Acordo do Consello de Goberno do 21 de marzo de 2024, polo que se recoñece con horas de docencia práctica clínica a colaboración docente dos colaboradores e titores clínicos das Facultades de Medicina e Odontoloxía, de Enfermaría e de Psicoloxía

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1156
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

Ao abeiro do establecido no punto primeiro da disposición adicional primeira dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, a USC vén recoñecendo a actividade desenvolvida dos colaboradores docentes e titores clínicos das Facultades de Medicina e Odontoloxía, de Enfermaría e de Psicoloxía cunha acreditación honorífica.

Este recoñecemento, sen embargo, non é suficiente para os efectos da acreditación para figuras de profesorado universitario, dado que non cuantifica en horas a colaboración docente desenvolvida. Tendo en conta que a Universidade dispón de datos das persoas que realizaron a actividade de colaborador/a docente ou titor/a clínico/a desde 2017 e que o labor de titorización clínica non abrangue toda a xornada, estímase conveniente recoñecer 60 horas anuais de docencia práctica clínica ás persoas que foron designadas como colaboradores/as docentes ou titores/as clínicos/as dende esa data.

En consecuencia, o Consello de Goberno, na súa sesión do 21 de marzo de ACORDA:

PRIMEIRO.-

Para os únicos efectos da súa utilización nos procesos de acreditación a figuras de profesorado universitario, a Universidade de Santiago de Composrtela expedirá un certificado no que se recoñeza con 60 horas de docencia práctica clínica por curso académico a colaboración docente realizada por aqueles/as colaboradores/as docentes e titores/as clínicos/as que así o soliciten.

SEGUNDO.-

Esta certificación poderase expedir para acreditar a colaboración docente realizada a partir do curso 2017-2018.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver