Instrución VII/2021 da Xerencia, pola que se establece o procedemento para o recoñecemento da antigüidade para o persoal investigador e do persoal de apoio á investigación
NORMA CONSOLIDADA
O 28 de xullo de 2021 a Mesa Xeral de Negociación da Universidade de Santiago de Compostela chegou a un acordo para o recoñecemento da antigüidade de xeito progresivo ao persoal investigador e persoal de apoio á investigación contratado con recursos finalistas e ao persoal investigador contratado ao abeiro de convocatorias e programas de recursos humanos.
As condicións do acordo, asinado polas partes o 21 de setembro, requiren dun procedemento que debe ter en conta as peculiaridades do persoal ao que vai dirixido.
No uso das competencias establecidas na disposición Décimo sexta da Resolución do 30 de abril de 2020 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios, RESOLVO,
Primeira. Ámbito de aplicación
Este procedemento aplicarase para o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación contratado con recursos finalistas de I+D+i, e do persoal investigador contratado ao abeiro de convocatorias e programas de recursos humanos internacionais, estatais e autonómicas.
Segunda. Inicio do procedemento para o recoñecemento da antigüidade
1. O procedemento iniciarase por solicitude da persoa interesada dirixida á Xerencia, e presentada a través do formulario correspondente en función do tipo de persoal de que se trate:
Persoal de apoio a investigación https://aplicacions.usc.es/intranet/solicitudes/SXP_RecInvestiagoresApoio.htm Persoal investigador Contratado https://aplicacions.usc.es/intranet/solicitudes/SXP_RecInvestiagorContratado.htm
2. No suposto de solicitar o recoñecemento de servizos prestados noutras administracións, deberá achegarse xunto coa solicitude a certificación expedida pola administración correspondente (Modelo Anexo II Servizos prestados).
Terceira. Tramitación do procedemento
1. A Subárea de Convocatorias e Programas de RRHH de I+D+i remitirá ao Servizo de Xestión de Persoal un informe previo para o recoñecemento da antigüidade por servizos prestados na Universidade de Santiago de Compostela en contratos incluídos no ámbito de aplicación deste acordo así como os servizos acreditados noutras administracións.
2. De ser o caso, o Servizo de Xestión de Persoal completará a información cos servizos prestados na Universidade de Santiago de Compostela correspondentes a outras categorías.
Cuarta. Finalización do procedemento
1. O Servizo de Xestión de Persoal tramitará a resolución de recoñecemento de antigüidade que se notificará ao persoal interesado a través da Sede Electrónica. Así mesmo, remitirá copia da resolución á Subárea de Convocatorias e Programas de RRHH de I+D+i.
2. A resolución establecerá os períodos que se recoñecen e a aplicación dos efectos económicos previstos no Acordo sobre o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela que correspondan ao momento da solicitude.
3. A resolución de recoñecemento porá fin á vía administrativa podendo presentar recurso de reposición no prazo de un mes desde a notificación.
Quinta. Perfeccionamento de sucesivos trienios
O persoal incluído no ámbito desta instrución que acumule servizos prestados para perfeccionar un novo trienio, deberá solicitalo empregando o procedemento previsto nas disposicións anteriores.
Sexta. Recursos económicos para o recoñecemento da antigüidade
1. Os efectos económicos previstos para a anualidade 2021 aplicaranse con cargo á partida orzamentaria 8075.2000.64000 “Actuacións en materia de persoal de I+D”.
2. Nas anualidades posteriores, para o persoal contratado con cargo ás actividades definidas no artigo 4.1, os efectos económicos do recoñecemento da antigüidade aplicaranse con cargo á dotación da actividade na que figure o contrato.
Disposición transitoria. Procedemento anticipado
Con carácter transitorio, habilítase un procedemento anticipado de solicitude co obxecto de facilitar a presentación de documentación por parte das persoas interesadas, sen prexuízo de que os efectos administrativos e económicos serán os establecidos no Acordo desde que se produza a súa entrada en vigor.
Disposición derradeira. Vixencia
Esta instrución terá vixencia desde a súa publicación no Taboleiro Electrónico da USC.
Santiago de Compostela
O xerente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.