Resolución reitoral sobre realización de requisitos formativos complementarios para a homologación de títulos extranxeiros na USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0575
Departamento: Reitor
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Instrución 3/2009 da Secretaría Xeral, sobre realización de estudos complementarios para a homologación de títulos estranxeiros, organizaba na USC a aplicación das disposicións contidas no Real Decreto 285/2004, de 20 de febreiro, modificado polo Real Decreto 309/2005, polo que se regulaban as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior.

A regulación estatal modificouse substancialmente a través do Real Decreto 967/2014, de 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para a homologación e declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e para a validación de estudos estranxeiros de educación superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do marco español de cualificaciones para a educación superior dos títulos oficiais de Arquitecto, Enxeñeiro, Licenciado, Arquitecto Técnico, Enxeñeiro Técnico e Diplomado, incluso alterando o ámbito competencial das universidades. Esta norma fixa un novo marco regulatorio no que dispón que a homologación dun título estranxeiro a un título universitario español só se realizará naquelas titulacións que dean acceso a unha profesión regulada en España e, para o resto de supostos, establécese a posibilidade de obter a equivalencia a un nivel académico e a unha titulación correspondente a unha área e campo específico nos que poden agruparse os diferentes títulos universitarios.

Aínda con estes profundos cambios, o certo é que a actuación da Universidade no novo procedemento, polo menos respecto da impartición dos requisitos formativos complementarios aos que pode estar condiciona a resolución de homologación, non é necesario mudala substancialmente, aínda que cómpre realizar unha actualización normativa e resolver determinadas cuestións que se foron detectando coa experiencia destes anos.

PRIMEIRO. - ÁMBITO DE APLICACIÓN

Cando a homologación dun título estranxeiro quede condicionada polo Ministerio de Educación á previa superación de requisitos formativos complementarios, os interesados poderán solicitar a superación de todos ou parte deles na USC, de acordo co disposto nesta resolución. A solicitude só se aceptará no caso de que a titulación se imparta na USC.

A realización de requisitos formativos na USC ten como finalidade que o alumnado adquira competencias, destrezas ou coñecementos equivalentes aos das titulacións españolas. As actividades a realizar como complementos formativos poderán coincidir ou non coa programación das materias, traballos ou actividades recollidas nas memorias dos títulos.

O contido concreto dos complementos formativos do tipo que sexan será fixado polo Centro responsable, aínda que subsidiariamente axustaranse á regulación das actividades ordinarias do alumnado oficial, xa sexan en canto á docencia de materias, de prácticas ou respecto dos Traballos de Fin de Grao ou Máster.

SEGUNDO.- TIPOS DE REQUISITOS FORMATIVOS COMPLEMENTARIOS

Co obxectivo de emendar as carencias formativas advertidas na formación do alumnado que curse unha titulación estranxeira, os requisitos formativos complementarios poderán consistir, segundo indique a resolución ministerial que presente o interesado, en:

• Superación dunha proba de aptitude

• Realización dun período de prácticas

• Realización dun proxecto ou traballo

• Superación de cursos tutelados

Cando a resolución estableza máis dunha opción será o alumno o que opte libremente.

Esta opción pode modificarse, sempre que se manteña o prazo máximo para superar os complementos formativos, computado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución do Ministerio.

A inscrición para a realización dos requisitos formativos complementarios determinará o pagamento dos prezos correspondentes establecidos no Decreto de prezos da Xunta de Galicia.

Non procederá a anulación da matrícula realizada (proba de aptitude, período de prácticas, proxecto ou traballo ou cursos tutelados) despois de rematado o prazo de inscrición.

O alumno que non supere completamente os requisitos formativos deberá presentar unha nova solicitude e volver liquidar os prezos correspondentes. Neste caso conservaranse as cualificacións das materias superadas.

A matrícula nos requisitos formativos complementarios non estará sometida á normativa que regula as materias, actividades e traballos fin de grao dos respectivos planes de estudio.

TERCEIRO.- PROBA DE APTITUDE

A proba de aptitude consistirá nun exame sobre os coñecementos académicos do solicitante referidos aos contidos formativos respecto dos que se identificaron as deficiencias formativas indicadas na resolución do Ministerio.

En caso de existir solicitantes admitidos, deberán realizaranse polo menos dúas convocatorias anuais nos períodos que os centros estimen convenientes, que poderán coincidir ou non cos das convocatorias oficiais de exame.

Deberá garantirse a debida publicidade das convocatorias das probas de aptitude, que se anunciarán cunha antelación de polo menos 30 días naturais á data da súa realización. Nese mesmo prazo deben estar publicadas as características e a forma do exame, o programa e os contidos sobre os que versará a proba e que poderán coincidir, ou non, coas materias propias das titulacións oficiais.

O tribunal estará constituído por 3 profesores doutores que impartan a súa ensinanza nas materias incluídas nas probas de aptitude, designados polo Decanato ou pola Dirección do Centro. Os profesores deberán pertencer aos corpos docentes universitarios ou ser persoal contratado laboral con contrato indefinido. De non existir número suficiente de profesores que impartan ensino nestas materias poderá designarse a profesores da mesma área de coñecemento e de non existir, de áreas afíns.

Os Centros deberán facer pública unha relación nominal coas cualificacións obtidas polos interesados que se expresarán en termos de«apto» ou«non apto».

CUARTO.- PERÍODO DE PRÁCTICAS

O obxectivo do período de prácticas é conseguir que o titulado estranxeiro obteña unha formación integral que harmonice os coñecementos académicos cos aspectos prácticos da contorna profesional relacionados co título.

O período de prácticas desenvolverase de acordo cun programa cuxa modalidade, duración e avaliación a determinará cada Centro.

As condicións de realización de ditas prácticas serán semellantes ás establecidas para alumnado das titulacións oficiais do Centro. En todo caso, a duración máxima do período de prácticas será de 500 horas.

Cando o período de prácticas se vai desenvolver noutra empresa ou entidade, dita entidade deberá ter convenio coa USC. Nos centros asistenciais, deberá existir un convenio específico ou ampararse polo Concerto USC-SERGAS.

A asignación previa, o seguimento e a valoración do período de prácticas realizarase subsidiariamente conforme á Normativa de Prácticas Externas da USC. Parar estes efectos nomearase un titor entre profesores co mesmo nivel de formación que a do titulado ou titulada estranxeiro. Cando o período de prácticas se desenvolva nunha empresa ou entidade distinta da USC, a entidade designará, ademais, un titor externo, responsable das prácticas, entre o persoal da entidade.

Ao finalizar o período de prácticas o interesado deberá entregar unha memoria que será avaliada polo titor da USC. No caso de ter realizado as prácticas nunha entidade distinta da USC a valoración da memoria será realizada por o titor ou titora da USC e tendo en conta o informe do titor externo responsable das prácticas na entidade.

QUINTO.- PROXECTOS OU TRABALLOS

A superación dos requisitos formativos complementarios poderá levarse a cabo mediante a realización dun traballo que integre os contidos formativos comúns do título español respecto dos que se detectaron as correspondentes deficiencias ou sobre os contidos concretos que inclúa a resolución Ministerial.

As normas aplicables ao procedemento para a realización do traballo, titorización, etc., serán as que determine o Centro e, subsidiariamente, as establecidas para traballos de fin de grado ou máster.

O traballo deberá iniciarse e concluírse dentro dun mesmo curso académico. A súa valoración recibirá a cualificación de«apto» ou«non apto» e ao termo de cada curso académico o centro fará pública a relación nominal coas cualificacións obtidas.

SEXTO.- CURSOS TUTELADOS

Os centros poderán organizar cursos tutelados, de carácter individual ou colectivo, que integren os contidos formativos aos que se condicionou a obtención da homologación do título estranxeiro, designando os profesores titores para cada curso. Ditos cursos poderán realizarse integrando aos alumnos nos grupos de docencia das materias oficiais. Esta integración nos grupos de docencia de materias oficiais poderá ser para o programa completo da materia ou para partes del.

A duración do curso tutelado non será superior á dun curso académico.

As materias superadas polo titulado estranxeiro á finalización do curso non poderán volver formar parte do contido dun novo curso tutelado conservando as cualificacións mentres siga matriculado nesta universidade.

Cada Centro fará pública unha relación nominal coas cualificacións obtidas polos interesados na que se especificará, en cada caso, a mención«apto» ou«non apto» das materias que o integran.

SÉTIMO.- RECLAMACIÓN CONTRA AS CUALIFICACIÓNS

Con independencia do tipo de complemento formativo, a partir da publicación das cualificacións, poderá solicitarse a revisión da mesma no prazo de 10 días dende a data de publicación dos resultados da avaliación. Unha vez realizada a revisión e no prazo de 10 días hábiles posteriores á revisión poderán formular reclamación, segundo o previsto no artigo 132.2 dos Estatutos da Universidade e o procedemento establecido no artigo 9 da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, aprobada no Consello de Goberno do 15 de xuño de 2011 (DOG 21 de xuño de 2011).

O profesorado deberá custodiar os elementos de avaliación como mínimo durante un curso académico e no caso de reclamación en tanto esta se tramite.

OITAVO.- PROCEDEMENTO DE MATRICULA E ACREDITACIÓN DOS COMPLEMENTOS SUPERADOS

O alumnado que desexe cursar todos ou parte dos complementos formativos na USC deberá presentar solicitude a través da Sede Electrónica acompañada da resolución ditada polo Ministerio. O prazo ordinario será o da matrícula de grao que se estableza na convocatoria xeral de cada curso académico.

No caso de presentar a solicitude fora deste prazo a autorización estará condicionada a posibilidade de realizar os complementos formativos sen alterar o normal funcionamento do Centro responsable.

A estes efectos, presentada a solicitude para cursar os complementos formativos na USC o Servizo de Xestión Académica solicitará informe do centro correspondente antes de súa resolución.

O límite de matrícula anual para complementos formativos fíxase en 60 ECTS.

Na resolución de admisión indicaranse os trámites que teña que realizar o alumno en función da opción elixida e o prazo e prezos a abonar.

Unha vez formalizada a matrícula remitirase a relación de alumnos matriculados e a documentación necesaria para a avaliación ao Centro responsable.

O Centro deberá designar e comunicar ao alumnado, os titores ou directores designados, así como a información sobre as prácticas ou traballo a realizar, segundo o tipo de requisito formativo solicitado polo interesado.

A matricula e a as actas realizaranse no sistema informático de Xestión académica.

Os alumnos dispoñerán de dúas oportunidades por curso para superar os complemento formativos dos que estean matriculados.

A expedición da certificación acreditativa pon fin ao procedemento na USC, correspondéndolle ao alumnado a acreditación da superación dos requisitos perante o Ministerio de Educación.

DISPOSICIÓN ADICIONAL.- COLABORACIÓN DO PROFESORADO

A colaboración na realización dos requisitos formativos complementarios organizados polos Centros, así como a súa impartición e avaliación considerase dentro das obrigas docentes, sen prexuízo do seu recoñecemento conforme ás normas establecidas.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA. RÉGIMEN TRANSITORIO PARA LA SUPERACIÓN DE REQUISITOS FORMATIVOS COMPLEMENTARIOS

Ata a finalización dos prazos legais para a superación de complementos formativos pola normativa anterior, estes rexeranse pola normativa pola que foron iniciados.

DISPOSICIÓN FINAL.- DERROGACION NORMATIVA

A presente resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da USC e derrogará á Instrución 3/2009 da Secretaría Xeral, sobre realización de estudos complementarios para a homologación de títulos estranxeiros e cantas outras disposicións universitarias que se opoñan á mesma.

O Reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver