Acordo do consello de goberno polo que se aproba a modificación do baremo de méritos para a provisión de postos de traballo de persoal funcionario técnico, de xestión, administración e servizos (2025)
NORMA CONSOLIDADA
O 26 de marzo de 2014 foi aprobado en Consello de Goberno o baremo de méritos para a provisión de postos de traballo do persoal funcionario de administración a servizos funcionario que está actualmente en vigor.
Transcorridos mais de dez anos desde a súa aprobación, e tendo en conta que hai elementos no seu contido obsoletos e non axustados a dereito, de conformidade co ditado pola sentenza xudicial do Xulgado Contencioso-Administrativo n º2 de Lugo de 15 de xuño de 2023, cómpre a súa modificación no momento actual pola necesidade de convocar, de xeito inminente, os concursos ordinarios e específicos do persoal funcionario, suprimíndose á referencia á minoración da valoración dos servizos prestados noutras universidades cunha redución do 25 por 100.
Deste modo, esta modificación do baremo foi negociada, previa proposta da Xunta de Persoal, co fin de chegar a un consenso na súa actualización.
De acordo co artigo 39 c) do Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os Estatutos da USC, é competencia do Consello de Goberno, aprobar “As normas que fixen criterios co alcance legal que proceda en materia de acceso, carreira, provisión, sistemas de clasificación de postos de traballo e instrumentos de planificación de recursos humanos”, polo que se someten a súa aprobación as seguintes modificacións.
PRIMEIRA:
O punto 1.1. Traballo desenvolvido do apartado A) do Baremo xeral de méritos para a provisión de postos de traballo de persoal funcionario, establece na súa redacción orixinal o seguinte:
• O tempo de servizos prestados na USC valoraranse de acordo co seguinte:
- Funcionario/a interino:polo nivel mínimo da escala.
- Persoal laboral contratado nunha categoría do convenio colectivo de persoal de administración e servizos, que nese momento tivera unha escala equivalente para o persoal funcionario:computarase como se fosen prestados nun posto do nivel mínimo desa escala.
- Outros servizos:tanto aos prestados como interino, en postos de nivel inferior ao 15, como de laboral que non tivera a equivalencia antes referida, aplicaráselles o valor que figura na táboa como “ata o nivel 14”.
De conformidade co exposto ut supra, a súa nova redacción sería:
• O tempo de servizos prestados en universidades públicas valoraranse de acordo co seguinte:
- Funcionario/a interino:polo nivel mínimo da escala.
- Persoal laboral contratado nunha categoría do convenio colectivo de persoal de administración e servizos, que nese momento tivera unha escala equivalente para o persoal funcionario:computarase como se fosen prestados nun posto do nivel mínimo desa escala.
- Outros servizos:tanto aos prestados como interino, en postos de nivel inferior ao 15, como de laboral que non tivera a equivalencia antes referida, aplicaráselles o valor que figura na táboa como “ata o nivel 14”.
SEGUNDA:
Así mesmo, no devandito apartado 1.1. Traballo desenvolvido do apartado A) do Baremo Xeral suprimiríase o parágrafo por non ser axustado a dereito:
Os servizos prestados noutras universidades galegas, valoraranse segundo o nivel do posto acreditado aplicando os valores da táboa anterior cunha redución do 25 por 100. De non constar o nivel do posto desenvolvido considerarase o nivel mínimo do grupo ao que pertence.
TERCEIRA:
En coherencia co anterior, cómpre modificar o último parágrafo do apartado 1.1 Traballo desenvolvido do apartado A) do Baremo Xeral, cuxo texto orixinal dispón:
Os servizos prestados noutras administracións, valoraranse segundo o nivel do posto acreditado aplicando os valores da táboa anterior cunha redución do 50 por 100. De non constar o nivel do posto desenvolvido considerarase o nivel mínimo do grupo de pertenza na data de prestación dos servizos.
A nova redacción do dito parágrafo sería a seguinte:
Os servizos prestados noutras administracións, que non sexan universidades públicas, valoraranse segundo o nivel do posto acreditado aplicando os valores da táboa anterior cunha redución do 50 por 100. De non constar o nivel do posto desenvolvido considerarase o nivel mínimo do grupo de pertenza na data de prestación dos servizos.
CUARTA:
Por último, cómpre mudar a redacción obsoleta do seguinte parágrafo do punto 1 do apartado B) Baremo específico:
Os sobres normalizados para o proxecto e a identificación serán facilitados para estes efectos, no Servizo de Planificación e Programación de PAS, na Vicexerencia de Lugo ou nos correspondentes rexistros. Non se admitirán sobres non normalizados .
A súa nova redacción sería a seguinte:
Os sobres normalizados para o proxecto e a identificación serán facilitados para estes efectos, nas unidades administrativas que se sinalen na convocatoria e nos correspondentes rexistros. Non se admitirán sobres non normalizados.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.