Instrución 2/2023 da Secretaría Xeral sobre recollida de títulos na USC por terceiras persoas

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1100
Departamento: Secretaría Xeral
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE) trasladou á Universidade de Santiago de Compostela unha recomendación da institución do Defensor del Pueblo na que se insta a que se flexibilice o procedemento de retirada de títulos por unha terceira persoa, de acordo coas previsións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A recollida de títulos oficiais regúlase na Orde do Ministerio de Educación y Ciencia do 8 de xullo de 1988, que se ditou estando en vigor a Lei do 17 de xullo de 1958 sobre procedemento administrativo, e na que se indica expresamente que “El título, una vez expedido, deberá ser retirado personalmente por el interesado en la universidad donde termino sus estudios. En el supuesto de que no le fuera posible hacerlo personalmente, el interesado podrá autorizar a otra persona, siempre mediante poder notarial, para que lo retire en su nombre.

No obstante lo dispuesto en el párrafo anterior, y en el supuesto de que el interesado resida en localidad distinta de aquella donde radique la universidad, podrá solicitar por escrito, del rectorado correspondiente, la remisión del título a la dirección provincial de educación y ciencia, oficina de educación u oficina consular más próxima a su lugar de residencia.” Se ben esta Orde non foi derrogada expresamente, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece no seu artigo 5.4 como se entenderá acreditada a representación.

Por todo isto, dítase a seguinte Instrución, para ampliar os supostos nos que se pode recoller un título oficial ou propio en nome doutra persoa, e facilitar a recollida dos títulos por terceiras persoas, de acordo cos medios cos que conta actualmente a Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 1. Representación para a recollida dun título oficial ou propio por unha terceira persoa

Calquera egresado ou egresada poderá outorgar a representación a unha terceira persoa para a recollida no seu nome dun título oficial ou propio expedido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Para os efectos desta Instrución, o estudante terá a condición de representado e a terceira persoa terá a condición de representante.

Non se poderá entregar un título universitario a persoa distinta do titulado ou titulada sen a previa acreditación da representación outorgada para estes efectos.

Artigo 2. Medios de acreditación da representación para a recollida dun título oficial ou propio por unha terceira persoa

Na USC poderá acreditarse a representación para a recollida dun título oficial ou propio por unha terceira persoa, a través dos medios establecidos nesta Instrución.

Artigo 3. Apoderamentos apud acta

Os apoderamentos apud acta poden efectuarse por comparecencia persoal ou por comparecencia electrónica.

3.1. Apoderamento apud acta por comparecencia persoal

Para a tramitación deste apoderamento, o alumno ou alumna e a terceira persoa que recollerá o título oficial ou propio deberán acudir conxuntamente a unha das oficinas de asistencia en materia de rexistros da Universidade de Santiago de Compostela e asinar o apoderamento correspondente ante un funcionario habilitado ou funcionaria habilitada, xunto con copia dos seus documentos identificativos.

Unha vez asinado o documento pola persoa representante e pola representada, a oficina de asistencia en materia de rexistros:

a) Comunicará o outorgamento da representación aos asinantes do apoderamento por correo electrónico.

b) Levará un rexistro dos apoderamentos tramitados.

c) Achegará o apoderamento á Sección de Títulos da USC e á Unidade de Xestión Académica onde se vaia entregar o título xunto coas copias do DNI/NIE/Pasaporte dos comparecentes. No caso de non coincidir o documento identificativo do apoderado non poderá entregarse o título.

3.2. Apoderamento apud acta por comparecencia electrónica

No catálogo de procedementos da Sede Electrónica figurará un procedemento para que un alumno ou alumna poda outorgar a representación a unha terceira persoa para a recollida dun título oficial ou propio.

No procedemento deberá achegarse necesariamente o outorgamento da representación segundo o modelo que figura como anexo a esta Instrución, e que deberá ser asinado electronicamente tanto polo alumno ou alumna como pola terceira persoa que recollerá o título.

Achegarase tamén copia do DNI/NIE/Pasaporte tanto da persoa representada como da persoa que actuará como representante.

Recibida unha solicitude, a oficina de asistencia en materia de rexistros:

a) Comunicará o outorgamento da representación por correo electrónico aos asinantes do apoderamento.

b) Levará un rexistro dos apoderamentos tramitados.

c) Achegará o apoderamento á Sección de Títulos da USC e á Unidade de Xestión Académica onde se vaia entregar o título, xunto coas copias do DNI/NIE/Pasaporte dos comparecentes. No caso de non coincidir o documento identificativo do apoderado non poderá entregarse o título.

Artigo 4. Apoderamento mediante rexistro electrónico de apoderamentos

A USC poñerá a disposición do alumnado o acceso ao rexistro electrónico de apoderamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, a efectos de poder realizalos por medios electrónicos.

A oficina de asistencia en materia de rexistros terá acceso ao devandito rexistro e comprobará, a petición das unidades administrativas, a existencia do apoderamento conferido e do seu alcance.

Corresponde ás unidades administrativas revisar se o apoderamento realizado inclúe a competencia para todos os trámites administrativos ante a USC incluíndo a retirada dos títulos universitarios. No caso de dúbida consultarase coa Asesoría Xurídica da USC.

Artigo 5. Acreditación da representación mediante poder notarial

A acreditación para a recollida dun título oficial ou propio poderá realizarse mediante un poder notarial, conforme ao indicado neste artigo.

5.1. Poder notarial expedido por un notario español Na USC admitiranse os poderes notariais expedidos por un notario español para a recollida de títulos oficiais ou propios por parte dunha terceira persoa.

5.2. Poder expedido no estranxeiro nunha Embaixada ou Consulado de España Para a recollida de títulos oficiais ou propios por parte dunha terceira persoa a USC admitirá os poderes expedidos nunha embaixada ou consulado español.

5.3. Poder notarial expedido por un notario estranxeiro

Na USC admitiranse os poderes notariais expedidos por un notario estranxeiro ou figura equivalente para a recollida de títulos oficiais ou propios por parte dunha terceira persoa. No caso de países alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior deberán estar legalizados, ben vía apostila da Haia, ben vía representación consular española.

De expedirse o poder notarial por un notario estranxeiro nun idioma distinto do castelán ou do galego, deberá achegarse unha tradución a un destes idiomas por un tradutor xurado. No caso de que a tradución corra a cargo dun tradutor xurado dun país de fóra da Unión Europea, deberá estar legalizada dita tradución, ben vía apostila da Haia, ben vía representación consular española.

Artigo 6. Envío de títulos

O alumno ou alumna poderá solicitar o envío do seu título oficial ou propio mediante os mecanismos establecidos neste artigo e previo abono das tarifas correspondentes.

Nestes casos, o título deberá ser recollido polo titular, agás que autorice a representación noutra persoa ante a entidade destinataria.

6.1. Títulos oficiais No catálogo de procedementos da Sede Electrónica figurará un procedemento para que un alumno ou alumna poda solicitar o envío do título oficial obtido a Embaixadas, Consulados, Delegacións ou Subdelegacións de Goberno.

6.2. Títulos propios No catálogo de procedementos da Sede Electrónica figurará un procedemento para que un alumno ou alumna poda solicitar o envío do título propio obtido a Embaixadas, ou enderezos particulares dentro do territorio nacional. Tamén poderá solicitar que o título sexa previamente legalizado e apostilado. Para o envío, legalización e apostilado deberanse abonar as tarifas aprobadas pola USC.

Artigo 7. Revogación da representación

O alumnado poderá revogar en calquera momento as representacións conferidas mediante os procedementos establecidos para a outorgar a representación establecidos nesta Instrución. O instrumento de revogación debe ser o mesmo no que se fixo a representación.

Disposición transitoria

A disposición contida no artigo 4 desta Instrución entrará en vigor unha vez que a Universidade de Santiago de Compostela se adhira ao Rexistro Electrónico de Apoderamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición final

A presente Instrución entrará en vigor o día seguinte ao da data da súa publicación no Taboleiro Electrónico da USC.

ANEXO

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver