Regulamento para a creación, modificación e supresión das Plataformas Científico-Tecnolóxicas
NORMA CONSOLIDADA
Preámbulo
O presente Regulamento pretende dar resposta á necesidade de actualizar o modelo de organización da investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co fin de maximizar a calidade da súa produción científica e o impacto que esta poda xerar en favor da sociedade.
Se trata, polo tanto, de definir un novo marco formal para a definición e xestión das Plataformas Científico-Tecnolóxicas que, sobre a base do establecido nos Estatutos vixentes e na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, tome en consideración os principios que rexen o funcionamento actual das unidades de investigación de referencia e incorpore a experiencia e progreso organizativo que se ten consolidado nos pasados anos, establecendo o modelo a seguir pola USC no futuro inmediato.
A política científica institucional convive actualmente coa idea imperante no discurso europeo con respecto á organización e orientación da I+D+i centrada na necesidade de promover estratexias e procesos de especialización, tanto para territorios como para institucións de investigación. O obxectivo ultimo é promover unha estruturación e organización das capacidades de I+D+i máis competitivas arredor dunha serie de ámbitos do coñecemento.
Neste contexto, e sen perder o compromiso coa diversidade e competencia científica, a USC debe impulsar a orientación das súas accións estratéxicas en investigación cara unha especialización aliñada coas estratexias europeas, estatais e autonómicas que perseguen dar resposta aos principais retos sociais e económicos. Con ese obxectivo deberán desenvolverse aqueles contornos nos que a nosa universidade conta con capacidades consolidadas e competitivas, recursos e proxección, enmarcados nos catro campus especializados - Vida, Terra, Mar e Cidadanía - e artellados en unidades organizativas de investigación especializadas.
Á hora de establecer unha Plataforma Científico-Tecnolóxica na USC deberían contemplarse como necesarias as seguintes características básicas:
• Prestación de servizos á comunidade científica.
• Avaliación continua con indicadores de seguimento.
• Proxección e impacto social (desenvolvemento científico, transferencia de tecnoloxía, formación de persoal investigador e especialistas, servizos de valor engadido e divulgación científica, entre outros).
TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.- Concepto de Plataforma Científico-Tecnolóxica
As plataformas científico-tecnolóxicas agrupan a persoal investigador, empresas e outras entidades interesadas nun determinado ámbito tecnolóxico, co obxectivo de fomentar a I+D+i nesa área. Son infraestruturas científico técnicas singulares articuladas sobre o coñecemento e experiencia dun ou varios grupos de investigación co fin de organizar unha dobre función de prestación de servizos, en areas diferentes e complementarias das unidades da Área de Infraestruturas de Investigación da Vicerreitoría con competencias en investigación, e de desenvolvemento tecnolóxico ou investigación propiamente dita ligados a estes servizos. As plataformas créanse para permitir satisfacer demandas de servizos non abordables coas capacidades existentes na Área de Infraestruturas de Investigación da USC e nos que existan Grupos con capacidades, coñecementos, tecnoloxía e/ou instrumentación que, engadidos aos dispoñibles na mencionada Área, permitan o alcance do apoio requirido pola actividade de investigación tanto propia como do contorno científico-tecnolóxico.
Artigo 2.- Réxime aplicable
As Plataformas Científico-Tecnolóxicas están integradas dentro da Área de Infraestruturas de Investigación da USC, polo que o seu modelo de xestión establécese de acordo coa normativa da USC, e de maneira concreta, polo Regulamento da Área de Infraestruturas de Investigación (aprobado polo Consello de Goberno do 30 de outubro de 2020).
TÍTULO II. CREACIÓN, MODIFICACIÓN E SUPRESIÓN
Artigo 3.- Solicitude de creación
A proposta de creación dunha Plataforma Científico-Tecnolóxica deberá ser remitida á Vicerreitoría con competencias en investigación e deberá incluír a seguinte documentación:
1. Unha memoria na que consten alo menos os seguintes aspectos:
a. Persoal investigador promotor:Traxectoria científica do persoal investigador que asegura o desenvolvemento e servizos da futura Plataforma, incluíndo unha relación dos seus proxectos científico-tecnolóxicos, actividades de transferencia.
b. Xustificación da necesidade de creación.
c. Carteira de Servizos Científico-Técnicos que ofertará a Plataforma.
d. Estrutura de goberno e funcionamento que contemplará necesariamente as seguintes figuras:
Responsable científico-técnico/a e unidade técnica.
e. Plan de Infraestruturas:Infraestruturas singulares dispoñibles e novas infraestruturas.
f. Plan de viabilidade económica incluíndo as fontes de financiamento para o desenvolvemento e sustentabilidade da Plataforma.
2. Proposta de tarifas aplicables aos servizos ofertados.
O Consello de Goberno, con carácter institucional e a proposta da Vicerreitoría con competencias en investigación, poderá promover a creación de Plataformas Científico-Tecnolóxicas sempre que se cumpran as características e requisitos descritos neste Regulamento.
Artigo 4.- Tramitación da solicitude de creación
a) A Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno emitirá un informe favorable ou desfavorable de cada unha das solicitudes de creación presentadas.
b) No caso de que o informe sexa desfavorable á creación da Plataforma, o persoal investigador promotor poderá alegar e modificar a proposta antes de ser remitida de novo para a súa valoración á Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno.
c) No caso de que o informe da Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno sexa favorable, o expediente de creación elevarase ao Consello de Goberno para a súa aprobación.
Artigo 5.- Modificación
A modificación dunha Plataforma requirirá a elaboración dunha proposta que cumpra cos requisitos e co procedemento establecidos nos Artigos 3 e 4 deste Regulamento.
Artigo 6.- Supresión
O supresión das Plataformas Científico-Tecnolóxica correspóndelle ao Consello de Goberno, tras informe da Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno.
TÍTULO III. O GOBERNO
Artigo 7.- Responsable científico-técnico/a
O cargo de Responsable científico-técnico/a dunha Plataforma Científico-Tecnolóxica será desempeñado por persoal da comunidade universitaria con actividade recoñecida no ámbito da investigación que se desenvolva na Plataforma. O/a Responsable científico-técnico/a debe asumir as seguintes tarefas e responsabilidades:
1. Supervisar o traballo do persoal da unidade técnica.
2. Garantir o mantemento e correcto funcionamento dos servizos.
3. Garantir a seguridade dos/as usuarios/as, do persoal investigador e técnico e do equipamento.
4. Asumir tarefas de promoción e representación da Plataforma.
5. Autorizar os accesos dos/as usuarios/as aos laboratorios.
6. Proporcionar información sobre o funcionamento e seguridade do laboratorio aos/as usuarios/as.
Artigo 8.- Unidade técnica
A unidade técnica, encargada do mantemento e funcionamento das Plataformas Científico-Tecnolóxicas, estará constituído por persoal investigador e/ou técnico.
TÍTULO IV. SEGUIMENTO DAS PLATAFORMAS CIENTÍFICO-TECNOLÓXICAS
Artigo 9.- Memoria anual de actividades
Cada Plataforma Científico-Tecnolóxica remitirá anualmente á Vicerreitoría con competencias en investigación unha memoria onde se recollan as actividades desenvolvidas, os servizos prestados, e unha memoria económica.
Dita memoria remitirase ao Consello de Goberno para a súa aprobación.
DISPOSICIÓNS FINAIS
PRIMEIRA.-
Corresponde á persoa titular da Vicerreitoría con competencias en investigación a facultade de interpretar o presente Regulamento mediante as instrucións aclaratorias que sexan pertinentes.
SEGUNDA.-
O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte o da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.
ANEXO:
Na actualidade teñen a consideración de Plataforma Científico-Tecnolóxica as seguintes :
• Secuenciación e xenómica funcional
• Avaliación de actividades farmacolóxicas de compostos químicos
• Sistemas de información territorial (SIT)
• Laboratorio de radiofísica
• Enxeñería da madeira estrutural (PEMADE)
• Laboratorio láser de aceleración e outras aplicacións (L2A2)
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.