Resolución reitoral sobre a acreditación da competencia en lingua galega polos candidatos seleccionados en concursos de profesorado

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0552
Departamento: Reitor
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións
Inclúe a corrección de erros do 8 de xuño de 2021.

O Regulamento para a selección de profesorado con vinculación permanente, aprobado por acordo do Consello de Goberno do 27 de setembro de 2019, e o Regulamento de selección de profesorado non permanente, aprobado en Consello de Goberno de 8 de abril de 2019 e modificado o 7 de febreiro de 2020, establecen nos seus artigos 7.g) e 10.1.e), respectivamente, que o profesorado seleccionado deberá "acreditar o coñecemento das dúas linguas oficiais na Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido na lexislación vixente". O primeiro destes textos precisa que "o coñecemento do español acreditarase mediante un diploma de español como lingua estranxeira de nivel B2 ou superior. As persoas que sexan nacionais de Estados que teñen o español como lingua oficial non terań que acreditar o seu coñecemento. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase mediante un diploma Celga3 ou equivalente. A Universidade dispora ́ os medios necesarios para que o profesorado seleccionado que non poida acreditalo inicialmente estea en condicións de facelo no prazo que determine a convocatoria ou, en todo caso, antes de transcorridos dous anos desde a contratación ou nomeamento".

Estas previsións teñen como obxectivo dar cumprimento ao establecido con carácter xeral para o acceso á función pública na comunidade autónoma de Galicia. Ao tempo, en particular no que se refire ao galego, preténdese garantir que o profesorado da Universidade de Santiago de Compostela teña unha competencia inicial suficiente para atender as súas obrigas docentes así como para desenvolverse nunha institución que, de acordo co artigo 3 dos seus Estatutos, define o galego como lingua propia da Universidade de Santiago de Compostela e declara que "potenciará e garantirá, no marco das súas competencias, o uso pleno da lingua galega en todos os ámbitos", así como que "adoptará as medidas necesarias para asegurar o coñecemento suficiente das linguas cooficiais na acollida dos seus membros, co fin de garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria".

Co fin de axilizar o proceso de acreditación deste coñecemento, esta Reitoría resolve:

Primeiro.-

A acreditación do nivel de competencia en lingua galega requirido polos artigos 10.1.e) do Regulamento de selección de profesorado non permanente e 7 do Regulamento para a selección de profesorado con vinculación permanente poderase realizar a través dalgún dos seguintes procedementos antes de transcorridos dous anos desde a contratación ou nomeamento:

a) Presentación dunha certificación Celga3 ou superior ou validacións para este nivel ou para niveis superiores estendidas de acordo co disposto na Orde do 10 de febreiro de 2014, pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

b) Presentación dunha certificación de aptitude ou de validación dos niveis de iniciación ou perfeccionamento en lingua galega (expedidas ao abeiro da Orde do 19 de xaneiro de 1989 e da Orde do 1 de abril de 2005), de conformidade co disposto nas disposicións adicionais segunda e terceira da orde citada no punto 1.

c) Superación dunha proba específica que realizará o Centro de Linguas Modernas da USC.

Segundo.-

Considérase equivalente para os efectos de acreditar o nivel de competencia en lingua galega requirido nos regulamentos citados:

a) A posesión dun título de Licenciatura en Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués) ou en Filoloxía Galega, dun Grao en lingua e literatura galegas ou titulación equivalente.

b) A posesión dun título de licenciatura ou grao noutras titulacións oficiais en que se cursasen cando menos 18 créditos en materias de lingua e literatura galegas.

c) A condición de membro do persoal docente e investigador da área de Filoloxías Galega e Portuguesa.

d) A impartición como persoal docente e investigador de cando menos 240 horas en lingua galega no marco de titulacións oficiais.

Terceiro.-

Os/as profesores/as que desexen acollerse a algún dos supostos recollidos no apartado segundo deberano solicitar expresamente a través do formulario dispoñible na páxina web do Servizo de Planificación de PDI.

O reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver