Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0193
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Trátase do texto consolidado. Non se poden visualizar as diferentes versións anteriores da norma.

(Aprobado polo Pleno do Consello de Goberno o 18 de Outubro de 2017 e modificado polo Pleno do 31 de Xaneiro de 2018)

Introdución.

A presente Normativa pretende respostar á necesidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de actualizar o seu modelo de organización da investigación co fin de maximizar a calidade da súa produción científica e o impacto que esta poda xerar en favor da sociedade.Se trata, polo tanto, de definir e consensuar un novo marco formal para a creación e xestión de institutos de investigación que tome en consideración os principios que rexen o funcionamento actual dos centros de investigación de referencia internacional e incorpore a experiencia e progreso organizativo que está consolidando a Rede de Centros Singulares na USC.

Marco para a organización da investigación na USC.

 A política científica institucional convive actualmente coa idea imperante no discurso europeo con respecto á organización e orientación da I+D+i centrada na necesidade de promover estratexias e procesos de especialización, tanto para territorios como para institucións de investigación. O obxectivo ultimo é promover unha estruturación e organización das capacidades de I+D+i mais competitivas arredor dunha serie de eidos do coñecemento nos cales se posúa ou se poidan desenvolver vantaxes competitivas e que a súa vez estean arraigados e conectados con outros activos e competencias do territorio.

Neste contexto, e sen perder o compromiso coa diversidade e competencia científica, a USC debe impulsar a orientación das súas accións estratéxicas en investigación cara unha especialización marcada pola excelencia e o aliñamento coas estratexias europeas, estatais e autonómicas que perseguen dar resposta aos principais retos sociais e económicos. Con ese obxectivo deberán desenvolverse aqueles contornos nos que a nosa universidade conta con capacidades consolidadas e competitivas, recursos e proxección, articulándoos en torno aos catro Campus de Especialización - Vida, Terra, Mar e Cidadanía - e vertebrándoos en unidades organizativas de investigación mais eficiente e especializadas.

Baixo esta perspectiva, coa creación dos Centros Singulares de Investigación a USC formulou un modelo organizativo da investigación, baseado na especialización intelixente, a formación, captación e mobilización de talento excelente, a internacionalización da investigación e o desenvolvemento dun programa científico orientado a xerar impacto social e económico. O modelo de Centros Singulares foi inicialmente recollido nos respectivos Regulamentos de Réxime interno do CIQUS, CIMUS e CITIUS e podía resumirse en catro puntos:

 Selección de investigadores e avaliación continuada da actividade por parte dunha Comisión Asesora Externa,

 Adscrición formal de investigadores seleccionados con criterios e pautas de vinculación e permanencia

 Programación científica baseada nunha planificación estratéxica rigorosa e nun Contrato Programa ligado ao cumprimento de obxectivos,

 Dirección científica executiva que coordine as capacidades dos grupos de investigación do centro

Estas características e a experiencia dos últimos anos permiten visibilizar este modelo organizativo como acorde coas pautas implantadas nos centros de investigación de referencia e coas estratexias científicas universitarias máis competitivas.

Neste contexto, compre que os institutos de investigación, como unidades de investigación supragrupal de longa traxectoria na USC, se fagan tamén partícipes destes obxectivos, tanto no progreso do modelo organizativo como na súa especialización e na actualización do programa científico. En consecuencia, os institutos de investigación deben actualizar o seu marco normativo para poder desenvolver unha actividade coherente coa estratexia referida asegurando que se orienten e/ou reformulen, integrándose e enriquecendo o proceso de especialización que representan os proxectos de agrupacións estratéxicas e, por extensión, os Campus de Especialización propostos, ao tempo que deben adaptar o seu goberno a pautas mais esixentes e acordes cos canons actuais da actividade científica e tecnolóxica.

En coherencia con todo o anterior, a hora de establecer as actividades que como unidade supragrupal estable deben definir un instituto de investigación na USC, deberíase asumir como necesarias as seguintes características:

• Obxectivo científico compartido

• Axenda de Investigación propia

• Programa propio para a formación de investigadores e o apoio a carreira científica

• Estratexia para a súa proxección/impacto social (transferencia de tecnoloxía, formación de investigadores e especialistas, servizos de valor engadido, divulgación científica,…)

• Modelo de avaliación externa do desempeño da Unidade e dos seus investigadores.

