Acordo do consello de goberno do 29 de decembro de 2020 polo que se modifica o Regulamento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
O Regulamento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC, aprobado polo Consello de Goberno o 20 de decembro de 2019, establece o procedemento de concesión destes premios no caso das titulacións de grao e mestrado oficiais impartidas nas Facultades e Escolas de titularidade da USC pero non prevé como actuar en relación cos programas de dobre titulación de grao. É necesario, pois, clarificar o réxime que ha de aplicarse ao alumnado que teña cursado un destes programas.
Por outra banda, considérase adecuado fixar para cada curso académico o prazo no que os centros deben remitir as propostas dado que pode haber condicionantes que impidan ou dificulten ter dispoñibles nunha determinada data as clasificacións ordenadas das promocións.
Así mesmo, aproveitase a ocasión para introducir algunhas melloras no procedemento co obxecto de dar maior seguridade xurídica.
Por todo o anterior o Consello de Goberno, na súa sesión do día 29 de decembro de 2020, ACORDA:
Primeiro.
A modificación do artigo 3 do Regulamento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC, que queda redactado do seguinte xeito:
“Só poderán ser obxecto de valoración aqueles estudantes que acadaran o grao ou mestrado universitario oficial no precedente curso académico a aquel no que se concede o premio extraordinario. O alumnado que cursara un programa de dobre titulación de grao poderá optar ao premio extraordinario de cada un dos graos que o conforman.
O alumnado que acade a titulación e que teña accedido dende os cursos ponte ou por recoñecemento, adaptación ou validación de estudos, non poderá ser proposto para o premio se supera en máis dun terzo as materias de dita titulación por cursos ponte, ou por recoñecemento, adaptación ou validacións de estudos. Para o alumnado que cursara un programa de dobre grao non computarán a estes efectos os recoñecementos internos entre os dous plans.
Ademais para ser destinatarios dos premios extraordinarios de grao será necesario:
a. No caso de estudantes que realizaron os estudos a tempo completo, telos finalizado no número de cursos académicos establecido na titulación ou, de ser o caso, no programa de dobre titulación.
b. No caso de estudantes que realizaron estudos a tempo parcial, telos finalizado nun prazo máximo de dous cursos académicos a maiores do número de cursos establecidos para a titulación ou, de ser o caso, para o programa de dobre titulación.
Para ser destinatarios dos premios extraordinarios de mestrado universitario oficial será necesario ademais:
a. No caso de estudantes que realizaron os estudos a tempo completo, telos finalizado no número de cursos académicos establecido na titulación.
b. No caso de estudantes que realizaron estudos a tempo parcial, telos finalizado nun prazo máximo do dobre do número de cursos académicos establecido para a titulación.”
Segundo.
A modificación do artigo 4 do Regulamento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC, que queda redactado do seguinte xeito:
“Por resolución da Secretaría Xeral abrirase cada curso académico o procedemento para que os centros podan realizar as propostas de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster, unha vez sexan definitivas as clasificacións ordenadas das promocións.
O premio recaerá en estudantes que acadaran a máxima ou máximas cualificacións da súa promoción.
O decanato ou dirección do Centro, ben directamente ou ben por encargo da comisión que teña delegada esta competencia, remitirá a proposta definitiva á Secretaría Xeral no prazo que se indique na resolución de apertura do procedemento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster.
Na valoración dos estudos incluiranse todas as materias superadas, tamén o traballo de fin de grao (TFG) e o traballo fin de mestrado (TFM).
Os centros deberán enviar as propostas definitivas dos premios de todas as titulacións adscritas ao mesmo, tanto de grao como de mestrado universitario oficial. A proposta definitiva non poderá exceder do número máximo de premios que se indica no artigo 2, podendo ser inferior a ese tope.
No caso das titulacións impartidas en varios centros ou campus, as propostas definitivas serán enviadas unicamente dende o Centro ao que estea adscrita a titulación.
O premio ou premios deben declararse desertos se os/as estudantes que obteñan os primeiros postos da promoción non acadan unha puntuación media de 8. No entanto, o órgano propoñente poderá realizar propostas cunha puntuación inferior sempre que se motiven axeitadamente.
O Centro emitirá en primeiro termo unha proposta provisoria, que fará pública no Taboleiro Oficial de Anuncios da USC, e contra esta poderán presentarse alegacións no prazo de 10 días dende a súa publicación.
Finalizado o prazo de presentación de alegacións e unha vez valoradas polo Centro, este emitirá a proposta definitiva de concesión, que remitirá á Secretaría Xeral para a súa tramitación ante o Consello de Goberno, xunto cun informe sobre as alegacións recibidas, a valoración destas e a súa incidencia respecto á proposta provisoria. Contra a proposta definitiva de concesión non caberá recurso.”
Disposición transitoria.
Esta modificación será de aplicación ás propostas de premios extraordinarios do curso
Disposición final.
Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Taboleiro de Anuncios da USC.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.