Acordo sobre crédito horario e dereitos sindicais

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0929
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

O Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, recoñece no artigo 31 o dereito dos empregados públicos á negociación colectiva, representación e participación institucional para a determinación das súas condicións de traballo.

Como garantía da función representativa do persoal funcionario, o artigo 41.1.d) do mesmo texto legal recoñece aos membros das xuntas de persoal e delegados de persoal un crédito de horas mensuais dentro da xornada de traballo, retribuídas como de traballo efectivo, segundo a escala determinada nel; permitindo á súa vez a acumulación dos créditos horarios daqueles da mesma candidatura que así o manifesten.

Conforme mesma escala, o artigo 68 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, recoñece aos membros do comité de empresa e delegados de persoal, como representantes legais do persoal laboral, a facultade de dispoñer dun crédito de horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación permitindo, previo pacto, a acumulación de horas dos distintos membros do comité de empresa e, no seu caso, dos delegados de persoal, nun ou varios dos seus compoñentes, sen superar o máximo total, podendo quedar relevado ou relevados do traballo sen prexuízo da súa remuneración.

Xunto co anterior, a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, no artigo 10, recoñece aos delegados sindicais, no caso de non ostentar a condición de representante electo, as mesmas garantías que a normativa vixente atribúe aos membros da xunta de persoal, do comité de empresa e delegados de persoal.

O II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo subscrito o 26 de xaneiro de 2011 (Resolución do 23 de marzo de 2011, da Dirección Xeral de Relacións Laborais; DOG núm. 74 do 14 de abril) establece no artigo 41 os dereitos sindicais con referencia á escala da lexislación vixente e coas seguintes precisións:

“O número de horas será, para todos os representantes, o que corresponde aos comités con censo electoral máis amplo, sen prexuízo de calquera outro acordo previo. O crédito horario aplicarase de xeito proporcional sobre o tempo dedicado ás diferentes actividades que se poidan encargar ao profesor, tendo en conta a súa dedicación, sen prexuízo de calquera outro acordo previo.

Poderán acumularse as horas entre os diferentes órganos de representación do persoal docente e investigador da universidade correspondente, sen prexuízo de calquera outro acordo previo.

Para facer efectiva a redución da actividade docente será preciso solicitala antes da programación de cada curso académico. A redución reflectirase no correspondente plan de organización docente e terá vixencia durante este, sen prexuízo da obriga de comunicar os cambios que se produzan, os cales se farán efectivos a partir do curso académico seguinte.”

Pola súa banda, o Convenio colectivo para o persoal laboral da administración e servizos da USC, subscrito o 12 de novembro de 2008 (Resolución do 17 de novembro de 2008, da Dirección Xeral de Relacións Laborais; DOG núm. 252 do 30 de decembro), dedica o Título XVII aos dereitos de representación sindical e dispón nos artigos 96 e 97 o seguinte:

“Os membros do comité de empresa disporán de tempo retribuído para realizar xestións conducentes á defensa dos intereses do persoal que se detalla a continuación:

Campus de ata 500 traballadores: 50 horas

Campus de 501 a 749 traballadores: 60 horas

Campus de 750 a 1.000 traballadores: 70 horas”

Artigo 97º.- Acumulación de horas sindicais.

“O comité de empresa poderá acumular as horas sindicais dos seus membros nun ou en varios deles. O pedimento de acumulación deberá facerse por escrito, con autorización tanto do cedente como do cesionario, resolvendo a Xerencia. Non se poderán acumular nin sumar as horas non utilizadas dun mes para outro. A acumulación de horas sindicais terá unha duración mínima de 6 meses, debéndose comunicar cunha antelación mínima de 20 días hábiles ao seu inicio. Non obstante, poderanse autorizar acumulacións inferiores cos mesmos requisitos para a realización de actividades concretas sempre que exista crédito horario e non fose previamente acumulado.

No caso de coincidir no mesmo representante a condición de membro de comité de empresa coa condición de delegado de prevención, o crédito horario do que disporá será o acumulado para ambos os dous tipos de representación.”

Non obstante, o Real decreto-lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, recolle con carácter básico no seu artigo 10 que a partir da súa entrada en vigor deixarán de ter validez e efectos todos os pactos, acordos e convenios colectivos en materias relativas ao tempo retribuído para realizar funcións sindicais e de representación, nomeamento de delegados sindicais, así como os relativos a dispensas totais de asistencia ao traballo e demais dereitos sindicais, que non se axusten de forma estricta ao establecido na indicada normativa.

O mesmo precepto contempla, non obstante, a posibilidade de que, exclusivamente no ámbito das Mesas Xerais de Negociación, poidan establecerse no sucesivo acordos que modifiquen a obriga ou no réxime de asistencia ao traballo dos representantes sindicais, para os efectos de que poidan desenvolver o exercicio das súas funcións de representación e negociación e o adecuado desenvolvemento dos demais dereitos sindicais.

Tendo en conta o papel que desempeñan as organizacións sindicais da Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade coa normativa vixente, como interlocutores válidos do persoal para o exercicio dos seus dereitos de representación, participación institucional e negociación colectiva para a determinación das súas condicións de traballo, cómpre negociar un réxime que regule de forma integrada e unitaria os dereitos e garantías que se recoñezan ás organizacións sindicais con representación unitaria na Universidade de Santiago de Compostela, dotándoas no que se refire aos créditos horarios, cesións de créditos e dispensas de asistencia ao traballo de recursos suficientes para que poidan desempeñar o exercicio das súas funcións da maneira máis efectiva posible, permitindo ao mesmo tempo á Universidade ordenar e estruturar o seu exercicio con criterios de racionalidade, e buscando que a repercusión económica supoña o mínimo incremento de gasto posible.

Por todo isto, froito da negociación levada a cabo cos representantes sindicais e os representantes da Universidade de Santiago de Compostela, no exercicio das facultades establecidas no artigo 10 do Real decreto-lei 20/2012, do 13 de xullo, e o artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, adoptan o seguinte:

ACORDO

Primeira.- Obxecto, ámbito de aplicación e vixencia.

1. O presente acordo ten por obxecto regular o desenvolvemento dos dereitos de representación en relación ás dispensas e ao réxime de asistencia ao traballo dos representantes sindicais e de persoal na Universidade de Santiago de Compostela para os efectos de que poidan exercitar as súas funcións de representación e negociación.

2. Este acordo será de aplicación ás organizacións sindicais con representación unitaria na Universidade de Santiago de Compostela.

Segunda.- Representantes unitarios.

No ámbito da Universidade de Santiago de Compostela os empregados públicos estarán representados, atendendo á súa vinculación xurídica, polos órganos previstos na lexislación básica estatal (actualmente Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público — no sucesivo EBEP — e Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores — en adiante ET) e a súa composición será, en cada momento, a que veña fixada no marco legal de aplicación.

Terceira.- Seccións sindicais.

1. Os empregados públicos afiliados a un sindicato poderán constituír seccións sindicais de conformidade co disposto nos seus Estatutos e na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical — no sucesivo LOLS — ou, no seu caso, norma que a substitúa.

2. A designación dos/as delegados/as sindicais efectuarase entre o persoal da Universidade afiliado á organización sindical correspondente adscrito ao centro de traballo a que se estenda o ámbito de actuación da respectiva sección ou ao ámbito da Universidade de ser o caso.

3. Para que cada sección sindical sexa recoñecida como tal e os seus representantes poidan dispor, se procede, dos dereitos e garantías que o presente acordo e a normativa vixente en cada momento lles recoñezan, a correspondente organización sindical deberá inscribir tanto a súa constitución como, no seu caso, as modificacións posteriores na Oficina Pública de Rexistro.

Así mesmo deberá comunicar estes actos á Vicerreitoría con competencias en profesorado ou á Xerencia, en función do colectivo ao que pertenza, producindo plenos efectos fronte á administración unha vez teña entrada a indicada comunicación no rexistro.

4. O número de horas de crédito horario dos delegados/as sindicais será o mesmo que corresponda aos membros dos órganos unitarios correspondentes.

Naqueles casos en que sexa diferente o crédito horario dos distintos órganos unitarios que puideran existir no ámbito de cada sección sindical constituída, estarase en cada centro de traballo ao que maior número de horas teña recoñecidas ou ao crédito horario computable para o ámbito da Universidade de Santiago de Compostela.

5. As seccións sindicais constituídas de conformidade co artigo 10 da LOLS poderán designar Delegados/as Sindicais elixidos por e entre os traballadores e as traballadoras afiliados/as.

Cada sección sindical designará un/ha delegado/a sindical, agás que a porcentaxe de voto obtido sobre a totalidade do persoal sexa igual ou maior ao 10% dos votos válidos, en cuxo caso poderán designar ata un máximo de 4 delegados/as sindicais.

6. Os e as Delegados/as Sindicais designados conforme a este apartado poderán ceder de forma a totalidade ou parte dos seus créditos horarios, ben a outro/a delegado/a sindical ou ben con obxecto de que sexan acumulados na bolsa horaria do sindicato.

Cuarta.- Crédito horario.

1. Os representantes de persoal e sindicais na Universidade de Santiago de Compostela disporán, para a realización das actividades sindicais e de representación que teñen atribuídas, do crédito de horas mensuais retribuídas establecido na lexislación básica estatal (EBEP, ET e LOLS ou, no seu caso, normativa que a substitúa).

Así mesmo disporán dos permisos non retribuídos e do tempo para a realización de funcións como delegados de prevención de riscos laborais de conformidade co marco legal de aplicación.

2. Para os efectos de que as organizacións sindicais poidan desenvolver o exercicio das súas funcións de xeito racional e coas garantías necesarias, asignaranse as dispensas sinaladas neste apartado que se distribuirán entre os diferentes órganos de representación e negociación e nos órganos especializados dos que formen parte pola súa condición de representantes do persoal detallados no anexo I.

As dispensas poderán ser acumuladas ás bolsas de crédito horario do apartado quinto deste acordo e asignaranse de conformidade coa representatividade que cada organización obtivera nos órganos unitarios de representación.

Para estes efectos, as dispensas asignadas serán as seguintes:

· Persoal Docente e Investigador laboral:14 dispensas anuais que se distribuirán atendendo á súa representatividade nos órganos unitarios.

· Persoal de Administración e Servizos:11 dispensas mensuais que se distribuirán atendendo á súa representatividade nos órganos unitarios.

O crédito horario que resulte da asignación anterior poderá acumularse nunha bolsa de crédito horario anual que se poderá empregar para as dispensas establecidas na cláusula sétima.

No caso de que o crédito horario adicional que poida obterse de calquera dos órganos a que se fai referencia non fora un número enteiro, redondearase a cifra por exceso ou por defecto ao enteiro máis próximo, sen exceder en ningún caso o límite máximo de horas fixado nesta cláusula.

3. De conformidade co previsto na normativa de prevención de riscos laborais e resto de normativa aplicable, os delegados de prevención non teñen asignado un crédito de horas mensuais específico polo feito de ostentar esa condición, sen menoscabo das actuacións que poidan realizar sen imputación algunha ao citado crédito horario tal e como establece o artigo 37.1 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais ou, no seu caso, norma que a substitúa.

Os delegados de prevención cuxo nomeamento fose formalmente comunicado á administración, poderán facer uso do crédito horario existente en cada momento na bolsa da respectiva organización sindical, na forma prevista no marco legal de aplicación.

4. Para os efectos do sinalado na presente cláusula non computará como uso do crédito horario a asistencia a reunións de órganos de negociación e grupos de traballo dimanantes deles, cando fosen convocadas a instancias da administración.

O disposto no presente apartado non será de aplicación aos empregados públicos que teñan concedida dispensa total.

Quinta.- Bolsas de crédito horario.

1. Cada unha das organizacións sindicais poderá constituír bolsa de crédito horario anual agrupando o crédito horario mensual de membros de xuntas de persoal, membros de comités de empresa, delegados de persoal e delegados de sección sindical da mesma organización sindical, así como o crédito horario adicional a que fai referencia o apartado segundo da cláusula cuarta, nos termos previstos nel.

Para a determinación do crédito horario mensual acumulable en cada bolsa atenderase ás seguintes regras:

a) Estarase aos resultados das eleccións a órganos de representación unitaria como ao nomeamento de delegados sindicais, dos que terá comunicación a administración, así como á distribución do crédito horario adicional ao que fai referencia o apartado segundo da cláusula cuarta, nos termos previstos nel.

b) Se dentro da anualidade vencera o mandato de calquera dos órganos unitarios incluídos no ámbito da respectiva bolsa, poderase acumular inicialmente a esta o crédito horario mensual dos membros do órgano así como, no seu caso, dos delegados de sección sindical afectados, ata o mes en que este vencemento se produza. Chegado o vencemento, se correspondese a renovación do órgano unitario, poderase acumular mensualmente o crédito horario das representacións unitarias e sindicais afectadas ata que teña lugar a renovación.

c) Se dentro da anualidade correspondese revisar a representatividade das organizacións sindicais lexitimadas para estar presentes nos órganos a que fai referencia o apartado segundo da cláusula quinta, poderase acumular inicialmente á bolsa o crédito horario adicional mensual previsto nela ata o mes en que esa revisión se produza.

d) Nos supostos de retirada do crédito horario polo seu titular, restarase da respectiva bolsa o crédito horario do cedente correspondente aos meses naturais seguintes ao da retirada, así como o non disposto por este nese mes.

Neste suposto, con carácter previo á oportuna modificación do crédito horario adicional acumulado na bolsa, darase audiencia ás correspondentes organizacións sindicais.

2. A administración respectará a acumulación dos créditos horarios de cada unha das organizacións sindicais que fose realizada na forma expresada no parágrafo anterior, agás no suposto de retirada do crédito horario polo seu titular, e nese caso unicamente con respecto ao correspondente crédito horario persoal que non fose consumido.

No ámbito sectorial do persoal docente e investigador, as respectivas retiradas de crédito horario deberán presentarse, preferentemente, con anterioridade ao inicio do uso no que se pretendan facer valer.

Efectuada a correspondente retirada, o representante unitario quedará suxeito ao disposto no marco legal de aplicación respecto ao uso do crédito horario, de forma que a parte da que puidese ter feito uso no propio mes natural da retirada será imputado en primeiro lugar ao seu crédito horario persoal, non podendo acumular novamente crédito persoal na bolsa correspondente ata transcorridos, polo menos, seis meses da retirada.

Sexta.- Tipos de dispensas sindicais.

Para o adecuado exercicio da actividade de representación que teñen atribuída os representantes unitarios e sindicais, sempre e cando exista crédito horario suficiente en cada unha das bolsas constituídas polas organizacións sindicais ás que resulte de aplicación, poderase dispoñer das seguintes dispensas:

a) Dispensa total. Entenderase por tal a que comprenda, por meses naturais, a dispensa de asistir ao posto de traballo durante a totalidade da xornada ordinaria que viñera obrigada a realizar a persoa interesada. Comprenderá, en todo caso, o prorrateo tanto do período vacacional como dos días de asuntos particulares que tería dereito a gozar de non estar dispensado.

No ámbito do persoal docente e investigador, as horas destinadas a dispensas aplicaranse por curso académico e a redución docente establecerase proporcionalmente tomando como referencia que o cómputo de horas anual necesario para a dispensa total equivale a 240 horas de encargo docente.

b) Dispensa parcial. Entenderase por dispensa parcial a que comprenda un período inferior ao mes natural. Suporá o uso dun número de horas de crédito horario coincidente coa xornada ordinaria de traballo que, en todo caso, viñera obrigada a realizar a persoa interesada no seu posto de traballo durante o día ou os días solicitados.

Sétima.- Xestión das bolsas de crédito horario.

1. A xestión de cada bolsa de crédito horario rexerase polos seguintes criterios:

- Corresponderá ao órgano competente de cada organización sindical no respectivo ámbito de negociación comunicar ao órgano competente para a súa tramitación as dispensas totais e parciais respecto dos integrantes da respectiva bolsa.

- Para obter unha dispensa total de asistencia ao traballo será necesario dispor dun crédito horario mensual de cento trinta e cinco horas, tendo en conta a xornada actual de 35 horas semanais. Se a xornada se modificase, calcularase o novo crédito horario necesario para a dispensa total proporcionalmente ao cambio establecido para a xornada laboral na Universidade de Santiago de Compostela. No caso de que o empregado público dispensado goce dunha redución de xornada, axustaranse proporcionalmente o número de horas.

- O exercicio das funcións sindicais e a utilización do crédito horario por parte dos representantes sindicais farase sen prexuízo do cumprimento das obrigas que poidan derivarse do posto de traballo, o cumprimento horario e a comunicación do goce de vacacións, permisos e licenzas, suspendendo o crédito horario consumido durante o período de vacacións no suposto de dispensas totais.

2. Co obxecto de facilitar a adopción das medidas adecuadas para a prestación dos servizos, e en orde a proceder á adecuada reordenación deles, deberanse preavisar as dispensas cunha antelación mínima de dez días hábiles cando se trate de dispensa total.

No suposto do Persoal Docente e Investigador, as dispensas totais deberán comunicarse preferentemente con anterioridade ao inicio do curso en que se pretendan facer valer.

3. Para permitir unha adecuada planificación dos servizos, as dispensas totais prorrogaranse automaticamente por período igual ao inicialmente recoñecido, agás indicación expresa en contrario efectuada con quince días hábiles de antelación ou insuficiencia de crédito horario na correspondente bolsa.

En ningún caso poderá diferirse o uso dos permisos que, por calquera causa, non fosen dispostos no mes correspondente.

4. As dispensas totais e parciais a que fai referencia a cláusula sexta supoñen o límite máximo de créditos horarios do que poderán dispoñer as organizacións sindicais.

Oitava.- Efectos e revogación das dispensas sindicais.

1. O persoal empregado público dispensado total ou parcialmente de conformidade co previsto no presente acordo permanecerá en situación de servizo activo con reserva, no seu caso, do posto de traballo que estivera desempeñando, conservando todos os dereitos profesionais que lle sexan de aplicación, incluídos os de carácter retributivo.

Non poderá ser discriminado na súa formación nin na súa promoción económica ou profesional por razón do desempeño da súa labor de representación.

Despois da eventual revogación da dispensa, o persoal empregado público deberá observar sigilo profesional en todo o referente aos asuntos nos que a administración sinalase expresamente o seu carácter reservado. En todo caso ningún documento entregado pola Administración que revestira tal carácter poderá ser utilizado, fóra do seu estrito ámbito, para fins distintos dos que motivasen a súa entrega.

2. As dispensas totais recoñecidas ao amparo do establecido neste acordo poderán ser revogadas polo órgano competente para a súa tramitación cando concorra algunha das seguintes causas:

a) A solicitude da persoa interesada.

b) A petición da correspondente organización sindical.

c) Por minoración dos créditos horarios que deron lugar a ela.

d) Por razón de cese por algunha das causas legalmente previstas.

e) Por perda da condición de representante que habilita para obter dispensa.

f) Por realización de actividades que incorran en causa de incompatibilidade, con arranxo á normativa vixente en cada momento sobre incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións públicas.

Darase previa audiencia á correspondente organización sindical, agás cando a revogación estea motivada nalgunha das causas descritas nas letras a) e b).

Novena.- Garantía da prestación do servizo.

As organizacións sindicais comprométense a distribuír os créditos horarios e as dispensas de maneira que non se produzan disfuncións importantes que dificulten o funcionamento dos centros e a correcta prestación dos servizos en cada un dos ámbitos de representación.

Décima.- Interpretación e seguimento do acordo.

As cuestións de interpretación e seguimento das cláusulas do presente acordo serán resoltas mediante negociación coas organizacións sindicais.

Décimo primeira.- Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor na data da súa publicación, prorrogándose por períodos anuais agás denuncia expresa por algunha das partes, que deberá efectuarse cunha antelación mínima de tres meses á data de finalización da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

A denuncia por parte das organizacións sindicais requirirá, para a súa validez, que sexa subscrita pola maioría daquelas que, estando lexitimadas para estar presentes nas Mesas Xerais de negociación na data da denuncia, lles resulte de aplicación o presente acordo.

Anexo I. Órganos de representación e negociación

a) Órganos sectoriais

Mesa Xeral de Persoal Docente e Investigador

Mesa Xeral de Persoal de Administración e Servizos

Comisión Negociadora do Persoal Contratado con Recursos Afectados de I+D+i

Comité Intercentros de Persoal Laboral de Administración e Servizos

b) Outros órganos de participación

Comisión de Seguimento do Absentismo

Comisión de Asesoramento para a Contratación de Profesorado e as Comisións de Selección

Comisión Permanente de Selección de Persoal Investigador e de Apoio á Investigación no marco de actividades e programas de I+D+i

Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio Colectivo para o Persoal Laboral da USC

Comisión Paritaria do II convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Comisión de seguimento do Acordo de xubilación parcial anticipada para o Persoal Laboral de Administración e Servizos da USC

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver