Regulamento de colaboración do persoal de administración e servicios desta universidade en cursos e convenios de investigación

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0208
Departamento: Reitor
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

(Resolución rectoral do 20 de maio de 1989)

(D.O.G. do 12 de xullo de 1989)

Resolución do 20 de maio de 1989 pola que se aproba o Regulamento de colaboración do persoal de administración e servicios desta Universidade en cursos e convenios de investigación.

O sustancial incremento da actividade investigadora da Universidade ó abeiro do artigo 11 da Lei Orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de Reforma Universitaria fai preciso aborda-la regulamentación de distintos aspectos necesarios para facilita-lo desenvolvemento da xestión administrativa dos convenios e cursos correspondentes.

Un deses aspectos é a colaboración neles do persoal de administración e servicios.

En resposta a esa necesidade, e logo da aprobación da Xunta de Goberno e do Consello Social nas sesións do 11-5-89 e do 17-5-89 respectivamente, este rectorado resolve:

Aproba-lo Regulamento de colaboración do persoal de administración e servicios desta Universidade en cursos e convenios de investigación que se acompaña como anexo a esta Resolución.

REGULAMENTO DE COLABORACIÓN DO PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVICIOS EN CURSOS E CONVENIOS

NORMA 1ª.- ÁMBITO DE APLICACIÓN.

1.- O presente regulamento é de aplicación para o PAS funcionario e laboral da Universidade de Santiago que colabore na realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico e no desenvolvemento de cursos de especialización a que alude o artigo 11 da Lei de Reforma Universitaria.

2.- Inclúense no ámbito deste Regulamento os traballos que estean en concordancia coa categoría profesional que consta no seu contrato ou os que poida desenvolver pola súa pertenza ó corpo ou escala.

3.- Quedan excluídas as funcións que deban ser atendidas polos efectivos do cadro de persoal da Universidade de Santiago tanto laboral como funcionarial.

4.- Así mesmo, exclúense deste ámbito traballos relacionados con titulacións ou circunstancias persoais á marxe do establecido no parágrafo anterior.

NORMA 2ª.-

Para colaborar nas actividades referidas no artigo primeiro será necesario o previo nomeamento como persoal colaborador. Esta facultade correspóndelle ó Rector.

NORMA 3ª.-

Para que o nomeamento poida facerse efectivo será necesario que concorran as seguintes condicións:

a) O traballo deberá realizarse sempre fóra das horas de servicio establecidas para o persoal.

b) No proxecto do convenio ou curso, deberase indicar, referente ó PAS:

1.- Datos persoais.

2.- Categoría profesional e posto de traballo.

3.- Xornada de traballo que vai desenvolver.

4.- Prazo de execución do traballo.

5.- Retribucións que se propoñen.

6.- Descrición do traballo que se vai desenvolver.

NORMA 4ª.-

As retribucións que perciba o PAS funcionario que terán a consideración de gratificacións por traballos extraordinarios, no marco do establecido na Lei 30/1984, de medidas para a reforma da Función Pública.

As correspondentes ó PAS laboral terán a consideración de plus de actividade por servicio extraordinario, segundo o establecido no Decreto 2380/1984, do 17 de agosto, de ordenación de salarios.

NORMA 5ª.-

As retribucións que perciba o PAS por este concepto non poderán supera-los haberes brutos anuais que lle correspondan polo desempeño do seu posto no cadro de persoal.

Non terán esta consideración as retribucións percibidas polo desempeño de cargos académicos.

NORMA 6ª.-

O pagamento das retribucións correspondentes efectuarase nunha nómina complementaria á xeral da Universidade aplicando os descontos que legalmente correspondan.

NORMA 7ª.-

As contías asignadas no presuposto da Universidade para retribuír ó PAS que colabore no convenio ou curso non se inclúen na masa salarial nin no crédito que a Comunidade Autónoma aproba para o cadro de persoal non docente, tendo a consideración de créditos adicionais.

NORMA 8ª.-

Os pagamentos do persoal vinculado ó convenio faranse con cargo ó crédito existente no presuposto da Universidade para o mesmo.

Cando o PAS colabore no desenvolvemento dun curso, as retribucións percibiraas con cargo á partida presupostaria do capítulo primeiro creada para o efecto. Dos ingresos que xere o curso, a Universidade retraerá a contía correspondente ó importe total das retribucións do PAS.

O crédito da partida presupostaria creada terá a consideración de ampliable ó abeiro do establecido no artigo 229.1 dos Estatutos da Universidade de Santiago e financiarase con cargo ós créditos do curso.

NORMA 9ª.-

A Oficina de Proxectos de Investigación comprobará, previamente á remisión ó órgano competente para a súa aprobación, que a proposta se axusta ó establecido no presente regulamento e reclamará informe do Servicio de PAS relativo ó cumprimento do establecido nas normas 1ª e 5ª.

NORMA 10ª.-

Unha vez aprobado e asinado o convenio ou curso, a Oficina de Proxectos de Investigación tramitará os nomeamentos do persoal vinculado a eles.

NORMA 11ª.-

Os nomeamentos deberán incluír:

-Título do convenio ou curso.

-Titular.

-Partida presupostaria.

-Datos persoais.

-Xornada de traballo.

-Período de colaboración.

-Retribucións mensuais e total

-Traballo que se vai desenvolver.

NORMA 12ª.-

A Oficina de Proxectos de Investigación remitirá ó propoñente unha copia dos nomeamentos asinados polo Rector.

Así mesmo, a OPI remitirá os nomeamentos ós interesados e unha copia dos mesmos ó responsable de asuntos económicos asignado, co fin de que proceda a tramita-lo documento contable de autorización de gasto.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

A participación do PAS como profesores en cursos de formación e perfeccionamento axustarase ó establecido na Lei de Incompatibilidades.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

En tanto non se cree a oficina de Proxectos de Investigación, as funcións a ela asignadas serán desenvolvidas pola Sección de Apoio á Investigación.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver