Normativa de concesión do premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1114
Departamento: Comité de Dirección da EDIUS
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

PREÁMBULO

No artigo 47 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aprobado polo Consello de Goberno de 8 de setembro de 2020 (DOG núm. 188, do 16 de setembro de 2020) establécese que, entre as funcións da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), está a de regular o procedemento de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento, así como a de efectuar a súa convocatoria anual.

Deste xeito, co fin de harmonizar a valoración e recoñecemento das teses doutorais en termos da súa calidade científica, e tendo en consideración o disposto no Regulamento de Estudos de Doutoramento e nos seus procedementos derivados, o Comité de Dirección da EDIUS aproba, con data de 28/07/2023, a seguinte Normativa de Concesión do Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 1. Obxecto.

A presente normativa ten por obxecto determinar o procedemento e os criterios que rexan a concesión de premios extraordinarios ás teses de doutoramento máis sobresaíntes que se defendan na USC cada curso académico.

Artigo 2. Requisitos.

1.– A USC poderá outorgar cada curso académico, a instancia dos seus autores/as, premios extraordinarios de doutoramento ás teses de maior calidade científica entre as defendidas na USC no curso académico anterior ao da convocatoria.

2.- A EDIUS convocará cada curso académico a concesión destes premios extraordinarios de doutoramento.

3.– Para que unha tese poida optar ao premio extraordinario será necesario que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se defendera na USC dentro dos prazos establecidos en cada convocatoria.

b) Que na defensa obtivese a mención cum laude.

c) Que a suma da puntuación para o premio extraordinario recollida nos informes confidenciais dos membros do tribunal da tese, dividida entre o número de membros do tribunal que asistiron ao acto de defensa, e multiplicando esta por 4, sexa igual ou superior a 12 puntos.

Artigo 3. Organización dos programas de doutoramento.

1.– Para a avaliación competitiva das teses a efectos da obtención dos premios extraordinarios, os programas de doutoramento clasificaranse en catro grandes áreas de coñecemento:Ciencias Experimentais e Enxeñarías, Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas e Ciencias da Saúde, coa subdivisión destas áreas en subáreas temáticas. Unha tese quedará adscrita de xeito automático á grande área e subárea temática á que pertenza o programa de doutoramento no que se defendeu.

2.– Os programas de doutoramento adscribiranse ás grandes áreas de coñecemento e conseguintes subáreas temáticas por razóns de afinidade, xa que presentan mecanismos homoxéneos de avaliación da calidade das teses de doutoramento e dos seus resultados de investigación en termos de indexación de publicacións e de baremación doutros méritos.

3.– A adscrición dos programas de doutoramento en cada unha das grandes áreas nas que se clasifican os estudos de doutoramento na USC será a establecida no Anexo I desta normativa.

4.– A división das grandes áreas de coñecemento en subáreas e a adscrición dos programas de doutoramento e, polo tanto, das teses defendidas en cada unha delas será a establecida nos Anexos II e III desta normativa, respectivamente. Cando a USC aprobe novos programas de doutoramento, a súa adscrición á grande área e subárea correspondente será aprobada polo Comité de Dirección da EDIUS, e anexada a esta normativa con vistas á súa consolidación.

Artigo 4. Número de premios extraordinarios.

1.– O número de premios extraordinarios e a súa distribución por grandes áreas e correspondentes subáreas de coñecemento publicarase no prazo previsto na correspondente convocatoria de premios.

2.– Poderase conceder cada curso académico un premio extraordinario por cada dez teses ou fracción defendidas en cada subárea de coñecemento.

3.– Será necesario que nunha subárea se defendan un mínimo de cinco teses de doutoramento para poder conceder un premio. En caso de que algunha subárea tivera menos de 5 teses, a EDIUS, a través da súa Comisión Executiva, agruparáa con outra segundo a súa afinidade. Neste caso, sumaranse as teses defendidas na agrupación de subáreas para a determinación do número de premios extraordinarios que lle correspondan.

4.- Non se poderán acumular os premios que queden desertos en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Comisións de Valoración.

1.– Nomearanse catro comisións de valoración para a concesión dos premios extraordinarios, unha por cada grande área de coñecemento mencionada no Anexo I.

2.– A Comisión de Valoración de cada grande área de coñecemento será a encargada de valorar os premios extraordinarios das diferentes subáreas temáticas encadradas nela.

3.– Cada comisión estará composta, como mínimo, por cinco membros titulares e cinco suplentes, e na que haberá polo menos un membro de cada unha das subáreas temáticas pertencentes á grande área de coñecemento entre as que se distribúan as teses candidatas. Os membros da comisión deberán ser profesores da USC que participen nun Programa de Doutoramento do Real Decreto 99/2011 encadrado na grande área de coñecemento que presenten candidatos na convocatoria correspondente, e que teñan os requisitos necesarios para estar incluídos no Rexistro de Directores da USC. A designación como membro do tribunal considérase obriga profesional nos termos referidos no artigo 8 dos Estatutos da USC.

4.– O/a profesor/a con maior categoría e antigüidade na USC de cada Comisión de Valoración actuará como presidente/a. Na sesión de constitución de cada unha destas comisións designarase á persoa que actuará como secretario/a. No caso de que non exista consenso, será o/a profesor/a de menor categoría e antigüidade quen será designado/a secretario/a.

5.- Ademais dos membros anteriores, a cada comisión asistirá o/a subdirector/a da EDIUS da gran área correspondente, ou persoa en quen delegue, con voz pero sen voto, polo que non lles serán de aplicación as causas de abstención e recusación indicadas no artigo 6 b.

6.- Non poderán formar parte das Comisións de Valoración:

a. Os titores e os directores das teses que concorran ao premio extraordinario na convocatoria correspondente.

b. Aqueles profesores/as que incorran nas causas de abstención e recusación establecidas na lei 40/2015 de 1 de outubro de réxime xurídico do sector público.

7.- As Comisións de Valoración serán propostas do seguinte xeito:

a. A Comisión Sectorial en Artes e Humanidades proporá á EDIUS os membros da Comisión correspondente na grande área de Artes e Humanidades.

b. A Comisión Sectorial en Ciencias e Enxeñarías proporá á EDIUS os membros da Comisión correspondente na grande área de Ciencias e Enxeñaría.

c. A Comisión Sectorial en Ciencias da Saúde proporá á EDIUS a Comisión correspondente á grande área en Ciencias da Saúde.

d. A Comisión Sectorial en Ciencias Sociais e Xurídicas proporá á EDIUS a Comisión correspondente á grande área de Ciencias Sociais e Xurídicas.

8. A EDIUS, a proposta da Comisión Sectorial correspondente, e tras a publicación da listaxe de solicitudes admitidas, nomeará as comisións de avaliación encargadas de realizar a valoración e proposta de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento. O nomeamento publicarase no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, e na páxina web da EDIUS estará dispoñible a ligazón ao devandito anuncio.

9. Os membros das comisións nomeados deberán asinar unha declaración de que non incumpren o disposto no artigo 6.

Artigo 6. Convocatoria.

A EDIUS, a través da Comisión Executiva, aprobará e publicará antes do 1 de decembro de cada ano a Convocatoria de Premio Extraordinario de Doutoramento, na que se incluirá:

a) O curso académico ao que se refire a convocatoria a efectos de presentación de solicitudes, a listaxe de teses candidatas a premio extraordinario con asignación á subárea correspondente, e o número destes premios que se poden conceder por cada unha das subáreas .

b) O modelo de solicitude e a relación de documentos que deben achegarse.

c) O lugar e o prazo de presentación das solicitudes.

d) No caso de que nalgunha subárea temática o número de teses defendidas sexa inferior a cinco, indicación da subárea máis afín onde se integrarán estas teses para a súa valoración.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e publicación das listaxes de admitidos/as

1.– Unha vez publicada a convocatoria co anexo de teses candidatas a premio extraordinario, os/as solicitantes disporán dun prazo de cinco días hábiles para presentar alegacións a esta listaxe e aos méritos indicados nesta. Examinadas estas alegacións por parte da EDIUS, publicarase, de ser o caso, un anexo no que se inclúan as modificacións producidas polas alegacións estimadas. Dende o día seguinte ao desta publicación, ou no seu defecto, ratificación do anexo existente, abrirase un prazo de dez días hábiles para a presentación de solicitudes, onde se poderá incluír, de forma razoada, unha petición de cambio de subárea.

2.– As solicitudes deberán acompañarse da documentación xustificativa dos méritos alegados, cando corresponda. Só se terán en conta os méritos directamente relacionados coa tese de doutoramento obtidos desde o inicio dos estudos de doutoramento ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria correspondente. Non será posible a variación ou actualización posterior dos méritos contidos na solicitude

3.– A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario pola Sede electrónica da USC dirixida á Escola de Doutoramento Internacional. Para a presentación das solicitudes empregaranse os mecanismos de identificación e sinatura electrónica admitidos na citada sede, nos termos previstos no Regulamento de transformación dixital, administración electrónica e desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación da USC (DOG núm. 53, do 16 de marzo de 2023).

4.– As consultas sobre a convocatoria ou a presentación de solicitudes dirixiranse á Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela por correo electrónico (edius@usc.gal)

5.– Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a EDIUS publicará a relación de candidatos/as admitidos/as, xunto coa asignación de grande área e subárea correspondentes no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, e na páxina web da EDIUS estará dispoñible a ligazón ao devandito anuncio.

Artigo 8. Avaliación das solicitudes

1.– O/a presidente/a de cada Comisión de Avaliación, no prazo de 15 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da relación de candidatos/as admitidos/as, realizará a convocatoria da sesión do tribunal, co obxecto de valorar as solicitudes admitidas en cada subárea temática segundo os criterios recollidos na convocatoria anual, considerando exclusivamente os méritos alegados segundo o establecido no artigo 7.2, e elaborar unha proposta provisoria de concesión dos premios extraordinarios.

Esta proposta axustarase ao número máximo de premios establecido por cada subárea. As comisións de valoración poderán propor que as mencións do premio queden desertas, total ou parcialmente.

2.- As puntuacións provisorias obtidas polos solicitantes e a proposta provisoria de concesión dos premios extraordinarios elevaranse á Comisión Executiva da EDIUS antes da súa publicación oficial no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, e na páxina web da EDIUS. Dende o día seguinte ao da súa publicación os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días hábiles para efectuar alegacións as súas puntuacións provisorias fronte ás comisións de valoración.

3.- As comisións de valoración, no prazo de 15 días naturais desde o día seguinte ao da data de fin do prazo de presentación das alegacións, reuniranse para valorar as alegacións recibidas, e elaborarán un informe onde recollan o acordado en relación a estas. Valoradas as alegacións, as comisións de valoración realizarán unha proposta definitiva de concesión dos premios extraordinarios.

4.- Os acordos das comisións de valoración, incluído o informe ás alegacións recibidas, xunto coa proposta definitiva de concesión de premios extraordinarios, publicaranse no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, e na páxina web da EDIUS estará dispoñible a ligazón ao devandito anuncio. Os interesados/as entenderán contestadas as súas alegacións con esta publicación.

Artigo 9. Resolución

1.- A EDIUS, a través da Comisión Executiva, e unha vez revisada toda a documentación, elevará a proposta definitiva á Secretaría Xeral, para a súa tramitación perante o Consello de Goberno, que resolverá a convocatoria. O acordo de resolución do Consello de Goberno de concesión destes premios publicarase no Taboleiro de Anuncios Electrónico da USC e tamén na páxina web da EDIUS.

2.- Contra este acordo de resolución do Consello de Goberno, os interesados poderán presentar recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano no prazo dun mes desde a súa publicación. Non poderá presentar recurso ningunha persoa interesada que non presentara alegacións proposta provisoria de concesión dos premios extraordinarios.

3.- O Servizo de Xestión Académica, unha vez notificado o acordo de resolución pola Secretaría Xeral da USC, será o encargado de notificar ao interesado/a a concesión definitiva do premio e de incorporalo no seu expediente, así como de tramitar, a petición do interesado/a, a devolución dos prezos públicos pagados para a expedición do título de doutor/a.

Disposición derogatoria

Quedan derogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta normativa.

Disposición adicional

O disposto no Artigo 6 da presente normativa en relación coa data de aprobación e publicación de cada convocatoria anual será de aplicación a partir das convocatorias efectuadas para as teses defendidas no curso académico 2022/23.

Disposición final

Esta normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación oficial no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

ANEXO I

Ciencias Experimentais e Enxeñarías 1. Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento
2. Biodiversidade e Conservación do Medio Natural
3. Ciencia de Materiais
4. Ciencia e Tecnoloxía Química
5. Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión
6. Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética
7. Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural e Civil
8. Enxeñaría Química e Ambiental
9. Enxeñaría Termodinámica de Fluidos
10. Estatística e Investigación Operativa
11. Física Nuclear e de Partículas
12. Investigación Agraria e Forestal
13. Investigación en Tecnoloxías da Información
14. Láser Fotónica e Visión
15. Matemáticas
16. Medio Ambiente e Recursos Naturais
17. Métodos Matemáticos en Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas
18. Matemáticas e Aplicacións
19. Xestión Sustentable da Terra e do Territorio
Ciencias da Saúde 1. Avances e Novas Estratexias en Ciencias Forenses
2. Avances en Microbioloxía Microbiana e Parasitaria
3. Ciencias da Visión
4. Ciencias Odontolóxicas
5. Endocrinoloxía
6. Epidemioloxía e Saúde Pública
7. Innovación en Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias
8. Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias
9. Investigación Clínica en Medicina
10. Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos
11. Medicina e Sanidade Veterinaria
12. Medicina Molecular
13. Nanomedicina (extinguido)
14. Neurociencia e Psicoloxía Clínica
15. Erasmus Mundus en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica (extinguido)
16. Marie Sklodowska-Curie en Inhibición de Receptores de Adhesión Plaquetaria en Trombose (extinguido)
Ciencias Sociais e Xurídicas 1. Análise Económica e Estratexia Empresarial
2. Comunicación e Información Contemporánea
3. Dereito
4. Desenvolvemento Psicolóxico, Aprendizaxe e Saúde
5. Desenvolvemento Rexional e Integración Económica
6. Economía e Empresa
7. Educación
8. Equidade e Innovación en Educación
9. Marketing Político, Actores e Institucións nas Sociedades Contemporáneas
10. Procesos Psicolóxicos e Comportamento Social
11. Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Xurídica-Forense, e do Consumidor e Usuario
12. Ciencias Sociais e Envellecemento
13. Turismo
14. Relacións Laborais e Recursos Humanos
Artes e Humanidades 1. Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe
2. Estudos da Literatura e da Cultura
3. Estudos Ingleses Avanzados: Lingüística, Literatura e Cultura
4. Estudos Medievais
5. Filosofía
6. Historia Contemporánea
7. Historia, Xeografía e Historia da Arte
8. Lingüística
9. Lóxica e Filosofía da Ciencia
10. Protección do Patrimonio Cultural
11. Textos da Antigüidade Clásica e a súa Pervivencia

ANEXO II - Subáreas de coñecemento

Ciencias Experimentais e Enxeñarías 1. Matemáticas
2. Física
3. Química e Tecnoloxía Química
4. Bioloxía e Ciencias da Natureza
5. Enxeñarías
Ciencias da Saúde 6. Ciencias da Saúde
Ciencias Sociais e Xurídicas 7. Dereito e Relacións Laborais
8. Ciencias da Educación, da Comunicación e Políticas
9. Economía e Turismo
10. Psicoloxía
Artes e Humanidades 11. Historia, Xeografía e Artes
12. Filosofía, Filoloxía e Lingüística

ANEXO III - Asignación de Programas de Doutoramento a Subáreas

1. Matemáticas Estatística e Investigación Operativa
Matemáticas
Matemáticas e Aplicacións
Métodos Matemáticos en Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas
2. Física Ciencia de Materiais
Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética
Física Nuclear e de Partículas
Láser Fotónica e Visión
3. Química e Tecnoloxía Química Ciencia e Tecnoloxía Química
4. Bioloxía e Ciencias da Natureza Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento
Biodiversidade e Conservación do Medio Natural
Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión
Investigación Agraria e Forestal
Medio Ambiente e Recursos Naturais
Xestión Sustentable da Terra e do Territorio
5. Enxeñarías Investigación en Tecnoloxías da Información
Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural e Civil
Enxeñaría Química e Ambiental
Enxeñaría Termodinámica de Fluidos
6. Ciencias da Saúde Avances en Microbioloxía Microbiana e Parasitaria
Innovación en Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias
Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos
Nanomedicina (extinguido)
Erasmus Mundus en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica (extinguido)
Avances e Novas Estratexias en Ciencias Forenses
Ciencias da Visión
Ciencias Odontolóxicas
Endocrinoloxía
Epidemioloxía e Saúde Pública
Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias
Investigación Clínica en Medicina
Medicina Molecular
Medicina e Sanidade Veterinaria
Neurociencia e Psicoloxía Clínica
Marie Sklodowska-Curie en Inhibición de Receptores de Adhesión Plaquetaria en Trombose (extinguido)
7. Dereito e Relacións Laborais Dereito
Relacións Laborais e Recursos Humanos
8. Ciencias da Educación, da Comunicación e Políticas Comunicación e Información Contemporánea
Educación
Equidade e Innovación en Educación
Marketing Político, Actores e Institucións nas Sociedades Contemporáneas
9. Economía e Turismo Análise Económica e Estratexia Empresarial
Desenvolvemento Rexional e Integración Económica
Economía e Empresa
Turismo
10. Psicoloxía Desenvolvemento Psicolóxico, Aprendizaxe e Saúde
Procesos Psicolóxicos e Comportamento Social
Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Xurídica-Forense, e do Consumidor e Usuario
Ciencias Sociais e Envellecemento
11. Historia, Xeografía e Artes Historia Contemporánea
Historia, Xeografía e Historia da Arte
Protección do Patrimonio Cultural
12. Filosofía, Filoloxía e Lingüística Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe
Estudos da Literatura e da Cultura
Estudos Ingleses Avanzados: Lingüística, Literatura e Cultura
Estudos Medievais
Filosofía
Lingüística
Lóxica e Filosofía da Ciencia
Textos da Antigüidade Clásica e a súa Pervivencia

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver