Baremo de méritos para a provisión de postos de traballo de persoal funcionario de administración e servizos

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0142
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

O día 20 de marzo de 2014, logo dunha longa negociación, a Xerencia e a Xunta de Persoal funcionario de persoal de administración e servizos, chegaron a un acordo dun novo “Baremo de méritos para a provisión de postos de traballo de persoal funcionario de administración e servizos da USC” nos concursos de méritos.

Dende hai anos, as xerencias recibiron informes das comisións encargadas de xulgar os concursos de traslados de PAS funcionario, nos que se puxeron de manifesto as dificultades que se dan na aplicación do baremo existente, ao que as comisións tiñan que axustar a súa actuación.

O que actualmente está en vigor data de decembro de 1995, e está completamente obsoleto, non só na súa concepción e filosofía, senón tamén na plasmación práctica:non contempla as titulacións actuais; todos os niveis dos postos de traballo; valoración dalguns méritos de forma duplicada, etc.

Ademais, a distribución da puntuación entre a parte xeral e a específica nos distintos conceptos que as integran, fai que á hora de concursar na modalidade B, postos singularizados, a valoración da parte específica teña escasa relevancia, resultando, case sempre, decisoria a puntuación da parte xeral do baremo para a obtención da praza.

De acordo co artigo 39 c) do Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os Estatutos da USC, é competencia do Consello de Goberno, aprobar “As normas que fixen criterios co alcance legal que proceda en materia de acceso, carreira, provisión, sistemas de clasificación de postos de traballo e instrumentos de planificación de recursos humanos”, polo que se somete o documento á súa aprobación.

BAREMO DE MÉRITOS PARA A PROVISIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE PERSOAL FUNCIONARIO DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS DA USC

A) BAREMO XERAL: 60 PUNTOS

Aplicable a todas as modalidades de concurso.

1. EXPERIENCIA PROFESIONAL: 30 puntos

1.1. Traballo desenvolvido: máximo 24 puntos Valorarase cada ano completo ou o mes como fracción mínima, segundo o nivel do posto establecido na seguinte táboa.

Nivel do posto Puntos/ano Nivel do posto Puntos/ano
Ata o nivel 14 0,22 23 0,85
15 0,29 24 0,92
16 0,36 25 0,99
17 0,43 26 1,06
18 0,50 27 1,13
19 0,57 28 1,20
20 0,64 29 1,27
21 0,71 30 1,34
22 0,78    

• O tempo de servizos prestados en universidades públicas valoraranse de acordo co seguinte:

- Funcionario/a interino: polo nivel mínimo da escala.

- Persoal laboral contratado nunha categoría do convenio colectivo de persoal de administración e servizos, que nese momento tivera unha escala equivalente para o persoal funcionario: computarase como se fosen prestados nun posto do nivel mínimo desa escala.

- Outros servizos: tanto aos prestados como interino, en postos de nivel inferior ao 15, como de laboral que non tivera a equivalencia antes referida, aplicaráselles o valor que figura na táboa como “ata o nivel 14”.

• O traballo desenvolvido en comisión de servizos computarase polo nivel do posto que se ocupa de maneira definitiva.

• O tempo en adscrición provisional valorarase segundo o nivel do posto que se ocupe nesa situación.

• Os servizos prestados polo persoal destinado nun posto adscrito a unha escala inferior á que pertenza, valoraránselles polo nivel mínimo ocorrespondente a súa escala.

• Os servizos prestados noutras administracións, que non sexan universidades públicas, valoraranse segundo o nivel do posto acreditado aplicando os valores da táboa anterior cunha redución do 50 por 100. De non constar o nivel do posto desenvolvido considerarase o nivel mínimo do grupo de pertenza na data de prestación dos servizos.

1. 2. Grao: máximo 6 puntos

De non ter grao consolidado ou se este é inferior ao mínimo da escala á que pertence o/a funcionario/a, outorgarase a puntuación que corresponda ao nivel mínimo da escala.

Grao Puntos Grao Puntos
15 ou inferior 0,20 23 3,20
16 0,40 24 3,60
17 0,80 25 4
18 1,20 26 4,40
19 1,60 27 4,80
20 2 28 5,20
21 2,40 29 5,60
22 2,80 30 6

2. FORMACIÓN: total 20 puntos

2. 1 Titulación: máximo 2 puntos

Titulación Puntos
ESO / Graduado Escolar 0,25
Bacharelato / Ciclo medio de FP 0,75
Técnico Superior 1,00
Diplomatura 1,25
Grao 1,50
Licenciatura 1,60
Doutoramento 2,00
Mestrado oficial* +0,25*

*Os másteres oficiais valoraranse con 0,25 puntos adicionais á titulación que se teña acreditada. Unicamente se puntuará un máster oficial.

• As equivalencias de titulacións serán as establecidas polo Ministerio e, para ser valoradas, a persoa interesada deberá citar a disposición na que se establece e o BOE no que se publica.

• Puntuará o máximo nivel da titulación oficial alcanzada. Unicamente puntuará unha titulación oficial.

• As titulacións estranxeiras só se valorarán se están homologadas no Estado español polo órgano competente.

• A especificidade e contido das titulacións, así como outras titulacións oficiais puntuarase, cando proceda, no apartado de currículo do baremo específico.

2. 2 Lingua Galega: máximo 2 puntos

Só se valorara a acreditación ou curso de nivel máis alto:

Nivel puntos
CELGA 5 2
CELGA 4 ou Curso de Perfeccionamento 1,50
CELGA 3 ou Curso de Iniciación 0,50

2. 3 Linguas estranxeiras: máximo 2 puntos Os niveis de lingua sinalados corresponden aos fixados no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MECRL)

O coñecemento de cada lingua oficial na Unión Europea distinta do galego e do castelán valorarase segundo a seguinte táboa :

Nivel Puntos
C2 1
C1 0,83
B2 0,66
B1 0,49
A2 0,32
A1 0,15

• Só se valorará o nivel máis alto dun mesmo idioma.

• O coñecemento de idiomas acreditarase por medio de títulos expedidos por centros oficiais ou homologados. As equivalencias terán que ser achegadas polos/as interesados/as para que se poidan valorar neste apartado.

• O coñecemento dunha lingua que non sexa oficial na UE valorarase, segundo o nivel acreditado, coa metade dos puntos da táboa anterior.

2. 4 Cursos de formación: máximo 14 puntos

Valoración Asistencia Aproveitamento
Por hora certificada 0,01 hora 0,02 hora
Sen horas certificadas, polototal do curso 0,1 curso 0,2 curso

• Valoraranse neste apartado:

- Os cursos de formación sempre que sexan de formación administrativa ou teñan relación coas funcións propias dos postos convocados. Deberán ser impartidos por escolas, centros ou organismos oficiais.

- Aqueles cursos de galego cando versen sobre cuestións relativas ao seu uso na administración pública ou específicos de bibliotecas e arquivos no seu caso.

- Os cursos de idiomas aprobados e impartidos por escolas, centros ou organismos oficiais, que non teñan o recoñecemento dos niveis que figuran no apartado 2.3, con 0,2 puntos. Só se terá en conta o nivel máis alto da mesma lingua.

- Os cursos de perfeccionamento ou avanzado que sexan continuación dun de iniciación.

- Unha única edición do mesmo curso impartido. A puntuación que se outorgará ao profesorado será a mesma que a dos/das asistentes.

• Non se valorarán neste apartado:

- Os cursos de galego citados no apartado 2.2 nin aqueles destinados a adquirir os niveis que se valoran nese mesmo apartado.

- Os cursos con contidos incluídos ímplicita ou explícitamente noutros xa valorados, os que forman parte de preparación de procesos selectivos, os de acollida, e os que pertenzan a planos de estudos regrados.

- Máis dunha edición do mesmo curso. Cando unha persoa acredite a realización de dous cursos e un deles sexa de reciclaxe ou actualización doutro (por cambios nas versións de software, por cambios na normativa de referencia ...), só se valorará un dos cursos, o que outorgue maior puntuación.

- A asistencia a xornadas, seminarios, congresos, reunións, etc. que non teñan carácter de cursos de formación administrativa ou curso de formación de bibliotecas e arquivos de carácter xeral.

- Os mesmos cursos como impartidos e recibidos

3. GRUPO: total 10 puntos

A pertenza ao grupo valorarase segundo a táboa que segue:

Grupo/Subgrupo Puntos
A1 10
A2 7
B 5,5
C1 4
C2 1

B) BAREMO ESPECÍFICO: 40 PUNTOS

Aplicable aos postos que se oferten a concurso específico.

A Comisión avaliadora establecerá, con carácter previo, os criterios de corrección do proxecto e da valoración do curriculo, e adoptará as medidas oportunas para que a valoración do proxecto se leve a cabo sen que se coñeza a identidade do/da aspirante.

1. PROXECTO SOBRE O POSTO DE TRABALLO AO QUE SE OPTA. Máximo 15 puntos

O/A candidato/a presentará un proxecto de actuación respecto ao posto de traballo ao que pretende acceder. Este proxecto ten que conter, como mínimo, os seguintes aspectos:

• Análise do posto ao que se opta:

a. Encadramento organizativo (ascendente e descendente)

b. Misión e visión do posto

c. Principais tarefas a desenvolver

d. Medios cos que se conta

• Proxecto do candidato/a para o posto ao que se opta :

e. Obxectivos a desenvolver no posto, xerais e específicos

f. Propostas de mellora organizativa.

g. Proposta de medios humanos e materiais para desenvolver o proxecto.

h. Destrezas que se deben posuír para o desempeño do posto.

O proxecto presentarase por escrito, en sobre pechado (sobre grande tamaño 260x360 mm, no que apareza como única identificación o logotipo da USC).

A extensión máxima establécese en 10 folios, DIN A4, escritos por unha soa cara en letra Arial Narrow punto 12 e cun interliñado de 1,5. Poden achegarse anexos bibliográficos ou de relación de materiais empregados, gráficos ou táboas, que non poden superar en conxunto os 5 folios adicionais. Han de estar claramente diferenciados e separados do texto principal figurando baixo a epígrafe de anexos.

A identidade do/da candidato/a irá en sobre á parte pechado (sobre pequeno tamaño 120x176 mm, no que apareza como única identificación o logotipo da USC), que se introducirá dentro do sobre co proxecto, e consistirá no nome e DNI do/da concursante.

O texto do proxecto non debe conter indicación ou marca ningunha que puidese identificar a súa autoría.

Os sobres normalizados para o proxecto e a identificación serán facilitados para estes efectos, nas unidades administrativas que se sinalen na convocatoria e nos correspondentes rexistros. Non se admitirán sobres non normalizados.

Cada membro da Comisión outorgará unha puntuación ao traballo, eliminándose a máis alta e a máis baixa, ou unha de cada unha delas de ser coincidentes, e farase a media aritmética.

Valorarase:

• A capacidade de análise e crítica exposta no proxecto.

• A capacidade de organización, concreción e claridade do proxecto.

• A capacidade de innovación, orixinalidade ou creatividade e viabilidade do traballo.

• O coñecemento amosado na busca de información e na selección para a elaboración do proxecto.

• A capacidade de interrelación das áreas funcionais que, de ser o caso, se aprecie no traballo presentado.

Para a superación do proxecto será necesario obter un mínimo de 6 puntos. Ás persoas aspirantes que non acaden esta puntuación, xa non se lles avaliará o currículo nin realizarán a defensa do seu proxecto

2. CURRÍCULO. Máximo 10 puntos

Os/as concursantes deberán presentar xunto coa solicitude un currículo documentado, cunha extensión máxima de 5 folios, DIN A4, escritos por unha soa cara en letra Arial Narrow punto 12 e 1,5 de espazo interliñado.

Valorarase o curriculum vitae do/da participante na súa integridade tendo en conta:

1- Traxectoria laboral pública relacionada co posto ao que se opta.

2- Formación específica considerada relevante para o desenvolvemento do posto de traballo ao que se opta.

a. Titulacións oficiais relacionadas co posto de traballo ao que se opta

b. Títulos propios das universidades

c. Cursos específicos directamente relacionados co posto de traballo ao que se opta e non valorados no baremo xeral

d. Actividade docente distinta da valorada no apartado do baremo xeral : docencia como profesor asociado, colaboracións noutras titulacións (clases, prácticas ou titorías en distintos estudos tanto oficiais como propios etc.), cursos preparatorios ou integrantes de procesos selectivos (que teñan relación coas administracións públicas)

e. Coordinación de cursos

f. Relatorios e comunicacións en xornadas, seminarios e congresos e conferencias e, de ser o caso, a súa publicación

g. Participación en xornadas, seminarios, congresos, táboas redondas, etc.

h. Cursos de verán e outros cursos non valorados/valorables no apartado de formación do Baremo Xeral

3- Habilidades e destrezas que posúe o/a aspirante

Cada membro da comisión outorgará unha puntuación, debendo valorar todos os apartados de acordo cos criterios previamente establecidos.Descartarase a puntuación máis alta e a máis baixa ou unha de cada unha delas, de ser coincidentes, e farase a media aritmética.

3. DEFENSA PÚBLICA DO PROXECTO E DO CURRICULO. Máximo 15 puntos

Os/As candidatos/as que obteñan unha puntuación mínima de 6 no proxecto presentado serán citados pola Comisión a un acto de defensa pública do proxecto e do currículo. O sistema de valoración será o mesmo que para o proxecto (valorará cada membro da comisión descartándose os máximos e os mínimos).

No acto de defensa pública a persoa candidata disporá dun tempo máximo de 20 minutos para expoñer o seu proxecto. Poderá utilizar os medios técnicos ou materiais que estime necesarios, pero deberá comunicarllo á comisión no prazo que se lle indique.

A Comisión poderá formular preguntas co fin de aclarar todos aqueles aspectos necesarios para a realización da axeitada valoración do proxecto presentado, e contrastar a adecuación do perfil profesional e as aptitudes do/a concursante ao posto solicitado. O tempo máximo para a formulación de preguntas será de 10 minutos.

Valoraranse aspectos como:

• A capacidade para a utilización dos recursos básicos para a exposición como : expresión oral, o emprego dos medios materiais e tecnolóxicos, etc.

• A capacidade para transmitir de xeito claro e ordenado, as principais ideas do traballo presentado.

• A capacidade de comprensión e argumentación, así como os coñecementos que posúe e a capacidade para inserilos nas respostas ás preguntas que formule a Comisión.

• A capacidade de reflexión, análise e síntese respecto dos coñecementos, tarefas e cometidos do posto.

• A capacidade para integrar teoría e práctica (profesionalidade)

• Coñecemento sobre as habilidades e destrezas necesarias que deberá posuír o/a candidato/a para o desempeño do posto e as achegas que con respecto a isto realice no traballo.

Para a superación desta fase de defensa pública será necesario obter un mínimo de 5 puntos.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver