e defensa nun Pleno.

2.- En todo caso, a presentación de mocións e propostas requirirá para a su admisión un número de sinaturas non inferior a tres nin superior a dez.

3.- As mocións e propostas deberán presentarse por escrito no Rexistro Xeral ou no Rexistro Electrónico antes das 14.00 horas da data de remate do prazo establecido pola Mesa do Claustro, agás que esta dispoña doutro xeito, e segundo o modelo por ela establecido.

4.- Non se admitirán as mocións e propostas que non cumpran os requisitos fixados pola Mesa do Claustro.

Artigo 24. Das actas das sesións do Pleno e da documentación

1.- O secretario ou secretaria do Claustro confeccionará unha acta por cada unha das sesións do Pleno.

2.- Na acta deberá figurar inescusablemente.

a) Os membros do Claustro, nominalmente designados, que asistiron á sesión, indicando as ausencias e a súa xustificación de ser o caso.

b) A orde do día.

c) As circunstancias da celebración no que atinxe ao lugar e tempo.

d) Os acordos acadados, facendo constar se o foron por asentimento, unanimidade ou por maioría, e neste último caso, o número de votos emitidos, o sentido dos mesmos e o número de abstencións.

e) Os resultados dos procesos electorais celebrados no seo do Claustro, precisando nominalmente aos elixidos.

f) As mocións ou as propostas aceptadas, deixando constancia do nome dos claustrais que as formularon, así como a forma e o resultado da súa adopción.

3.- Na acta incluiranse os textos literais dos acordos e das mocións e propostas, os aspectos principais das deliberacións, así como calquera mención expresa relacionada cos puntos da orde do día que os claustrais, de xeito individual ou colectivo, desexen facer constar expresamente.

4.- Cada acta será asinada pola secretaria ou polo secretario do Claustro e estará acompañada do visto e prace do presidente ou presidenta.

5.- As actas das sesións anteriores serán aprobadas, de ser o caso, na seguinte sesión ordinaria do Pleno do Claustro. Os e as claustrais poderán formular por escrito obxeccións ás actas cunha antelación mínima de corenta e oito horas á data do Pleno e as deberán presentar na Secretaría Xeral. As obxeccións serán lidas antes da súa aprobación o do seu rexeitamento na sesión correspondente do órgano colexiado.

6.- Os membros do Claustro que discrepen da acta poderán formular por escrito nun prazo de corenta e oito horas posteriores á celebración da sesión o seu voto particular, tanto de carácter individual como colectivo. Así mesmo os membros asistentes poderán realizar a xustificación do seu voto seguindo o procedemento descrito.

7.- No caso de non presentarse obxeccións á acta, considerarase aprobada polo Claustro por asentimento.

Artigo 25. Da custodia das actas e da certificación dos acordos

1.- As actas do Pleno estarán depositadas xunto coa restante documentación nun repositorio ao que terán acceso os membros do Claustro previamente identificados mediante os sistemas de identificación persoal admitidos na Universidade de Santiago de Compostela e deberán ser publicadas nos seus medios oficiais e postas en coñecemento do conxunto da comunidade universitaria.

2.- Así mesmo, as actas de cada Pleno, unha vez aprobadas, incluiranse no Libro de Actas, custodiado polo secretario ou secretaria xeral, quen lle permitirá a súa consulta a calquera membro do Claustro.

3.- Os votos particulares contra unha acta incorporaranse ao texto definitivo da acta aprobada.

4.- Só darán fe dos acordos, das mocións e das propostas adoptados polo Claustro, as certificacións expedidas polo secretario co visto e prace do reitor ou de quen presida a sesión.

5.- As certificacións dos acordos, das mocións e das certificacións adoptados polo Claustro poderán expedirse:

a) De oficio, previo requirimento do Consello de Goberno ou do Consello Social, dos órganos das Administracións públicas ou dos órganos xudiciais no exercicio da súa competencia.

b) A instancia de calquera membro do Claustro.

c) A instancia de calquera persoa que xustifique o seu interese.

Nos dous últimos casos, o contido das certificacións limitarase á parte decisoria dos acordos e das propostas.

6.- A notificación administrativa de calquera asunto coñecido polo Claustro comprenderá o acordo literal tomado por este.

7.- Ademais do disposto no parágrafo anterior, o secretario ou secretaria deberá notificar os acordos tomados a aqueles membros da comunidade universitaria aos que lles afecte especificamente. Se fosen acordos relativos a un sector universitario en conxunto, faranse públicos no Taboleiro Electrónico e, de ser o caso, no Diario Oficial de Galicia para disposicións de carácter xeral que afecten a terceiras persoas.

8.- Os acordos, as mocións e as propostas aprobados polo Claustro deberán facerse públicos a toda a comunidade universitaria, sempre que non conteñan datos de carácter persoal.

CAPÍTULO III. DAS COMISIÓNS DO CLAUSTRO

Artigo 26. Das comisións delegadas

1.- O Claustro, consonte o artigo 2 deste Regulamento, poderá crear comisións delegadas.

2.- Nas comisións delegadas deberán estar representados os dous campus universitarios e tenderase a que sexan paritarias dende a perspectiva de xénero.

Artigo 27. Das competencias das comisións delegadas

1.- Son competencias das comisións delegadas:

a) A emisión de propostas concordantes coa súa natureza, que deberán ser deliberadas polo Claustro ou polo órgano correspondente que estea afectado.

b) A emisión de informes.

c) A recepción de información por parte dos órganos unipersoais de goberno relacionados coa súa natureza.

d) A formulación de acordos sobre aqueles asuntos expresamente delegados polo Claustro.

2.- No caso de actuar exercendo competencias delegadas polo Claustro en virtude deste Regulamento os dos seus acordos posteriores, as decisións das comisións terán o mesmo efecto que os acordos do Pleno e esgotarán a vía administrativa.

3.- No exercicio das restantes competencias, as decisións das comisións terán a natureza de propostas e serán sometidas ao Pleno para o seu debate e ratificación, se procede.

Artigo 28. Da elección de membros das comisións delegadas

1.- Os membros das comisións delegadas serán elixidos polos membros do Claustro por e de entre o seu correspondente sector.

2.- Para a elección dos representantes dos sectores I, II e III, a candidatura deberá indicar a grande área de coñecemento e o campus no que o candidato presta os seus servizos ou estuda. Para estes efectos considéranse grandes áreas de coñecemento as seguintes: Arte e Humanidades, Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Artigo 29. Do funcionamento das comisións delegadas

1.- As comisións delegadas serán presididas polo reitor ou reitora ou o vicerreitor ou vicerreitora en quen delegue. Cada comisión elixirá un secretario ou secretaria de entre os seus membros.

2.- As sesións das comisións delegadas deben celebrarse en días administrativamente hábiles, segundo o disposto na base 8ª das Liñas Xerais do Regulamento Electoral Xeral.

Serán convocadas polos respectivos presidentes ou por iniciativa dun terzo dos seus membros, coa antelación prevista para a convocatoria dunha sesión ordinaria do Pleno do Claustro.

3.- As comisións delegadas entenderanse validamente constituídas pola metade máis un dos seus membros en primeira convocatoria, ou un terzo en segunda, se polo menos dous sectores están representados. Os seus acordos, informes e propostas serán adoptados por maioría simple, sendo preciso que na votación exista o quórum antes referido, e serán trasladados á Mesa do Claustro, que, en todo caso, os fará chegar a todos os claustrais.

Artigo 30. Do nome das comisións delegadas

Son comisións delegadas do Claustro as seguintes:

a) Comisión de Actividades Culturais

b) Comisión de Asuntos Económicos

c) Comisión de Titulacións e Ordenación Docente

d) Comisión de Investigación

Artigo 31. Da Comisión de Actividades Culturais

A Comisión de Actividades Culturais estará integrada por:

a) O reitor ou o vicerreitor en quen delegue

b) 6 membros do sector I

c) 4 membros do sector II

d) 5 membros do sector III

e) 4 membros do sector IV

Artigo 32. Da Comisión de Asuntos Económicos

1.- A Comisión de Asuntos Económicos estará integrada por:

a) O reitor ou o vicerreitor en quen delegue

b) 9 membros do sector I

c) 4 membros do sector II

d) 2 membros do sector III

e) 3 membros do sector IV

2.- A Comisión de Asuntos Económicos asumirá as funcións de control das contas da Universidade establecidas no artigo 179.2 dos Estatutos.

Artigo 33. Da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente

1.- A Comisión de Titulacións e Ordenación Docente estará integrada por:

a) O reitor ou o vicerreitor en quen delegue

b) 15 membros do sector I, tres de cada gran área e como mínimo un de cada gran área por cada un dos dous Campus

c) 6 membros do sector II

d) 7 membros do sector III

e) 2 membros do sector IV

2.- A Comisión de Titulación e Ordenación Docente asume por delegación do Pleno do Claustro as competencias de:

a) Ratificar a concesión do grao de doutor honoris causa.

b) Emitir informe, preceptivo e previo á aprobación polo Consello de Goberno, sobre a viabilidade das novas titulacións.

c) Emitir informe preceptivo e previo á aprobación polo Consello de Goberno dos novos plans de estudos segundo o disposto no artigo 81.f) dos Estatutos.

Artigo 34. Da Comisión de Investigación

1.- A Comisión de Investigación estará integrada por:

a) O reitor ou vicerreitor en quen delegue

b) 9 membros do sector I

c) 4 membros do sector II

d) 2 membros do sector III

e) 1 membros do sector IV

2.- A Comisión de Investigación asume por delegación do Pleno do Claustro a competencia de emitir informes sobre plans estratéxicos de investigación, transferencia do coñecemento e emprendemento.

Artigo 35. Das comisións específicas

1.- O Claustro, consonte o artigo 2 deste Regulamento, poderá crear comisións específicas.

Estas desenvolverán unha función ou un traballo concreto ou efectuarán unha investigación.

2.- As comisións específicas terán a duración axeitada ao fin para o que foron creadas e non ostentarán competencias delegadas. O Claustro poderá acordar a súa desaparición se o fin da su creación se entende cumprido.

3.- Son competencias das comisións específicas:

a) A emisión de propostas concordantes coa súa natureza, que deberán ser deliberadas polo Claustro ou polo órgano correspondente que estea afectado.

b) A emisión de informes.

c) A recepción de información por parte dos órganos unipersoais de goberno relacionados coa súa natureza.

4.- Os informes e propostas das comisións específicas poderán ser preceptivos pero non vinculantes e, polo tanto, no esgotan a vía administrativa.

5.- Nas comisións específicas, deberán estar representados os dous campus universitarios e tenderase a que sexan paritarias dende a perspectiva de xénero.

6.- As comisións específicas serán presididas polo reitor ou reitora ou o vicerreitor ou vicerreitora en quen delegue, agás que no acordo do Claustro para a súa creación se dispoña doutro xeito. Cada comisión elixirá un secretario ou secretaria de entre os seus membros.

7.- As comisións específicas deben celebrarse en días administrativamente hábiles, segundo o disposto na base 8ª das Liñas Xerais do Regulamento Electoral Xeral.

CAPÍTULO IV. DA REPRESENTACIÓN DO CLAUSTRO EN COMISIÓNS E ÓRGANOS ESTATUTARIOS

Artigo 36. Da representación no Consello de Goberno

A elección da representación do Claustro no Consello de Goberno farase de acordo co disposto no artigo 79 dos Estatutos e no Regulamento Electoral Xeral.

Artigo 37. Da representación na Comisión Electoral Central

1.- Consonte o establecido no artigo 8.8 deste Regulamento, a Comisión Electoral Central será elixida inescusablemente polo Claustro Constituínte por e entre os seus membros segundo a adscrición a cada sector. A súa renovación parcial farase de acordo cos artigos 72.4 e 76.1 dos Estatutos e o artigo 8 do Regulamento Electoral Xeral.

2.- A Comisión Electoral Central, que contará polo menos con tres claustrais que teñan coñecementos xurídicos, estará integrada como segue:

a) O reitor ou persoa en quen delegue

b) O secretario xeral, que será tamén a da Comisión

c) 6 membros do sector I

d) 3 membros do sector II

e) 2 membros do sector III

f) 1 membro do sector IV

Artigo 38. Da representación na Comisión de Normalización Lingüística

1.- De conformidade co Plan de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, o Claustro elixirá unha Comisión de Normalización Lingüística.

2.- A Comisión de Normalización Lingüística, que contará co mesmo número e distribución de claustrais que a Mesa do Claustro, estará integrada por:

a) O reitor ou persoa en quen delegue

b) O director técnico do Servizo de Normalización Lingüística, que actuará como secretario

c) 6 membros do sector I

d) 3 membros do sector II

e) 3 membros do sector III

f) 1 membro do sector IV

CAPÍTULO V. DA ELECCIÓN POLO CLAUSTRO DOS MEMBROS DOUTRAS COMISIÓNS

Artigo 39. Da elección na Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor

1.- De conformidade cos artigos 10.3 dos Estatutos e 5 do Estatuto do Valedor da Comunidade Universitaria, o Claustro elixirá de entre os membros da comunidade universitaria os integrantes da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor.

2.- A Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor estará integrada por:

a) 2 membros do PDI ou das restantes categorías do persoal docente e investigador

b) 2 membros do alumnado matriculado en titulacións oficiais

c) 2 membros do persoal de administración e servizos

Artigo 40. Da elección na Comisión de Reclamacións

1.- A Comisión de Reclamacións prevista polos artigos 66 da LOU e 21.7 dos Estatutos, será elixida polo Claustro por votación conxunta e secreta.

2.- Serán elixidos membros da Comisión de Reclamacións sete catedráticos de universidade da Universidade de Santiago de Compostela, das cinco grandes áreas de coñecemento, non necesariamente membros do Claustro. A Comisión contará cun presidente e un secretario de acordo co disposto na normativa vixente.

CAPÍTULO VI. DA REMOCIÓN DO REITOR E DA CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA DE ELECCIÓNS

Artigo 41. Proposta e trámite

1.- Consonte os artigos 76.2 dos Estatutos e 4 e 6 do presente Regulamento, o Claustro poderá acordar a remoción do reitor mediante a convocatoria de eleccións extraordinarias por maioría de dous terzos dos membros.

2.- A proposta, cumpridamente fundamentada, deberá ser dirixida á Presidencia do Claustro de forma escrita, será asinada por, cando menos, un terzo dos claustrais e entregada no Rexistro Xeral ou no Rexistro Electrónico da Universidade.

3.- Se a proposta reúne os requisitos anteriores, o reitor convocará unha sesión extraordinaria con este único punto da orde do día, que deberá celebrarse entre os quince e os corenta e cinco días posteriores á súa recepción, sen que se tomen en consideración os períodos sen actividade docente.

4.- O debate da proposta desenvolverase do xeito que acorde a Mesa do Claustro e nel terán dereito a intervir durante un mínimo de trinta minutos un dos asinantes da proposta e, despois e co mesmo tempo, o reitor, quen pechará as intervencións.

5.- A votación da proposta será secreta.

6.- Se a iniciativa non fose aprobada, ningún dos asinantes poderá participar na presentación doutra iniciativa deste carácter ata pasado un ano dende a súa votación.

CAPITULO VII. DA REFORMA DOS ESTATUTOS DA UNIVERSIDADE

Artigo 42. Do seu procedemento

1.- De conformidade co artigo 185 dos Estatutos da Universidade, o Claustro Universitario poderá aprobar a reforma dos Estatutos por maioría absoluta, a iniciativa de polo menos o vinte por cento dos seus membros ou de acordo do Consello de Goberno.

2.- A proposta para a reforma será presentada ao reitor mediante escrito asinado polos membros do Claustro ou por certificación do acordo do Consello de Goberno expedida pola Secretaría Xeral, e entregada en ambos os dous casos no Rexistro Xeral ou no Rexistro Electrónico da Universidade.

3.- A proposta para reformar os Estatutos virá acompañada dunha exposición de motivos, dun texto alternativo onde se detallen os aspectos que se vaian modificar, e das sinaturas de polo menos o vinte por cento dos claustrais ou da certificación do acordo adoptado polo

Consello de Goberno ao respecto.

4.- Nun prazo máximo de tres días hábiles, que se contarán dende o seguinte ao de rexistro da proposta, o secretario xeral daralle traslado aos membros da Mesa do Claustro a través do correo electrónico ou, no seu defecto, do enderezo postal, confirmando de todos os xeitos o xustificante de recepción. A Mesa do Claustro, nun prazo de cinco días hábiles a contar dende o seguinte a do termo do prazo anterior, decidirá sobre a admisión da proposta.

5.- Se a proposta fose admitida, no prazo de tres días hábiles, que se contarán dende o seguinte ao de admisión da proposta pola Mesa do Claustro, esta establecerá o procedemento de redacción dun proxecto de reforma que será posto en coñecemento dos membros do Claustro coa apertura dun prazo mínimo de dez días hábiles para facer emendas, segundo as condicións que aquela dispoña. No caso de que estivese constituída unha comisión específica de estatutos ou de desenvolvemento estatutario, a Mesa do Claustro encomendaralle a redacción do proxecto de reforma.

6.- Elaborado o proxecto de reforma segundo o disposto no parágrafo anterior, a Presidencia convocará unha sesión extraordinaria do Pleno do Claustro na que será debatido e, de cumprirse o disposto no parágrafo primeiro deste artigo, aprobado.

7.- Consonte o artigo 185 dos Estatutos, o novo texto será remitido á Xunta de Galicia para a súa ratificación. Se existisen reparos de legalidade, serán subsanados polo procedemento descrito nos parágrafos anteriores e o texto xa corrixido remitirase de novo á Xunta de Galicia. O texto definitivamente aprobado entrará en vigor o día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

8.- No caso da non aprobación do proxecto de reforma por non acadar a maioría absoluta, a reforma dos Estatutos da Universidade entenderase rexeitada e non se poderá presentar unha idéntica ata que transcorra un prazo de dous anos.

Disposición adicional primeira. Do uso dos medios electrónicos no Pleno do Claustro e nas comisión delegadas e nas específicas

A Mesa do Claustro articulará un procedemento co fin de garantir a utilización de medios electrónicos para:

- A notificación das convocatorias das sesión.

- A presentación de mocións, propostas, emendas e candidaturas.

- O acceso ás actas e á documentación correspondente aos puntos que se van tratar na orde do día.

- As votacións nos plenos.

Disposición adicional segunda. Da conciliación da vida familiar e laboral

1.- Os membros do Claustro que estean nalgunha das situacións que se relacionan nesta disposición adicional non serán suspendidos da súa condición de tales e, polo tanto, conservarán o seus dereitos de asistencia ás sesións do Pleno ou das comisións delegadas ou específicas con voz e voto. Así mesmo, deberán cumprir os deberes que o presente Regulamento lles impón.

2.- As situacións ás que se refire o apartado anterior son:

a) Os permisos por maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación.

b) O permiso de lactación acumulado.

c) A incapacidade temporal derivada dun embarazo de risco.

d) As reducións de xornada por coidado dun menor ou dun adulto, nos termos e condicións establecidos nos artigos 48 e 49 do Estatuto Básico do Empregado Público; no artigo 37 do Estatuto dos Traballadores; e nas demais normas legais ou convencionais que os desenvolvan.

e) Os permisos, traslados e reducións de xornada das funcionarias e traballadoras pola súa condición de vítimas da violencia de xénero; ademais da incapacidade temporal derivada das lesións ou enfermidades padecidas no marco desa mesma situación.

Disposición adicional terceira. Do voto delegado e do voto telemático

1.- O voto dos claustrais é indelegable, agás os casos que se relaciona deseguido e sen prexuízo do establecido no artigo 72.2 dos Estatutos:

a) Os permisos por maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación.

b) O permiso de lactación acumulado.

c) A incapacidade temporal derivada dun embarazo de risco.

d) Os permisos, traslados e reducións de xornada das funcionarias e traballadoras pola súa condición de vítimas da violencia de xénero; ademais da incapacidade temporal derivada das lesións ou enfermidades padecidas no marco desa mesma situación.

2.- O dereito ao voto dun claustral en situación de incapacidade temporal derivada de continxencias profesionais ou de continxencias comúns so poderá ser exercido por delegación ou de xeito telemático, sen prexuízo do disposto no artigo 72.2 dos Estatutos.

Exclúese desta prescrición a situación de incapacidade temporal derivada dun embarazo de risco consonte o establecido na disposición adicional segunda deste Regulamento.

3.- A Mesa do Claustro, por resolución motivada, poderá autorizar que os claustrais participen nas votacións mediante voto delegado ou voto telemático.

4.- Para o exercicio do dereito ao voto de forma delegada, o claustral procederá como se describe:

a) Dirixirá por escrito unha instancia á Mesa do Claustro, que se presentará no Rexistro Xeral ou no Rexistro Electrónico da Universidade cunha antelación de dous días á data de celebración do Pleno do Claustro.

b) Na instancia figurará inescusablemente o nome do claustral solicitante, o nome do claustral no que se delega o voto, os puntos da orde do día para os que actuará o voto delegado e as votacións nas que se exercerá.

c) A instancia virá acompañada dos documentos que acrediten a situación alegada polo claustral para exercer o voto delegado.

d) A delegación efectuarase de forma expresa a favor doutro claustral do mesmo sector que o que delega o voto, non podendo ser prorrogada tacitamente.

5.- Para o exercicio do dereito ao voto telemático, o claustral dirixirá unha instancia á Mesa do Claustro, que se presentará no Rexistro Xeral ou no Rexistro Electrónico da Universidade cunha antelación de dous días á data de celebración do Pleno do Claustro. Na instancia figurará inescusablemente:

a) O nome do claustral.

b) Os puntos da orde do día para os que actuará o voto telemático.

c) As votacións no que se exercerá o voto telemático.

No obstante o anterior, a Mesa do Claustro non autorizará o voto telemático cando a Universidade non poida asegurar por motivos técnicos ou orzamentarios a súa correcta articulación.

Disposición adicional cuarta. Da elaboración dun Regulamento de Réxime Interno do Claustro ou da súa reforma

1.- A proposta para a elaboración ou para a reforma do Regulamento de Réxime Interno do Claustro corresponde ao reitor, ao propio órgano colexiado, previa adopción dun acordo en tal sentido, ou ao vinte por cento dos seus membros.

2.- A proposta para a elaboración ou para a reforma Regulamento de Réxime Interno do Claustro virá acompañada dunha exposición de motivos, dun texto alternativo no que se detallen os aspectos que se van modificar, e, de ser o caso, das sinaturas de polo menos o vinte por cento dos claustrais.

3.- A proposta será dirixida ao secretario xeral, quen dará traslado nun prazo de tres días hábiles, á Mesa do Claustro, para que a comunique aos claustrais e abra outro prazo para a presentación de emendas, que deberán vir asinadas por polo menos dez claustrais.

4.- O debate da aprobación ou da reforma do Regulamento de Réxime Interno do Claustro terá lugar nunha sesión extraordinaria do Pleno do Claustro.

5.- A proposta e as emendas, tras seren debatidas, someteranse a votación de xeito individual e aprobaranse contando co voto favorable da maioría dos presentes.

6.- O texto final do proxecto de regulamento, coa incorporación das emendas se procedese, deberá ser aprobado pola maioría absoluta dos membros do Claustro.

Disposición adicional quinta. Linguaxe non sexista

As expresións referidas aos cargos académicos e a certas responsabilidades, aos claustrais, así como aos alumnos, estudantes e similares, entenderase nun sentido neutro, sen identificación de sexo, pois abranguen tanto ao xénero feminino como ao masculino.

Disposición adicional sexta. Dereito supletorio

O presente Regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos Estatutos da Universidade e nas normas vixentes sobre o ensino universitario, así coma no resto do ordenamento xurídico. En particular, para o que non estea previsto neste Regulamento nin nos Estatutos da Universidade ou na normativa sectorial, aplicarase a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria primeira. Da Comisión de Organización Docente e da Comisión de Titulacións e Programas de Estudos

1.- A Comisión de Titulacións e Ordenación Docente constituirase coa composición detallada no artigo 33 do presente Regulamento no seguinte Claustro constituínte. Durante o actual mandato do reitor, continuarán desenvolvendo as súas funcións a Comisión de Organización Docente e a Comisión de Titulacións e Programas de Estudos.

2.- A Comisión de Organización Docente asume por delegación do Pleno do Claustro a competencia de ratificar a concesión do grao de doutor honoris causa e de emitir informe, preceptivo e previo á aprobación polo Consello de Goberno, sobre a viabilidade das novas titulacións.

3.- A Comisión de Titulacións e Programas de Estudos asume por delegación do Pleno do Claustro a competencia de emitir informe preceptivo e previo á aprobación polo Consello de Goberno dos novos plans de estudos segundo o disposto no artigo 81.f) dos Estatutos.

Disposición transitoria segunda. Da Comisión Específica de Desenvolvemento Estatutario

1. A Comisión de Desenvolvemento Estatutario é unha comisión específica do Claustro que poderá subsistir mentres se manteña o fin para o que foi creada.

2. A función da Comisión de Desenvolvemento Estatutario é a elaboración dos proxectos de normas que desenvolvan directamente os Estatutos da Universidade para a súa posterior discusión e, de ser o caso, aprobación polos órganos colexiados competentes.

3. O Claustro poderá decidir a desaparición da Comisión de Desenvolvemento Estatutario por acordo adoptado pola maioría dos seus membros.

4. A Comisión de Desenvolvemento Estatutario estará integrada por:

- 23 membros dos sector I

- 3 membros do sector II

- 11 membros do sector III

- 3 membros do sector IV

5. A Presidencia e a Secretaría da Comisión de Desenvolvemento Estatutario serán elixidas polos seus membros. Deberá contar cunha representación dos dous campus universitarios, tenderase á súa composición paritaria dende a perspectiva do xénero e coa presenza de dous membros que teñan coñecementos xurídicos.

Disposición derrogatoria

Quedará sen efecto e, polo tanto, derrogado o Regulamento de Réxime Interno do Claustro aprobado polo acordo do seu Pleno do 23 de febreiro de 2006.

Disposición derradeira

O presente Regulamento de Réxime Interno do Claustro entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro de Anuncios Electrónico da Sede Electrónica previa a súa aprobación polo Pleno do Claustro.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver