Acordo para a integración do complemento de produtividade no complemento específico do persoal funcionario de Administración e Servizos
NORMA CONSOLIDADA
O acordo para a equiparación retributiva do Persoal Funcionario de Administración e Servizos da USC, con vixencia para o período 2007-2009, supuxo o pagamento ao persoal funcionario da universidade dun complemento articulado en dúas partes, a primeira con carácter consolidable e a segunda conforme a criterios de produtividade, vencellados á definición dun modelo retributivo que permitise avaliar a produtividade persoal de xeito diferenciado.
Toda vez que na actualidade non existe un mecanismo de avaliación que sirva de base para o reparto da produtividade pero continúa a percepción do complemento coa mesma natureza, por proposta da Xunta de Persoal o 20 de setembro de 2018 acordouse a súa integración no complemento específico, aplicando o cambio con efectos do 1 de xaneiro de 2019.
Con carácter xeral este acordo non supón un incremento do complemento específico en termos globais nin unha merma das retribucións que se viñan percibindo, senón que se trata dunha modificación que dá resposta á solicitude formulada polos representantes dos traballadores.
En virtude do apartado Décimo cuarto. D. 7. da Resolución do 20 de xuño de 2018 (DOG Núm. 124 do 29 de xuño de 2018) sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios, corresponde á Xerencia a dirección da negociación colectiva, a sinatura de pactos e acordos e o ditado de resolucións e instrucións en materia de persoal de administración e servizos, polo que unha vez levada a cabo a pertinente negociación a Xerencia e a Xunta de Persoal
ACORDAN:
PRIMEIRO.
A integración do complemento de produtividade que viña percibindo o persoal funcionario de administración e servizos como parte do complemento específico realizarase con efectos do 1 de xaneiro de 2019.
SEGUNDO.
Para a levar a cabo a integración, foron obxecto de revisión os valores de específico e produtividade de cada unha das prazas de PAS Funcionario a 31/12/2018 calculando o novo valor de complemento específico (CEsp), que integra o complemento de produtividade, de acordo coa seguinte fórmula:
CEsp 2019 - CESp 2018 + (12 x Produtividade 2018)/14)
As contías resultantes son as recollidas na seguinte táboa:
Táboa do novo complemento específico a partir do 1 de xaneiro de 2019
| Nivel | CEsp (2018) | Produtividade (2018) | CEsp (2019) | Observacións |
|---|---|---|---|---|
| 15 | 498,34 | 142,81 | 620,75 | Requisito de idioma |
| 15 | 448,51 | 142,81 | 570,92 | |
| 17 | 470,30 | 140,35 | 590,60 | |
| 17 | 520,12 | 140,35 | 640,42 | Requisito de idioma |
| 18 | 479,81 | 145,35 | 604,40 | |
| 20 | 571,37 | 145,17 | 695,80 | Requisito de idioma |
| 20 | 521,56 | 145,17 | 645,99 | |
| 21 | 544,12 | 145,08 | 668,47 | |
| 22 | 719,82 | 112,96 | 816,64 | |
| 23 | 842,68 | 109,21 | 936,29 | Requisito de idiomas |
| 23 | 792,87 | 109,21 | 886,48 | |
| 24 | 876,34 | 109,93 | 970,57 | |
| 25 | 980,69 | 108,27 | 1.073,49 | |
| 26 | 1.069,05 | 107,83 | 1.177,46 | |
| 27 | 1.998,16 | 39,21 | 2.037,50 | |
| 28 | 2.196,94 | 35,29 | 2.227,19 | |
| 29 | 1.377,19 | 80,85 | 1.446,49 | |
| 30 | 3.752,21 | 0 | 3.752,21 | |
| 30 | 2.895,76 | 0 | 2.895,76 |
TERCEIRO.
Se a cantidade resultante da aplicación da anterior fórmula fose inferior á suma do complemento específico e o complemento de produtividade que estivese percibindo a persoa funcionaria, habilitarase un Complemento Persoal Transitorio (CPT)
polo diferencial existente entre o valor de complemento específico a 1 de xaneiro de 2019 e a suma do complemento específico e a produtividade a 31/12/2018.
Este CPT extinguirase:
i. No momento en que o perceptor/a cumpra o segundo trienio.
ii. No momento en que cambie a un posto de maior complemento específico.
Este CPT absorberase:
i. En función do mecanismo establecido para esta finalidade nas leis de orzamentos xerais do Estado.
CUARTO.
As contías empregadas para o acordo, referenciadas ao ano 2018, veranse incrementadas na porcentaxe establecida pola normativa que así o estableza, correspondente ao ano 2019.
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2019
O xerente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.