Normativa de concesión de licenzas por ano sabático
NORMA CONSOLIDADA
A Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, salienta a necesidade de impulsar a mobilidade dos investigadores dentro e fóra do Espazo Europeo de Educación Superior, co fin de mellorar a formación e a actividade investigadora, a través da concesión dos oportunos permisos e licenzas.
O artigo 19 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 98/2014, do 17 de xullo de 2014 (DOG do 6 de agosto de 2014) , recolle o dereito do profesorado que cumpra determinados requisitos a unha licenza dun ano conservando todos os seus dereitos económicos e administrativos. Ademais, neste mesmo decreto indícase tamén que será o Consello de Goberno o encargado de elaborar a normativa co réxime destas licenzas, así como de decidir sobre a súa concesión, tendo en conta os proxectos de actividades que se vaian realizar. En todo caso, asegurarase de que queden debidamente cubertas as funcións docentes do departamento correspondente, para o que o Consello de Goberno poderá habilitar partidas específicas.
O tempo transcorrido dende a aprobación da actual normativa, e a experiencia acadada na súa aplicación, aconsellan facer unha revisión en profundidade, co obxecto de introducir algunhas modificacións tanto dos requisitos procedementais como dos de fondo.
Deste xeito, e en cumprimento do establecido no citado artigo 19 dos Estatutos, o Consello de Goberno, na súa sesión de 5 de xuño de 2015, aproba a seguinte Normativa de Concesión de Licenzas por Ano Sabático.
Artigo 1. Obxecto
O obxecto da concesión de licenzas por permiso sabático é contribuír á mellora da calidade docente e investigadora mediante os oportunos intercambios de ideas e metodoloxía entre o profesorado, tanto no ámbito nacional como internacional.
O período de licenza dedicarase á investigación, á ampliación de estudos ou á adquisición e a actualización de coñecementos sobre métodos docentes ou de investigación practicados en ámbitos disciplinares relevantes, co fin de adaptar os programas de docencia e de investigación ás demandas sociais.
A concesión dunha licenza por permiso sabático eximirá de docencia ao PDI desta Universidade durante o período do seu goce. Non obstante, o profesorado poderá asumir a dirección de traballos de fin de grao e máster que estivese dirixindo no curso anterior.
Artigo 2. Réxime de actividade
A concesión de licenzas por permiso sabático é incompatible con:
a) O exercicio de cargos académicos.
b) A realización de calquera actividade laboral por conta propia ou allea.
c) A impartición de docencia en títulos propios.
Pola contra, será compatible coas seguintes actividades:
a) Asistencia a órganos colexiados e comisións das que sexa membro.
b) Solicitude de proxectos de investigación.
c) Dirección de teses
d) Cursar estudos de formación docente, posgrao e especialización.
Artigo 3. Período
Existirán dous tipos de licenzas por sabático:a licenza semestral e a licenza anual.
A licenza semestral terá unha duración de entre 4 e 5 meses e poderase gozar de xeito ininterrompido entre setembro e xaneiro (ambos incluídos) ou entre febreiro e xuño (ambos incluídos).
A licenza anual terá unha duración de entre 8 e 12 meses, equivalerá a dúas licenzas semestrais e deberá gozarse de xeito ininterrompido ao longo dun mesmo curso académico.
A duración dunha licenza por sabático non poderá ampliarse nin prorrogarse por ningún motivo, e non poden acumularse en ningún caso varios períodos sabáticos.
A renuncia á licenza, unha vez iniciado o permiso por sabático, equipararase ao goce do período completo, agás nas licenzas anuais se a renuncia se presentase dentro dos seis primeiros meses dende o inicio do permiso; neste caso, equipararase ao goce dunha licenza semestral, sendo de aplicación o disposto no parágrafo anterior do presente artigo para os efectos de goce dunha nova licenza.
Artigo 4. Requisitos
Para poder solicitar a licenza por ano sabático será necesario:
1. Ser profesora ou profesor funcionario ou contratado en réxime laboral con carácter indefinido na Universidade de Santiago de Compostela.
2. Ter un mínimo ininterrompido de 6 anos de docencia nesta Universidade, en situación de servizo activo ou asimilada, en réxime de dedicación a tempo completo e ter esa mesma dedicación no momento da solicitude. Non se computará dentro deste período de 6 anos o tempo que, de ser o caso, o profesorado permaneza en situación de excedencia ou comisión de servizos.
3. Non estar sancionado disciplinariamente no momento da solicitude.
4. Ter transcorrido un período de seis anos contados a partir da data en que finalizou a licenza anual para o goce dunha nova. O PDI que gozara dun semestre sabático poderá solicitar outro semestre sabático ao cabo de tres anos, ou un ano sabático, ao cabo de seis anos, contados a partir da data de finalización da licenza.
5. Dispoñer da aceptación do centro onde se pretende realizar o labor investigador ou de estudos, no caso de que a licenza implique estadías de investigación.
Artigo 5. Procedemento: convocatoria e documentación
1. A Reitoría abrirá cada curso académico unha convocatoria para que o profesorado que cumpra os requisitos establecidos nesta normativa poida solicitar licenzas por ano sabático.
2. A convocatoria poderá prever que tanto as solicitudes como os informes ou outra documentación sexan tramitados por medios electrónicos.
3. Os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:
a) Instancia dirixida ao reitor.
b) Curriculum vitae.
c) Descrición da actividade que se vai realizar durante a licenza, acompañada dunha declaración expresa de que non se dedicarán durante o tempo de goce da licenza a ningunha outra actividade distinta daquela para a que se solicita.
d) Informe do Consello de Departamento. O informe terá como contido mínimo:
- Conveniencia para o Departamento e para o Centro ou Instituto da concesión do permiso sabático, apuntando as achegas que suporá para a Universidade o seu goce, tanto no ámbito docente coma no investigador.
- No seu caso, compromiso do Departamento de facerse cargo durante o goce do permiso sabático de todas as obrigas docentes do solicitante sen prexuízo para o encargo docente, indicando as medidas arbitradas para ese fin.
- No seu caso, compromiso do Instituto Universitario de facerse cargo durante o goce do permiso sabático das tarefas que tivera asignadas o solicitante.
- Se se presentase máis dunha solicitude de profesorado pertencente a unha mesma área de coñecemento, deberá achegarse un informe do Departamento sobre a prelación de solicitudes.
4. Os informes emitidos polos Consellos de Departamento serán tidos en conta pola Comisión de Organización Académica e Profesorado (COAP) na elaboración da proposta que enviará ao Consello de Goberno para a decisión sobre a concesión da licenza, pero non terán carácter vinculante.
5. No caso de que a persoa beneficiaria teña previsto levar a cabo estadías en centros nacionais ou estranxeiros, deberá recollerse na solicitude a aceptación da estadía por parte da persoa responsable da institución receptora. Ademais, o perceptor da licenza está obrigado a solicitar á vicerreitoría competente en materia de PDI as correspondentes licenzas para os efectos de docencia e investigación, seguindo o procedemento habilitado para tal fin. Esta información rexistrarase na base de datos correspondente a licenzas para os efectos de docencia e investigación.
Artigo 6. Criterios de concesión
1. Corresponderá o estudio das solicitudes de licenzas por a no sabático á COAP, que proporá ao Consello de Goberno a concesión das licenzas atendendo aos seguintes criterios:
- Número de permisos de sabáticos gozados con anterioridade.
- Antigüidade como profesor funcionario ou contratado na Universidade de Santiago de Compostela.
- Interese científico e académico da actividade que se vai desenvolver tendo en conta o programa de actividades do solicitante, a súa adecuación ás necesidades docentes e investigadoras, presentes e futuras, do Departamento, así como a calidade e idoneidade para ser desenvolvido no centro receptor.
- Curriculum vitae da persoa solicitante. Para tal efecto poderanse solicitar informes externos.
2. Como criterio de valoración darase preferencia ás solicitudes para a formación en novas metodoloxías docentes e o desenvolvemento de traballos científicos ou tecnolóxicos de carácter innovador, valorándose a oportunidade da investigación e a súa contribución ao avance da investigación na Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 7. Concesión
A COAP, á vista da documentación recibida e en base á valoración realizada, proporá ao Consello de Goberno a concesión ou denegación das licenzas solicitadas. O Consello de Goberno decidirá sobre a súa concesión con polo menos dous meses de antelación á data de comezo do permiso.
No caso dos profesores que desempeñen unha praza vinculada con función asistencial no SERGAS ou no Hospital Rof Codina, consonte aos respectivos convenios, o acordo do Consello de Goberno trasladarase ás Comisións Mixtas correspondentes para que estas adopten a decisión que proceda.
No caso de que dous ou máis profesores dunha mesma área de coñecemento soliciten unha licenza por sabático para un período coincidente, total ou parcialmente, só poderá concederse unha delas. Excepcionalmente, este número poderá elevarse se iso non causa prexuízos ao desenvolvemento da docencia e da investigación.
Os acordos adoptados polo Consello de Goberno serán notificados aos interesados pola Vicerreitoría con competencias en PDI, e tamén se dará conta do acordo ás direccións de departamento, centro e, de ser o caso, instituto.
Artigo 8. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas do profesorado que obteña a concesión da licenza:
a) Cumprir co plan de traballo previsto na solicitude.
b) Presentar unha memoria das actividades realizadas, no prazo de tres meses, unha vez rematada a licenza. A memoria deberá acompañase dun informe do Consello de Departamento.
A aceptación da licenza por parte da persoa beneficiaria implica a das normas fixadas na convocatoria e o cumprimento dos requisitos establecidos nela.
A aprobación da memoria será considerada como informe favorable do período sabático para os efectos da concesión da compoñente por méritos docentes do complemento específico.
Artigo 9. Incumprimentos
O incumprimento por parte das persoas perceptoras das licenzas das obrigas previstas nesta normativa, ademais de comportar unha valoración negativa para os efectos do recoñecemento do complemento por méritos docentes, suporá, ata que se emende dito incumprimento, a inhabilitación para a percepción dunha nova licenza, todo isto sen prexuízo de que o reitor poida adoptar outro tipo de medidas no caso de que o incumprimento puidese constituír unha falta disciplinaria.
Disposición derrogatoria
Coa entrada en vigor da presente Normativa derrógase a precedente “Normativa de anos sabáticos”, aprobada por acordo do Consello de Goberno de 22 de decembro de 2008.
Disposición final
A presente Normativa entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da USC: https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm
Así mesmo, publicarase na web do Servizo de Planificación do PDI: Normativa de Concesión de Licenzas por Ano Sabático.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.