Regulamento de funcionamento do catálogo de investigadores e grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
(Consello de Goberno do 4-05-2005)
PREÁMBULO
O Consello de Goberno de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou na súa sesión de 22 de xullo de 2004, a proposta da Vicerreitoría de Investigación e Innovación, os criterios para a redefinición do Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación.
En ditos criterios establecese, dentro do proceso de catalogación de grupos, que o Consello de Goberno aprobaría un Regulamento de funcionamento do Catálogo de Grupos de Investigación.
Concluído o proceso de actualización e rexistro de grupos e investigadores coa validación destes por parte da Comisión de Investigación Delegada do Consello de Goberno, procede agora dar cumprimento ao mandato do Consello de Goberno, establecendo as normas de xestión do catálogo de investigadores e grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 1: Ámbito de Aplicación
Este regulamento aplicarase á xestión do Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela definidos de acordo aos Criterios para a redefinición do Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación aprobados por Consello de Goberno de 22 de xullo de 2004.
Artigo 2: Composición do catálogo de investigadores e grupos de investigación
O Catálogo de investigadores e grupos de investigación confórmase como un rexistro de investigadores da USC de acordo ao seguinte ordenamento:
A) Grupos de investigación:Unidade básica de organización e xestión da actividade investigadora onde por razóns de coincidencia estable nos seus obxectivos, infraestruturas e recursos compartidos, converxen un conxunto de investigadores con capacidade plena para o desenvolvemento da actividade investigadora (IP).
Con carácter xeral os grupos de investigación deberán estar constituídos por un mínimo de tres investigadores principais que deberán ser profesores doutores vinculados estatutaria ou contractualmente coa Universidade de Santiago de Compostela, e que conxuntamente cumpran os criterios establecidos polo Consello de Goberno de 22 de xullo de 2004.
Con carácter excepcional e para os ámbitos e campos científicos nos que a actividade e competencia acreditada non sexa esencialmente dependente do tamaño do grupo ou do seu autofinanciamento, o grupo poderá estar integrado por un ou dous investigadores principais que deberán ser profesores doutores vinculados estatutaria ou contractualmente coa Universidade de Santiago de Compostela e acrediten os requirimentos que establece os criterios establecidos polo Consello de Goberno de 22 de xullo de 2004.
B) Investigadores. Todo o persoal docente e investigador (PDI) vinculado estatutaria ou contractualmente coa USC, con actividade investigadora, que non formen parte dun grupo de investigación, poderá estar incluído no catálogo baixo a condición de “investigadores”
Artigo 3.- Membros do Grupo de Investigación
Terán a consideración de membros do grupo de investigación tódolos profesores doutores vinculados estatutaria ou contractualmente coa USC, así como os doutores contratados pola Universidade de Santiago de Compostela no marco de programas que habiliten a súa condición de investigadores (Programa Ramón y Cajal, Isidro Parga Pondal, etc.) que se adscriban ao mesmo.
Acadada a composición mínima, poderán vincularse ao Grupo coa consideración de “membros do grupo de investigación”:
i. Profesores vinculados contractual ou estatutariamente coa USC que non acadasen o título de doutor.
ii. Investigadores en formación e perfeccionamento, segundo a definición que destes fan os Estatutos da universidade.
Así mesmo, o Grupo poderá rexistrar a vinculación ao mesmo de:
iii. “Persoal de Apoio”:Aquel persoal vinculado de forma conxuntural as actividades do Grupo mediante contrato laboral ou bolsa financiada con cargo a proxectos, actividades de investigación ou outros recursos propios.
iv. “Investigador colaborador”:Aqueles investigadores que pertencendo a un centro de investigación alleo á USC colaboren de xeito habitual e fidedigno nas actividades e produción do grupo.
Na información que se rexistre para os efectos da composición do Grupo, deberá reflectirse a figura correspondente a cada integrante do Grupo e, no caso dos investigadores colaboradores, a entidade á que pertencen.
Artigo 4: Criterios organizativos do catálogo de investigadores e grupos de investigación
Un investigador unicamente poderá pertencer a un grupo. Ademais para os efectos deste catálogo, será incompatible a pertenza a un grupo de investigación e a condición de investigador individual.
4.1: Adscrición dos grupos de investigación
i. Os grupos de investigación deberán establecer a súa adscrición formal a un Departamento, podendo vincularse a un Instituto de Investigación co visto e prace previo do Consello Científico deste.
En casos excepcionais e previa solicitude e autorización da Comisión de Investigación Delegada do Consello de Goberno, poderá establecerse a adscrición conxunta a mais dun departamento - Grupo Transdepartamental -, sempre e cando o Grupo integre a investigadores principais pertencentes a distintos departamentos que acrediten actividade investigadora conxunta con carácter continuado ou xustifiquen axeitadamente o seu desenvolvemento futuro.
4.2: Coordinador do grupo
De entre os investigadores principais o grupo de investigación deberá designar un “coordinador”, que asumirá as seguintes funcións:
· actuar como interlocutor coa Vicerreitoría de Investigación e Innovación para os efectos de xestión e administración do grupo.
· xestionar o mantemento da ficha do grupo no catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación a través da OIT Virtual de acordo ao establecido nos artigos 5, 6 e 7 deste regulamento.
O Grupo, e particularmente no caso dos Grupos Transdepartamentais, poderá, de entre os seus membros, designar a outros interlocutores para as súas relacións cos Departamentos, Institutos de Investigación, etc.
Con independencia das funcións asumidas polo coordinador, cada investigador principal será responsable da súa liña de investigación, actividades ou proxectos de investigación que, baixo a súa dirección como IP, se vinculen ao grupo.
Artigo 5: Altas no catálogo de investigadores e grupos de investigación
A través da OIT-VIRTUAL, operativa no Web da Vicerreitoría de Investigación e Innovación, os grupos novos de investigación, a través do seu coordinador, que cumpran os criterios aprobados polo Consello de Goberno o 22 de xullo de 2004, poderán solicitar a alta no Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación. Para isto, unha vez cuberto o asistente de alta na OIT VIRTUAL deberase imprimir e asinar por tódolos membros o impreso xerado remitíndoo á Unidade de Xestión da Produción Científica e Tecnolóxica da Oficina de Investigación e Tecnoloxía.
A OIT verificará o cumprimento dos criterios de composición, trasladando a solicitude á Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno para proceder, de ser o caso, á súa aprobación.
Artigo 6: Baixas no catálogo de investigadores e grupos de investigación
En calquera momento os grupos de investigación poderán, a través do seu coordinador, solicitar a baixa do catálogo, a través da OIT-VIRTUAL, operativa no Web da Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Para isto, unha vez realizada a solicitude, deberase imprimir e asinar por tódolos membros o impreso xerado remitindo á Unidade de Xestión da Produción Científica e Tecnolóxica da Oficina de Investigación e Tecnoloxía.
A OIT trasladará a solicitude á Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno para proceder, de ser o caso, á súa aprobación.
Artigo 7: Modificacións e actualizacións dos grupos de investigación
Os grupos de investigación poderán solicitar ou facer directamente modificacións tanto na súa composición como nos datos que figuran no Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación cos seguintes condicionantes:
A) O coordinador do grupo poderá modificar directamente a través da OIT VIRTUAL o seguinte:
- Dar de alta/baixa a investigadores en formación e perfeccionamento (IFP)
- Dar de alta/baixa ao persoal de apoio
- Dar de alta/baixa a colaboradores externos. Estas modificacións deberán ser comunicadas á OIT para a súa posterior validación pola Comisión de Investigación delegada do Consello de G oberno.
- Substitución do Coordinador.
- Eliminar,incluír ou modificar liñas de investigación.
- Eliminar, incluír ou modificar servizos
- Eliminar, incluír ou modificar os códigos asociados ao grupo (CITT, UNESCO, AREA TECNOLÓXICA, AREA ANEP).
- Eliminar, incluír ou modificar palabras chave.
- Eliminar, incluír ou modificar o enlace á web do grupo.
- Modificar a adscrición do grupo a un campus.
- Modificar o nome longo do grupo.
- Modificar o nome curto do grupo.
B) O coordinador do grupo poderá solicitar, en calquera momento, as modificacións, que estarán suxeitas á posterior validación ou aprobación da Comisión de Investigación Delegada do Consello de Goberno, seguintes:
- Dar de alta/ baixa a investigadores principais.
- Dar de alta/ baixa a membros do grupo.
- Adscribirao grupo a outro departamento/ instituto de investigación.
- Vincularo grupo aun instituto de investigación
En canto ás modificacións que establece o apartado A) a aplicación informática verificará se OS cambios que se solicitan afectan aos criterios aprobados polo Consello de G oberno da USC.
As propostas de modificación do apartado B levaranse a cabo através da OIT-VIRTUAL operativa na Web da Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Para isto, unha vez realizada a solicitude, deberase imprimir e asinar por tódolos membros a ficha xerada que será remitida á Unidade de Xestión da Produción Científica e Tecnolóxica da O ficina de Investigación e Tecnoloxía.
Artigo 8: Rexistro de Investigadores
Todo o persoal docente e investigador (PDT) vinculado estatutaria Ou contractualmente coa USC, con actividade investigadora, que non formen parte dun grupo de investigación, poderá estar incluído no catálogo baixo a condición de “investigador” sempre e cando o solicite a través da OIT-VIRTUAL.
Para facer efectivo o anterior, unha vez cumprimentado o asistente de alta na OIT VIRTUAL deberase imprimir e asinar o impreso xerado, remitíndoo á Unidade de Xestión da Produción Científica e Tecnolóxica da O ficina de Investigación e Tecnoloxía. Por igual procedemento poderá darse de baixa en dito catálogo.
Os datos que conterá a ficha destes investigadores serán:
- Liñas deinvestigación
- Servizos de investigación
- Códigos asociados (CITT, UNESCO, ÁREA TECNOLÓXICA, ÁREA ANEP).
Os investigadores poderán modificar libremente estes datos a través da OIT VIRTUAL, sen necesidade de validación ou aprobación posterior.
Artigo 9: Seguimento e actualización da validación xeral
A Vicerreitoría de Investigación e Innovación realizará, polo menos cada tres (3), anos unha revisión xeral dos criterios de baremación establecidos, procedendo, no seu caso, a propoñer á Comisión de Investigación D elegada do Consello de G oberno as actualizacións de grupos correspondentes.
Artigo 10: Accións de apoio á actividade dos Grupos de Investigación
A USC garantirá, a proposta da Vicerreitoría de Investigación e Innovación e previa aprobación do Consello de Goberno, que unha porcentaxe da A xuda á Produción Científica xestionada pola Vicerreitoría de Investigación sexa destinada directamente aos grupos de investigación. Para determinar a dotación asignada a cada Grupo terase en conta a produción científica e grao de financiamento xerado por todos os membros do grupo de investigación, de acordo aos criterios de baremación establecidos pola Comisión de Investigación Delegada do Consello de Goberno.
Do mesmo xeito para calcular a dotación que en concepto de A xuda á Produción Científica lle corresponde a cada D epartamento/ Instituto en función da súa produción, valorarase a produción e grao de financiamento de todos os seus membros con independencia do grupo ao que pertenzan.
Os grupos de investigación e os departamentos/ institutos establecerán o procedemento de xestión e criterios de reparto da axuda así recibida.
Correspóndelle ás secretarías dos departamentos e institutos o enchido e presentación da documentación e datos que para tal efecto sexan demandados pola Vicerreitoría.
Artigo 11: Xestión da Información asociada ao Catálogo
A Vicerreitoría de Investigación e Innovación asegurará o mantemento no web, para a súa difusión e coñecemento público, dunha ficha de información relativa a cada un dos investigadores e grupos de investigación rexistrados. Dita ficha facilitará información relativa aos membros dos Grupos, as súas liñas e servizos, así como información relevante da súa produción científica, proxectos, patentes e cantas actividades podan ser de interese para a promoción académica, científica e tecnolóxica do Grupo.
A información que se vai presentar tirarase dos diferentes programas de xestión de actividades e produción científica operativos nas unidades de xestión da Vicerreitoría.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
A porcentaxe da Axuda á Produción Científica destinada directamente aos grupos de investigación á que se fai referencia no artigo 10 deste regulamento queda establecida, en tanto non sexa modificada polo Consello de Goberno, no 50% da axuda á produción científica xestionada pola Vicerreitoría de Investigación e Innovación.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogados os regulamentos, circulares, disposicións e resolucións anteriores, no que se opoñan ao establecido na presente normativa e en especial os criterios para figurar no catálogo de grupos de investigación e liñas de investigación aprobadas pola Xunta de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela na súa sesión do 21 de novembro de 1997.
DISPOSICIÓN FINAL
Este regulamento entrarán en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.