Instrución I/2025 da Xerencia sobre retribucións por colaboración en actividades formativas do centro de formación de persoal da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1202
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A formación do seu persoal é un elemento estratéxico, polo que o 29 de xuño do 2022 a Universidade de Santiago de Compostela creou o Centro de Formación de Persoal, co fin de integrar de xeito efectivo a xestión da formación de todo o seu persoal.

Con data do 25 de outubro de 2024, o Consello de Goberno aprobou o Regulamento do Centro de Formación de Persoal e da súa actividade, que recoñece o dereito do persoal que intervén como formador nas actividades desenvoltas polo Centro de Formación de Persoal a recibir as retribucións que correspondan fixadas na normativa de desenvolvemento do dito regulamento.

Por unha banda, actualmente as retribucións por colaboración en actividades formativas do Centro de Formación de Persoal diverxen segundo ao colectivo ás que se dirixen, sen que exista xustificación, alén da historia da súa organización. Por outra banda, a formación leva sufrido un cambio importante nos últimos anos provocado pola cada vez maior virtualización, o que implica a aparición de novas modalidades formativas e novos conceptos para retribuír.

Por todo o anterior, co fin de homoxeneizar as retribucións e determinar as actividades formativas que xeran dereito á retribución, a Xerencia DISPÓN:

Primeiro. Ámbito de aplicación

A presente instrución sobre retribucións por colaboración actividades formativas do Centro de Formación de Persoal da USC será de aplicación tanto ao persoal propio da USC como ao persoal alleo á USC, sempre que interveña como persoal formador nas actividades formativas do Centro de Formación de Persoal que se executen dende o 1 de xaneiro de 2025.

Segundo. Determinación das remuneracións pola colaboración en actividades formativas

A colaboración nas actividades formativas organizadas polo Centro de Formación de Persoal da USC será retribuída polos conceptos e contías que figuran no Anexo da presente instrución. .

Cando se trate de actividades formativas que precisen da participación de persoas físicas ou xurídicas alleas ás administracións públicas ou con especialistas de recoñecido prestixio, as contías recollidas nesta instrución terán carácter referencial e poderanse modificar atendendo aos prezos de mercado e á normativa de contratos no sector público. Disto deixarase constancia na ficha da acción formativa das circunstancias que motivan a dita remuneración.

No caso de persoal empregado público, as retribucións establecidas nesta instrución percibiranse de acordo co establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións publicas e demais normas de desenvolvemento.

Cuarto. Aplicación do IRPF

As contías de remuneracións reflectidas no Anexo exprésanse en importe bruto e están suxeitas ao imposto sobre a renda das persoas físicas e, de ser o caso, ao imposto sobre o valor engadido

Quinto. Gastos de desprazamento e aloxamento

Os gastos por desprazamentos e aloxamento das persoas formadoras serán aboados consonte á normativa interna reguladora das indemnizacións por razón de servizo.

Sexto. Participación conxunta

Nas accións formativas nas que participe máis dunha persoa como docente, o prezo distribuirase proporcionalmente ao tempo de intervención formativa sen superar os límites máximos establecidos na presente instrución.

Sétimo. Limitación do dereito a retribución

O número de horas de docencia con dereito a retribución non poderá superar o da carga lectiva que cada curso ou xornada teña atribuída para efectos da certificación que hai que expedir ao seu alumnado, agás no caso de que as particularidades didácticas dun determinado curso impliquen sesións docentes impartidas asemade por varios relatores, ben sexa pola necesidade de dividir o alumnado en grupos ou por calquera outra circunstancia ou criterio pedagóxico que así o aconselle, o cal se motivará na ficha da acción formativa.

Oitavo. Emprego dos materiais didácticos

A elaboración e entrega de materiais didácticos ao Centro de Formación de Persoal para o desenvolvemento das actividades formativas, suporá que o centro poderá editar, reproducir e colocar nas plataformas docentes da USC os materiais, con observancia do establecido na lexislación sobre propiedade intelectual e tras a cesión, cando así proceda, dos dereitos de autor por parte das persoas interesadas nos termos que se estipulen.

Noveno. Actualización

As contías establecidas no Anexo poderán ser obxecto de actualización consonte ao incremento das retribucións do persoal empregado público ao abeiro da lei de orzamentos xerais que resulte de aplicación.

Décimo. Vixencia da resolución sobre retribucións do profesorado en cursos de formación de PAS

Esta instrución deixa sen efecto a resolución da Xerencia do 29 de setembro de 2021, ditada por delegación de competencias, pola que se crea a bolsa de persoal formador para as accións formativas do persoal de administración e servizos (PAS) da Universidade de Santiago de Compostela.

ANEXO. Retribucións por colaboración en actividades formativas realizadas polo Centro de Formación de Persoal

Para os efectos das retribucións por colaboración co CFP en actividades formativas, distinguirase entre a impartición de actividades formativas en modalidades presencial e telepresencial, a elaboración e publicación de materiais e outras actividades no Campus Virtual, e a dinamización e titorización de actividades.

A. Impartición de actividades formativas en modalidades presencial e telepresencial

A impartición das actividades formativas destas modalidades inclúe :

− O deseño da actividade formativa de acordo co Centro de Formación de Persoal, a súa preparación e desenvolvemento.

− A elaboración do material didáctico, da presentación e dun resumo, así como a súa posta a disposición do alumnado a través dos medios oportunos, incluíndo a aula virtual ou o equipo de Teams, para o que poderá solicitar o asesoramento do Centro de Formación de Persoal.

− A comunicación xeral co alumnado e a atención individualizada.

− As actividades administrativas correspondentes, incluída a acta de avaliación da actividade coa cualificación de apto/a ou non apto/a, de ser o caso.

Na modalidade telepresencial, as tarefas inclúen ademais :

− A subida do material didáctico aos equipos ou aulas nas plataformas correspondentes, para o que poderá solicitar o asesoramento do Centro de Formación de Persoal.

− A revisión do material e as ligazóns, a parametrización temporal dos módulos e actividades na plataforma.

− A comunicación co alumnado (benvida, inicio e finalización de módulos e temas...) e a atención individualizada, así como a atención ás consultas xerais nos foros do curso.

A impartición de actividades telepresenciais e webinars realizarase en todo caso mediante as ferramentas corporativas, e poderá ser gravada para a súa reutilización en actividades formativas do CFP, o cal se formalizará na ficha da actividade.

A impartición de actividades formativas abranguerá tanto horas síncronas como asíncronas.

A retribución destas actividades realizarase atendendo aos seguintes conceptos e contías :

Tipo de colaboración Retribución
Impartición de horas de formación síncrona ou asíncrona en modalidades presencial e telepresencial 80€/hora

B. Elaboración e publicación de materiais e outras actividades para a autoformación e a teleformación titorizada no Campus Virtual

A encarga de materiais e actividades formativas de autoformación que se desenvolvan no Campus Virtual inclúe o deseño didáctico e metodolóxico dos materiais e actividadesformativas, así como a súa elaboración e publicación na aula virtual.

Estes materiais e actividades deseñaranse e elaboraranse seguindo as indicacións e os criterios dadas polo Centro de Formación de Persoal. Garantirase o uso dunha linguaxe non sexista, a súa accesibilidade e que os contidos sexan inclusivos. En todo caso, será elaborado en lingua galega.

A elaboración dos materiais e actividades implica a cesión do uso dos dereitos de autoría de maneira non exclusiva.

A corrección de tarefas e supostos corresponde a actividades de avaliación de competencias que se convoquen especificamente.

A retribución dos materiais e actividades realizarase atendendo aos seguintes conceptos e contías :

Tipo de colaboración Retribución
Material de nivel básico (texto e imaxes) con presentación e contidos para autoformación e para apoios a procesos selectivos 20€/unidade temática
Material de nivel básico (texto, imaxes e un vídeo de presentación) con presentación, contidos, actividades e avaliación para actividades de autoformación 40€/unidade temática
Material de nivel estándar (con mapas, infografías, videotitoriais, audios...) con presentación, contidos, actividades e avaliación para actividades de autoformación De 40 a 100€/unidade temática
Material de nivel superior (con elementos interactivos: H5P, realidade aumentada...) con presentación, contidos, actividades e avaliación para actividades de autoformación De 100 a 150€/unidade temática
Cuestionarios baseados en preguntas tipo test de opción múltiple, corrección automática e presentación da solución con base no temario (apoios formativos) 3€/pregunta
Supostos prácticos con preguntas test de opción múltiple e presentación da solución (apoios formativos) 10€/pregunta
Supostos prácticos con preguntas curtas e presentación da solución (apoios formativos) 20€/pregunta
Supostos prácticos con solución complexa e presentación da solución (apoios formativos) 100€/suposto
Actualización de contidos preexistentes 10€/unidade temática
Actualización de materiais existentes a niveis superiores 60€/unidade temática
Corrección de tarefas e supostos prácticos (só para probas de avaliación de competencias) 3€/alumnoPode incrementarse ata 10€/alumno, segundo complexidade.

C. Foros e dinamización de actividades formativas

O mantemento de foros virtuais para solución de dúbidas pode complementar actividades de autoformación e actividades formativas de apoio a procesos selectivos que contan cos seus correspondentes materiais de consulta. Con carácter xeral, considerarase un día de atención ao foro por cada unidade temática atendida.

A titorización e dinamización corresponde a actividades formativas asíncronas de teleformación titorizada, desenvolvidas a través de plataformas telemáticas onde unha persoa estimule o seguimento e a participación do curso. Este concepto implica a comunicación co alumnado (benvida, inicio e finalización de módulos e temas), a atención individualizada, a dinamización, así como a atención ás consultas xerais, todo iso a través das ferramentas do campus virtual durante a duración en horas da actividade formativa.

A retribución destas actividades realizarase atendendo aos seguintes conceptos e contías :

Tipo de colaboración Retribución
Mantemento dun foro virtual para solución de dúbidas 20€/día.Ata un máximo de 50 alumnos.2€/alumno máis por cada alumno que exceda ese límite.
Titorización e dinamización de actividades formativas (teleformación titorizada) 45 €/h.Ata un máximo de 30 alumnos.3€/alumno máis por cada alumno que exceda ese límite.

Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica.

O xerente

Antonio Javier Ferreira Fernández

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver