Acordo sobre o recoñecemento do complemento de produtividade investigadora ao profesorado axudante doutor da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
Preámbulo
Mediante escrito presentado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) o 25 de outubro de 2021 instouse a convocatoria da Comisión Paritaria do Convenio Colectivo para o Persoal Docente e Investigador Laboral das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo co fin de recoñecer o dereito do persoal docente e investigador das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, con independencia do seu vínculo laboral, á avaliación do seu labor docente e investigador nas mesmas condicións que as do resto do persoal docente e investigador.
A Comisión Paritaria, reunida o día 12 de novembro, acordou que a negociación sobre a cuestión formulada no escrito se trasladase ás mesas de negociación existentes en cada unha das universidades, co compromiso por parte das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo de iniciar este proceso con carácter inmediato de xeito que os resultados do proceso de negociación puidesen aplicarse ás convocatorias para o recoñecemento do complemento de produtividade investigadora para o profesorado contratado correspondente a 2021.
En cumprimento do acordado na Comisión Paritaria citada, o día 17 de novembro de 2021 reuniuse a Mesa de Negociación do Persoal Docente e Investigador da Universidade de Santiago de Compostela, que adoptou por unanimidade o seguinte ACORDO
Artigo 1. Partes asinantes
A Universidade de Santiago de Compostela e as organizacións sindicais con representación na Mesa de Negociación de Persoal Docente e Investigador da Universidade de Santiago de Compostela, dunha parte, como representación sindical, as seccións sindicais da Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF), da Confederación Intersindical Galega (CIG), de Comisións Obreiras (CC.OO.) e da Unión General de Trabajadores (FeSP-UGT) da USC, e, doutra parte, en representación da Universidade, o vicerreitor de Profesorado e o xerente.
Artigo 2. Natureza xurídica
1. O presente acordo ten eficacia limitada e foi negociado de conformidade co capítulo IV do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, co título III do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e cos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
2. A materia obxecto deste acordo é o recoñecemento do dereito á avaliación do labor investigador para a percepción do complemento de produtividade investigadora ao profesorado axudante doutor contratado pola Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 3. Ámbito persoal e funcional
Este acordo é de aplicación ao profesorado axudante doutor da Universidade de Santiago de Compostela, segundo o ámbito funcional definido na lexislación universitaria vixente.
Artigo 4. Ámbito temporal
Este acordo terá eficacia indefinida ata que se subscriba un convenio, novo acordo ou pacto que o derrogue ou integre ou se, por disposicións legais ou regulamentarias, se establecen melloras económicas ou contractuais.
Artigo 5. Denuncia do acordo
Sen prexuízo do carácter indefinido do acordo, calquera das partes asinantes pode exercer a posibilidade de denuncia mediante comunicación escrita ao resto de asinantes e á autoridade laboral.
Artigo 6. Comisión paritaria
1. Constituirase unha comisión paritaria das partes asinantes do acordo para o exame e resolución de cantas cuestións deriven da súa interpretación, vixilancia e aplicación.
2. A comisión estará composta por 8 representantes designados polas organizacións sindicais asinantes de persoal docente e investigador, distribuídos en función dos resultados obtidos no último proceso electoral, e polos representantes que designe a Universidade de Santiago de Compostela. Na primeira sesión constitutiva designaranse as persoas que exercerán a Presidencia e a Secretaría. As partes poderán nomear asesores que asistirán con voz pero sen voto.
3. Son competencias da comisión:
a) A interpretación da totalidade do articulado do acordo.
b) A vixilancia do cumprimento do acordo.
c) A conciliación previa nos conflitos de carácter colectivo derivados da interpretación do acordo e aqueloutros que someta á súa consideración calquera das partes.
d) A actualización do contido deste acordo para adaptalo ás modificacións que poidan derivar de cambios normativos.
e) Calquera outro asunto que se lle encomende no articulado do acordo.
4. Os acordos da comisión paritaria requirirán o voto afirmativo da maioría das partes integrantes e vinculan as partes no mesmos termos que este acordo, considéranse parte del e gozan da mesma eficacia obrigatoria. Os acordos serán remitidos á autoridade laboral para o seu rexistro e publicación oficial.
5. A comisión reunirase cando así o solicite a maioría de calquera das partes, logo de comunicación escrita en que se indiquen os puntos que se van tratar.
6. A comisión entenderase validamente constituída cando asistan a maioría dos representantes que a compoñen.
Artigo 7. Procedemento para o recoñecemento
O profesorado axudante doutor concorrerá nas convocatorias que publique a Universidade de Santiago de Compostela para estes efectos desde o ano 2021 e en adiante, debendo acreditar os requisitos que nelas se establezan e obtendo unha avaliación positiva por parte do órgano que se designe.
Artigo 8. Efectos económicos do recoñecemento
O persoal incluído no ámbito deste acordo ao que se lle recoñeza o complemento de produtividade investigadora, percibirá a contía mensual que se fixe en cada anualidade para o profesorado de corpos docentes correspondente ao nivel 26.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
O presente acordo entrará en vigor no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado
Javier Ferreira Fernández
Xerente
Pilar Expósito Díaz Xosé Carlos Macía Arce
Representante de CSIF
Xosé Carlos Macía Arce
Representante de CIG-Ensino
José Antonio Rodríguez Añón
Representante de CCOO
Benjamín Jesús Rey Sanjurjo
Representante de UGT
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.