Modificación do Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+I

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1046
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

ACORDO DO CONSELLO DE GOBERNO DO 28 DE OUTUBRO DE 2022 POLO QUE SE APROBA A MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO SELECCIÓN DE PERSOAL INVESTIGADOR E DE APOIO Á INVESTIGACIÓN NO MARCO DE ACTIVIDADES E PROGRAMAS DE I+D+I DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA.

O 27 de setembro de 2019, o Consello de Goberno aprobou por asentimento o Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i.

O 29 de outubro de 2019, acordou realizar unha corrección de erros no Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i, coa eliminación do apartado 3 do artigo 7 e a renumeración dos apartados seguintes do mesmo artigo.

O 7 de febreiro de 2020 Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada o 7 de febreiro de 2020, acordou modificar o Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i, retirando a disposición adicional única e a referencia que á mesma se facía no apartado II da introdución.

O regulamento no seu articulado fai referencia unicamente a contratos de obra e servizo determinados, o que fai necesaria a súa modificación para a adaptala ao contexto normativo vixente actualmente tras a entrada en vigor do Real decreto-lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía de estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo e da Lei 17/2022, do 5 de setembro, pola que se modifica a Lei14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

En primeiro lugar, o actual artigo 20.2 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, dispón que ” Poderán contratar persoal investigador a través das modalidades de contrato de traballo específicas que se establecen nesta sección as seguintes entidades:

a) Os Organismos Públicos de Investigación da Administración Xeral do Estado e os organismos de investigación doutras Administracións Públicas, incluídos os centros do Sistema Nacional de Saúde ou vencellados ou concertados con este, as fundacións do sector público e os consorcios públicos de investigación.

b) As universidades públicas.

Ademais, as entidades citadas poderán contratar persoal investigador a través das modalidades de contrato de traballo establecidas polo texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores” En segundo lugar, o artigo 15 do Estatuto dos Traballadores establece o seguinte:

“1. O contrato de traballo presúmese concertado por tempo indefinido.

O contrato de traballo de duración determinada soamente poderá celebrarse por circunstancias da produción ou por substitución da persoa traballadora.

Para que se entenda que concorre causa xustificada de temporalidade será necesario que se especifiquen con precisión no contrato a causa habilítante da contratación temporal, as circunstancias concretas que a xustifican e a súa conexión coa duración prevista”.

En terceiro lugar, a entrada en vigor da reforma laboral implica a limitación da formalización dos contratos temporais para supostos excepcionais e que se adecúen ao recollido no Estatuto dos Traballadores e na Lei da Ciencia. Para maior abastanza, a Disposición adicional décima da Lei 17/2022, do 5 de setembro, pola que se modifica a Lei14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, recolle o seguinte:

“Condicións de aplicación de modalidades de contratación temporal no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e fondos europeos non competitivos.

No ámbito de aplicación da presente lei só será de aplicación a disposición adicional quinta do Real decreto-lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía de estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, en relación coa reforma das modalidades de contratación temporal, cando se trate de contratos de duración determinada por parte das entidades que integran o sector público, reguladas no artigo 2 do Real decreto-lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración Pública y para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, sempre que os ditos contratos se atopen asociados á estrita execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e soamente polo tempo necesario para a execución dos citados proxectos, así como para contratos necesarios para a execución de programas de carácter temporal cuxa financiación dependa de fondos europeos non competitivos. Os celebrados antes da entrada en vigor desta lei ao abeiro da citada disposición adicional quinta manterán a súa vixencia ata o cumprimento da duración fixada, co límite máximo de tres años contados a partir da data de entrada en vigor da presente lei” Ao anterior, hai que engadir, a posibilidade de formalizar contratos de actividades científico-técnicas de duración indefinida ao abeiro do artigo 23 bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que aquí se reproduce:

“Artigo 23 bis. Contrato de actividades científico-técnicas.

1. O obxecto dos contratos de actividades científico-técnicas será a realización de actividades vinculadas a liñas de investigación ou de servizos científicotécnicos, incluíndo a xestión científico-técnica destas liñas que se definen como un conxunto de coñecementos, inquedanzas, produtos e proxectos, construídos de xeito sistemático arredor dun eixe temático no que conflúan actividades realizadas por un ou máis grupos de investigación e requirira o seu desenvolvemento seguindo as pautas metodolóxicas axeitadas en forma de proxectos ou contratos de I+D+I.

2. Os contratos de actividades científico-técnicas, de duración indefinida, non formarán parte da Oferta de Emprego Público nin dos instrumentos similares de xestión das necesidades de persoal ao que se refire o artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, nin a súa convocatoria estará limitada pola masa salarial do persoal laboral. (...)” Ao abeiro do exposto, en virtude das competencias atribuídas polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Consello de Goberno na súa sesión do 28 de outubro de 2022, ACORDOU

Primeiro.

Aprobar a modificación do Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas nos termos recollidos no Anexo ao presente acordo

ANEXO - Modificación do Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i da Universidade de Santiago de Compostela

Artigo único. Modificación do Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i da Universidade de Santiago de Compostela.

Introdúcense no Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes modificacións:

Un. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 1

“Artigo 1. Ámbito de aplicación.

Esta norma ten por obxecto regular os procedementos de selección de persoal investigador e de apoio á investigación de duración determinada, ou indefinida, de conformidade co Estatuto dos Traballadores e coa Lei da Ciencia no marco de convocatorias propias da Universidade de Santiago de Compostela, así como a elaboración de listaxes de agarda para as actividades coas que se financien os contratos deste persoal”.

O resto do artigo mantén a mesma redacción.

Dous. Modifícase o artigo 6

“Artigo 6. Comisión Permanente de Selección.

1. A Comisión Permanente de Selección estará formada por un/ha presidente/a e por cinco vogais coa seguinte composición:

a) O/A presidente/a que será a persoa Xerencia ou persoa en quen delegue.

b) A persoa titular da Vicexerencia Xeral Técnica ou persoa en quen delegue.

c) A persoa titular da dirección da área de persoal.

d) A persoa titular da xefatura da Subárea de Convocatorias e Programas de Recursos Humanos .

e) Unha persoa do Servizo de Asesoría Xurídica.

f) Un/ha representante da parte social.

Os seus membros serán nomeados polo reitor

2. As funcións da Comisión Permanente de Selección serán as seguintes:

a) fixar os criterios de actuación que deben rexer o procedemento de selección.

b) analizar e propoñer, de ser o caso, á Xerencia medidas para a mellora dos procesos de selección.

c) supervisar o cumprimento dos criterios de Open Transparent and Merit Based Recruitment (OTM-R) establecidos pola Comisión Europea no marco do selo Human Resources Strategy for Researchers (HRS4R).

d) garantir a obxectividade e o rigor nos procesos de selección.

e) outras competencias que se lle asignen en materia de selección ou que resulten necesarias para o cumprimento dos fins que ten encomendados.

Tres: Modifícase o apartado 2 do artigo 17

“Artigo 17. Contratación ordinaria

“2. As convocatorias públicas de contratación de persoal con cargo a actividades de I+D terán periodicidade mensual e, con carácter xeral, publicarase unha única convocatoria. A Subárea de Convocatorias e Programas de Recursos Humanos fará público un calendario a principios de cada ano natural, onde se recollerán as datas límite para a presentación de propostas por parte dos/as Investigadores/as Principais (IP) e as datas previstas de publicación e resolución de convocatorias”.

Catro: Modifícase o apartado 2 do artigo 21

Artigo 21. Procedemento extraordinario de preselección.

“2. As convocatorias de preselección terán por finalidade crear unha lista ordenada de candidatos que só se empregará no caso de obter a actividade da que se trate e deberán formalizarse desde a Subárea de Convocatorias e Programas de Recursos Humanos”.

O resto do artigo mantén a mesma redacción.

Cinco: Modifícase o apartado 1 do artigo 23

“Artigo 23. Proposta de contratación nos procedementos extraordinarios de preselección.

1. Unha vez que se dispoña do financiamento da actividade, realizarase o chamamento pola orde de prelación establecida pola comisión, previa comunicación á Subárea de Convocatorias e Programas de Recursos Humanos da correspondente retención de crédito. Cando se formalice o contrato co/coa aspirante seleccionado/a, o resto de persoas candidatas non poderán alegar ningún dereito sobre prazas vacantes ou que queden vacantes no futuro quedando limitado o seu dereito exclusivamente a poder ser contratado se a persoa candidata proposta non chegara a formalizar o contrato”.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver