Modificación do Regulamento de mobilidade de PAS funcionario da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
O regulamento, aprobado na sesión do Consello de Goberno do 30 de outubro de 2020, entrou en vigor no momento da súa publicación no Taboleiro electrónico o día 4 de novembro de 2020.
En primeiro lugar, unha das principais novidades na modificación do regulamento, é a posibilidade de que unha persoa que se atope en adscrición provisional ou con destino provisorio (agás por motivos de saúde) poida participar no proceso de comisións de servizos voluntarias, tendo en conta que a Lei de emprego público, no artigo 96 indica que os requisitos, duración e procedemento da comisión de servizos determinarase regulamentariamente.
Cómpre salientar que é de xustiza dotarlles, ao persoal mencionado no parágrafo anterior, da posibilidade de participar neste procedemento, ao tratarse dunha mobilidade temporal e voluntaria que non é de recibo limitar, se cumpren todos os requisitos establecidos a tal efecto, polo feito de que teñan un destino provisional ou non definitivo.
Artigo 96. Comisión de servizos voluntaria
1. Os postos de traballo reservados ao persoal funcionario de carreira pódense prover excepcionalmente e de maneira temporal mediante comisión de servizos voluntaria nos seguintes casos:
a) Cando os postos estean vacantes, mentres non se proceda á súa provisión definitiva.
b) Cando os postos estean suxeitos a reserva legal da persoa titular destes, incluídos os casos en que o persoal funcionario de carreira sexa autorizado para realizar unha misión por período non superior a seis meses en programas de cooperación internacional.
c) Cando os postos estean ocupados por persoal funcionario de carreira que teña a condición de representante do persoal e teña recoñecido un crédito de horas para o desempeño desa función equivalente á xornada de traballo completa.
d) Cando concorran as circunstancias previstas no artigo 100 desta lei.
e) Porcircunstancias excepcionais e debidamente motivadas, cando os postos de traballo estean ocupados por persoal funcionario de carreira que se atope en situación de incapacidade laboral e esta se prevexa de longa duración.
2. En todo caso, para o desempeño dun posto de traballo en comisión de servizos voluntaria, o persoal funcionario debe pertencer ao corpo ou escala e reunir os demais requisitos que estableza a correspondente relación de postos de traballo. Non obstante, para a consecución da eficacia na prestación dos servizos e a eficiencia dos recursos humanos dispoñibles, o persoal funcionario de carreira poderá ocupar, con carácter temporal, mediante comisión de servizos voluntaria, un posto de traballo correspondente a unha escala de administración xeral ou especial sempre que posúa a titulación requirida para o acceso á escala correspondente ao posto de traballo e pertenza ao mesmo grupo ou subgrupo de clasificación. En todo caso, outorgarase prioridade ao persoal funcionario de carreira que pertenza á mesma escala do posto que sexa obxecto de cobertura.
3. Regulamentariamente determinaranse os requisitos, a duración e o procedemento para a concesión das comisións de servizos previstas neste artigo.
En segundo lugar, o artigo 97 do referido texto normativo non limita en absoluto a posibilidade de que un persoal funcionario de carreira en adscrición provisional poida participar nos procedementos para a concesión de comisións de servizos, tendo en conta que a súa adscrición ao posto de orixe non sufriría ningunha variación.
Artigo 97. Adscrición provisional
1. O persoal funcionario de carreira que cese nun posto de traballo sen obter outro polos procedementos ordinarios de provisión previstos neste capítulo quedará á disposición do órgano competente en materia de persoal da Administración pública en que estea destinado, quen procederá á súa adscrición provisional a un posto de traballo correspondente ao seu corpo ou escala na mesma localidade do posto que ocupase con carácter definitivo e con efectos do día seguinte á data do cesamento. Na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, a consellaría competente en materia de función pública autorizará esta adscrición cando implique cambio de consellaría, entidade ou localidade, coa conformidade, neste último caso, da persoa afectada.
2. Procede tamén a adscrición provisional nos casos de reingreso ao servizo activo ou de rehabilitación da condición de persoal funcionario de carreira, mentres non se obteña un posto de traballo con carácter definitivo polos procedementos ordinarios de provisión previstos neste capítulo.
3. Garántenselle ao persoal funcionario de carreira afectado polo previsto neste artigo, en todo caso, as retribucións que lle correspondan polo grao de progresión que acadase na carreira profesional. Así mesmo, o persoal funcionario que cese nun posto de traballo provisto por libre designación ou por supresión do posto que ocupase con carácter definitivo ou por alteración do contido del na relación de postos de traballo, ou que sexa removido dun posto provisto por concurso, mentres non obteña outro posto con carácter definitivo polos procedementos ordinarios de provisión previstos neste capítulo e durante un prazo máximo de tres meses, percibirá as retribucións complementarias correspondentes ao posto que ocupase con carácter definitivo.
4. En todo caso, para o desempeño en adscrición provisional dun posto de traballo o persoal funcionario de carreira debe pertencer ao corpo ou escala e reunir os demais requisitos que estableza a correspondente relación de postos de traballo.
5. O persoal funcionario de carreira que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo está obrigado a participar nos concursos de provisión que se convoquen para postos adecuados ao seu corpo ou escala e a solicitar todos os postos situados en localidades que se atopen á distancia que se determine regulamentariamente da localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou, á súa elección, da localidade do posto a que estea adscrito provisionalmente. O incumprimento destas obrigas determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular. Exceptúase do establecido nesta alínea o persoal de novo ingreso que non teña unha antigüidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.
6. Regulamentariamente determinaranse os requisitos e o procedemento para a realización das adscricións provisionais previstas neste artigo.
En terceiro lugar, por medio desta modificación procédese a denominar de forma máis acaída e seguindo a literalidade da Lei de emprego público de Galicia, ao procedemento ordinario de provisión de postos de traballo (o concurso) coas dúas variantes de concurso ordinario e específico, eliminando a referencia de concurso de traslados.
En cuarto lugar, co fin de axilizar o procedemento da selección nas comisións de servizo, redúcense os prazos para a emisión de informes polo responsable da unidade, ou, no seu caso, pola Comisión en caso de cobertura de postos de nivel igual ou superior a 26.
E, por último, a nova estrutura directiva da USC así como a modificación de RPT do 29 de xuño de 2022 fan necesario adaptar este regulamento substituíndo as referencias a postos ou servizos que xa non existen por aqueles que foron recentemente creados.
Ao abeiro do exposto, en virtude das competencias atribuídas polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello de Goberno na súa sesión do 28 de decembro de 2022, ACORDOU
Primeiro.
Aprobar a modificación do Regulamento de mobilidade de PAS funcionario da Universidade de Santiago de Compostela nos termos recollidos no Anexo ao presente acordo
ANEXO
Modificación do REGULAMENTO DE MOBILIDADE DE PAS FUNCIONARIO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Modificación do Regulamento de mobilidade de PAS funcionario da Universidade de Santiago de Compostela
Introdúcense no Regulamento de mobilidade de PAS funcionario da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes modificacións:
Sección 2ª: O concurso
SEGUNDA: Nova redacción do título e dos apartados 3 e 4 do artigo 5.
Artigo 5. Características xerais do concurso
3. Poderá convocarse para a xeneralidade dos postos vacantes ou para postos dunha determinada área, ou para postos de traballo concretos, en atención ás necesidades do servizo.
4. Non se incluirán nos concursos os postos que teñan adscrito persoal funcionario de carreira por motivos de saúde ou rehabilitación ou por motivos de violencia de xénero.
TERCEIRA: Nova redacción do artigo 6
Artigo 6. Concurso ordinario
1. O concurso ordinario poderá utilizarse para cubrir os postos base de cada escala e aqueles postos singularizados que non estean previstos na relación de postos de traballo para concurso específico. Os postos obxecto deste concurso serán
2. Os que se atopen vacantes cada semestre e a convocatoria realizarase como mínimo cada seis meses. Para a súa adxudicación, aplicarase o baremo xeral vixente.
O persoal funcionario de carreira que ocupe con carácter definitivo un posto de traballo obtido por concurso debe permanecer nel un mínimo de dous anos para poder participar nos concursos ordinarios regulados neste artigo.
3. No suposto de persoal funcionario de novo ingreso, é requisito necesario para poder participar nesta modalidade de concurso, en todo caso, unha antiguidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.
CUARTA: Nova redacción do apartado 1 do artigo 10.
Artigo 10. Solicitudes e prazos
1. As solicitudes para a participación nos concursos ordinarios ou específicos dirixiranse á Xerencia da USC no prazo que se estableza na convocatoria, que en ningún caso será inferior a dez días hábiles nin superior a vinte, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
QUINTA: Nova redacción do artigo 11
Artigo 11. Valoración de méritos
Nos concursos ordinarios e específicos, a valoración dos méritos xerais dos aspirantes realizarase pola Comisión Permanente de Valoración de Méritos, conforme ao baremo aprobado en Consello de Goberno. Os méritos específicos serán avaliados, no seu caso, pola Comisión de Avaliación.
SEXTA: Nova redacción dos apartados 2, 3, 4 e 5 do artigo 12.
Artigo 12. Comisión Permanente de Valoración de Méritos
2. A Comisión estará formada polos seguintes membros que serán designados e nomeados pola Xerencia da seguinte forma:
- A persoa que ostente a Vicexerencia Xeral Técnica, que a presidirá.
- Un membro da área de Persoal
- Un membro da área de Planificación e Innovación Administrativa
- Un membro da Asesoría Xurídica.
- Un membro do Centro de Formación de Persoal
- Un membro da área de bibliotecas
- Dous membros propostos pola Xunta de Persoal.
3. A persoa que ostente a secretaría será designada polo presidente/a
4. A Comisión a través da presidencia poderá requirir o asesoramento de especialistas que considere oportunos para dilucidar calquera cuestión que se suscite ou para prestar apoio operativo. Este persoal de apoio ou asesoramento non forma parte da Comisión Permanente, actuará nas sesións necesarias para desenvolver o seu labor específico e rematará a súa relación ao concluír esas tarefas.
Deberán gardar o deber de sixilo imprescindible para o correcto desenvolvemento das actuacións da Comisión.
5. Oseu funcionamento interno acordarase polo propio órgano, e rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.
SÉTIMA: Engádese un apartado 6 ao artigo 13
Artigo 13. Comisión de Avaliación
6. Ser membro da Comisión de Avaliación non é incompatible con ser membro da Comisión Permanente de Valoración de Méritos
OITAVA: Nova redacción dos apartados 3 e 7 do artigo 14.
Artigo 14. Desenvolvemento do concurso
3. A Xerencia trasladaralle á Presidencia da Comisión Permanente de Valoración de Méritos, no caso do concurso ordinario, a relación definitiva de aspirantes admitidos, con indicación dos postos que solicitan e coa documentación que de ser o caso presentaron as persoas solicitantes. Así mesmo, trasladaralle, no concurso específico, esta mesma documentación á Comisións de Avaliación.
(..)
5. Resoltas, de ser o caso, as reclamacións presentadas contra a puntuación provisional e contra a adxudicación provisoria de postos, a Comisión Permanente de Valoración de Méritos no suposto do concurso ordinario, ou no caso de concurso específico, a Comisión de Avaliación elevará a proposta definitiva de adxudicación de postos á Xerencia. A proposta definitiva deberá recaer sobre a persoa candidata que obtivo maior puntuación final.
NOVENA: Nova redacción do apartado 5 e novo apartado 6 do artigo 21
Artigo 21. Características e supostos da comisión de servizos
5. As persoas aspirantes non poderán ser titulares con carácter definitivo dun posto do mesmo nivel e complemento específico que O que se oferta. O persoal en adscrición provisional por motivos de saúde non poderá participar neste procedemento.
6. Poderán participar aquelas persoas funcionarias de carreira de novo ingreso con destino provisional. No suposto de que obtivese un posto en comisión de servizos, desempeñará o posto aínda que o seu destino provisional continuará sendo o de orixe.
DÉCIMA: Nova redacción do apartado 1 do artigo 22
Artigo 22. Información pública e presentación de solicitudes
A Xerencia, unha vez apreciada a necesidade de provisión a través de comisión de servizos, publicará no taboleiro electrónico e na web da Subárea de Planificación e Programación de PAS os postos singularizados que se van ofertar en comisión de servizo, indicando as características que os definan na Relación de postos de traballo
UNDÉCIMA: Nova redacción dos apartados 3, 4 e 6 do artigo 23
Artigo 23. Procedemento de selección
3. O informe será remitido á Xerencia para a súa tramitación nun prazo máximo de cinco días, contados a partir do día seguinte á recepción da documentación. No caso de que non exista un/unha responsable directo/a constituirase unha comisión de selección, formada por tres persoas designadas pola Xerencia que actuarán consonte o previsto no parágrafo anterior.
4. Nos postos de xefatura de nivel 26 ou superior constituirase unha comisión de selección formada polos seguintes membros:
a. Persoa titular da Vicexerencia Xeral Técnica, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.
b. Persoa titular da Área de persoal.
C. A persoa responsable do servizo ou unidade da que dependa a praza que se oferta en comisión.
Esta comisión, nun prazo máximo de 1O días hábiles contados a partir do día seguinte ao que reciba a documentación, deberá realizar a avaliación, a entrevista e emitir O informe motivado correspondente.
(...)
6. Unha vez resolto o procedemento, darase traslado á Xunta de Persoal e publicarase no taboleiro electrónico e na web da Área de Planificación e Programación de PAS a resolución da Xerencia coa motivación da adxudicación do posto en comisión de servizo.
DÉCIMO SEGUNDA: Engádese un apartado 3 ao artigo 26 e renuméranse os seguintes parágrafos
Artigo 26. Requisitos, duración e obriga de concursar
3. Durante este tempo poderá participar nos procedementos de comisións de servizos que se oferten. No suposto de que obtivese un posto en comisión, desempeñará este aínda que figurará en adscrición provisional no posto de orixe.
DÉCIMO TERCEIRA: Nova redacción do parágrafo 3 do artigo 33
Artigo 33. Reingreso ao servizo activo
O posto asignado con carácter provisional incluirase no primeiro concurso de traslados que se convoque e a persoa funcionaria terá a obriga de participar na convocatoria, segundo se recolle na base 5 do regulamento.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.