Resolución reitoral de 21 de xuño de 2021, pola que se modifica a resolución reitoral do 4 de marzo de 2020 relativa a vacacións, permisos, licenzas e xornada do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0996
Departamento: Reitor
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Resolución Reitoral do 4 de marzo de 2020 relativa a vacacións, permisos, licenzas e xornada do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela regula no seu apartado 4.2 o dereito do persoal docente e investigador da Universidade a solicitar licenzas para o desenvolvemento de actividades docentes ou investigadoras noutras universidades e centros de investigación.

A recente publicación por parte do Ministerio de Universidades do real decreto 289/2021, de 20 de abril, polo que se regula a concesión directa de subvencións a universidades públicas para a recualificación do sistema universitario español, e posteriormente da orde UNI/551/2021, de 26 de maio, pola que se conceden as subvencións previstas no real decreto citado, que recolle, entre outras actuacións, unha liña de axudas para a recualificación do profesorado universitario mediante a realización de "estancias de formación nunha universidade ou centro de investigación distinto a aquel co que manteñen a relación estatutaria ou laboral", obriga a revisar a redacción do apartado 4.2 da resolución para dar cobertura á realización destas estadías nas condicións establecidas no real decreto citado.

En consecuencia, e unha vez obtido o informe favorable da Mesa de Negociación de PDI do 18 de xuño de 2021, esta Reitoría resolve modificar o apartado 4.2 da resolución reitoral relativa a vacacións, permisos, licenzas e xornada do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela que queda redactado do seguinte xeito:

«4.2. Licenza a efectos de docencia e investigación.- Poderanse conceder licenzas por estudos para realizar actividades docentes ou investigadoras vinculadas a unha universidade, institución ou centro, nacional ou estranxeiro, no marco das dispoñibilidades orzamentarias.

Esta licenza debe ter relación directa co ámbito docente e investigador do solicitante, podendo denegarse de non xustificarse tal extremo.

As retribucións a percibir serán as que se viñan percibindo cando a duración da licenza por estudos sexa igual ou inferior a 3 meses.

Cando as devanditas licenzas teñan unha duración superior a 3 meses e inferior a un ano, recoñecerase ata o 80% das retribucións que se viñan percibindo, en atención, así mesmo, ao interese científico e académico do traballo a realizar.

Non obstante, este límite poderase superar cando a licenza se enmarque en programas e convocatorias institucionais con financiamento finalista que así o prevexan.

As licenzas para períodos superiores a un ano ou as sucesivas que, sumadas ás xa obtidas durante os cinco últimos anos, superen o devandito período, non darán lugar ao recoñecemento de ningunha retribución. Para este último cómputo non se terán en conta as licenzas que non excedan de dous meses.

Con carácter xeral, as retribucións durante as licenzas a efectos de docencia e investigación son compatibles coas axudas e subvencións que puidesen concederse.

As solicitudes deste tipo de licenza deberán realizarse a través da secretaría virtual do profesorado cunha antelación mínima de 10 días ao desfrute da licenza. O incumprimento deste requisito poderá levar á denegación da solicitude.

Para o non previsto neste apartado estarase ao disposto na normativa estatal de referencia vixente.»

Santiago de Compostela, a día da data da sinatura electrónica

O reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver