Lei 2/1982, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1982

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 006 02/02/1983
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor

Título I Da aprobación do Presuposto

Artigo 1. O Presuposto da Comunidade Autónoma.

1. Pola presente Lei apróbase o Presuposto da Comunidade Autónoma de Galicia para 1982.

2. O Presuposto do Parlamento de Galicia, elaborado de forma autónoma polo propio Parlamento, será asumido e integrado nos Xerais da Comunidade Autónoma.

3. O Estado de Gastos de Presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia ascende á cantidade total de trece mil catrocentos oitenta e sete millóns cento setenta e unha mil catrocentas trinta e unha pesetas, constituída polo importe necesario para o cumprimento das súas correspondentes obrigas.

4. O Estado de Ingresos do Presuposto da Comunidade Autónoma ascende á cantidade total de trece mil catrocentos oitenta e sete millóns cento setenta e unha mil catrocentas trinta e unha pesetas, que se desglosa da seguinte maneira:

a) Dereitos económicos a liquidar pola propia Comunidade Autónoma, que se estiman na cifra de cento tres millóns vinteseis mil cincocentas pesetas.

b) Transferencias dos Presupostos Xerais do Estado, por un importe de once mil setecentos setenta e oito millóns catrocentas tres mil setecentas setenta e cinco pesetas.

c) Remanentes do exercicio anterior, por un importe de douscentos trinta e oito millóns cincocentas oitenta e tres mil cento sesenta e seis pesetas.

d) Ingresos que se poidan producir como consecuencia da revisión da valoración de competencias asumidas ata o 31 de decembro de 1982, que se estiman en mil trescentos sesenta e sete millóns cento cincuenta e oito mil pesetas.

Título II Do réxime xeral dos créditos

Artigo 2. Asunción de competencias e/ou servicios procedentes do Estado.

A asunción por parte da Comunidade Autónoma de Galicia de novas competencias e/ou servicios procedentes do Estado con posterioridade ó 31 de decembro de 1981 e ata o día 31 de decembro de 1982, inclusive, supoñerá a incorporación nos Presupostos da Comunidade Autónoma dos créditos necesarios para atender ó cumprimento das obrigas derivadas daquela, así coma dos dereitos económicos que se prevén liquidar na forma en que se dispón no presente artigo.

Antes de transcorreren vinte días hábiles contados a partir da última publicación do correspondente acordo da Comisión Mixta de Transferencias incluída a totalidade dos seus Anexos no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia, o Goberno, previo informe conxunto do Departamento de Economía e Facenda e daqueloutros ós que afecte ou poidan afecta-las novas competencias e/ou servicios asumidos, someterá á Comisión de Economía, Facenda e Presupostos un Proxecto de asignación dos créditos necesarios para o cumprimento das obrigas derivadas da asunción daqueles durante o tempo que reste ata remata-lo exercicio económico ó que se refire a presente Lei. A Comisión de Economía, Facenda e Presupostos, en sesión permanente, dictaminará o Proxecto. O Dictame será publicado no Diario Oficial de Galicia e incorporado ó Presuposto vixente.

Artigo 3. Finalidade e limitacións de créditos.

1. Os créditos para gastos destinaranse exclusivamente á finalidade específica para a que foran autorizados no Presuposto ou modificacións aprobadas.

2. Os créditos autorizados no estado de gastos do Presuposto teñen carácter limitativo e, polo tanto, non se poderán adquirir compromisos de gastos por cuantía superior ó seu importe.

3. Con cargo ós créditos do Estado de gastos do Presuposto só poderán contraerse obrigas derivadas de adquisicións, obras, servicios e demais prestacións ou gastos en xeral que se realicen no ano natural do propio exercicio presupostario agás nos casos seguintes:

a) As que resulten da liquidación de atrasos a favor de funcionarios de carreira, e

b) As derivadas de exercicios anteriores, recoñecidas no período de que se trate e que deberán ser imputadas a créditos ampliables segundo o disposto no artigo 9 da presente Lei.

Artigo 4. Incorporacións.

Os créditos para gastos que ó remata-lo exercicio presupostario non estean afectados ó cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito.

A pesar disto, poderán incorporarse ós correspondentes créditos do Presuposto de Gastos do exercicio inmediato seguinte:

a) Os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito, así coma as transferencias de créditos, que foran concedidos ou autorizados, respectivamente, no último trimestre do exercicio presupostario.

b) Os créditos que amparen compromisos de gastos contraídos antes do último mes do exercicio presupostario e que, por causas xustificadas, non puideran realizarse durante o mesmo.

Os créditos que se incorporen, en virtude do disposto nos apartados a) e b) anteriores, deberán aplicarse ós mesmos gastos que motivaron a adquisición do compromiso.

c) Os créditos para operacións de capital.

Os créditos así incorporados deberán aplicarse a operacións de capital.

d) Os remanentes efectivos non comprometidos incorporaranse ó Presuposto da seguinte forma:

1. Os procedentes da subvención estatal para o funcionamento da Xunta incorpóranse como un ingreso máis aplicable ás mesmas obrigas xenéricas.

2. Os procedentes de subvencións específicas para servicios transferidos incorpóranse aplicándoos ás finalidades do servicio concreto correspondente.

3. Os remanentes procedentes de subvencións para inversións reais aplícanse ó propio programa para o que foron concedidos.

e) Aqueloutros créditos que correspondan a servicios transferidos e cunha materialización que pola súa proximidade á finalización do exercicio non puideran realizarse durante o mesmo.

Artigo 5. Transferencias de créditos.

1. O Presidente da Xunta e os Conselleiros de cada Consellería respecto das súas correspondentes Seccións poderán formular propostas de Transferencias de Créditos entre conceptos; estas afectarán, exclusivamente, ós conceptos asignados no Presuposto de gastos a xestión e administración dos cales lles corresponda. Estas propostas serán remitidas á Consellería de Economía e Finanzas, que someterá o correspondente expediente á aprobación do Pleno, previo informe dos servicios xurídico-administrativos da Xunta, da Dirección Xeral de Presupostos e da Intervención Xeral.

As transferencias de créditos correspondentes á sección 12, Parlamento, serán acordadas pola Mesa do mesmo, poñéndoos en coñecemento da Consellería de Economía e Finanzas ós únicos efectos de face-las adaptacións presupostarias que se deriven das transferencias acordadas.

De tódalas transferencias autorizadas a Xunta dará conta á Comisión de Economía, Facenda e Presupostos.

2. As dotacións aprobadas para os distintos conceptos presupostarios incluídas no presuposto da Comunidade poderán transferirse a outros conceptos presupostarios de acordo coas seguintes regras:

a) Créditos para Gastos de Persoal: Os excedentes que se produzan como consecuencia tanto da amortización de prazas de persoal que teñen consignación presupostaria, coma no retraso na súa incorporación ou da contratación de persoal de inferior categoría da prevista poderán destinarse a operacións de Capital, de calquera sección presupostaria.

b) Créditos para compra de bens correntes e servicios.

Poderán ser transferidos a:

Outros créditos presupostarios dentro deste capítulo e da mesma sección.

Financiar créditos calificados como ampliables.

Créditos para operacións de Capital de calquera sección presupostaria.

c) Transferencias correntes. No caso de subvencións con destino a entes territoriais, empresas privadas, institucións sen fins de lucro e familias, en que a identidade dos beneficiarios estea determinada nos propios Presupostos da Comunidade, considerarase que o crédito é transferible cando o beneficiario renuncie á subvención ou non a acepte na súa totalidade nas condicións fixadas para a súa concesión. Estes excedentes, xunto ós que se produzan, por calquera causa, en aplicación de subvencións non nominativas destinadas a beneficiarios de igual natureza da indicada, poderán destinarse a:

Financiar créditos calificados como Ampliables.

Operacións de capital de calquera sección presupostaria.

d) Transferencias de capital.

A posibilidade de transferir créditos quedará suxeita á mesma normativa cá establecida para as transferencias correntes, pero o seu destino será, exclusivamente, o de financiar operacións de capital.

e) Operacións financeiras: Poderán transferirse créditos unicamente con destino a operacións de capital mesmo dotando conceptos de nova creación, e, asimesmo, a créditos para transferencias de capital cando se destinen a entidades públicas.

f) Créditos Globais: Poderán realizarse transferencias de créditos globais ós específicos da mesma natureza económica, debendo determinarse no estado de gastos dos Presupostos a que créditos globais é de aplicación.

g) Créditos de Xestión Unificada: Poderán transferirse os créditos dos que se unificara a súa xestión, a favor do Servicio que teña a mesma ó seu cargo.

3. As transferencias de crédito de calquera clase estarán suxeitas ás seguintes normas:

a) Non afectarán ós créditos extraordinarios concedidos durante o exercicio.

b) Non minorarán créditos para gastos destinados a subvencións nominativas, nin os que foran incrementados con suplementos ou transferencias.

c) Non determinarán aumento en créditos que, como consecuencia doutras transferencias, foran obxecto de minoración.

d) Poderán minorar créditos calificados como ampliables coa perda desta calificación, non podendo, por tanto, ser susceptibles de incremento posterior.

Artigo 6. Reestructuración dos Servicios.

Poderanse realizar transferencias sempre que se consideren necesarias como consecuencia de reestructuracións da Administración acordadas legalmente así coma as que se deriven da entrada en funcionamento de servicios novos como consecuencia de Transferencias de Servicios e/ou competencias asumidas pola Comunidade. Delas darase conta á Comisión de Economía, Facenda e Presupostos.

Artigo 7. Créditos extraordinarios e suplementos de crédito.

Cando teña que realizarse con cargo ó Presuposto da Comunidade Autónoma algún gasto que non se poida demorar ata o exercicio seguinte e non exista no crédito ou sexa insuficiente e non ampliable o consignado, o Conselleiro de Economía e Finanzas, previo informe da Dirección Xeral de Presupostos e dictame dos Servicios Xurídicos da Xunta, elevará ó acordo do Pleno da Xunta a remisión dun Proxecto de Lei ó Parlamento da Comunidade, de concesión dun crédito extraordinario, no primeiro caso, ou dun suplemento de crédito no segundo, no que se especifique o recurso que haxa de financia-lo maior Gasto Público.

Artigo 8. Redistribución de créditos.

O titular de cada Consellería poderá redistribuí-los créditos dun concepto presupostario entre os distintos subconceptos que o compoñen dando conta da correspondente remodelación ó titular da Consellería de Economía e Finanzas, que deberá da-la súa aprobación previa cando se trate de conceptos relativos a persoal.

Artigo 9. Créditos ampliables.

1. Terán a condición de ampliables aqueles créditos que de modo taxativo e debidamente explicitados se relacionen no Estado de Gastos dos Presupostos da Comunidade Autónoma, previo cumprimento dos requisitos regulamentarios:

a) A efectiva recaudación dos dereitos afectados.

b) O recoñecemento preceptivo de obrigas específicas do respectivo exercicio, segundo disposicións con rango de lei.

c) O réxime de transferencias de crédito regulado pola presente Lei.

d) Os créditos afectados polas transferencias de crédito do Estado como consecuencia de traspaso de medios que realice a Administración Central do Estado e que correspondan a servicios que asuma a Comunidade Autónoma.

2. En particular, consideraranse ampliables os seguintes créditos incluídos no Presuposto da Comunidade:

a) Os créditos dos que se module a súa cuantía pola recaudación obtida naqueles ingresos que doten conceptos integrados nos respectivos presupostos. A dotación destes créditos e a súa disponibilidade queda supeditada á cifra de ingresos que se obteña.

b) Os créditos destinados ó pago de cuotas da Seguridade Social así coma as aportacións que a Comunidade Autónoma realice ó réxime de previsión social, e as prestacións regulamentarias e obrigatorias do devandito réxime.

c) Os créditos destinados ó abono de trienios, derivados do cómputo do tempo de servicios realmente prestados e do cumprimento da indemnización ou subsidio familiar.

d) As dotacións de persoal na medida en que estas sexan cubertas de acordo coa lexislación vixente.

e) As destinadas ó pago do persoal laboral en canto deban ser incrementadas como consecuencia de elevacións salariais dispostas de conformidade coa normativa vixente.

f) Os créditos correspondentes a competencias e servicios transferidos pola Administración do Estado, na medida que o seu custo real de execución sexa superior ó consignado nos presentes Presupostos, en base ós respectivos acordos de transferencias, debido a defectos de información contidos neles ou calquera outra razón que o xustifique.

g) Os destinados ó pago de intereses, amortización do principal, no seu caso, e gastos derivados da Débeda Pública.

h) Os destinados a constitución e desenrolo de empresas públicas.

i) Os destinados ó desenvolvemento económico na loita contra o paro.

j) Os destinados a promove-la normalización no uso da lingua galega.

k) Os destinados ó exercicio de accións, a interposición de recursos e, en xeral, a utilización de calquera medio de carácter xurídico, de defensa dos dereitos e intereses da Comunidade Autónoma, tanto xudicial coma extraxudicial.

Artigo 10. Habilitación de Créditos.

1. A Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Economía e Finanzas, e da maneira que regulamentariamente se estableza, poderá habilitar créditos en base ós ingresos derivados das seguintes operacións:

a) Aportacións de persoas naturais ou xurídicas para financiar, xuntamente coa Comunidade Autónoma ou, no seu caso, con algúns dos seus Organismos Autónomos, gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos dos mesmos.

b) Enalleación de bens da Comunidade Autónoma ou, no seu caso, dos seus Organismos Autónomos.

c) Prestacións de servicios.

d) Reembolso de préstamos.

e) Os ingresos procedentes de transferencias que o Estado realice para a Comunidade Autónoma, tanto para financiación dos Servicios coma para inversións reais ou programas a realizar pola Xunta. Os créditos habilitados en base a este último apartado, deberán aplicarse, no seu caso, á realización daqueles servicios, inversións ou programas que, ó efecto, se conviñeran.

f) Créditos do exterior para inversións públicas.

Artigo 11. Reposición de créditos.

1. No suposto de se obteren ingresos por reintegro de pagos realizados indebidamente con cargo a créditos presupostarios, aqueles darán lugar á reposición destes últimos en iguais condicións ás que tiñan no momento de se realiza-lo pago, sempre que correspondan a créditos contidos no Presuposto de 1982 e tanto o pago coma o ingreso teñan lugar durante o período de execución do Presuposto.

2. Se o ingreso correspondente a un crédito consignado en presupostos anteriores ó correspondente a 1982, terá a consideración dun ingreso ordinario da Comunidade Autónoma.

Artigo 12. Gastos de carácter plurianual.

1. A Xunta, a proposta da Consellería de Economía e Finanzas e da Consellería correspondente, poderá adquirir compromisos para os gastos que haxan de extenderse a exercicios posteriores a aquel en que se autoricen, sempre que a súa execución se inicie no propio exercicio e que ademais se encontre nalgún dos casos que a continuación se enumeran:

a) Inversións e Transferencias de Capital.

b) Contratos de suministro, de asistencia técnica e científica e de arrendamento de equipos que non poidan ser estimados ou resulten antieconómicos por prazo dun ano.

c) Arrendamento de bens inmobles a utilizar pola Comunidade Autónoma.

d) Cargas financeiras das Débedas da Comunidade Autónoma e dos seus Organismos Autónomos.

2. O número de exercicios a que poidan aplicarse os gastos referidos nos apartados a) e b) do párrafo 1, non poderá ser superior ós catro anos. Asimesmo, o gasto que a tales casos se impute en cada un dos exercicios futuros autorizados non poderá exceder da cantidade que resulta de aplicar ó crédito correspondente do ano en que a operación se comprometeu as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte, o 70%; no segundo exercicio, o 60%; e nos exercicios terceiro e cuarto, o 50%.

3. Exceptúanse dos límites porcentuais anteriores os gastos correspondentes a convenios que se realicen ou subscriban, pola Comunidade Autónoma, con calquera dos Axentes incluídos no Sector Público Estatal; neste caso, poderán comprometerse gastos e adquirirse compromisos de carácter plurianual co límite do número dos exercicios e dos créditos consignados no correspondente convenio.

4. Os compromisos de gastos de carácter plurianual deberán ser obxecto de adecuada e independente contabilización.

Título III Dos créditos do persoal

Artigo 13

O total das retribucións íntegras anuais que por tódolos conceptos perciban o Presidente, Vicepresidente e Conselleiros a cargo das distintas Consellerías será o seguinte:

[figura]

Artigo 14. Altos cargos da Administración.

O total das retribucións íntegras anuais que por tódolos conceptos perciban os Secretarios Xerais Técnicos e os Directores Xerais da Xunta de Galicia será o seguinte:

Soldos 915.108

Pagas extraordinarias 152.518

Complementos:

De destino 681.348

De dedicación absoluta 625.596

De especial responsabilidade 625.596

Artigo 15

As retribucións que figuran nos artigos anteriores aplicaranse tendo en conta a situación administrativa do persoal designado para ocupalos.

Artigo 16. Retribucións básicas.

1. As retribucións básicas dos funcionarios calcularanse tendo en conta as seguintes cuantías íntegras referidas a un período anual de doce mensualidades:

[figura]

2. Durante o exercicio de 1982 asignarase provisionalmente a cada corpo, escala ou praza da Administración o grado da carreira administrativa, de acordo co previsto no artigo 8.2 da Lei 42/79, do 29 de Decembro.

3. Durante o exercicio económico de 1982 non se producirá devengo de ningunha retribución polo concepto de grado en función do tempo de servicios efectivos prestados.

Artigo 17. Retribucións complementarias.

1. As retribucións complementarias manterán o réxime e estructura vixente en 1981, axeitándose a súa cuantía para que as retribucións íntegras anuais dos funcionarios experimenten un incremento do máximo legal, computadas as retribucións básicas.

2. O complemento familiar, a axuda para comida e as retribucións que teñan o carácter de absorbibles por futuras melloras ou incrementos, rexeranse pola súa normativa específica, excluíndose do aumento a que se refiren os artigos anteriores.

3. Os incrementos que se deriven do disposto na presente Lei aplicaranse na cuantía procedente á compensación de retribucións que teñan o carácter de absorbibles por futuras melloras ou incrementos.

Artigo 18. Persoal eventual, interino e contratado.

1. O total das retribucións íntegras anuais dos funcionarios interinos, do persoal contratado en réxime de dereito administrativo e do eventual incrementarase no máximo legal, sen prexuício do disposto nos números seguintes deste artigo.

2. O incremento anterior aplicarase tendo en conta que as retribucións resultantes non sexan superiores ás dos funcionarios de carreira a que sexan asimilables. Este límite aplicarase igualmente ós novos nomeamentos que poidan producirse no presente exercicio consonte a Lexislación vixente.

3. As retribucións básicas deste persoal non poderán exceder das de entrada que correspondan ós funcionarios de carreira, do Grupo no que ocupan vacantes e as súas restantes retribucións terán o carácter de complementarias.

Artigo 19. Réxime retributivo.

As disposicións ás que se refiren os artigos anteriores determinan o réxime retributivo dos funcionarios transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma.

Igualmente seralle de aplicación ó persoal funcionario e contratado de natureza administrativa, así como ós que se encontren nalgunha das situacións administrativas recollidas na Lei de Funcionarios Civís do Estado, que presten os seus servicios á Xunta en virtude de nomeamento efectuado polos órganos competentes da mesma.

Artigo 20. Dedicación exclusiva.

Todo o persoal ó servicio da Comunidade Autónoma que perciba como retribución complementaria o complemento de dedicación exclusiva ou o de absoluta, non poderá exercer ningunha outra actividade pública nin privada remunerada.

Artigo 21. Aumento de retribucións de persoal laboral.

1. Para poder varia-lo réxime económico ou a cuantía das retribucións do persoal laboral en caso de modificación do salario mínimo interprofesional, disposto con carácter xeral ou de aplicación ó persoal laboral ó servicio da Comunidade Autónoma, de convenios colectivos que afecten a toda a rama de actividade do persoal laboral respectivo, soamente será necesaria a tramitación, no seu caso, do oportuno expediente de habilitación de crédito.

2. Ó persoal laboral contratado pola Xunta seralle de aplicación o Convenio de Oficinas e Despachos.

3. No caso de que o persoal perciba unhas retribucións superiores nun 10% ó nivel derivado do Convenio, o incremento acordado aplicarase previa compensación daquelas melloras de carácter voluntario e absorbibles que estiveren establecidas.

Artigo 22. Retribucións doutro persoal.

A retribución de calquera outro persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma non incluídos no ámbito de aplicación do disposto nos artigos anteriores, poderá ter un incremento do máximo legal que se distribuirá de acordo co que se dispoña na regulamentación específica que se dicte.

Artigo 23. Outros créditos de persoal.

A Xunta habilitará os créditos necesarios para garantizar que as pagas extraordinarias dos funcionarios con índice de proporcionalidade tres e catro, se calculen como se o soldo fora igual a 307.440 pesetas anuais.

Artigo 24. Contratación temporal con cargo a Créditos de Inversións.

1. Durante o exercicio de 1982 non poderá contratarse persoal laboral con cargo a créditos de inversións.

2. Sen embargo e excepcionalmente, cando os Departamentos realicen, por administración directa e por aplicación da lexislación vixente de contratación, as obras ou servicios correspondentes a algunha das inversións incluídas no seu Presuposto e para a execución das mesmas necesiten contratar persoal, os pagos por este concepto poderán imputarse ós respectivos créditos de inversións.

3. O expediente tramitado ó efecto remitirase á Consellería de Facenda, a efectos do seu informe e elevación á Xunta, a fin de que esta outorgue a correspondente autorización con carácter previo á contratación de persoal. No expediente deberá acreditarse a ineludible necesidade de proceder á contratación por non dispoñer de persoal fixo ó efecto. Nos contratos, que inescusablemente haberán de formalizarse por escrito con suxección ó disposto na Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos Traballadores, farase consta-la obra ou servicio concreto coa execución da cal se contrata e o tempo de duración de que se trate, sen que, en ningún caso, tales contratos determinen dereitos a favor do persoal respectivo máis alá dos límites expresados nos mesmos, e sen que delas poida derivarse fixeza ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 25. Cadros de persoal.

Durante o exercicio de 1982, poderán tramitarse expedientes de ampliación de cadros de persoal que se considere necesaria como consecuencia da creación ou reestructuración de unidades orgánicas que se deriven da entrada en funcionamento de novas inversións, asunción de competencias e/ou servicios transferidos.

O control parlamentario destes expedientes regularase polo establecido no artigo 2.

Artigo 26. Indemnizacións por razón de servicios.

Os gastos que se orixinen con motivo da realización de comisión de servicios con dereito a dieta regularanse polo disposto no Decreto 176/1975 e disposicións que o desenvolvan.

A pesar disto, os gastos que por este motivo se lles ocasionen ós Señores Conselleiros, Directores Xerais e asimilados indemnizaranse a través dos gastos de reresentación, consignados no concepto 251 do Presuposto de Gastos, crédito a librar en firme por doceavas partes; tamén terán dereito a indemnización polos gastos en que incorran por motivos de desprazamento fóra do territorio da Comunidade Autónoma.

Artigo 27.

A estructura retributiva regulada neste Título non xerará dereitos que poidan esgrimirse no momento de regula-la función pública galega.

Título IV Dos créditos de inversións

Artigo 28. Contratación directa de inversións.

O Pleno da Xunta, a proposta dos Conselleiros interesados, poderá autoriza-la contratación directa de todos aqueles proxectos de obras que se inicien durante o exercicio de 1982, con cargo ós Presupostos da Consellería respectiva, calquera que sexa a orixe dos fondos o presuposto da cal sexa inferior a dez millóns de pesetas.

A Xunta comunicará, trimestralmente, ó Parlamento unha relación dos expedientes tramitados en uso da autorización expresada.

Artigo 29. Plans e Programas de Inversións.

A inclusión de calquera obra dentro dos Plans de Obras e Servicios incluídos nas dotacións que para inversións figuran no Presuposto da Xunta implicará, cando sexa necesario, declaración de utilidade pública con urxente ocupación, que será declarada polo Pleno da Xunta, a proposta do titular da Consellería en relación cos servicios que dela dependan. Todo isto, en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Artigo 30. Créditos a financiar.

Os créditos que figuran consignados nas distintas seccións do Presuposto de Gastos de 1982, baixo o epígrafe de «a financiar», quedarán supeditados en canto á súa disponibilidade e execución á obtención dos recursos necesarios para a súa financiación.

Artigo 31. Fondo de loita contra o paro.

1. Constitúese un «Fondo de loita contra o paro». A súa xestión corresponderá, baixo a dirección da Presidencia, ás Consellerías de Ordenación do Territorio, de Traballo, Industria e Enerxía, Agricultura e Economía e Finanzas, sen prexuício de poder asignar determinadas accións a calquera outra Consellería, previo acordo da Xunta.

2. A finalidade do Fondo será a financiación dun Plan específico de inversión destinado á loita contra o paro, mediante a creación de novos postos de traballo.

3. A cuantía mínima deste Fondo será de 558.407.488 pesetas.

4. As inversións a que se refire o apartado 2 poderán ser acometidas a través dos Municipios e en colaboración con eles, atendendo para a súa asignación ós índices obxectivos que amosen a necesidade de creación de postos de traballo: tasa de paro, emigración, renda per capita, déficit de servicios públicos, e outros que se acorden. Asimesmo as inversións terán necesariamente unha baixa relación capital/ traballo.

5. A distribución do Fondo será obxecto dun Plan que se presentará, a proposta do Goberno Galego, nun prazo de tres meses á Comisión de Economía, Facenda e Presupostos do Parlamento para a súa aprobación.

Corresponde ó Goberno a xestión do Plan.

Título V Das operacións financeiras

Artigo 32. Avais.

1. Durante o exercicio de 1982, a Comunidade Autónoma poderá avalar, nas condicións que regulamentariamente se determinen, as operacións de crédito que as entidades crediticias concedan, prestando un segundo aval sobre as empresas que, avaladas polas Sociedades de garantía recíproca, sexan socios participantes destas.

2. Os créditos a avalar terán como única finalidade a de financiar inversións productivas de pequenas e medianas empresas. As entidades beneficiarias terán que estar radicadas en Galicia. Ningún aval individualizado poderá significar unha cantidade superior ó 2% da cantidade global.

3. Os avais prestados pola Comunidade Autónoma Galega devengarán ó seu favor a comisión que para cada operación se determine.

4. Os avais autorizados serán debidamente documentados, e serán firmados en todo caso polo Conselleiro de Economía e Finanzas.

5. O Conselleiro de Economía e Finanzas inspeccionará as inversións financeiras con créditos avalados pola Comunidade Autónoma Galega, para comproba-la súa aplicación e rendabilidade, así como a solvencia dos debedores.

6. Os avais prestados segundo o disposto nos apartados anteriores, serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33. Operacións de crédito da Comunidade Autónoma.

1. A finalidade das operacións de crédito por prazo superior a un ano que se poidan concertar durante o exercicio será a de financiar inversións reais.

2. A finalidade das operacións de crédito por prazo non superior ó ano, a concertar durante o exercicio, será a de facer frente ás necesidades transitorias de tesourería, correspondendo ó Pleno da Xunta a autorización destes.

3. Corresponderá ó Pleno da Xunta, a proposta da Consellería de Economía e Finanzas, a determinación do tipo de interés, condicións, e demais características das operacións de endebedamento sinaladas nos epígrafes anteriores. A Consellería de Economía e Finanzas queda autorizada para formalizar, no seu caso, as devanditas operacións en representación da Comunidade Autónoma.

4. A Xunta dará conta ó Parlamento, de todas e cada unha das operacións de crédito realizadas ó amparo das autorizacións contidas nos epígrafes anteriores do presente artigo.

Artigo 34. Endebedamento da Comunidade Autónoma.

Autorízase á Xunta de Galicia para que poida proceder a un endebedamento da Comunidade Autónoma para gastos de inversión reais, ben sexa na forma de Emisión de Débeda Pública ou mediante a concertación de empréstitos a longo prazo ou calquera outra fórmula xurídica.

O límite máximo de endebedamento é o 25% dos ingresos correntes.

Artigo 35. Da financiación de servicios centrais, por novas transferencias.

Excepcionalmente e ata que a Comunidade Autónoma non completara o proceso de asunción das competencias que se sinalan no Estatuto de Autonomía, a Xunta poderá, cando sexa necesario, concertar operacións de crédito para financiar gastos de funcionamento, mesmo de persoal, orixinadas pola creación de servicios centrais novos nas Consellerías respectivas, mediante lei aprobada en cada caso.

Título VI Bases de xestión do Presuposto

Artigo 36

1. A xestión, desenrolo e aplicación do Presuposto da Comunidade Autónoma realizarase de acordo co establecido nesta Lei e, no non previsto, de acordo cos principios xerais do Estado que se establecen na Lei Xeral Presupostaria 11/74, do 4 de xaneiro.

2. O estado de Gastos do Presuposto da Comunidade responderá á clasificación orgánico-económica, identificándose os conceptos pola reunión das dúas cifras da Sección Orgánica, seguida das tres cifras do número económico.

3. A clasificación orgánica agrupará os créditos para gastos por seccións correspondentes ás distintas Consellerías e ó Parlamento.

4. A efectos do número anterior a clasificación orgánica para este exercicio establécese coas seccións seguintes:

01 Presidencia

02 Xusticia e Interior

03 Economía e Finanzas

04 Ordenación do Territorio e Obras Públicas

05 Educación

06 Traballo, Seguridade Social e Emigración

07 Sanidade

08 Agricultura, Gandería e Montes

09 Pesca

10 Industria, Enerxía e Comercio

11 Turismo e Deportes

12 Parlamento

13 Adxunta a Presidencia para a Cultura

A modificación da estructura orgánica da Xunta comportará a reclasificación orgánica presupostaria.

5. A clasificación económica recollerá os créditos atendendo á distinta natureza dos gastos que, con cargo ós mesmos, se poderán realizar con arregro ós seguintes criterios:

Créditos para gastos correntes: Distinguiranse os de funcionamento dos servicios, os de intereses, e as transferencias correntes.

Créditos de capital: Distinguiranse os de inversións reais, as transferencias de capital e as variacións de activos e pasivos financeiros.

Artigo 37

O exercicio Presupostario coincidirá co ano natural e a el imputaranse:

a) Os dereitos liquidados durante o mesmo, calquera que sexa o período do que se deriven.

b) As obrigas recoñecidas ata o remate do mes de xaneiro seguinte, sempre que correspondan a adquisición, obras, servicios, prestacións ou gastos en xeral, realizadas antes da expiración do exercicio presupostario e con cargo ós respectivos créditos.

Artigo 38

Tódolos actos, documentos e expedientes da Comunidade Autónoma de Galicia dos que se derivan dereitos e obrigas de contido económico, serán intervidos e contabilizados con arregro ó establecido na presente Lei e, no non disposto nela, de conformidade coa Lei Xeral Presupostaria do 4 de xaneiro de 1977.

Artigo 39

A actividade económica da Comunidade Autónoma de Galicia quedará reflexada en réxime de contabilidade pública, que se levará en libros, rexistros e contas, segundo os procedementos que se consideren máis convenientes, de modo que, cos mesmos, se alcancen os seguintes fins:

a) Rexistra-la execución do Presuposto da Comunidade Autónoma.

b) Coñece-lo movemento e situación da súa Tesourería.

c) Poñer de manifesto as variacións, composición e situación do seu Patrimonio.

d) Proporciona-los datos e antecedentes necesarios para rende-las contas que se establezan e, en todo caso, a conta de liquidación do Presuposto.

e) Proporciona-los datos e antecedentes que sexan precisos tanto para facilita-la información económica e financeira que precise a Consellería de Economía e Finanzas, así como os datos necesarios para confeccionar contas económicas do Sector Público.

Compete á Consellería de Economía e Finanzas a organización da Contabilidade Pública ó servicio dos fins anteriormente descritos. En cada Consellería existirán servicios de Contabilidade e Presupostos, que dependerán funcionalmente da Consellería de Economía e Finanzas, co fin de coñece-la situación dos créditos a xestión dos cales lle corresponda, e tramita-los correspondentes expedientes de gastos axustándose ó crédito disponible en cada momento e a que a súa aplicación sexa axeitada coa finalidade específica para a que foron autorizados.

Artigo 40

A proposta de gastos iniciará o expediente, formalizarase de acordo coa resolución adoptada polo servicio competente e conterá:

Exposición de motivos aducindo os feitos existentes que xustifiquen a necesidade do gasto a efectuar.

No seu caso, os fundamentos de dereito.

Partida presupostaria a realizar, facendo consta-la existencia de crédito suficiente e adecuado.

O expediente completarase cos demais documentos que sexan necesarios, incorporando ó mesmo, en todo caso, os que prevé a Lei de Contratos do Estado e o seu Regulamento nos supostos de Contratación de Obras, Suministros ou Servicios.

Artigo 41

Exceptúanse da tramitación mediante expediente as propostas que se refiran a algún dos seguintes gastos:

a) As remuneracións periódicas do persoal.

b) Os gastos periódicos de representación.

c) Os derivados de obrigas por Seguridade Social e Tributarios.

d) Os de dietas, locomoción e traslado.

Artigo 42

Toda proposta ou, no seu caso, expediente de gastos, levará a «toma de razón» do Servicio de Contabilidade e someterase á correspondente fiscalización previa que será exercitada pola Intervención Xeral, ou polos Interventores Delegados, nos términos previstos na Lei Xeral Presupostaria. Esta función exercerase con plena autonomía respecto das autoridades que fiscalicen a súa xestión e terá por obxecto controlar tódolos actos da Administración Autonómica que dean lugar ó recoñecemento de dereitos e obrigas de contido económico, así como os ingresos e pagos que disto se deriven, e a recaudación, inversión ou aplicación dos caudais públicos co fin de asegurar que a súa administración se axuste ás disposicións aplicables en cada caso.

Artigo 43

Non estarán sometidos a intervención previa os gastos de material non inventariable, así como os de carácter periódico e demais de tracto sucesivo, unha vez intervido o gasto correspondente ó período inicial do acto ou contrato de que deriven ou as súas modificacións.

Artigo 44

Se a Intervención se manifestase en desacordo co fondo ou coa forma dos actos, expedientes ou documentos examinados, deberá formula-los seus reparos por escrito.

Cando a disconformidade se refira ó recoñecemento ou liquidación de dereitos a favor da Facenda da Comunidade Autónoma a oposición formalizarase en nota de reparo e, de subsisti-la discrepancia, mediante a interposición dos recursos ou reclamacións que procedan.

Se o reparo afecta á disposición de gastos, recoñecemento de obrigas e ordenación de pagos, suspenderá, ata que sexa solventado, a tramitación do expediente nos casos seguintes:

a) Cando se basee na insuficiencia de crédito ou o proposto non se considere adecuado.

b) Cando se aprecien graves irregularidades na documentación xustificativa das ordes de pago ou non se acredite o dereito do seu perceptor.

c) Nos casos de omisión no expediente de requisitos ou trámites que, a xuício da Intervención, sexan esenciais, ou cando estime que a continuación da xestión administrativa puidera causar quebrantos ó Tesouro ou a terceiros.

d) Cando o reparo derivase de comprobacións materiais de obras, suministros, adquisicións e servicios.

Artigo 45

1. Cando o órgano a que afecte o reparo non estea conforme co mesmo procederase da seguinte forma:

a) Nos casos en que se formulara pola Intervención Delegada, corresponderá á Intervención Xeral da Xunta coñece-la discrepancia, sendo a súa resolución obrigatoria para aquela.

b) Cando o reparo emane da Intervención Xeral ou esta confirmara o dunha Intervención Delegada subsistindo a discrepancia, corresponderá ó Pleno da Xunta adopta-la resolución definitiva.

2. A Intervención poderá emitir informe favorable a pesar dos defectos que observen no respectivo expediente, sempre que os requisitos ou trámites incumpridos non sexan esenciais, pero a eficacia do acto quedará condicionada á subsanación daqueles e da que se dará conta á devandita oficina.

3. Informado favorablemente o expediente, coa correspondente proposta de gasto, remitirase ó órgano competente para a súa autorización.

Artigo 46

A autorización de gastos é o acto formal polo que o Órgano competente resolve destinar, dentro dos créditos autorizados no Presuposto, unha cantidade determinada para unha finalidade específica. Corresponde a autorización de Gastos:

a) Ó Pleno da Xunta cando o gasto supere a cifra de dez millóns de pesetas.

b) Ó presidente da Xunta ou Vicepresidente e Conselleiro da Presidencia, os correspondentes ás Seccións 01.

c) Á Mesa do Parlamento, os correspondentes á Sección 12, calquera que sexa o seu importe.

d) Ós Conselleiros, os correspondentes ós créditos do Presuposto da Consellería, a xestión dos cales lles compete.

e) Ó Conselleiro de Economía e Finanzas, os do Presuposto da mesma e os derivados de obrigas de carácter tributario e de Seguridade Social.

Artigo 47

Os gastos que se deriven do réxime de retribucións legalmente establecidas consideraranse autorizados inicialmente coa aprobación do Presuposto, e a súa disposición estimarase realizada co nomeamento, contrato ou recoñecemento, que deberá comunicarse á Intervención Xeral e á Tesourería ós efectos de atende-la súa tramitación, non sendo necesaria posterior autorización do gasto para sucesivas mensualidades, excepto nos casos de modificacións dos perceptores ou das cuantías a percibir.

Artigo 48

Autorizados e dispostos os gastos, de acordo coa tramitación que en cada caso proceda, comunicaranse á Consellería de Economía e Finanzas, para que ordene o seu pago. Corresponde ó Conselleiro de Economía e Finanzas a Ordenación de Pagos.

Artigo 49

1. Non se poderá realizar ningunha operación de saída de fondos e valores, tanto presupostarios coma extrapresupostarios, se non mediante a expedición da correspondente Orde de Pago suscrita polo Ordenador e coa toma de razón do Interventor Xeral.

2. As Ordes de Pago serán expedidas pola Intervención, necesariamente no modelo establecido, e remitiranse debidamente relacionadas á Tesourería co fin de que se fagan efectivas ós perceptores.

3. As Ordes de Pago extenderanse a favor do acredor directo, entendéndose por tal a persoa física ou xurídica coa que se contratara a execución da obra, a prestación do servicio ou a realización do suministro. No suposto de que o pago teña que facerse efectivo mediante transferencias bancarias, expedirase a favor da Tesourería facendo consta-lo nome ou razón social do acredor directo; o Tesoureiro firmará o «Recibín» da Orde de Pago á que unirá os xustificantes da súa realización.

Artigo 50

1. A toda Orde de Pago acompañaranse os xustificantes e documentos que se expidan na súa virtude ou, no seu caso, referencia a aquela a que van unidos.

2. Os pagos xustificaranse:

a) Os de haberes, asignacións e remuneracións coas oportunas nóminas.

b) Os de obras, servicios e suministros, coas correspondentes certificacións de obra, documentos acreditativos da prestación do servicio ou a realización do suministro ou a Resolución ou acordo de ter sido realizados de conformidade e de cumprimento do disposto na Lei de Contratos do Estado e demais disposicións de aplicación respecto da súa contratación.

c) Nos suministros menores que haxan de verificarse directamente en establecementos comerciais, abertos ó público, fará as veces de documento contractual a factura pertinente cando consten nela os requisitos establecidos no Artigo 259 do Regulamento Xeral de Contratación do Estado. Consideraranse suministros menores, conforme ó disposto no artigo 86 da Lei de Contratos do Estado, aqueles que se refiran a bens consumibles ou de fácil deterioro o importe total dos cales non exceda de 100.000 pesetas.

Artigo 51

1. Previa Resolución dos titulares das Consellerías, poderanse expedir Ordes de Pago con carácter de «a xustificar» naqueles supostos en que non sexa posible xustificar de modo inmediato a cuantía dos gastos.

Estas Ordes de Pago expediranse con aplicación ós correspondentes créditos presupostarios e previo informe da Intervención. Os perceptores destas Ordes de Pago quedarán obrigados a xustifica-la aplicación das cantidades recibidas no prazo máximo de tres meses, e a correspondente conta será sometida á aprobación ou reparo da autoridade competente.

2. Non poderá expedirse unha nova Orde de pago «A xustificar», a favor do mesmo perceptor doutra anterior, en tanto non xustificara esta.

3. Non se incluirán na mesma Orde de Pago expedida con carácter de «A xustificar», cantidades destinadas a atencións que correspondan a diferentes partidas presupostarias.

4. A cuantía total das Ordes de Pago cun carácter de «A xustificar» non excederá do 10% dos créditos asignados a cada Consellería en ningún momento do gasto.

Artigo 52

Igualmente poderanse librar con carácter de «A xustificar», cantidades por unha cuantía de ata a cuarta parte dos créditos consignados no Presuposto que correspondan ós servicios transferidos polo Estado. A correspondente solicitude formularase polo Conselleiro dos que aqueles dependan, dando lugar á oportuna proposta de gastos, debendo xustificarse a súa inversión polo perceptor no prazo de tres meses.

Artigo 53

1. Asimesmo, poderán expedirse Ordes de Pago con carácter de «A xustificar» cando correspondan a dotación ordinaria para gastos de oficina, dietas e gastos de locomoción e outros gastos especiais de funcionamento dos servicios. O importe destas Ordes de Pago será ingresado na conta corrente do Banco ou Caixa de Aforros que designe o titular da Consellería que subscribirá os oportunos talóns nominativos a favor dos perceptores.

2. Mensualmente, renderase xustificación da inversión incorporando ó cargo da conta correspondente ó mes seguinte o saldo que resulte da do mes precedente. Ó final do exercicio reintegrarase o saldo resultante.

Artigo 54

1. Para a entrada de fondos e valores, tanto presupostarios coma extrapresupostarios, na Tesourería requirirase mandamento de ingreso expedido pola Intervención Xeral.

2. Serán expedidas polo seu importe íntegro, sen que sexa posible atender ningunha obriga mediante minoración dos dereitos a liquidar ou xa ingresados.

Artigo 55

Os fondos da Xunta situaranse en conta corrente aberta no Banco de España, sen prexuício de que, atendida a especial natureza das operacións a realizar ou do lugar en que se verifiquen, poidan abrirse contas coas Caixas de Aforros Galegas.

Artigo 56

Mensualmente, o último día de cada mes, practicarase arqueo ordinario dos fondos da Xunta, actuando como claveiros o Ordenador de Pagos, o Interventor Xeral e o Tesoureiro, extendéndose a correspondente acta no libro pertinente. Os arqueos extraordinarios verificaranse en caso de cambio dos claveiros, ou cando o dispoña o Presidente da Xunta ou a petición de calquera dos claveiros.

Artigo 57

O Presuposto liquidarase, en canto á recaudación de dereitos e ó pago de obrigas, o día 30 de abril de 1983, quedando a cargo da Facenda da Comunidade, os ingresos e pagos pendentes segundo as respectivas contraccións de dereitos e obrigas. Non obstante, aplicaranse a período corrente os ingresos aprazados, fraccionados e demais, non apremiados legalmente.

Os ingresos realizados unha vez pechado o respectivo exercicio quedarán desafectados do específico destino que, no seu caso, lles correspondera, sen prexuício do seu recoñecemento e nova afectación con cargo ó presuposto do exercicio en curso.

Disposición adicional primeira

Para o exercicio de 1983, a Xunta establecerá a clasificación funcional e iniciará a presentación dos Presupostos por Programas.

Disposición adicional segunda

As dotacións presupostarias da Sección 12, Parlamento Galego, libraranse en firme e periodicamente a nome do mesmo, a medida que este o requira, e non estarán suxeitas a ningunha xustificación ante o Goberno.

Disposición adicional terceira

No Proxecto de Lei de Presupostos para o ano 1983 a Xunta unirá os presupostos das Deputacións Provinciais de Galicia.

Disposición transitoria primeira

A Xunta de Galicia remitirá, nun prazo de seis meses, ó Parlamento de Galicia un Proxecto de Lei que regule o Consello de Contas de Galicia, contemplado no artigo 53 do Estatuto de Autonomía.

Mentres non exista o devandito Consello de Contas de Galicia, o Parlamento Galego poderá requirir do Tribunal de Contas os Informes e fiscalizacións das contas e da xestión económica da Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria segunda

A presente Lei será de aplicación ós Organismos Autónomos que poidan crearse e ó seu correspondente Presuposto, que esixirá para a súa efectividade a debida aprobación parlamentaria.

Disposición transitoria terceira

Mentres o Parlamento de Galicia non lexisle sobre a materia terán plena aplicación para o exercicio económico de 1982 a Lei Orgánica de Financiación das Comunidades Autónomas, 8/80, do 22 de Setembro; a Lei Xeral Presupostaria 11/77, do 4 de Xaneiro; a Lei Xeral de Contratos do Estado do 8 de Abril de 1965; a Lei Xeral Tributaria do 28 de Decembro de 1963; o Regulamento Xeral de Recaudación do 11 de Novembro de 1969; a Lei de Funcionarios Civís do Estado do 7 de Febreiro de 1964; así como as modificacións posteriores e os seus respectivos Regulamentos.

Disposición derradeira

Autorízase ó Departamento de Economía e Finanzas para que efectúe nas Seccións do Presuposto de Gastos da Comunidade as adaptacións técnicas que sexan necesarias como consecuencia de reorganizacións administrativas, co fin de crea-las seccións, servicios e conceptos presupostarios que sexan precisos, e autoriza-las transferencias de crédito correspondentes. Estas operacións, en ningún caso darán lugar a un incremento de crédito dentro do Presuposto.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1982

Gerardo Fernández Albor

Presidente

ANEXO 1

[táboas]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver