Instrución II/2023, da Xerencia, do 20 de marzo de 2023, pola que se regula a xestión e control dos procesos de incapacidade temporal do persoal da Universidade de Santiago de Compostela suxeito ao réxime xeral da seguridade social
NORMA CONSOLIDADA
O Acordo do 28 de maio de 2021, do Consello de Goberno, sobre a xestión e control dos procesos de incapacidade temporal, as ausencias por enfermidade ou accidente que non dean lugar a incapacidade temporal e a incorporación progresiva despois de tratamentos oncolóxico, establece o procedemento de presentación dos partes de baixa médica, confirmación de baixa e alta médica, e control da situación, xa sexa por continxencias comúns ou profesionais, para todo o persoal que preste servizos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), tanto o acollido ao réxime xeral da Seguridade Social como á Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE).
O artigo 7 do Real Decreto1060/2022, do 27 de decembro, polo que se modifica o Real Decreto 625/2014, do 18 de xullo, polo que se regulan determinados aspectos da xestión e control dos procesos por incapacidade temporal nos primeiros trescentos sesenta e cinco días da súa duración, establece que será o servizo público de saúde, ou no seu caso, a mutua ou a empresa colaboradora a que achegue os datos contidos nos partes médicos de baixa, confirmación e alta ao Instituto Nacional de la Seguridade Social, por vía telemática, E este, á súa vez comunicará ás empresas os datos identificativos de carácter meramente administrativo relativos a los partes médicos de baixa, confirmación e alta emitidos para o seu coñecemento e cumprimento.
Tendo en conta que, o devandito real decreto entra en vigor o vindeiro 1 de abril de 2023, e que o seu ámbito de actuación soamente se limita ao persoal suxeito ao réxime Xeral da Seguridade Social, DISPOÑO:
Artigo 1.
A partir do 1 de abril de 2023, a persoa traballadora da Universidade de Santiago de Compostela suxeita ao réxime xeral de Seguridade Social, non terá a obriga de entregar, no seu centro de traballo, o parte de baixa, de confirmación de baixa e/ou alta médica, xa sexa por continxencias comúns ou profesionais.
Artigo 2.
Porén, a partir do 1 de abril de 2023, o/a traballador/a deberá comunicar por calquera medio que permita a constancia á persoa superior xerárquica a data da súa baixa e/ou alta, con carácter inmediato desde o momento en que se produza, co fin de evitar disfuncións na xestión ordinaria e na prestación de servizos nos centros de traballo.
Artigo 3.
Non obstante, no suposto de que o/a traballador/a estea sendo substituído/a no seu posto de traballo durante o período de baixa, a incorporación debe de comunicala á súa persoa superior xeráquica no momento en que se lle expida a alta médica. Esta, a súa vez, deberá dar traslado desta información con carácter urxente ao Servizo de Xestión de Persoal a través de correo electrónico:sxp@usc.es.
Artigo 4.
O persoal afiliado ao sistema especial da Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE), rexerase polo procedemento recollido no capítulo II do Acordo do 28 de maio de 2021, do Consello de Goberno, sobre a xestión e control dos procesos de incapacidade temporal, as ausencias por enfermidade ou accidente que non dean lugar a incapacidade temporal e a incorporación progresiva despois de tratamentos oncolóxicos.
Santiago de Compostela, na data da sinatura
O xerente,
Antonio Javier Ferreira Fernández
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.