Instrución IX/2015 de Xerencia para a definición e articulación operativa dos programas institucionais de I+D+I (PI)
NORMA CONSOLIDADA
A Programación Plurianual 2015-2018, aprobada o 22 de decembro, establece entre os seus obxectivos o fortalecemento da organización da investigación na USC, para o que se propón a posta en marcha de mecanismos de xestión económica que permitan desenvolver organizativamente as estruturas, grupos de investigación ou unidades de servizos tecnolóxicos con garantías xurídicas e criterios de eficiencia.
En coherencia con isto, o artigo 4 das Normas de Xestión do Orzamento 2015, aprobadas tamén na sesión do Consello Social do 22 de decembro de 2014 establécese que, para o desenvolvemento das actividades de I+D+i executadas con cargo a financiamento afectado e con carácter finalista, a Universidade de Santiago de Compostela establecerá o recoñecemento de Programas institucionais que, financiados con cargo a recursos alleos e afectados, respondan a programas consolidados de I+D e/ou teñan unha previsión verificable sobre a dispoñibilidade de recursos prolongados no tempo. O valor e xustificación estratéxica desta iniciativa persegue dar estabilidade a liñas, servizos ou actividades de I+D que xustifiquen permanencia no tempo e continuidade orzamentaria.
En aplicación destes acordos, e en base ao establecido na disposición adicional segunda das bases de execución do orzamento, que autoriza ao Xerente a ditar as instrucións necesarias para a adaptación e desenvolvemento das mesmas, pola presente INSTRUCIÓN establécense os criterios para a formulación dos citados programas Institucionais (que, a efectos orzamentarios, recibirán a denominación de Programas de Xestión integrada) de cara á súa consideración por parte do Consello Social e do Consello de Goberno:
1. Definición e caracterización dos Programas de Xestión Integrada (PXI)
Consideraranse Programas de Xestión Integrada (PXI) a Programas Científicos definidos que, desenvolvidos por unidades de investigación recoñecidas, sexan financiados basicamente con cargo a recursos alleos e afectados, respondendo a liñas consolidadas e competitivas de I+D que aporten unha previsión fehaciente de dispoñibilidade de recursos prolongados no tempo.
Tamén se poderán recoñecer Programas de Xestión Integrada que respondan a programas de apoio xeral e coxuntural á acción investigadora de prioridade institucional, e baixo as mesmas características de suficiencia económica e continuidade sinaladas no parágrafo anterior.
2. Tipoloxía dos Programas de Xestión integrada:
Os Programas de Xestión Integrada deben responder ás características e necesidades das diferentes unidades organizativas de investigación que desenvolven actividades con continuidade na USC. En función disto, poderán definirse PXIs asociados ás seguintes unidades:
a) CENTRO SINGULAR ou INSTITUTO de INVESTIGACIÓN: programa científico asociado a un Centro ou Instituto de investigación, derivado do seu Plan Estratéxico, definindo obxectivos, período de execución e fontes de financiamento previstas
b) GRUPO de REFERENCIA: programa científico ou liña de investigación definida por un Grupo con masa crítica, competencia científica acreditada e financiamento de orixe diversificado e continuado no tempo.
c) SERVIZO ou PLATAFORMA TECNOLÓXICA: programa tecnolóxico dun Grupo que sostén de forma solvente e continuada unha capacidade de xeración de ingresos derivados dunha actividade de prestación de servizos de I+D, asistencia técnica ou apoio tecnolóxico a terceiros no marco das normas de xestión da transferencia da USC.
d) PROGRAMA DE INTERESE INSTITUCIONAL: Programa ou proxecto científico xurdido dun obxectivo da propia Institución que, financiado con recursos externos, require dunha actividade continuada no tempo.
3. Normas de aprobación para os Programas de Xestión Integrada
i. O recoñecemento dun PXI debe formularse pola Vicerreitoría de Investigación e Innovación, a través da proposta da Área de Xestión e Valorización de I+D e co acordo dos grupos ou unidades interesadas, e debe concretarse nunha aprobación singular por parte do Consello de Goberno previo informe. do Consello Social.
ii. Para iso, o PXI debe contar coa conformidade dos membros da Unidade de Investigación implicada e presentar un Plan de Viabilidade que comprenda:
- Liñas de traballo estables enmarcadas nun programa científico ou oferta de servizos coherente coas estratexias de investigación da USC e aliñadas cos criterios de especialización intelixente establecidos polo programa H2020 e/ou definidos na Estratexia RIS3 de Galicia.
- Composición e estrutura da Unidade, valorando a coherencia organizativa que asegure a viabilidade do Programa. Así mesmo, deberá presentar un coordinador que actuará como responsable da unidade do gasto do Programa.
- Balance da produción científica e actividades de I+D desenvolvidas pola unidade propoñente nos últimos 4 anos, acreditando a coherencia e proxección futura do programa.
- Ingresos medios anuais nos últimos 4 anos así como descrición das fontes de financiamento e tipoloxía de ingresos habituais, xustificando a sostibilidade e previsión de ingresos futuros.
- Balance de gastos medios anuais no mesmo período, con especial atención aos gastos de infraestruturas así como de persoal contratado e a súa tipoloxía de cara ao desenvolvemento estrutural do programa.
- Necesidades de apoio para un mellor desenvolvemento do Programa, incluíndo propostas de perfís ou modalidades de incorporación de persoal.
- Criterios de extinción do Programa asociados a aspectos de proxección científica, insuficiencia financeira, visión institucional ou desvinculación do persoal clave para a sostibilidade do programa.
A Vicerreitoría de Investigación e Innovación prestará apoio e asesoramento para a elaboración do Plan de Viabilidade, e poderá elaborar modelos documentais para facilitar a confección dos documentos que o integran.
O Plan de Viabilidade debe permitir o funcionamento continuado das capacidades e infraestruturas que habilitan o Programa de I+D ou a súa oferta de servizos, así como da estrutura técnica de apoio sobre unha organización definida e autosostible. Para os Programas asociados a Unidades de Servizos de I+D, o Plan de Viabilidade debe concretarse nunha oferta de servizos singulares, con carteira previsible de clientes e tarifas definidas.
4. Características da xestión dos Programas de Xestión Integrada
i. Para o financiamento dos PXI, facultarase a integración de todos os recursos acadados pola Unidade de investigación correspondente baixo a titularidade do Programa, mantendo a súa consideración como recursos afectados, con proxección orzamentaria plurianual, en función da duración e continuidade do Programa. A integración dos recursos persegue unha maior eficiencia na xestión económica, e debe ser coherente cos requisitos establecidos polos financiadores externos.
ii. Para a xestión orzamentaria das actividade dos PXI definirase unha codificación específica facilitando a agrupación de créditos afectados e non afectados para os que sexa posible a súa vinculación establecendo, se fora necesario, unha administración contable auxiliar que facilite a súa xestión e xustificación. Esta codificación deberá permitir a xestión integrada de ingresos e gastos asociados ao Programa, respectando a xestión diferenciada daqueles proxectos que polas súas características así o requiran
iii. A creación, operatividade administrativa e o asesoramento contable dos PXIs farase con medios da Vicerreitoría de Investigación e Innovación, e co apoio directo ao persoal e aos RAES asociados. Ademais das actividades singulares a el vinculadas, o PXI será rexistrado para operar directamente e acceder á información de todos os seus créditos e actividades.
iv. Para facilitar a xestión integrada do PXI, este designará un coordinador técnico que actuará como director do centro de gasto, con independencia das responsabilidades individuais que os investigadores principais ostenten sobre os proxectos específicos a el asociados.
5. Outros aspectos
Poderán formar parte dos recursos dos PXI os créditos que a USC destine a impulsar a actividade investigadora con cargo aos seus recursos non afectados (p.e., produción científica, axudas propias) así como outros créditos que teñan a finalidade de fomentar a calidade de programas de doutoramento, actividades de posgrao, divulgación, etc., na medida en que os requirimentos de xestión e xustificación así o permitan.
Igualmente, de estar previsto na normativa aplicable, a USC poderá establecer contratos-programa específicos cos PXI coa intención de fomentar determinados obxectivos, nomeadamente a captación de recursos de I+D en programas competitivos. Estes contratos-programa poden contemplar de forma extraordinaria a xestión parcial dos custos indirectos orixinados polo PXI por un período determinado de tempo ou a incorporación preferente de remanentes de crédito. De ser o caso, a renovación destas medidas deben ser aprobadas anualmente xunto cos orzamentos da USC.
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2015
O Xerente
José Manuel Villanueva Prieto
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.