Normativa sobre prelación de categorías de profesorado e determinación da antigüidade para efectos internos na USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1019
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

Os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados por Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 6 de agosto de 2014), establecen no seu artigo 16 que, "cando sexa de aplicación para efectos internos, o criterio de antigüidade do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela entenderase referido ao tempo de permanencia nela dentro da categoría de que se trate".

Ao tempo, a disposición adicional 4ª deste texto establece:

Para os efectos de prelación entre as categorías establecidas no artigo 16, os corpos e categorías ordénanse do seguinte xeito:

1. Catedráticos de universidade en activo ou eméritos.

2. Profesores titulares de universidade e catedráticos de escola universitaria en activo ou eméritos.

3. Profesores titulares de escola universitaria e profesores contratados doutores.

4. Profesores colaboradores.

5. Profesores axudantes doutores.

6. Axudantes.

7. Profesores asociados.

8. Outro persoal docente e investigador contratado.

Co fin de desenvolver o establecido no texto estatutario, o Consello de Goberno da Universidade, en sesión celebrada o 4 de febreiro de 2015, aprobou unha Normativa sobre o criterio de antigüidade do persoal docente e investigador para efectos internos na USC, na que se definen os criterios que deben ser empregados para determinar a antigüidade do PDI, e se completa a clasificación en grupos das diferentes figuras de profesorado existentes.

Porén, a aplicación destes criterios ao longo dos útlimos anos xerou algúns efectos non desexados, ou que, cando menos, semellan contrarios ao espírito da norma, como o que se produce cando dúas ou máis persoas que na mesma data asinan un contrato ou toman posesión dunha praza dun grupo superior a aquel ao que pertencían, ven alterada a súa posición relativa en termos de antigüidade, de tal xeito que a persoa que tiña maior antigüidade antes da sinatura do contrato ou da toma de posición pode non selo despois.

Por outra banda, a citada Normativa establecía algúns criterios, como o que figuraba no seu apartado cuarto a respecto da prelación dentro de cada grupo do profesorado acreditado para unha categoría superior, que estaban motivados por situacións conxunturais como era a existencia de bolsas de profesorado acreditado, nalgúns casos de dimensións considerables, que tiñan un horizonte incerto con respecto á súa promoción. A disolución ou a redución significativa destas bolsas, e as perspectivas de promoción do profesorado acreditado nun tempo razoable, aconsellan eliminar da normativa este tipo de criterios. Algo semellante acontece cos períodos de contratación en figuras de profesorado temporal debidos á interrupción ou adiamento de procesos de estabilización producidos no marco da crise económico-financeira da pasada década. Tamén neste caso parece razoable eliminar da normativa as excepcións que figuraban no texto anterior.

En consecuencia, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 29 de xuño de 2022, tras o acordo da Mesa de PDI celebrada o día 22 de xuño de 2022 e do informe favorable da Comisión de Organización Académica e Profesorado do día 23 de xuño de 2022, acorda aprobar a seguinte:

Normativa sobre prelación de categorías de profesorado e determinación da antigüidade para efectos internos na USC

Artigo 1. Obxecto

Esta Normativa ten por obxecto definir os criterios para a prelación entre as diferentes categorías e figuras de profesorado e para a determinación de antigüidade do persoal docente e investigador para efectos internos na USC.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta Normativa será de aplicación en todos aqueles procesos internos da Universidade en que sexa preciso determinar a prelación entre dous ou máis membros do PDI.

Artigo 3. Categorías de profesorado

1. De acordo co establecido na disposición adicional cuarta dos Estatutos, e para os efectos desta Normativa, os diferentes corpos docentes e figuras de profesorado organízanse nos seguintes grupos, por orde de prelación:

a) Grupo 1, do que forman parte os catedráticos/as de universidade e o profesorado emérito que á súa xubilación pertencía a este corpo docente.

b) Grupo 2, do que forman parte o profesorado titular de universidade, os catedráticos/as de escola universitaria e o profesorado emérito que á súa xubilación pertencía a estes corpos docentes.

c) Grupo 3, do que forman parte o profesorado titular de escola universitaria, o profesorado contratado doutor, o persoal docente procedente da antiga Escola de Graduados Sociais, integrada na USC polo Decreto 241/1991, do 4 de xullo, o profesorado funcionario interino.

d) Grupo 4, do que forman parte o profesorado colaborador e os lectores/as de linguas modernas.

e) Grupo 5, do que forma parte o profesorado axudante doutor, e o persoal investigador contratado ao abeiro de programas posdoutorais competitivos, como o Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva, etc.

f) Grupo 6, do que forman parte os axudantes.

g) Grupo 7, do que forman parte o profesorado asociado e o profesorado asociado de Ciencias da Saúde.

h) Grupo 8, do que forman parte o profesorado interino de substitución e o restante persoal docente e investigador non integrado en corpos ou categorías asimilados aos anteriores.

2. Todas as categorías incluídas en cada un dos grupos mencionados no apartado 1 teñen a mesma prelación, polo que o período de permanencia nas diferentes categorías que integran cada grupo será computado conxuntamente.

3. Ademais das categorías incluídas en cada un dos grupos mencionados, formarán parte deles os corpos e categorías equiparados legalmente aos integrados neles.

4. O profesorado cuxa contratación fose declarada indefinida por sentenza xudicial incluirase no grupo ao que pertenza a categoría de referencia.

Artigo 4. Criterios para a determinación da prelación e antigüidade do PDI

1. Para determinar a prelación e antigüidade de dous ou máis membros do persoal docente e investigador teranse en conta sucesivamente os seguintes criterios:

a) O corpo ou categoría ao que pertencen e o lugar que ocupa o grupo correspondente na relación ordenada que se recolle no artigo 3 desta Normativa.

b) O tempo total de permanencia na Universidade de Santiago de Compostela dentro das categorías integradas no grupo de prelación ao que pertencen na actualidade. De persistir o empate computarase o tempo total de permanencia na Universidade de Santiago de Compostela dentro das categorías do grupo de prelación inmediatamente anterior, e así sucesivamente. Se a pesar de todo persistise o empate, considerarase máis antigo o membro de máis idade.

2. Para determinar a antigüidade dun membro do persoal docente e investigador dentro dun corpo docente ou dunha categoría de profesorado terase en conta a data de toma de posesión ou de sinatura do contrato, segundo corresponda.

3. As situacións de comisión de servizos e de excedencia con reserva de posto, e as licenzas por ano sabático do persoal docente e investigador da USC non alteran a súa vinculación con esta para os efectos de determinar a súa antigüidade.

Disposición adicional

Para os efectos da presente normativa, os servizos prestados en figuras de profesorado existentes antes da aprobación da Lei Orgánica de Universidades equipáranse do seguinte xeito:

a) Os axudantes e profesores asociados doutores que non compatibilizasen a súa actividade con outra fóra da universidade quedan equiparados ao grupo 3.

b) Os axudantes e profesores asociados non doutores que non compatibilizasen a súa actividade con outra fóra da universidade quedan equiparados ao grupo 4.

c) Os profesores asociados que compatibilizasen a súa actividade con outra fóra da universidade quedan equiparados ao grupo 7.

Disposición transitoria

Durante os cursos 2022-23 e 2023-24, dentro de cada un dos grupos delimitados no artigo 3.1 o profesorado acreditado para unha categoría superior terá prelación sobre os demais integrantes do grupo. O profesorado que se encontre nesta situación ordenarase en función da categoría para a que estea acreditado.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Normativa sobre o criterio de antigüidade do persoal docente e investigador para efectos internos na USC, aprobada en Consello de Goberno do 4 de febreiro de 2015, así como calquera outra disposición que se opoña á presente Normativa.

Disposición final

Esta Normativa entrará en vigor ao inicio de curso 2022-2023.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver