Instrución III/2008 da Xerencia sobre o procedemento de xestión da documentación xustificativa para actividades de I+D

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0216
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor

Rexistro de saída número 1.504 de 18/03/2008

A Xerencia da USC ditou unha circular con data 14 de decembro de 1999 na que establecía un procedemento para aportar documentación de carácter económico cando esta é requirida por entidades alleas, para a xustificación dos gastos de actividades de I+D con financiamento específico do exterior.

Tendo en conta os cambios organizativos e de xestión que se produciron neste período, así como as variacións no nivel de xustificación que ordinariamente se require, e unha vez consultado cos servizos con responsabilidade nesta área, establécese a seguinte Instrución:

1. Con carácter xeral correspóndelle á Unidade de Xestión Económica de I+D(UXE) a xustificación dos gastos realizados en actividade de I+D que sexan financiadas con achegas externas.

2. Cando no momento do inicio económico dunha actividade de investigación se coñeza a necesidade de aportar documentación de gastos para a súa xustificación, a UXE informará ao centro xestor desta circunstancia, no mesmo modelo que se utilice para a apertura e dotación económica da partida correspondente.

3. No caso anterior, o Responsable de Asuntos Económicos deberá conservar unha copia de toda as facturas ou documentos de gasto que se tramiten con cargo á mencionada actividade, así como os xustificantes de pagamento cando este se producira con cargo á conta de anticipos a xustificar do centro, e enviar esta documentación convenientemente relacionada á UXE cando esta Unidade lla solicite.

4. No suposto de que a necesidade de aportar xustificación documental non sexa coñecida no momento do inicio das actividades, a UXE solicitaralle copia dos ditos documentos ao Servizo de Contabilidade e Orzamentos. En todo caso correspóndelle a este Servizo aportar a documentación xustificativa dos pagamentos, agás nos casos en que estes fosen realizados polas contas de anticipos a xustificar.

5. A documentación xustificativa dos gastos de persoal contratado con cargo ás actividades de I+D debe ser aportada polo Servizo de Xestión de Persoal.

6. Todas as partes que interveñan neste procedemento tomarán as medidas necesarias para que a xustificación se realice nos prazos marcados.

Queda sen efectos a circular da Xerencia de 14 de decembro de 1999 a que se fai mención nesta Instrución.

Santiago, 18 de marzo de 2008

O xerente,

Pedro García Moreno

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver