Regulamento de selección de Persoal de Administración e Servizos

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0139
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

PREÁMBULO

No artigo 39 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, DOG nº 29, do 12 de febreiro) recóllese a necesidade de que no marco das bases que estableza o Claustro, o Consello de Goberno aprobará un Regulamento do persoal de administración e servizos considerando unha serie de cuestión; entre elas os procedementos en materia de selección, promoción interna e promoción profesional.

A experiencia acadada na xestión de procesos selectivos, así como as modificacións legais producidas, xustifican a necesidade de levar a diante modificacións, que permitan a incorporación dos preceptos legais ao contido dos procesos, así como a mellora na axilidade dos procesos de recepción e admisión de solicitudes de participación, eliminando documentación e cargas de traballo innecesarias nesta fase, como en determinados aspectos de valoración de méritos e de elaboración de probas.

Neste senso, o Regulamento nace coa vocación de dotar á Universidade de Santiago de Compostela (en adiante USC) dos instrumentos xurídicos eficaces que lle permitan contar cos medios humanos máis adecuados para a consecución dos seus obxectivos, e ao tempo favorecer un entorno de traballo motivante para que o persoal empregado público poida acceder á promoción interna e ao desenvolvemento profesional, garantindo ao tempo os dereitos da cidadanía no acceso á función pública, como dereito fundamental recoñecido na Constitución.

Este Regulamento consta de catro títulos, vinte e un artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

O título I, regula o ámbito de aplicación, os principios reitores e a normativa aplicable.

O título II, trata os obxectivos da planificación dos recursos humanos e da oferta de emprego pública.

O título III, describe pormenorizadamente o funcionamento dos órganos de selección.

O título IV, define as características xerais dos procesos de selección, convocatorias, requisitos das persoas aspirantes, publicidade e difusión e presentación da documentación.

Neste título, é onde se introducen as principais novidades ao incorporar a tramitación electrónica á xestión das solicitudes de participación.

Logo da negociación e acordo cos órganos de representación do persoal de administración e servizos, e de conformidade coas competencias establecidas no artigo 81 dos Estatutos da USC, o Consello de Goberno acordou na súa reunión do 30 de outubro aprobar o presente Regulamento.

TITULO I. NORMAS XERAIS

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente Regulamento ten por obxecto fixar criterios xerais en materia de acceso ás distintas escalas do persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela

(USC), sen prexuízo das bases específicas que determine cada convocatoria.

2. Deste xeito preténdese desenvolver as previsións do artigo 39 dos Estatutos da USC referidas á selección e promoción interna e determinar os procedementos e condicións de acceso ás súas escalas.

Artigo 2. Principios reitores.

A USC seleccionará ao seu persoal de administración e servizos mediante procedementos nos que se garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como os establecidos a continuación.

a) Publicidade das convocatorias.

b) Transparencia e obxectividade no desenvolvemento dos procesos selectivos e no funcionamento dos órganos de selección.

c) Igualdade, con especial atención á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e das persoas con discapacidade.

d) Imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección.

e) Independencia, confidencialidade e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

f) Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións ou tarefas que se van desenvolver.

g) Eficacia e axilidade, sen prexuízo da obxectividade, no desenvolvemento dos procesos selectivos.

Artigo 3. Normativa aplicable.

Serán de aplicación ás convocatorias de procesos selectivos:a Lei orgánica de universidades; o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei do emprego público de Galicia; Real decreto que regula o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade; os Estatutos da USC, as Resolucións de aprobación da oferta de emprego público, así como o presente

Regulamento.

TITULO II. PLANIFICACIÓN DOS RECURSOS HUMANOS

Artigo 4. Obxectivos da planificación.

1) A planificación dos recursos humanos no ámbito da USC ten como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles, mediante a determinación dos efectivos precisos e a mellora da súa distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.

2) Os procesos de selección de persoal de administración e servizos realizaranse conforme se determine na relación de postos de traballo e na oferta de emprego público.

Artigo 5. Oferta de emprego.

1) A USC seleccionará ao seu persoal de administración e servizos de novo ingreso e de promoción interna de acordo coa súa oferta de emprego público. A súa aprobación será requisito previo para convocar as probas selectivas.

2) A oferta de emprego público estará constituída, polas necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proveerse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso.

3) As ofertas de emprego público reservarán unha porcentaxe non inferior ao sete por cento das prazas convocadas para ser cubertas entre persoas con discapacidade, sempre que superen as probas selectivas e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións, todo elo nos termos definidos no artigo 48 da Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no Real decreto 2271/2004, de 3 de decembro, de acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

4) A distribución da reserva de prazas realizarase dando preferencia ás vacantes en escalas cuxas funcións resulten compatibles coa existencia dunha discapacidade. O número de prazas reservadas quedará recollido nas correspondentes bases das convocatorias.

5) As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias pero garantindo, en todo caso, o tratamento diferenciado do proceso.

6) A oferta de emprego público deberá ser aprobada polo Consello de Goberno da USC, logo da negociación cos órganos de representación do persoal de administración e servizos e estar autorizada pola Consellería competente da Xunta de Galicia. A súa execución realizarase dentro do prazo máximo previsto no artigo 70 do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.

TITULO III. ÓRGANO DE SELECCIÓN

Artigo 6. Tribunal.

1) O órgano de selección na USC é o tribunal que terá como misión a execución dos procesos selectivos e a avaliación das probas, así como a dos méritos das persoas aspirantes, no seu caso, de conformidade co que estableza cada convocatoria.

2) O tribunal, que será nomeado polo reitor, estará integrado por un mínimo de cinco membros: 1 presidente/a, 3 vogais,1 secretario/a e o mesmo número de membros suplentes. Todos eles terán voz e voto.

3) Os membros dos tribunais deberán pertencer a un corpo, escala ou categoría para o ingreso no cal se requira unha titulación igual ou superior á esixida para participar no proceso selectivo.

4) En virtude do principio de representación equilibrada, agás que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, a composición do tribunal cualificador será equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación adecuada. Considérase que existe representación equilibrada cando cada sexo estea representado alomenos ao 40%.

5) Promoverase a participación nos tribunais de persoas con discapacidade en aqueles procesos nos que exista quenda de reserva ou convocatoria independente para este colectivo.

6) A válida constitución do tribunal esixirá a presenza de todos os seus membros. Os membros titulares que non asistan ao acto de constitución serán substituídos polos membros suplentes.

7) Ademais das causas de abstención previstas no artigo 23 da Lei 40/2015 de réxime xurídico do sector público, non poderán formar parte dos tribunais ni ser nomeado persoal colaborador ou asesor especialista, as persoas que realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos inmediatamente anteriores á data da publicación da correspondente convocatoria. Tampouco poderá formar parte o persoal de elección o designación política, o persoal funcionario interino, o persoal laboral indefinido non fixo ou temporal e o persoal eventual.

8) Os tribunais terán a categoría que corresponda ao grupo ou escala que se convoque, de acordo co lo disposto no artigo 30 do Real decreto 462/2002, de 24 de maio, de indemnizacións por razón do servizo.

9) A participación en tribunais dará dereito á percepción das indemnizacións económicas que se determinen.

10) Á vista das solicitudes de adaptación formuladas polas persoas con discapacidade e, co fin de garantir a participación en condicións de igualdade co resto dos/as aspirantes, o tribunal poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais.

11) O tribunal cualificador actuará con suxeición ao disposto nas Leis 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións vixentes.

12) O tribunal actúa con plena autonomía no exercicio da súa discrecionalidade técnica e está facultado para resolver as dúbidas que puideran xurdir na aplicación das bases da convocatoria.

Os seus membros son persoalmente responsables da transparencia e obxectividade do procedemento, da confidencialidade das probas e do estrito cumprimento das bases da convocatoria, así como das instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

13) Os tribunais compostos por membros destinados nos Campus de Lugo e Compostela poderán, cando o estimen conveniente pola natureza dos temas a tratar, facer uso do sistema de videoconferencia ou outros medios electrónicos, para optimizar recursos económicos e de eficiencia, asegurándose que quede salvagardado o deber de sixilo e confidencialidade que debe presidir as súas actuacións.

14) Os acordos do tribunal publicaranse nos sitios indicados no artigo 18 deste Regulamento.

15) Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, o tribunal convocará, de ser o caso, ás persoas aspirantes que teñan que realizar a proba de acreditación de coñecemento do castelán.

16) A persoa que ostente a secretaría do tribunal levantará acta de cada sesión, tanto de celebración de exercicios como da súa corrección e avaliación, así como dos puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos, recollendo de maneira clara e concisa, a motivación das decisións que se adopten.

17) O tribunal non poderá propoñer o acceso á condición de persoal funcionario dun número superior de aprobados ao de prazas convocadas, agás cando así o prevea a propia convocatoria.

18) Contra os acordos dos tribunais e os seus actos de trámite, se estes últimos deciden directa o indirectamente o fondo do asunto, determinan a imposibilidade de continuar o procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, cabe recurso de alzada ante o reitor nos prazos e formas que establece a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

TITULO IV. PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN

Artigo 7. Publicidade das convocatorias.

1) As convocatorias das probas selectivas de acceso libre publicaranse no Diario Oficial de Galicia e anunciaranse no Boletín Oficial do Estado, para garantir a publicidade exixida no artigo 75.2 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades. Neste caso, para os efectos de cómputo do prazo de presentación de solicitudes terase en conta a publicación do Boletín Oficial do Estado.

2) As convocatorias de promoción interna publicaranse unicamente no Diario Oficial de Galicia e o cómputo de prazos iniciarase ao día seguinte da súa publicación.

3) A súa vez, todas as convocatorias publicaranse, a efectos informativos, no taboleiro electrónico da USC e na páxina web https://www.usc.gal/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html.

Artigo 8. Criterios xerais de selección.

1) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas na Lei de emprego público de Galicia.

2) Nos procesos selectivos coidarase especialmente a conexión entre o tipo de probas que se deban superar e a adecuación ao desempeño das tarefas das prazas convocadas.

Artigo 9. Sistemas selectivos.

1) A Universidade de Santiago de Compostela seleccionará ao seu persoal a través dos sistemas de oposición, concurso-oposición e, excepcionalmente, concurso.

2) A oposición consiste na superación das probas teóricas e/ou prácticas que se establezan na convocatoria, e que deberán permitir determinar a capacidade das persoas aspirantes e establecer a orde de prelación entre elas.

3) Cando a oposición conste de varios exercicios, a convocatoria determinará o carácter obrigatorio ou voluntario e eliminatorio ou non de cada un deles, e o sistema de puntuación.

4) Co fin de asegurar a debida idoneidade das persoas aspirantes, estas deberán superar na fase de oposición a puntuación mínima establecida para as respectivas probas selectivas.

5) O concurso-oposición consiste na superación das probas correspondentes á fase de oposición e posterior valoración na fase de concurso de determinadas condicións de formación, méritos ou niveis de experiencia, conforme ao baremo que estableza a convocatoria. A valoración da fase de concurso non suporá máis dun corenta por cento da puntuación máxima alcanzable no proceso selectivo.

6) O concurso consiste na valoración exclusiva dos méritos que se sinalen na convocatoria.

Artigo 10. Características das probas selectivas.

1) Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua. Quedarán exentas desta proba, as persoas que acrediten o coñecemento do castelán de conformidade co establecido nas bases da convocatoria.

2) Para garantir o dereito ao uso do galego nas relacións coas administracións públicas, nas probas selectivas incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente. As bases das convocatorias establecerán o carácter e, de ser o caso, a valoración do coñecemento da lingua galega.

3) Nos demais exercicios, as persoas aspirantes teñen dereito a elixir libremente a lingua oficial da Comunidade Autónoma en que os desexan realizar, o que comporta así mesmo o dereito a recibir na lingua elixida os enunciados dos exercicios, agás no caso das probas que se teñan que realizar en galego para aqueles postos que requiran un especial coñecemento desta lingua.

4) A adecuación ás funcións propias dos postos de traballo virá dada polo contido do temario e das probas que determinen as bases da convocatoria.

5) Os exercicios da oposición consistirán na realización de probas teóricas e/o prácticas que permitan demostrar a posesión de coñecementos, habilidades ou destrezas, e de ser o caso, comprobar o dominio de linguas estranxeiras dos/as candidatos/as. Agás excepcións debidamente xustificadas, nos procedementos de selección que consten de varios exercicios, polo menos un, deberá ter carácter práctico.

6) Para asegurar a obxectividade e racionalidade dos procesos selectivos, as probas poderán completarse coa superación de cursos, períodos de prácticas, coa exposición curricular polos/as candidatos/as, con probas psicotécnicas ou coa realización de entrevistas. Igualmente poderá esixirse a superación de recoñecementos médicos que garantan que a capacidade do/a aspirante é compatible co desempeño do posto.

7) A descrición dos exercicios e no seu caso, da fase de concurso, recollerase no anexo I da convocatoria correspondente.

8) As convocatorias e as súas bases negociaranse co órgano de representación do persoal.

Artigo 11. Convocatorias.

1) O proceso selectivo iniciarase mediante resolución reitoral con convocatoria pública na que se identificarán as prazas obxecto da convocatoria, nos termos que fixe a resolución da oferta de emprego público.

2) As bases da convocatoria, como mínimo, deberán conter:

a) O número de prazas, o subgrupo ou grupo de clasificación profesional, no suposto de que este non teña subgrupo, así como a escala.

b) As condicións e os requisitos que deben reunir as persoas aspirantes.

c) O sistema selectivo aplicable, con indicación do tipo de probas concretas e os sistemas de cualificación dos exercicios.

d) Baremo de valoración de méritos se se trata de concurso-oposición.

e) O programa das probas selectivas ou a referencia da súa publicación oficial.

f) Solicitude de participación, forma e prazo de presentación.

g) A orde de actuación das persoas aspirantes.

h) O réxime aplicable ao órgano de selección.

i) Indicación do sitio onde se farán públicas as sucesivas comunicacións, sen prexuízo de que poidan publicarse no boletín correspondente ou notificarse directamente aos interesados/as.

j) As características e os efectos dos cursos e/ou do período de prácticas que deban realizar, de ser o caso, as persoas seleccionadas.

k) O número de prazas reservadas para a promoción interna e para persoas con discapacidade, se procede.

l) Declaración expresa de que no se poderá declarar que superaron o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.

m) Aquelas outras previsións exixidas pola normativa específica de aplicación ás mesmas.

3) Nas convocatorias teranse en conta as condicións especiais aplicables ás persoas con discapacidade, consonte o previsto no artigo 54 da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia.

4) As bases das convocatorias vinculan a Administración, aos órganos de selección e as persoas que participan no proceso selectivo.

Artigo 12. Requisitos das persoas aspirantes.

1) Para ser admitidas á realización do proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarias de carreira, os seguintes requisitos xerais de participación, así como os que sinalen as correspondentes bases específicas:

2) Nacionalidade: ter a nacionalidade española. Tamén poderán participar, en igualdade de condicións que os españois:

a) Os nacionais dos Estados Membros da Unión Europea.

b) O cónxuxe dos españois e dos nacionais de outros Estados membros da Unión Europea, calquera que sexa a súa nacionalidade sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os descendentes menores de vinte e un anos ou maiores de dita idade que sexan dependentes.

c) As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos Tratados Internacionais celebrados pola

Unión Europea e ratificados por España nos que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

d) Os aspirantes non residentes en España incluídos no apartado b), así como os estranxeiros incluídos no apartado c), deberán acompañar á súa solicitude, documento que acredite as condicións que se alegan.

3) Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa.

4) Habilitación: non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

5) No caso de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado o en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

6) Titulación: Posuír a titulación que se requira nas bases específicas de cada convocatoria.

7) As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

8) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala a que se pretende incorporar.

9) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto na convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

Artigo 13. Acceso a prazas que impliquen contacto habitual con menores no exercicio da súa actividade.

Será requisito para o exercicio de actividades que impliquen contacto habitual con menores, non ter sido condenado por sentencia firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos.

Para tal efecto, quen pretenda o acceso a tales profesións ou actividades, deberá acreditar esta circunstancia achegando unha certificación negativa do Rexistro central de delincuentes sexuais.

Artigo 14. Acceso das persoas con discapacidade.

1) Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, reflectindo con claridade as necesidades que ten á persoa aspirante de adaptacións específicas e o seu motivo, co fin de asegurar a súa participación en condicións de igualdade.

2) Para valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

3) De conformidade co establecido na correspondente oferta de emprego público, as convocatorias que inclúan prazas polo cota de reserva para persoas cun grao de discapacidade igual o superior ao 33 por cento, poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias pero garantindo, en todo caso, o carácter individual do proceso.

4) A opción a estas prazas reservadas farase na solicitude de participación da convocatoria.

5) No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se houbera presentado pola cota de reserva superase os exercicios e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

Artigo 15. Solicitudes.

1) A solicitude para participar nas probas selectivas, deberá presentarse no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao de publicación da convocatoria no boletín oficial que corresponda.

2) Para participar nas probas selectivas deberase formalizar a solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no catálogo de procedementos da sede electrónica da USC. As convocatorias indicarán o enderezo dende o que estará accesible o formulario e os medios de identificación válidos para inscribirse nas probas selectivas.

3) As persoas aspirantes asinarán a declaración responsable que figura no formulario de inscrición na que manifestan que reúnen os requisitos exixidos no prazo de presentación de solicitudes e comprométense a achegar a documentación requirida na convocatoria.

Artigo 16. Dereitos de exame.

1) Cada convocatoria especificará o importe da taxa por dereitos de exame.

2) Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

3) Gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral, e as persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos seis meses inmediatamente anteriores á data da publicación da convocatoria das probas selectivas, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

4) Todas as circunstancias que supoñan unha bonificación total ou parcial das taxas por dereitos de exame deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, achegando acreditación da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

As relativas á condición de demandante de emprego, así como a de non percibir prestación ou subsidio por desemprego, deberanse acreditar cos correspondentes certificados expedidos polo Servizo Público de Emprego.

5) As persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes quedarán excluídas de participar e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

6) Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. O reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar o código IBAN da súa conta bancaria no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

Artigo 17. Admisión de aspirantes.

1) Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas e as causas de exclusión, sinalándose un prazo de dez días hábiles para reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión das listaxes de persoas admitidas e excluídas. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, e tamén se poderá consultar no taboleiro electrónico da USC e na páxina web do Servizo de Planificación e Programación de PAS.

2) Concluído o prazo de alegacións e emendas elevarase a definitiva a relación de persoas admitidas e excluídas mediante resolución que se publicará nos lugares indicados no parágrafo anterior. Na mesma resolución indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio.

Artigo 18. Desenvolvemento dos exercicios.

1) Os exercicios do proceso selectivo non se iniciarán antes de que transcorran tres meses da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado ou no Diario Oficial de Galicia cando se trate de promoción interna.

2) As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

3) As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial.

4) O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo. Idéntica previsión resulta de aplicación ás vítimas de violencia de xénero cando acrediten debidamente que non poden asistir por motivos de seguridade.

5) Desde a total conclusión dun exercicio ata o comezo do seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de 72 horas e máximo de 45 días naturais. A publicación de sucesivos anuncios de celebración das restantes probas efectuarase polo órgano de selección, con doce horas polo menos de antelación ao comezo desta, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro, se se trata dun novo.

6) O mes de agosto declárase inhábil para o cómputo de prazos. Entenderanse festivos para os efectos do presente Regulamento, os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo.

7) O tribunal adoptará as medidas necesarias para garantir que os exercicios da fase de oposición que sexan escritos e non deban ser lidos ante o órgano de selección, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal poderá excluír a aquelas persoas opositoras en cuxas follas de exame figuren nomes, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a identidade dos autores.

8) Deberanse difundir, con anterioridade á realización de cada proba, os criterios xerais e aspectos a considerar na valoración que non estean expresamente establecidos nas bases da convocatoria, e no caso dos exercicios con respostas alternativas, a penalización que, de ser o caso, supoña cada resposta errónea.

9) Concluído cada un dos exercicios da oposición, o tribunal fará públicas, no taboleiro electrónico da USC, na páxina web https://www.usc.gal/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e nos locais onde se celebrara a proba anterior, a relación de aspirantes que acadaran o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

10) O tribunal cualificador actuará de acordo co principio de transparencia. Nas actas das súas reunións e dos exercicios celebrados deberá deixarse constancia de todo acordo que afecte á determinación das cualificacións outorgadas a cada exercicio. No caso de exercicio tipo test, deberá facerse pública a plantilla de solucións correctas utilizada polo tribunal.

11) O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade dos aspirantes. Así mesmo, en calquera momento do procedemento, se o tribunal tivera coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión á autoridade convocante, para que, previas as comprobacións necesarias, resolva ao respecto.

12) A cualificación final do proceso selectivo virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, no seu caso, na de concurso, segundo as regras que se determinen na convocatoria.

Artigo 19. Acceso por promoción interna.

1) A Universidade fomentará a promoción interna do persoal de administración e servizos para a progresión na carreira profesional, de acordo coa identificación e planificación das necesidades da institución, da normativa aplicable e a dispoñibilidade orzamentaria.

2) A promoción interna poderase convocar conxuntamente coas convocatorias ordinarias de novo ingreso, ou mediante convocatoria independente.

3) Para participar en probas de promoción interna, será requisito posuír, o día da finalización do prazo de presentación de solicitudes, unha antigüidade como persoal funcionario mínima de dous anos de servizo activo no corpo ou escala do subgrupo inferior ao que aspiran e posuír a titulación ou antigüidade recoñecida conforme estableza a normativa aplicable e o resto dos requisitos establecidos con carácter xeral para o acceso ao corpo ou escala no que aspiran a ingresar.

4) O persoal funcionario ao que se refire este artigo, estará exento de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o anterior nomeamento debendo presentar unicamente a documentación para a convocatoria respectiva cando non se atope debidamente acreditada no seu expediente.

5) As convocatorias dos procesos selectivos poderán eximir total ou parcialmente ao persoal que participe neles polo sistema de promoción interna vertical dalgunha das probas selectivas exixidas ao persoal de novo ingreso e/ou reducir parte do temario. En todo caso, as probas para cubrir as prazas reservadas para a promoción interna respectarán os principios de igualdade, mérito e capacidade, e poderanse levar a cabo en convocatorias independentes das de ingreso cando, por conveniencia da planificación xeral dos recursos humanos, así se autorice.

6) Cando os procesos selectivos polo sistema de promoción interna comprendan a valoración de méritos das persoas que participen neles preverase unha puntuación específica para quen estea a utilizar ou utilizase nos últimos cinco anos unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares. A devandita puntuación graduarase en función do tempo utilizado no exercicio deses dereitos.

7) O persoal funcionario que acceda a outra escala polo sistema de promoción interna ten preferencia sobre o persoal de novo ingreso na provisión dos postos vacantes ofertados. Malia o anterior, a convocatoria poderá prever a permanencia no posto de traballo do persoal que promocione, cando ocupe con carácter definitivo un posto aberto á provisión pola escala á que acceda.

Artigo 20. Finalización do proceso selectivo.

1) Finalizada a oposición ou o concurso-oposición, o tribunal publicará a relación de persoas aspirantes que o superaran, por orde de puntuación. As persoas aspirantes propostas que acrediten nos termos indicados na convocatoria cumprir os requisitos exixidos, serán nomeadas funcionarias de carreira mediante resolución reitoral, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

2) No caso de que o proceso selectivo incluira tamén unha fase que comprenda un curso selectivo e/ou período de prácticas, ás persoas aspirantes que acreditaran o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria, nomearanse funcionarias en prácticas, e as que superen esta fase, serán nomeadas funcionarias de carreira por resolución reitoral, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Listaxes de espera.

1) Co obxecto de reducir os prazos de incorporación do persoal funcionario interino, aproveitaranse, con carácter xeral, as actuacións xa realizadas en procesos selectivos ordinarios, para elaborar listaxes de espera de acordo co establecido no Texto refundido dos criterios de xestión de listaxes de espera para cubrir temporalmente postos de persoal de administración e servizos da USC publicado o 8 de abril de 2019.

2) Con este fin, os procesos selectivos incluirán nas súas bases, a constitución de listaxes de espera coas persoas aspirantes que superaran algún exercicio da fase de oposición, distinto do de galego para atender as necesidades temporais de persoal que se produzan.

As listaxes de espera entrarán en vigor na data en que se publique no Diario Oficial de Galicia o nomeamento como funcionarios/as de carreira das persoas que superaron o proceso selectivo.

Simultaneamente decaerán as listaxes desa escala que estiveran activas ata esa data.

DISPOSICIÓNS

Disposición adicional. Aplicación á selección de persoal laboral.

O disposto neste Regulamento será de aplicación aos procedementos de selección de persoal laboral fixo, logo da negociación co órgano de representación, en todo o que non se opoña ao establecido na súa normativa específica.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente Regulamento.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

A presente norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver