Acordo sobre colaboración na docencia do persoal investigador

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0873
Departamento: Claustro
Estado: En vigor

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) xestiona máis da metade dos recursos que se captan no Sistema Universitario Galego (SUG) destinados á investigación. Ese volume implica o desenvolvemento dun importante número de proxectos, actividades e servizos de I+D e innovación que requiren da contratación de persoal investigador e persoal técnico de apoio que participe na súa execución con financiamento de carácter finalista.

Ao mesmo tempo, a USC contrata a través de programas de recursos humanos estatais, autonómicos e internacionais persoal investigador en fase de formación ou de consolidación da súa traxectoria científica nun volume que a coloca entre as 10 primeiras a nivel estatal e como universidade líder dentro do SUG no período 2008-2018.

Non obstante, a financiación conxuntural, temporal e basicamente finalista asociada a estas actividades, fundamentalmente na contratación derivada de proxectos específicos de investigación, contratos e convenios con empresas e outras entidades, derivou nunha dinámica de precarización deste tipo de emprego que as sucesivas reformas laborais foron penalizando no marco das políticas sociais de protección dos traballadores de carácter temporal.

Neste contexto, en febreiro de 2017 constituíse a denominada “Comisión negociadora do convenio colectivo do persoal contratado pola USC con recursos afectados procedentes de fondos públicos ou contratos con entidades e empresas para o desenvolvemento de actividades de I+D+i” co obxectivo de avaliar alternativas que permitisen un novo marco de contratación de persoal.

En novembro de 2018 o novo equipo de goberno retomou a negociación mencionada constatando que as propostas non frutificaran nun convenio e propoñendo unha nova dinámica que permitise chegar a acordos puntuais nas materias máis relevantes sen renunciar a que eses mesmos acordos conformen finalmente un convenio colectivo diferenciado se así se estima preciso.

Sobre esta base e tendo en conta a necesidade de xerar os maiores consensos posibles para dotar de seguridade xurídica as decisións que se adopten mantivéronse, dentro dese marco, reunións formais da comisión mencionada e reunións de grupos de traballo cos representantes dos traballadores para a análise de tres cuestións fundamentais:os procesos de selección deste persoal, as categorías e as retribucións.

Así mesmo, o equipo de goberno constituíu en maio de 2019 un “Grupo asesor en materia de investigación” con investigadoras e investigadores principais das estruturas de I+D de traxectoria consolidada, con representación de todas as tipoloxías e de todas as áreas de coñecemento.

Froito das reunións mencionadas, o Consello de Goberno aprobou o 27 de setembro de 2019 o Regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i, que entrou en vigor o 14 de outubro e que ordena as diferentes modalidades de selección con procedementos rigorosos, acordes á legalidade, e que permiten a flexibilidade que demanda o desenvolvemento de actividades de investigación.

O seguinte paso, necesario na nova definición da investigación na Universidade de Santiago de Compostela foi o establecemento de categorías e retribucións para o persoal investigador que configuren unha carreira investigadora, achegando estabilidade a este colectivo e potenciando a continuidade das investigacións que desenvolven.

Logo das negociacións mencionadas, o Consello de Goberno celebrado o 24 de xullo de 2020 aprobou o Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación Este fito supón un merecido recoñecemento da importancia das funcións que o persoal investigador desenvolve no seo da USC e que son vitais para o avance científico da sociedade galega.

Os artigos 10, 11 e 12 establecen as características das tres figuras que configuran a carreira investigadora na USC:persoal investigador predoutoral en formación, persoal investigador con contrato de acceso ao Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e persoal investigador distinguido, e neles disponse o alcance da colaboración en tarefas docentes para cada categoría nos seguintes termos:

“Artigo 10.9. Este persoal poderá colaborar en tarefas docentes sen que supoña unha merma da carga docente do departamento que asigne a colaboración ata un máximo de 180 horas durante a extensión total do contrato predoutoral, e sen que en ningún caso se poidan superar as 60 horas anuais.”

“Artigo 11.9 Este persoal poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes relacionadas coa súa actividade de investigación, ata un máximo de 80 horas anuais ou, de ser o caso, o máximo que estableza o programa de recursos humanos que financie o contrato, de conformidade coa normativa aplicable, e co sometemento á normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións públicas.”

“Artigo 12.5 Este persoal poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes relacionadas coa investigación que desenvolvan, ata un máximo de 80 horas anuais, previo acordo do departamento implicado e do Consello de Goberno.” A Disposición derradeira única do Acordo, establece que entrará en vigor no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás o establecido en relación coa impartición de docencia do persoal investigador que entrará en vigor no momento da súa aprobación polo Claustro Universitario.

Co fin de facer efectiva esta previsión proponse a adopción do seguinte acordo:

O Claustro, na súa sesión do XX de decembro de 2020, acorda dar cumprimento do previsto na Disposición derradeira única do Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación e, en consecuencia, habilitar ao persoal investigador predoutoral en formación, ao persoal investigador con contrato de acceso ao Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e ao persoal investigador distinguido a colaborar na docencia nos termos previstos no acordo.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver