Regulamento para a Creación e Funcionamento de Centros Singulares de Investigación

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0204
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

A presente Normativa enmarcase na aposta da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de actualizar o seu modelo de organización da investigación co fin de maximizar a calidade da súa produción científica e o impacto que esta poda xerar en favor da sociedade.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) orienta a súa acción estratéxica en docencia e investigación cara a unha especialización marcada pola excelencia e o aliñamento coas estratexias europeas, estatais e rexionais a través dos seus correspondentes instrumentos H2020, Horizon Europe, ENCYT e RIS3, que perseguen dar resposta aos principais retos sociais e económicos. Con ese obxectivo deberán desenvolverse aqueles contornos nos que a nosa universidade conta con capacidades consolidadas e competitivas, recursos e proxección, enmarcados nos catro campus especializados - Vida, Terra, Mar e Cidadanía - e artellados en unidades organizativas de investigación especializadas.

Ademais da regulación xa aprobada de Institutos de Investigación, como unidades de investigación supragrupal, a Universidade apostou pola creación de Centros Singulares de Investigación, orientados sobre áreas científicas que mostran un impacto relevante a nivel internacional e con capacidade para dar un salto cualitativo na súa actividade, dentro dun novo escenario que require espazos e infraestruturas diferenciadas e, o que é máis importante, novos modelos de organización que propicien o desenvolvemento dunha investigación competitiva de carácter interdisciplinar, con capacidade e autonomía para producir resultados na fronteira do coñecemento e de elevado potencial de transferencia.

Nese contexto, estas estruturas de investigación deberán potenciar:

• O desenvolvemento de investigación transdisciplinar en áreas de interese estratéxico e a xeración de coñecemento con impacto e visibilidade internacional.

• A colaboración en consorcios internacionais, e a participación activa en proxectos europeos, incluíndo aqueles especialmente emblemáticos, como os financiados polo European Research Council ou pola

Comisión Europea (Horizon2020, Horizon Europe, ITN, ..)

• A xestión eficiente de talento de excelencia, participando dos procesos de formación de estudantes e persoal investigador, e liderando as estratexias de atracción e retención de talento da USC.

• A transferencia de coñecemento e tecnoloxía a nivel internacional.

Trátase, polo tanto, de definir un novo marco formal para a conformación, creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación que, atendendo ao establecido nos Estatutos vixentes e na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e moi especialmente nas Bases sobre a creación e funcionamento de estruturas universitarias de docencia e investigación aprobadas no Pleno do Claustro Universitario de 5 de decembro de 2017, que tome en consideración os principios que rexen o funcionamento actual dos Centros Singulares de Investigación e incorpore a experiencia e progreso organizativo que se ten consolidado nos pasados anos, establecendo o modelo a seguir pola USC no futuro inmediato.

Por todo o exposto, o Consello de Goberno, na súa reunión de xx de xx de 2020 ACORDOU aprobar o Regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación.

CAPITULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 1.- Obxecto

Esta Normativa ten por obxecto o regulamento da creación, e funcionamento dos Centros Singulares de Investigación na USC, no marco das bases sobre a creación e funcionamento de estruturas universitarias de docencia e investigación aprobadas no Pleno do Claustro Universitario de 5 de decembro de 2017.

Artigo 2.- Centros Singulares de Investigación

1.- Os Centros Singulares de Investigación son estruturas propias de investigación que deben reunir unha masa crítica e competencia científica que garanta a súa proxección académica, social e económica, así como competencia internacional e propicien as condicións para obter unha acreditación formal externa da súa excelencia e liderado como referentes científicos no seus respectivos ámbitos de actividade.

2. Os Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela créanse ao abeiro do previsto no artigo 62 dos Estatutos da USC e rexeranse polo disposto na Lei Orgánica de Universidades 6/2001 pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, polos Estatutos da USC e por esta normativa.

Artigo 3.- Principios organizativos

Os Centros Singulares, tanto na súa organización como na gobernanza, e de cara a optimización das súas capacidades, baséanse no seguintes principios:

- Masa crítica e Competencia científica asentada nun conxunto de investigadores/as garantes de primeiro nivel internacional, e capaz de asegurar a vinculación de, cando menos 7 investigadores/as da USC cun alto nivel de desempeño científico e/ou de transferencia que concrete a especialización investigadora da USC.

- Compromiso investigador baseado na vinculación formal de investigadores/as. Tanto a súa vinculación inicial como a continuidade estará sometida a unha avaliación da súa actividade realizada por unha Comisión Científica Externa (CCE).

- Programa científico común, conforme aos obxectivos de especialización estratéxicos para a USC e desenvolvido sobre un Plan Estratéxico formal e un Contrato Programa ligado ao cumprimento de obxectivos e avaliado anualmente pola Comisión Científica Externa.

- Dirección científica executiva na que o Director Científico debe ser validado pola CCE e asume o liderado da Axenda Científica e do Plan Estratéxico, integrando as capacidades dos investigadores/as do Centro e asegurando o cumprimento do seu plan estratéxico e axenda científica.

Artigo 4.- Modalidades de Centros Singulares de Investigación En función dos entes que participan na súa constitución, establécense as seguintes categorías de Centros Singulares de Investigación:

a) Centros Singulares de Investigación propios:creados pola Universidade de Santiago de Compostela cos obxectivos e características da presente normativa.

b) Centros Singulares de Investigación Interuniversitarios:constituídos conxuntamente con outras universidades mediante convenio específico. No non contemplado no convenio resultará de aplicación este regulamento.

c) Centros Singulares de Investigación Mixtos:constituídos conxuntamente con organismos públicos de investigación, con administracións públicas, con Centros do Sistema Público de Saúde e con outros Centros públicos ou privados sen ánimo de lucro, mediante convenio específico. No non contemplado no convenio resultará de aplicación este regulamento.

CAPÍTULO II. CREACIÓN E SUPRESIÓN DE CENTROS SINGULARES DE INVESTIGACIÓN

Artigo 5.- Creación de Centros Singulares de Investigación

1. De acordo co disposto no artigo 62.2 dos Estatutos, a creación de centros singulares de investigación correspóndelle ao Consello de Goberno da Universidade, previo informe do Consello Social.

2. O/A Reitor/a de oficio poderá promover a creación de Centros Singulares en ámbitos científicos estratéxicos.

3. Para asegurar que o Centro Singular de Investigación se constitúe de acordo cos obxectivos establecidos no artigo 2, o Reitor designará:

a) Unha Comisión Asesora externa, constituída por personalidades científicas de primeiro nivel internacional, con ampla representación de membros expertos na dirección de Centros de investigación de referencia, que asumirá as seguintes funcións:

• Elaboración dun informe previo sobre a viabilidade da creación do Centro con potencial proxección nacional e internacional no ámbito científico proposto. Este informe previo realizarase á vista dos indicadores obxectivos de actividade investigadora da USC (no caso de propostas de Centros de titularidade propia) ou do conxunto das institucións propoñentes (no caso de Centros interuniversitarios ou mixtos), e terá en conta criterios de adecuación temática e de oportunidade en relación co contexto científico global, a singularidade con respecto a outras estruturas de investigación existentes na USC, así como a idoneidade e competencia de potenciais Investigadores/as Garantes sobre os que sustentar unha iniciativa cientificamente solvente.

• No caso de que este informe previo sexa positivo, a Comisión levará a cabo a selección/avaliación do persoal investigador que, a través dunha convocatoria de expresións de interese aberta a toda a comunidade universitaria, se candidaten para a pertinente vinculación inicial ao Centro. A avaliación realizarase en base a criterios xerais de competencia investigadora e adecuación temática, e de acordo cos requisitos mínimos que se establecen na presente Normativa.

• Informe de avaliación da Memoria de creación.

b) Entre os/as Investigadores/as Garantes designarase un/ha Director/a Comisario, que asumirá o impulso e liderado dos procesos e documentación necesaria.

Artigo 6.- Da memoria

1. Os expedientes de creación de centros singulares deberán contar cunha memoria que debe conter:

a. Xustificación da necesidade de creación, acreditando o seu papel estratéxico e a singularidade na USC e no entorno científico próximo.

b. Enfoque estratéxico:misión, visión, análise DAFO, obxectivos estratéxicos e adecuación ás estratexias de especialización da USC e aos proxectos dos Campus de especialización.

c. Axenda Científica:plan cuadrienal de investigación (liñas de investigación, proxectos estratéxicos, obxectivos de internacionalización, posicionamento social e económico).

d. Estrutura de goberno.

e. Proceso de vinculación e desvinculación do persoal investigador.

f. Plan de Acción para impulsar o progreso do centro singular, a súa continuidade, o traballo cooperativo dos/as investigadores/as e o proceso de xestión e formación de talento investigador.

g. Currículo de polo menos 7 investigadores/as garantes validados pola Comisión Asesora Externa.

h. Currículo resumido da base científica do Centro Singular coas capacidades centrais de polo menos 10 investigadores/as que se adscribirán ao Centro de acordo coa selección da Comisión Asesora Externa.

i. Proxectos e contratos que se adscriben ao Centro Singular coa indicación das achegas económicas que levan equiparadas actualmente.

j. Viabilidade e fontes de financiamento para o desenvolvemento e sustentabilidade da Axenda Científica no contexto do posicionamento que debe acadar o Centro.

k. Proposta de indicadores de seguimento da evolución do Centro.

l. No caso de Centros singulares mixtos e interuniversitarios deben incorporarse tamén a proposta de convenios que se vaian asinar con outras universidades e institucións.

2. Esta memoria deberá ser avaliada pola Comisión Asesora Externa e o informe correspondente deberá incorporarse na documentación.

Artigo 7.- Informes preceptivos

1. A memoria de creación, xuntamente cos informes da Comisión Asesora Externa deberá ser informada polos Departamentos e Centros afectados onde estean adscritos os investigadores/as garantes.

2. É preceptivo tamén o informe previo do Consello Social da Universidade.

Artigo 8.- Acordo de creación

Á vista da memoria e dos informes preceptivos o Consello de Goberno decidirá sobre a creación de Centros Singulares tendo en conta, entre outras, as seguintes circunstancias:

a) Unha Axenda Científica competitiva e compartida.

b) Claridade na definición dos obxectivos e axenda científica.

c) Aliñamento coas estratexias de investigación da Universidade e coas políticas de investigación e innovación autonómica, nacional e europea.

d) Dimensión, calidade e adecuación do equipo científico en materia de investigación e formación de persoal investigador.

e) Programa de traballo para acadar os obxectivos propostos.

f) A non coincidencia do seu obxecto principal coas actividades de Institutos, outros Centros Singulares, Departamentos ou outros Centros da Universidade.

g) A competencia e idoneidade dos/as Investigadores/as Garantes.

h) A investigación en colaboración con sectores produtivos ou sociais (normalmente relevantes para a economía e o desenvolvemento social de Galicia).

i) A formación de persoal investigador e profesionais en disciplinas de interese estratéxico.

j) A divulgación científica.

Artigo 9 .- Supresión de Centros Singulares

Para a supresión de Centros Singulares seguirase o mesmo procedemento previsto para a súa creación, coas seguintes especialidades:

a. A iniciativa correspóndelle ao/a Reitor/a, de oficio, ou a instancia de grupos de investigación, ou do propio Centro.

b. Unha memoria que deberá acreditar as circunstancias que xustifican a supresión.

c. Ademais dos informes previstos para a creación, deberá someterse tamén a informe do Centro afectado.

CAPITULO III. PERSOAL DOS CENTROS SINGULARES DE INVESTIGACIÓN

Artigo 10.- Persoal investigador

1. Os Centros Singulares contarán co seguinte persoal investigador:

a. Persoal investigador vinculado que poderá ser:

i. Permanente:Enténdese por tal o persoal seleccionado en convocatorias abertas e de xeito competitivo por unha Comisión Científica Externa. Este persoal terá un vínculo permanente coa institución á que pertenza. No caso de persoal alleo ás entidades que conforman o centro, deberá subscribirse o correspondente convenio institucional.

ii. Non permanente:Enténdese por tal o persoal investigador posdoutoral contratado especificamente con cargo a programas de RRHH competitivos, ou con cargo a proxectos de investigación do Centro Singular.

b. Persoal colaborador. Enténdese por tal o persoal investigador que colabore asiduamente nalgún proxecto ou programa do Centro.

2. O regulamento de réxime interno contemplará as modalidades de participación do persoal investigador na actividade e goberno do Centro Singular.

Artigo 11.- Vinculación de investigadores/as

1. A vinculación dos investigadores/as a un Centro Singular realizarase necesariamente en base a criterios de investigación e idoneidade coa Axenda Científica do Centro. O procedemento de vinculación e desvinculación debera preverse no Regulamento de Réxime Interno.

2. O compromiso de vinculación será, como mínimo, de cinco anos.

3. A vinculación dos investigadores/as a un Centro Singular será única, considerándose que a súa actividade de investigación e a súa produción científica a efectos de filiación e valoración de indicadores estarán adscritas ao mesmo. A actividade do/a investigador/a vinculado/a poda facerse visible a través da organización académica, Departamento ou Centro, ao que pertence a efectos das correspondentes obrigas docentes.

4. Excepcionalmente, no suposto de Centros Singulares Interuniversitarios ou mixtos, e sempre de conformidade cos criterios que poda establecer a proposta correspondente, poderá recoñecerse a vinculación parcial de investigadores/as que xa estiveran vinculados a outro Centro Singular da USC.

Nesta circunstancia, os indicadores e resultados de actividade científica correspondente repercutirán proporcionalmente sobre cada centro e recoñecerán a dobre filiación.

5. A vinculación de PDI a un Centro Singular implicará o compromiso de aceptación das normas específicas de funcionamento e organización, de traballo e de xestión de espazos e instalacións que en cada caso se establezan, o que quedará debidamente documentado a través da sinatura dun compromiso de vinculación.

6. A vinculación dos investigadores ao centro pode finalizar:

a. A instancias da Comisión Reitora do centro, na base das recomendacións da Comisión Científica Externa e/ou Director/a Científico/a.

b. A instancias do interesado/a, por calquera causa.

c. Por perda de vinculación contractual coa USC ou outra institución de orixe, nos casos de centros mixtos ou interuniversitarios.

Artigo 12.- Investigador/a garante

Considerase Investigador/a Garante aquel/a investigador/a vinculado/a que, por reunir criterios de excelencia e competencia científica, avale e garanta o desenvolvemento da axenda científica e obxectivos definidos para o Centro. Aos efectos deste regulamento enténdese que os Centros Singulares deben incorporar polo menos 7 Investigadores/as Garantes que deben cumprir nos últimos 10 anos criterios de excelencia científica no seu ámbito disciplinar en atención ao impacto das súas publicacións científicas, liderado de proxectos internacionais e nacionais, e transferencia de coñecemento significativa ás contornas sociais e produtivas.

Os criterios mínimos que se establezan para avalar aos garantes propostos deberán xustificarse na proposta de creación do centro e ser validados na súa aprobación.

CAPITULO IV. GOBERNO DOS CENTROS SINGULARES DE INVESTIGACIÓN

Artigo 13.- Órganos de goberno dos centros

1. Son órganos de goberno dos Centros Singulares:

a. A Comisión Reitora.

b. O/a Director/a científico/a

c. O/a Director/a adxunto/a

2. Os Centros Singulares contarán tamén cunha Comisión Científica Externa.

Artigo 14.- Da Comisión Reitora

1. A Comisión Reitora, órgano superior de goberno do Centro, estará composta polo menos por,

a. O/A Reitor/a da Universidade que a presidirá e a convocará, ou persoa en quen delegue.

b. O/A Vicerreitor/a con competencia en Investigación, ou persoa en quen delegue.

c. O Xerente, ou persoa en quen delegue.

d. Un vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado/a polo/a Reitor/a.

e. Un vogal en representación do Consello Social da USC.

f. De habelos, unha representación de institucións públicas ou privadas que contribúan de maneira substancial e estable ao financiamento ou á actividade investigadora do Centro Singular.

g. O/A Director/a Científico do Centro Singular.

h. O/A Director/a Adxunto/a do Centro Singular, que actuará así mesmo como secretario/a da Comisión Reitora.

2. Os membros universitarios deberán representar sempre a maioría da Comisión Reitora.

3. A Comisión Reitora reunirase, polo menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria as veces que sexa necesario, de acordo co que estableza o seu Regulamento de réxime interno.

Artigo 15.- Competencias da Comisión Reitora

Sen menoscabo das competencias que, de acordo coa normativa vixente, sexan propias dos órganos superiores de goberno da USC, son competencias da Comisión Reitora do Centro:

a) A aprobación do programa xeral de actividades e do Plan Estratéxico do Centro e as súas modificacións.

b) A aprobación da proposta de orzamento de ingresos e gastos, así como a liquidación do mesmo, que acompañado da memoria de actuación, trasladará anualmente ao Consello de Goberno da USC.

c) O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.

d) Propor ao Consello de Goberno da USC á incorporación doutras entidades públicas ou privadas á Comisión Reitora, de acordo co previsto no presente regulamento.

e) Propor ao Consello de Goberno da USC a modificación do regulamento de réxime interno.

f) Propor ao Reitor/a o nomeamento e cese do/a Director/a Científico/a e establecer os mecanismos para a súa selección.

g) Aprobar, a proposta da Dirección Científica, e co informe favorable da Comisión Científica Externa, a incorporación de novos investigadores/as ao Centro.

h) Aprobar, a proposta da Dirección Científica, e co informe da Comisión Científica Externa, a desvinculación de investigadores/as do Centro.

i) Aprobar as medidas propostas pola Comisión Científica Externa e avaliar os seus resultados.

j) Promover os vínculos do Centro con outras institucións.

k) Calquera outras necesarias para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 16.- Do/a Director/a científico/a

1. O/a Director/a Científico/a do Centro será nomeado/a polo/a Reitor/a, entre investigadores/as vinculados, sexa persoal en servizo activo na USC ou en situación de excedencia ao abeiro da LCTI, a proposta da Comisión Reitora, e co informe favorable da Comisión Científica Externa. O nomeamento será por períodos de catro anos, prorrogables.

2. O persoal da USC en situación de excedencia ao abeiro da LCTI que asuma a dirección científica, no caso de que perciba as súas retribucións por outra entidade, terá dereito a un complemento equivalente ao establecido para este cargo no Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC, que deberá ser abonado pola entidade coa que teña o vínculo principal, conforme ao que se estableza no respectivo convenio. A USC realizará a transferencia do seu importe á entidade que abone o resto das súas retribucións nos termos fixados no acordo de adscrición ou en calquera outro convenio ou acordo que regule esta situación.

As axudas de custe nas que incorra a dirección como consecuencia do cargo, serán abonadas pola USC.

3. Serán funcións do/a Director/a Científico/a do Centro as seguintes:

a) Exercer a Dirección do Centro, promovendo a súa proxección exterior.

b) Asistir ás reunións da Comisión Reitora do Centro.

c) Organizar e coordinar os medios materiais e persoais de que se dispoña para cubrir os obxectivos do Centro.

d) A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites establecidos polo Comisión Reitora e polas normas da USC.

e) Propor a contratación de persoal investigador, de apoio á investigación e administrativo do Centro, de acordo cos canles establecidos na USC.

f) Propor a adquisición de infraestruturas para o Centro.

g) Elaborar a memoria científica anual e a planificación estratéxica do Centro.

h) Desenvolver mecanismos e procedementos que promovan a captación de recursos, o mantemento dun alto nivel científico, así como o establecemento de sinerxias e colaboracións entre grupos de investigación do Centro ou entre estes e grupos externos.

i) Trasladar ao persoal investigador as directrices oportunas co fin de que a actividade investigadora desenvolvida no Centro se adecúe ao Plan estratéxico do Centro e aos obxectivos científicos do mesmo, todo iso de acordo coa Comisión Reitora e co informe da Comisión Científica Externa.

j) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada pola Comisión Reitora.

4. O persoal a que fai referencia o apartado 2 deste artigo que exerza as funcións de dirección científica como órgano unipersoal poderá participar nos órganos de goberno colexiados dos centros singulares de adscrición dos que a dirección científica forme parte. Sen embargo, este persoal non poderá formar parte do Consello de Goberno en representación dos centros de investigación.

Artigo 17.- Do/a Director/a Adxunto/a

1. O/a Director/a Adxunto/a do Centro será nomeado polo Reitor/a da USC entre os/as investigadores/as vinculados/as ao Centro, a proposta do Director Científico.

2. Serán funcións do/a Director/a Adxunto/a as seguintes:

a) Coordinar a xestión económica e administrativa

b) Elaborar a proposta de estrutura organizativa da administración do Centro, de conformidade coas necesidades que se deriven dos obxectivos establecidos no Plan Estratéxico e aprobados pola Comisión Reitora.

c) Coordinar a xestión de infraestruturas.

d) Colaborar co/coa Director/a Científico/a na elaboración do orzamento anual do Centro.

e) Asistir ao/á Director/a Científico/a na elaboración da Memoria de Actividades Anual e da Planificación Estratéxica do Centro.

f) Promover a procura de financiamento do Centro e xestionar a execución das axudas que o Centro como tal poda percibir.

g) Asegurar o cumprimento das normas de prevención de riscos e de seguridade no traballo.

h) Asistir ao/á Director/a Científico/a nas súas funcións.

i) Calquera outra función que lle fora expresamente encomendada ou delegada polo/a Director/a Científico/a ou pola Comisión Reitora.

3. O Director/a adxunto/a exercerá as funcións de Secretario do Centro.

Artigo 18.- Da Comisión Científica Externa

1. A Comisión Científica Externa será un órgano asesor integrado polo menos por 7 membros de recoñecido prestixio científico internacional no ámbito de actuación do Centro.

2. Os membros da Comisión Científica Externa serán nomeados polo Reitor a proposta da Comisión Reitora. Este nomeamento farase por un período de catro anos, renovables.

3. Serán funcións da Comisión Científica Externa as seguintes:

a) Asesorar á Dirección Científica e ao Comisión Reitora sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no Centro así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.

b) Asistir á Dirección Científica e ao Comisión Reitora sobre o seguimento da evolución da investigación e do Centro e da transferencia dos resultados da investigación.

c) Avaliar periodicamente a actividade científica dos investigadores/as vinculados ao Centro, e emitir os correspondentes informes de valoración.

d) Informar sobre o interese da vinculación de novos investigadores/as titulares e/ou asociados/as ao Centro.

e) Avaliar anualmente as memorias de actividades do Centro.

f) Avaliar globalmente cada catro anos a actividade do Centro.

CAPITULO V. SEGUIMENTO, AVALIACIÓN E PROMOCIÓN DA ACTIVIDADE DOS CENTROS SINGULARES DE INVESTIGACIÓN

Artigo 19.- Seguimento e avaliación

A actividade dos Centros Singulares estará guiada por unha planificación estratéxica cuadrienal, aprobada pola Comisión Reitora, e estará sometida a mecanismos de seguimento e avaliación externa periódica:

a) Avaliación anual das memorias de actividade investigadora e actividade económica por parte da Comisión Científica Externa, que analizará a evolución da actividade e o grado de cumprimento dos obxectivos expostos no plan estratéxico. A memorias e informes serán trasladadas á Comisión Reitora do Centro Singular e ao Consello de Goberno da Universidade.

b) Avaliación global, cada catro anos, consistente nun análise rigoroso da actividade e da organización do Centro, e conducente á toma de decisións en canto á planificación estratéxica, ao uso de espazos e infraestruturas, á orientación temática da investigación, á vinculación dos investigadores/as ao Centro e incluso á continuidade do Centro como tal. A avaliación realizarase por parte da Comisión Científica Externa en base a criterios de calidade científica, produtividade, cumprimento de obxectivos e adecuación ás liñas temáticas definidas para o Centro. Os informes de avaliación serán trasladados á Comisión Reitora do Centro Singular e ao Consello de Goberno da Universidade.

Artigo 20.- Rede de Centros Singulares de Investigación

1. Co obxectivo de asegurar un coherente funcionamento e unha evolución equilibrada dos Centros Singulares de Investigación operativos na USC, a Vicerreitoría con competencias en investigación propiciará o seu funcionamento en rede, promovendo a coordinación metodolóxica e organizativa dos diferentes Centros. A Rede de Centros Singulares de Investigacion impulsará a colaboración entre os centros, cos seguintes obxectivos:

a. Estratexias de converxencia en obxectivos científicos no marco das respectivas Axendas Científicas

b. Deseño conxunto de programas de atracción, captación e formación de talento científico

c. Organización de procesos e actividades de comunicación, divulgación e cultura científica

d. Desenvolvemento de estratexias de captación de recursos

e. Apoio ao Vicerreitorado de investigación na definición e implantación de criterios e programas para a promoción e organización da I+D.

2. Poderán participar na Rede de Centros Singulares outras estruturas de investigación de especial relevancia no seu ámbito científico.

DISPOSICIÓN ADICIONAL. PROPOSTA INSTITUCIONAL DE CREACIÓN DE NOVOS CENTROS

A proposta da Vicerreitoría de Investigación e Innovación, o goberno da USC poderá promover o recoñecemento como Centro Singular de Investigación doutras estruturas de investigación xa operativas na USC (Institutos, Agrupacións...) cando sexan acreditadas como Centros/unidades de excelencia (o de referencia) a través de convocatorias competitivas autonómicas, nacionais o, de ser o caso, internacionais que recoñezan o seu valor de referencia científica.

En todo caso, este recoñecemento deberá ser aprobado polo Consello de Goberno, logo do informe previo do Consello Social, previa presentación dunha Memoria acreditativa e a correspondente avaliación externa.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

1. No momento da aprobación deste Regulamento teñen forma parte da Rede de Centros Singulares de Investigación os seguintes:

a. CIQUS:Centro de investigación en química biolóxica e materias moleculares.

b. CIMUS:Centro de Investigación e medicina molecular e enfermidades crónicas.

c. CITIUS:Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes.

d. IGFAE:Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.

2. Os Centros Singulares xa existentes deberán proceder, se fose necesario, á adaptación dos seus

Regulamentos de Réxime Interno ao disposto neste Regulamento antes do 30 de xuño de 2021.

DISPOSICIÓN FINAL PRIMERA. HABILITACIÓN PARA DESENVOLVEMENTO NORMATIVO

Facúltase á Vicerreitoría con competencias en investigación para a interpretación do establecido na presente Normativa.

DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA. ENTRADA EN VIGOR

O presente Regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.

...

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver