Modificación do Regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación
NORMA CONSOLIDADA
Acordo do Consello de Goberno, polo que se modifica o Regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) debe velar pola máxima excelencia e competitividade dos seus centros de I+D+i, en particular dos seus centros singulares, e para iso a súa gobernanza debe basearse en estándares internacionais, en particular debe poder contar con persoal experto con recoñecemento a nivel internacional e de recoñecido prestixio.
A investigación universitaria é un ámbito en constante evolución que require que a dirección dos Centros de investigación recaia en persoal da maior competencia no seu ámbito, con independencia de cal sexa o seu vínculo orixinal polo que presta servizos na USC.
Deste xeito, na designación da dirección dos centros singulares debe terse en conta a competencia científica da persoa, que debe primar sobre o seu vínculo xurídico coa USC. Neste sentido, cómpre reparar nos criterios establecidos pola Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación (LCTI), que permite un amplo réxime de prestación de servizos por mobilidade (artigo 17) ou a posibilidade de contratar expresamente a investigadores distinguidos para a dirección de centros de investigación (artigo 23).
O Regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación, aprobado polo Consello de Goberno do 30 de outubro de 2020, establece que a persoa que ocupe o cargo de director/a científico/a do centro será nomeado/a polo/a reitor/a, entre investigadores/as vinculados, a proposta da Comisión Reitora, e co informe favorable da Comisión Científica Externa.
Non obstante, a evolución das formas de prestación de servicios por parte do persoal investigador fai aconsellable modificar os requisitos para ser director científico dun Centro Singular para abrir a posibilidade de que poida asumir esta dirección o persoal da USC que, atopándose nunha situación de excedencia ao abeiro da LCT, estea vinculado a un centro singular da USC como investigador.
Por todo o anterior o Consello de Goberno, na súa sesión do …. , acordou modificar o artigo 16 do Regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación, aprobado polo Consello de Goberno do 30 de outubro de 2020 do seguinte xeito:
“Artigo 16.- Do/a Director/a científico/a
1. O/a Director/a Científico/a do Centro será nomeado/a polo/a Reitor/a, entre investigadores/as vinculados, sexa persoal en servizo activo na USC ou en situación de excedencia ao abeiro da LCTI, a proposta da Comisión Reitora, e co informe favorable da Comisión Científica Externa. O nomeamento será por períodos de catro anos, prorrogables.
2. O persoal da USC en situación de excedencia ao abeiro da LCTI que asuma a dirección científica, no caso de que perciba as súas retribucións por outra entidade, terá dereito a un complemento equivalente ao establecido para este cargo no Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC, que deberá ser abonado pola entidade coa que teña o vínculo principal, conforme ao que se estableza no respectivo convenio. A USC realizará a transferencia do seu importe á entidade que abone o resto das súas retribucións nos termos fixados no acordo de adscrición ou en calquera outro convenio ou acordo que regule esta situación.
As axudas de custe nas que incorra a dirección como consecuencia do cargo, serán abonadas pola USC.
3. Serán funcións do/a Director/a Científico/a do Centro as seguintes:
a) Exercer a Dirección do Centro, promovendo a súa proxección exterior.
b) Asistir ás reunións da Comisión Reitora do Centro.
c) Organizar e coordinar os medios materiais e persoais de que se dispoña para cubrir os obxectivos do Centro.
d) A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites establecidos polo Comisión Reitora e polas normas da USC.
e) Propor a contratación de persoal investigador, de apoio á investigación e administrativo do Centro, de acordo cos canles establecidos na USC.
f) Propor a adquisición de infraestruturas para o Centro.
g) Elaborar a memoria científica anual e a planificación estratéxica do Centro.
h) Desenvolver mecanismos e procedementos que promovan a captación de recursos, o mantemento dun alto nivel científico, así como o establecemento de sinerxias e colaboracións entre grupos de investigación do Centro ou entre estes e grupos externos.
i) Trasladar ao persoal investigador as directrices oportunas co fin de que a actividade investigadora desenvolvida no Centro se adecúe ao Plan estratéxico do Centro e aos obxectivos científicos do mesmo, todo iso de acordo coa Comisión Reitora e co informe da Comisión Científica Externa.
j) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada pola Comisión Reitora.
4. O persoal a que fai referencia o apartado 2 deste artigo que exerza as funcións de dirección científica como órgano unipersoal poderá participar nos órganos de goberno colexiados dos centros singulares de adscrición dos que a dirección científica forme parte. Sen embargo, este persoal non poderá formar parte do Consello de Goberno en representación dos centros de investigación.”
Disposición derradeira. Entrada en vigor
O presente acordo entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro electrónico da USC
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.