Institutos de investigación regulados neste Regulamento A partires destas consideracións e respondendo a estes elementos comúns no marco desta

Normativa, a USC define os Institutos de Investigación como unidades de investigación supragrupal, con vocación de referencia e permanencia que, integrando a investigadores de elevada competencia, concrete a especialización científica e tecnolóxica da USC actuando como referencia na súa proxección académica, social e económica.

Con este obxectivo, os Institutos deben construír a súa misión e posicionamento en I+D desde diversas perspectivas, en particular aquelas directamente establecidas coa súa relación e proxección directa sobre o entorno e a singularidade dunha especialización local. Neste sentido, para os Institutos deben ter especial relevancia obxectivos como:

• a excelencia científica competitiva,

• a investigación en colaboración con sectores produtivos ou sociais (normalmente relevantes para a economía e o desenvolvemento social de Galicia),

• a formación de investigadores e profesionais en disciplinas de interese estratéxico,

• a divulgación científica, ou • a combinación de varios destes obxectivos.

Esta Normativa pretende ser un complemento do regulado pola normativa xeral en relación cos Institutos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela que seguirá rexéndose pola Lei Orgánica de Universidades, pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, e polos Estatutos da USC en canto ao seu concepto, competencias, creación, modificación, supresión, e réxime xurídico.

Por todo o anterior, o Consello de Goberno da USC na súa sesión do 18 de Outubro, aprobou o seguinte Regulamento:

Regulamento dos Institutos de Investigación da USC.

Art. 1 INSTITUTOS DE INVESTIGACIÓN

Os Institutos de Investigación (en diante Institutos) son unidades de investigación que, cumprindo os requisitos básicos definidos neste regulamento, desenvolven actividades de investigación básica ou aplicada en torno a un ámbito de coñecemento común. No seu ámbito de actuación promoverán a formación investigadora e poderán organizar e desenvolver estudos de doutoramento e de formación continua ou prestar asesoramento técnico.

Art. 2 OBXECTIVOS

O fin esencial dos Institutos de Investigación é o impulso, fomento, promoción e desenvolvemento de actividades de investigación de calidade e impacto, básica ou orientada, nun determinado ámbito, dende unha perspectiva multi e interdisciplinaria, que contribúa de maneira significativa á creación de coñecemento especializado ou á solución de problemas e retos da sociedade.

Para o logro deste fin, os Institutos deberán:

a) Planificar, desenvolver e avaliar periodicamente a súa Axenda Científica na que se reflectiran os obxectivos científicos e as liñas de investigación do Instituto.

b) Formar talento investigador e apoiar o desenvolvemento da carreira científica seguindo as directrices fixadas na estratexia de xestión de recursos humanos de investigación da universidade.

c) Proxectar cara o tecido científico, social e produtivo as capacidades e o coñecemento xerado no desempeño da súa misión a través da divulgación, valorización e transferencia.

d) Adoptar unha orientación internacional para favorecer o desenvolvemento de colaboracións científicas, o acceso a redes e a participación en iniciativas institucionais.

e) Actuar considerando os principios de investigación e innovación responsables no que se refire a cuestións éticas, políticas de xénero, acceso aberto e implicación coa sociedade e a cidadanía.

Art. 3 TIPOLOXÍA DE INSTITUTOS

3.1 Establécense os seguintes tipos de Institutos en función da natureza da súa promoción:

a) Institutos propios:promovidos pola Universidade de Santiago de Compostela cos obxectivos e características da presente normativa.

b) Institutos interuniversitarios:constituídos conxuntamente con outras universidades mediante convenio específico.

c) Institutos mixtos:constituídos conxuntamente con organismos públicos de investigación, con centros do sistema público de saúde e con outros centros públicos ou privados sen ánimo de lucro, mediante convenio específico.

d) Institutos adscritos:promovidos por outras institucións de carácter público ou privado que se incorporan como Institutos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela mediante convenio.

Tanto no caso dos institutos interuniversitarios coma mixtos, garantirase nos correspondentes convenios a participación da Universidade de Santiago de Compostela no goberno, actividades e resultados científicos e económicos do Instituto, polo menos en proporción aos recursos materiais e investigadores que aporte.

3.2 A Universidade poderá promover a acreditación dos Institutos dentro do marco normativo nacional e autonómico.

Art. 4 PERSOAL INVESTIGADOR

4.1 Os Institutos configúranse en base aos seus investigadores conforme á composición que se define neste artigo.

4.2 Os Institutos poderán contar con tres tipos de investigadores:

a) Investigadores vinculados:Persoal docente e investigador (PDI) doutor da Universidade de Santiago de Compostela vinculados ao Instituto e/ou investigadores doutores de outras institucións adscritos á USC mediante acordos institucionais que recoñezan a súa relación formal co Instituto.

b) Investigadores non permanentes:Persoal investigador contratado especificamente con cargo a programas ou proxectos de investigación de acordo co marco laboral e normativo aplicable.

c) Investigadores en formación:Persoal investigador matriculado nalgún programa de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela que conte coa dirección ou codirección dun investigador vinculado ao Instituto.

Complementariamente, os Institutos poderán recoñecer investigadores colaboradores, entendido como persoal investigador non incluído nos apartados anteriores que colaboren asiduamente nalgún proxecto ou programa do Instituto. O regulamento de réxime interno contemplará os requisitos e a modalidade de participación destes colaboradores na actividade e goberno do Instituto.

4.3 Co obxectivo de asegurar a solvencia científica na definición dos institutos de investigación contemplados neste Regulamento, e a efectos da mesma, a USC establece a figura de Investigador Garante como aquel investigador da USC, vinculado formalmente ao Instituto, que, por reunir criterios de excelencia e competencia científica establecidos nesta normativa, avala e garante o desenvolvemento da axenda científica e obxectivos definidos para o Instituto. Aos efectos deste Regulamento enténdese que os Investigadores Garantes deben cumprir as seguintes características curriculares:

a) Posuír unha traxectoria científica acreditada no ámbito de actuación do Instituto. A efectos deste Regulamento medirase sobre a base do impacto normalizado das publicacións científicas que será igual ou superior á media nacional na área de coñecemento correspondente. Adicionalmente, acreditarán a posesión de, polo menos, dous sexenios da actividade investigadora ou méritos equivalentes a xuízo da Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno estando activo o último tramo avaliado.

b) Ter sido investigador responsable de proxectos de investigación internacionais, do Programa Marco da Unión Europea ou dos Plans Nacionais e Estatais de I+D+I da Administración Xeral do Estado, seleccionados mediante concorrencia competitiva nos últimos 4 anos. Quedan excluídas as accións complementarias e de mobilidade.

4.4 A vinculación formal dos investigadores membros a un Instituto realizarase necesariamente en base a criterios e méritos de investigación e idoneidade cos fins do Instituto e deberá propiciar a incorporación de novos grupos e ámbitos de traballo. Con este obxectivo, o proceso de vinculación formal, que será establecido no Regulamento de Réxime Interno, definirá criterios de valoración e un proceso de desvinculación validado polos órganos de goberno do Instituto. O compromiso de vinculación será como mínimo de tres anos.

4.5 Os investigadores, ademais de estar adscritos ao Departamento, poderán vincularse formalmente a un único Instituto, considerándose que a súa actividade de investigación e a súa produción científica a efectos de filiación e valoración de indicadores estarán vinculadas ao Instituto. Esta circunstancia non deberá representar un impedimento para que a actividade do investigador vinculado e a súa filiación poda facerse visible complementariamente a través da organización académica – Departamento ou Centro no que está adscrito –.

Excepcionalmente, poderá considerarse o recoñecemento de Investigadores vinculados a un Instituto con dedicación parcial cando a súa contribución sexa determinante para a incorporación de capacidades disciplinares de interese para o desenvolvemento do Instituto e a súa Axenda Científica.

4.6 Os investigadores que soliciten o ingreso nun Instituto xa creado deberán poñelo en coñecemento do seu Departamento, que deberá informar favorablemente ou non da correspondente vinculación. O informe, que non será vinculante, deberá ser considerado no correspondente proceso de vinculación formal.

4.7 A desvinculación do Persoal docente e investigador da USC ao Instituto será aprobada pola Xunta de Goberno do Instituto e terá causa nalgunha das seguintes situacións:

a) A instancias do Consello Científico do Instituto, da Comisión Asesora Externa e/ou do Director do Instituto.

b) A instancias do interesado/da, por calquera causa, cun preaviso de 9 meses, agás que haxa un acordo para establecer outro prazo.

Art. 5 CREACIÓN

5.1. A iniciativa para a creación de Institutos de titularidade propia da Universidade de Santiago de Compostela corresponde aos investigadores da USC polas canles que se establecen neste Regulamento.

5.2. O Reitor someterá a proposta de creación á consideración do Consello de Goberno da USC quen, de ser o caso, elevará a iniciativa ao Consello Social para a súa aprobación e tramitación conforme a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema Universitario Galego.

5.3 Ademais dos requisitos de creación esixidos por norma estatal ou autonómica, a proposta de creación do Instituto deberá incluír:

a) Proposta de Investigadores Promotores:para crear un Instituto requirirase un mínimo de 12 investigadores da USC vinculados a tempo completo que avalen a proposta como investigadores promotores. Ademais esixirase que o cociente entre o número de sexenios total dos investigadores promotores e o número de destes sexa superior a 2.

b) Proposta de Investigadores Garantes:entre os investigadores promotores deberá haber un número mínimo de 2 investigadores garantes, que serán os que acreditarán a suficiencia científico-técnica para o desenvolvemento dos obxectivos científicos propostos, os cales deberán contar coas características descritas no artigo 4.3 desta normativa.

c) Unha memoria na que consten polo menos os seguintes aspectos:

- Xustificación da necesidade de creación.

- Enfoque estratéxico:obxectivos estratéxicos, posicionamento e a adecuación as estratexias que a USC ten definidas para os Campus de Especialización.

- Axenda científica:Plan cuadrienal de investigación (liñas de investigación, proxectos estratéxicos, obxectivos de financiamento, internacionalización).

- Estrutura de goberno e réxime de funcionamento.

- Proceso de vinculación e desvinculación formal de investigadores.

- Plan de Acción para impulsar o progreso do Instituto, a súa continuidade, o traballo cooperativo dos investigadores vinculados e o proceso de xestión e formación de talento investigador.

- Recursos de apoio técnico e administrativo que necesite a nova estrutura.

- Currículo resumido da base científica do Instituto:capacidades centrais dos investigadores vinculados e os seus grupos.

- Proxectos e contratos que se adscriben ao Instituto coa indicación das achegas económicas que levan equiparadas actualmente.

- Viabilidade e fontes de financiamento para o desenvolvemento e sustentabilidade da Axenda Científica.

5.4 Os requisitos establecidos para os Investigadores Garantes e promotores enténdense de aplicación no proceso de creación do Instituto. O mantemento e evolución dos mesmos debe ser confirmado e valorado nos procesos ordinarios de avaliación da actividade do Instituto, correspondendo á Comisión Asesora Externa e á Xunta de Goberno do Instituto establecer a validación dos mesmos e, de ser o caso, propoñer as pautas e obxectivos de mellora.

5.5 O proxecto de Instituto someterase a unha avaliación externa realizada por algunha entidade avaliadora independente, por avaliadores externos de acreditada competencia ou, no seu caso, pola Comisión Asesora Externa do Instituto. Corresponderá ao Vicerreitorado con competencias en investigación o desenvolvemento do protocolo de avaliación correspondente.

Para valorar as iniciativas de creación de Institutos teranse en conta, ademais do cumprimento dos requisitos anteriores, os seguintes criterios básicos:

a) Claridade na definición dos obxectivos e Axenda Científica.

b) Aliñamento coas estratexias de investigación da Universidade e coas políticas de investigación e innovación autonómica, nacional e europea.

c) Dimensión, calidade e adecuación do equipo científico en materia de investigación e formación de investigadores.

d) Programa de traballo para acadar os obxectivos propostos.

e) A non coincidencia do seu obxecto principal coas actividades doutros Institutos, Centros Singulares ou outros centros e departamentos da Universidade.

Art. 6 MODIFICACIÓN E SUPRESIÓN

A modificación ou supresión dos Institutos levarase a cabo conforme ao establecido no artigo 10 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades e nos artigos 18 e 19 da Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Art. 7 SEGUIMENTO E AVALIACIÓN

A actividade dos Institutos estará guiada por un plan de acción cuadrienal que deberá ser avaliado por unha Comisión Asesora Externa ou, de ser o caso, polo procedemento establecido polo Vicerreitorado con competencias en Investigación. Ademais remitirán anualmente unha memoria de actividades e unha memoria económica para a súa avaliación e seguimento por parte dos órganos de goberno do Instituto e ratificada polo Consello de Goberno da USC.

Art. 8 GOBERNO

Respectando os fines, obxectivos, configuración institucional e o marco estatutario, os Institutos regularán o seu goberno de acordo aos modelos de xestión e goberno descrito nos artigos seguintes. Os institutos rexeranse polo seu Regulamento de Réxime Interno, que aprobará o Consello de Goberno da USC.

Art. 9 ÓRGANOS DE GOBERNO DOS INSTITUTOS DE INVESTIGACIÓN

9.1.- Os órganos de goberno dos Institutos propios serán:

a) A Xunta de Goberno.

b) O Consello Científico.

c) O Director ou a Directora.

9.2.- Os órganos de goberno dos institutos interuniversitarios ou mixtos e dos adscritos definiranse nos convenios de creación ou adscrición. En todo caso, a Universidade de Santiago de Compostela procurará que a súa natureza e o seu funcionamento se axusten ao que se establece nos Estatutos da USC para os institutos propios.

Art. 10 A XUNTA DE GOBERNO

10.1.- A Xunta de Goberno do Instituto estará composta a lo menos por:

a) O Reitor da Universidade, ou Vicerreitor en que delegue, que a presidirá e a convocará.

b) O(s)/a(s) Vicerreitor(es)/a(s) con competencias en materia de investigación da USC, que poderá actuar como Vicepresidente/a.

c) Un vogal en representación do Consello de Goberno da USC, nomeado polo Reitor.

d) Un vogal en representación do Consello Social da USC.

e) De habelos, os representantes de institucións públicas ou privadas que contribúan de maneira substancial e estable ao financiamento ou á actividade investigadora do Instituto.

f) O Director ou a Directora do Instituto.

g) O Secretario ou Secretaria do Instituto, que o será tamén da Xunta de Goberno Os membros universitarios deberán constituír sempre a maioría da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria, de acordo co que estableza o seu Regulamento de Réxime Interno.

Ademais, no Regulamento de Réxime Interno poderá considerarse a participación de outros membros.

10.2.- Son funcións da Xunta de Goberno:

a) Aprobar a elección do Director do Instituto tras a proposta do Consello Científico e, de darse o caso, propoñerlle a súa remoción ao Reitor, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.

b) Aprobar a proposta de orzamento e a programación do Instituto.

c) A aprobación da memoria anual de actividades e a memoria económica, da que se lle dará conta ao Consello de Goberno da USC.

d) A promoción do financiamento e a dotación do Instituto.

e) A proposta ao Consello de Goberno da USC da incorporación á Xunta de Goberno do Instituto de novos membros, en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas.

f) A proposta ao Consello de Goberno da USC da modificación do Regulamento de Réxime Interno do Instituto.

g) Outras funcións que estableza o Regulamento de Réxime Interno do Instituto en desenvolvemento dos Estatutos da USC.

Art. 11 O CONSELLO CIENTÍFICO

11.1. O Consello Científico estará composto por:

a) O/a director/a do Instituto que o convocará e o presidirá.

b) O/a secretario/a do Instituto que o será tamén do Consello Científico.

c) Os doutores membros do persoal científico do Instituto que especifique o Regulamento de Réxime Interno.

d) Unha representación do persoal investigador non permanente e en formación vinculado ao Instituto equivalente ao 15% do total do Consello Científico.

O Consello Científico reunirase, polo menos, dúas veces ao ano en período lectivo.

11.2.- Son funcións do Consello Científico:

a) A proposta á Xunta de Goberno da persoa que exerza a dirección do Instituto.

b) A aprobación do ingreso de novos membros do persoal científico do Instituto, e o seu cesamento. O acordo correspondente deberá contar co informe previo da Comisión Asesora Externa e deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do Instituto

c) A información das propostas de programas, orzamento e memoria económica e de actividades do Instituto.

d) A programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do instituto e a vixilancia da súa realización.

e) A información dos contratos do Instituto ou do seu profesorado.

f) Outras funcións que dispoña o seu Regulamento en desenvolvemento dos Estatutos da USC.

Art. 12 O/A DIRECTOR/A

12.1 A persoa que exerza a dirección do Instituto será elixido entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor e vinculación permanente á Universidade, e vinculación formal ao Instituto; exercerá a representación deste así como as funcións de dirección e xestión ordinaria.

A persoa que exerza a dirección do Instituto será elixido pola Xunta de Goberno, tras a proposta do Consello Científico.

12.2.- Correspóndelle ao Director/a:

a) A convocatoria e a presidencia do Consello Científico, a execución dos seus acordos e a súa representación perante o Consello de Goberno da USC.

b) A representación do Instituto no ámbito da súa competencia.

c) A elaboración das propostas de orzamento e a programación do Instituto.

d) A redacción da memoria de actividades e a memoria económica.

e) A proposta ao Reitor para o nomeamento da persoa que exerza como secretario.

f) A autorización dos gastos dentro do orzamento anual.

Art. 13 O/A SECRETARIO/A

13.1 A persoa que exerza como secretario do Instituto é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Instituto e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do Instituto. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende o Director de acordo coa a lexislación vixente e os Estatutos da USC.

13.2 O/a secretario/a será nomeado polo Reitor, logo da proposta do Director, de entre o persoal científico do instituto que reúna os requisitos establecidos no artigo 71 dos Estatutos da USC ou os funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos no instituto.

Art. 14 A COMISIÓN ASESORA EXTERNA

14.1 A Comisión Asesora Externa será un órgano asesor integrado por científicos de prestixio no ámbito de actuación do Instituto. Será designada polo Reitor a proposta da Xunta de Goberno do Instituto que establecerá o seu réxime de funcionamento.

14.2 A designación dos membros da Comisión Asesora Externa farase por un período de catro anos, renovables.

14.3 Sen prexuízo do establecido no artigo 5.5, serán funcións da Comisión Asesora Externa as seguintes:

a) Asesorar á Xunta de Goberno e ao Director do Instituto sobre a definición temática e orientación da investigación a desenvolver no Instituto así como sobre calquera outro aspecto que se considere oportuno.

b) Asistir á dirección e á Xunta de Goberno sobre o seguimento da evolución da investigación e do centro e da transferencia dos resultados da investigación.

c) Avaliar periodicamente a actividade científica dos grupos dos investigadores vinculados ao Instituto, e emitir os correspondentes informes de valoración.

d) Informar sobre o interese da vinculación de novos investigadores ao Instituto.

Art. 15 ORGANIZACIÓN DA GOBERNANZA

15.1 Unha vez aprobada a creación dun Instituto, o Reitor nomeará un Director en funcións entre os investigadores que cumpran as condicións establecidas no artigo 4.2.a, que cesará como tal ao cumprirse as previsións regulamentarias sobre constitución dos órganos ordinarios de goberno do Instituto.

15.2. No suposto que, transcorrido un curso académico sen que se constituirán legalmente os órganos de goberno do Instituto, o Reitor á vista das circunstancias concorrentes, poderá revogar o nomeamento e, oído o Consello de Goberno da Universidade, procederá a nomear outro Director en funcións coa única finalidade de rematar o proceso constitutivo de todos os órganos do Instituto. Este Director en funcións poderá pertencer ao grupo promotor ou poderá ser outra persoa independente sempre que cumpra os requisitos requiridos no artigo 5 deste Regulamento para os investigadores promotores.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA*

* Disposición transitoria que foi redactada polo “Acordo sobre transición dos Institutos Universitarios de Investigación da USC activos desde o 1 de decembro de 2017”, adoptado no Pleno do Consello de Goberno do 31 de xaneiro de 2018.

1. Os institutos de investigación comprendidos no ámbito de aplicación da presente disposición transitoria e coñecidos como “activos”, segundo a expresión acuñada no Acordo de reformulación dos Institutos de Investigación da USC (aprobado no Pleno do 1 de decembro de 2017), son:

- Instituto de Ciencias Forenses “Luis Concheiro”

- Instituto da Lingua Galega

- Instituto de Acuicultura

- Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural

- Instituto de Estudios e Desenvolvemento de Galicia

- Instituto de Matemáticas

- Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

- Instituto de Investigacións Tecnolóxicas

2. O día de remate do prazo da adaptación ao novo acervo xurídico (Regulamento de Creación e Xestión de Institutos de Investigación da USC e acordo de reformulación dos Institutos de Investigación da USC) dos Institutos de Investigación da USC enumerados no parágrafo anterior, será o 31 de marzo de 2019.

3. Os órganos de goberno actuais dos Institutos de Investigación da USC enumerados no parágrafo 1 (xunta de goberno, consello científico e director) manteranse ata o citado día de 31 de marzo de 2019, de xeito que o seu director e os demais membros do consello científico proseguirán no exercicio das súas funcións ata o remate formal do proceso de adaptación, aínda que finalizará o correspondente mandato antes do vencemento do prazo.

4. Dende a entrada en vigor do presente réxime transitorio e ata o 31 de marzo de 2019, os Institutos de Investigación da USC enumerados no parágrafo 1 desta disposición procederán indefectiblemente a:

a) Aprobar o seu regulamento de réxime interno adaptado ao establecido no presente Regulamento.

b) Propoñer ao reitor os membros da Comisión Asesora Externa para a súa designación.

c) Convocar o procedemento de adscrición dos investigadores ao Instituto e, previo informe da Comisión Asesora Externa, elevar a Xunta de Goberno do Instituto a proposta de investigadores adscritos.

d) Propoñer a desadscrición ou cese de investigadores do Instituto e elevar a proposta á Xunta do Goberno do Instituto, previo informe da Comisión Asesora Externa.

e) Formalizar o novo censo do Instituto e, a partires do mesmo, constituír os novos órganos de goberno do Instituto e proceder á designación e proposta do seu director.

5. Para o desenvolvemento dos pasos e acordos derivados das accións definidas no parágrafo anterior, os Institutos de Investigación da USC enumerados no parágrafo 1 desta disposición seguirán e cumprimentarán as fases seguintes:

- 1ª Fase. Formalización do novo Regulamento de réxime interno (30 de abril 2018)

• Aprobar o novo regulamento de réxime interno pola Xunta de Goberno do Instituto e formalizar a súa presentación para a súa ratificación polo Consello de Goberno da USC .

• Complementariamente, propoñer ao reitor a designación dos membros da Comisión Asesora Externa segundo o establecido no correspondente

Regulamento de réxime interno.

- 2ª fase. Constitución do novo censo de investigadores do Instituto (30 de novembro de 2018)

• Desenvolver o proceso de avaliación/adscrición/desadscrición de investigadores ao Instituto de conformidade cos criterios establecidos polo Regulamento de réxime interno e baixo a supervisión e asesoramento da Comisión Asesora Externa.

• Rematado o proceso de adscrición/desadscrición, elaborar o censo de investigadores e persoal asociado ao centro.

- 3ª fase. Constitución dos novo s órganos de goberno do Instituto (31 de marzo de 2019)

• Finalmente e a partires do novo censo, constituír o Comité Científico e a Xunta de Goberno do Instituto, para poder propoñer e designar ao novo Director.

6. Os novos órganos de goberno dos Institutos de Investigación da USC enumerados no parágrafo 1 deberán funcionar necesariamente dende o 1 de abril de 2019 .

7. Aínda que os prazos establecidos na presente disposición transitoria marcan as datas límite a non exceder en cada unha das fases definidas no parágrafo 5, non é necesario que se esgoten para pasar as fases subseguintes.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

O presente Regulamento derroga as “Normas provisorias para a creación e funcionamento dos institutos universitarios” aprobadas pola Xunta de Goberno do 8 de xullo de 1991.

ENTRADA EN VIGOR

O presente Regulamento entrará en vigor na data de publicación no taboleiro de anuncios electrónico oficial da USC.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver