Acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 29 de novembro de 2022 polo que se derroga o Regulamento para a asignación de prazas de catedrático/a de universidade pola quenda de promoción interna na USC

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1116
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor

O Regulamento para a asignación de prazas de catedrático/a de universidade pola quenda de promoción interna na USC, aprobado por acordo co Consello de Goberno do 1O de xullo de 2018 e modificado puntualmente por acordos do Consello de Goberno do 8 de abril de 2019 e do 25 de maio de 2022, nacía co propósito declarado de definir uns "criterios claros, obxectivos, transparentes e estables" para regular os procesos de promoción interna ao corpo de catedrático/a de universidade, así como co de ofrecerlle ao profesorado acreditado para este corpo docente unha expectativa razoable acerca do momento en que a Universidade lle podería proporcionar unha oportunidade para a súa promoción.

O Regulamento establecía un procedemento segundo o cal, unha vez acordada en Consello de Goberno a creación dun determinado número de prazas de catedrático/a e de aprobada e autorizada a Oferta de Emprego Público correspondente, se realizaba unha convocatoria de ámbito interno na USC para asignación das prazas dispoñibles a áreas de coñecemento. Unha vez resolta esta convocatoria e acordada por Consello de Goberno a asignación das prazas a áreas de coñecemento, realizábase a convocatoria pública para a cobertura das prazas. Este foi o procedemento a través do cal se asignaron as 165 prazas de catedrático/a de universidade incluídas nas ofertas de emprego público dos anos 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022.

Transcorridos máis de catro anos desde a súa aprobación, cómpre recoñecer que o Regulamento constituíu un instrumento eficaz para dar unha solución ordenada á enorme bolsa de profesorado acreditado existente no momento da súa elaboración. En todo caso, non é menos certo que o procedemento nel deseñado, na medida en que que implica a publicación e resolución de dúas convocatorias, dilata en exceso a resolución das solicitudes, representa unha importante carga de traballo para o servizo encargado da súa tramitación e desvincula o proceso de creación e cobertura de prazas de catedrático/a do resto dos procesos implicados na Planificación anual de actuacións en materia de profesorado.

Por outra banda, cómpre ter en conta que o ámbito de aplicación do Regulamento está restrinxido unicamente aos procesos de asignación de cátedras pola quenda de promoción interna, que, se ben foi a vía a través da cal se realizou a convocatoria de cátedras nos últimos anos, non é a única para O acceso ao corpo de catedrático/a.

Á vista do anterior, resulta aconsellable derrogar o Regulamento actualmente vixente para adoptar un novo procedemento de asignación, semellante ao empregado para a creación e asignación a áreas de coñecemento de prazas de profesorado contratado doutor ou de profesorado titular de universidade, que, mantendo a data de acreditación como criterio de ordenación das solicitudes, permita simplificar e axilizar a súa resolución e poida ser aplicado tanto ás cátedras correspondentes á quenda libre como ás creadas pola quenda de promoción interna.

En consecuencia, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 29 de novembro de 2022, adopta o seguinte acordo:

Artigo único.

Queda derrogado o Regulamento para a asignación de prazas de catedrático/a de universidade pola quenda de promoción interna na USC, aprobado por acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 10 de xullo de 2018.

A partir da entrada en vigor deste acordo de derrogación, o proceso de asignación de cátedras a áreas de coñecemento regularase polo establecido nas bases para a elaboración da planificación anual de profesorado.

Disposición final.

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da USC.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver