Regulamento de concesión dos premios extraordinarios de grao e master da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
Exposición de motivos
O Consello de Goberno do 27 de abril de 2012 aprobou o procedemento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC. Dadas as dúbidas xurdidas sobre a aplicación do procedemento foi necesario ditar a Instrución 15/2012 da Secretaría Xeral sobre procedemento de concesión do premio extraordinario de grao e máster. Posteriormente, modificouse o procedemento por acordo do Consello de Goberno do 26 de marzo de 2014 e do 22 de febreiro de 2018.
Ademais, para a concesión dos premios extraordinarios de grao e máster é necesario dispor dos ránkings do curso académico que corresponda. Debido a cuestións de calidade dos datos, e para asegurar a certeza dos mesmos, ditos ránkings non poden considerarse definitivos ata finais de novembro. Isto implica que os prazos de remisión das propostas dos centros indicadas nas normativas citadas non teñan operatividade, polo que anualmente é necesario ditar unha resolución de ampliación de prazos neste sentido.
Por outra parte, faise necesario incluír nesta norma algunha casuística non contemplada con anterioridade e mellorar o procedemento dando máis seguridade xurídica.
É preciso, pois, aprobar unha nova regulación de concesión dos premios extraordinarios de grao e mestrado da USC, que unifique e actualice as dúas normas existentes.
Por todo o anterior, o Consello de Goberno do 20 de decembro de 2019 acordou aprobar o Regulamento de concesión do premio extraordinario de grao e mestrado da USC co seguinte teor:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Este regulamento ten por obxecto establecer o procedemento de concesión dos premios extraordinarios das titulacións de grao e mestrado oficiais impartidas nas Facultades e Escolas de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 2. Número de premios
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela poderá outorgar como máximo dous premios extraordinarios por cada grao oficial e un por cada mestrado universitario oficial, con independencia de que a titulación se imparta en un ou varios centros ou campus.
A proposta de concesión do premio extraordinario será realizada polo Centro de adscrición da titulación.
O Centro poderá deixar desertos algúns dos premios e en ningún caso se poderá acumular o número de premios que queden vacantes para futuros cursos académicos.
Artigo 3. Destinatarios
Só poderán ser obxecto de valoración aqueles estudantes que acadaran o grao ou mestrado universitario oficial no precedente curso académico a aquel no que se concede o premio extraordinario. O alumnado que cursara un programa de dobre titulación de grao poderá optar ao premio extraordinario de cada un dos graos que o conforman.
O alumnado que acade a titulación e que teña accedido dende os cursos ponte ou por recoñecemento, adaptación ou validación de estudos, non poderá ser proposto para o premio se supera en máis dun terzo as materias de dita titulación por cursos ponte, ou por recoñecemento, adaptación ou validacións de estudos. Para o alumnado que cursara un programa de dobre grao non computarán a estes efectos os recoñecementos internos entre os dous plans.
Ademais para ser destinatarios dos premios extraordinarios de grao será necesario:
a. No caso de estudantes que realizaron os estudos a tempo completo, telos finalizado no número de cursos académicos establecido na titulación ou, de ser o caso, no programa de dobre titulación.
b. No caso de estudantes que realizaron estudos a tempo parcial, telos finalizado nun prazo máximo de dous cursos académicos a maiores do número de cursos establecidos para a titulación ou, de ser o caso, para o programa de dobre titulación.
Para ser destinatarios dos premios extraordinarios de mestrado universitario oficial será necesario ademais:
a. No caso de estudantes que realizaron os estudos a tempo completo, telos finalizado no número de cursos académicos establecido na titulación.
b. No caso de estudantes que realizaron estudos a tempo parcial, telos finalizado nun prazo máximo do dobre do número de cursos académicos establecido para a titulación.
Artigo 4. Proposta de concesión
Por resolución da Secretaría Xeral abrirase cada curso académico o procedemento para que os centros podan realizar as propostas de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster, unha vez sexan definitivas as clasificacións ordenadas das promocións.
O premio recaerá en estudantes que acadaran a máxima ou máximas cualificacións da súa promoción.
O decanato ou dirección do Centro, ben directamente ou ben por encargo da comisión que teña delegada esta competencia, remitirá a proposta definitiva á Secretaría Xeral no prazo que se indique na resolución de apertura do procedemento de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster.
Na valoración dos estudos incluiranse todas as materias superadas, tamén o traballo de fin de grao (TFG) e o traballo fin de mestrado (TFM).
Os centros deberán enviar as propostas definitivas dos premios de todas as titulacións adscritas ao mesmo, tanto de grao como de mestrado universitario oficial. A proposta definitiva non poderá exceder do número máximo de premios que se indica no artigo 2, podendo ser inferior a ese tope.
No caso das titulacións impartidas en varios centros ou campus, as propostas definitivas serán enviadas unicamente dende o Centro ao que estea adscrita a titulación.
O premio ou premios deben declararse desertos se os/as estudantes que obteñan os primeiros postos da promoción non acadan unha puntuación media de 8. No entanto, o órgano propoñente poderá realizar propostas cunha puntuación inferior sempre que se motiven axeitadamente.
O Centro emitirá en primeiro termo unha proposta provisoria, que fará pública no Taboleiro Oficial de Anuncios da USC, e contra esta poderán presentarse alegacións no prazo de 10 días dende a súa publicación.
Finalizado o prazo de presentación de alegacións e unha vez valoradas polo Centro, este emitirá a proposta definitiva de concesión, que remitirá á Secretaría Xeral para a súa tramitación ante o Consello de Goberno, xunto cun informe sobre as alegacións recibidas, a valoración destas e a súa incidencia respecto á proposta provisoria. Contra a proposta definitiva de concesión non caberá recurso.
Artigo 5. Concesión dos premios extraordinarios
O Consello de Goberno é o órgano competente para adoptar a decisión sobre a concesión dos premios extraordinarios, en función das propostas presentadas.
O Servizo de Xestión Académica será o encargado de notificar ao interesado a concesión definitiva e incorporalo no seu expediente.
Artigo 6. Recursos
Contra a resolución de concesión dos premios extraordinarios os interesados poderán presentar recurso de reposición perante o Consello de Goberno.
Artigo 7. Efectos
Aos/ás estudantes aos que se lles outorgue o premio extraordinario expediráselles unha certificación conforme ao modelo que estableza a Secretaría Xeral. A primeira certificación non devindicará prezos públicos.
A referida mención incluirase tamén no Suplemento Europeo ao Título (SET) e nas certificacións académicas que se expidan. As expedicións dun novo SET e de novas certificacións académicas devindicarán as taxas que correspondan segundo a normativa aplicable.
O alumnado con premio extraordinario poderá ter outros beneficios e prioridades que lle outorgue a lexislación vixente ou convocatorias específicas respecto a esta distinción.
Disposición adicional
No momento de entrada en vigor desta norma o sistema de valoración dos expedientes é o ránking da promoción, calculada conforme ao Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración seguimento deste, ou norma que a substitúa.
Disposición transitoria
Para a concesión dos premios extraordinarios de grao e mestrado universitario oficial do curso 2018/2019 aplicarase o procedemento establecido anteriormente.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan a este regulamento e, expresamente, a Normativa de concesión dos premios extraordinarios de grao e máster da USC, aprobado polo Consello de Goberno do 27 de abril de 2012 e as súas modificacións do 26 de marzo de 2014 e do 22 de febreiro de 2018, así como a Instrución 15/2012 da Secretaría Xeral sobre procedemento de concesión do premio extraordinario de grao e máster.
Disposición final
Este regulamento entrará en vigor o día da súa publicación no Taboleiro Oficial de Anuncios da USC, e será de aplicación a partir dos premios correspondentes ao curso 2019/2020.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.