Texto refundido dos criterios de xestión de listaxes de espera para cubrir temporalmente postos de Persoal de Administración e Servizos (PAS) da USC
NORMA CONSOLIDADA
Refúndense nun único texto as distintas modificacións que se foron realizando ao longo do tempo nos criterios de xestión de listaxes de espera acordados cos órganos de representación o día 7 de abril de 2008 para cubrir con carácter temporal postos do PAS.
No presente texto recóllense as modificacións introducidas no texto citado, derivadas dos Acordos adoptados pola Comisión para a interpretación dos criterios de xestión de listaxes de espera, nas reunións de:24 de xuño de 2008, 24 de abril de 2009, 3 de abril de 2014, 30 de maio de 2016, 23 de outubro de 2018 e 6 de marzo de 2019.
CAPÍTULO I. OBXECTO DA REGULACIÓN:
Artigo 1
A creación e xestión de listaxes de espera para atender as necesidades de cobertura temporal de postos de traballo, de acordo co seguinte:
- Cobertura temporal de postos de traballo vacantes nas Relacións de postos de traballo (RPT) entrementres non sexan cubertos con carácter definitivo ou adscrición provisional con traballadores/as de plantilla. Se os postos que se van a cubrir son de persoal funcionario, farase de acordo coa lexislación vixente a través do nomeamentos de interinidade e se son de persoal laboral, de acordo co previsto no texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e demais normativa de aplicación.
- Cobertura temporal de necesidades de persoal fóra da RPT dentro das modalidades contractuais previstas no texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e de interinidade conforme ao artigo 10.1 letras c) e d) do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.
CAPÍTULO II. CONSTITUCIÓN DE LISTAXES DE ESPERA:
Artigo 1
Nas distintas convocatorias de oposición pola quenda de acceso libre, procederase de haber candidatos válidos, a constitución dunha listaxe única de espera para a cobertura temporal de prazas da categoría/escala convocada. A listaxe constará de tres partes:
- Traballadores con opción a cobertura de postos de traballo no Campus de Compostela.
- Traballadores con opción a cobertura de postos de traballo no Campus de Lugo
- Traballadores con opción a cobertura de postos de traballo en ambos os dous Campus
Artigo 2
Nas convocatorias de oposición por promoción interna, procederase de haber candidatos/as válidos/as, á constitución dunha listaxe única de espera para a cobertura temporal na categoría/escala convocada de vacantes e substitucións de traballador de duración igual ou superior a un ano.
Artigo 3
En caso de necesidade de cubrir postos para os que non existan listaxes de espera, Ou no suposto de que as existentes estean esgotadas ou próximas a esgotarse, a USC poderá proceder a realizar convocatorias específicas de selección para a constitución de listaxes de espera, ben a través de convocatoria pública ou mediante oferta ao Servizo Público de Emprego.
Artigo 4
A orde de prelación das listaxes será a seguinte:
a) Serán sempre preferentes as listaxes de espera derivadas de oposición.
b) Listaxes complementarias ás anteriores que se poden organizar en cada Campus. A orde de prelación destas será a seguinte:en primeiro lugar as que se deriven de convocatoria pública e a continuación as que resulten das ofertas ao Servizo Público de Emprego.
Artigo 5
Con carácter xeral, a publicación dunha nova listaxe derivada de oposición extinguirá a vixencia das anteriores existentes para a mesma categoría e quenda pero, cando dun proceso selectivo non se deriven novas listaxes de espera nalgunha das dúas quendas (quenda de promoción interna ou de de acceso libre) continuarán en vigor as preexistentes na quenda correspondente.
CAPÍTULO III. REQUISITOS DE INCLUSIÓN NAS LISTAXES
Artigo 1
Para a inclusión nas listaxes de espera correspondentes, as/os aspirantes deberán:
- Ter superado algún exercicio da fase de oposición.
- Reunir os requisitos esixidos na Relación de postos de traballo.
Artigo 2
A participación en distintos procesos selectivos dará dereito a figurar simultaneamente nas respectivas listaxes de espera, sempre que se reúnan os requisitos.
CAPÍTULO IV. ORGANOS ENCARGADOS DA ELABORACIÓN E XESTIÓN
Artigo 1
É competencia da Xerencia da USC, exercida pola Vicexerencia do Campus de Lugo e polo Servizo de Planificación e Programación de PAS, a elaboración e a xestión directa das listaxes de espera.
Artigo 2
As listaxes publicaranse na páxina web do Servizo de Planificación e Programación de PAS, que as actualizará de conformidade cos datos de que dispoñan.
Artigo 3
As listaxes entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación nos lugares arriba indicados.
CAPÍTULO V. PROCEDEMENTO DE XESTIÓN
SECCIÓN 1ª. ORDE NAS LISTAXES
Artigo 1
Ordenaranse cos aspirantes ás distintas convocatorias de probas de acceso que superaran algún exercicio da fase de oposición, segundo a orde de prioridade que se obteña unha vez sumada a puntuación obtida nos distintos exercicios máis a fase de concurso:
- As/os aspirantes que superaran todos os exercicios sumaráselle a fase de concurso tal como figura no anexo da correspondente convocatoria.
- As/os aspirantes que non superaran todos os exercicios ordenaranse por número de exercicios aprobados, e coa prelación que resulte logo de sumar á puntuación total obtida nos exercicios, a que corresponda por experiencia ou antiguidade, segundo estableza a convocatoria do proceso selectivo.
- Os casos de empate nas puntuacións resolveranse a favor da persoa de maior idade, e se isto non fose suficiente, pola orde alfabética a partir da letra que resulte do sorteo á que se refire o Regulamento de selección de persoal da administración da Comunidade Autónoma de Galicia que estea vixente nesa data.
Artigo 2
Para cubrir temporalmente postos base vacantes e substitucións de traballador de duración igual ou superior a un ano, as distintas especialidades asociadas a unha categoría, consideraranse como se foran categorías distintas e polo tanto susceptibles de ser ofertadas
A orde de prelación será a seguinte:traballadores contemplados como excepción no bloque VII apdo 2), traballadores da listaxe de promoción interna a través dunha atribución temporal de funcións de categoría superior, ou da sinatura dun novo contrato de traballo ou nomeamento de interinidade.
As listaxes de promoción interna serán operativas para cubrir vacantes e substitucións de traballador/a de duración igual ou superior a un ano. Seranlles de aplicación as mesmas causas de permanencia e baixa nas listaxes que rexe con carácter xeral.
Artigo 3
Cando non sexa posible cubrir na forma prevista no punto 2 deste capítulo, recorrerase á listaxe de acceso libre, ofertando á primeira persoa que non teña relación laboral de interinidade por vacante ou substitución de traballador superior a un ano na categoría/escala que se oferta (agás nos supostos previstos no punto 4 deste capítulo), seguindo a orde establecida no punto primeiro deste capítulo con independencia que estea ou non prestando xa servizos na USC. Se o/a traballador/a xa ten unha relación de emprego terá dereito a optar entre o novo posto e o que veña desempeñando.
Artigo 4
No caso de que a vacante ou substitución superior a un ano se dea nun posto singularizado, ofertarase á primeira persoa da listaxe, teña ou non relación de interinidade por vacante ou substitución superior a un ano nun posto de nivel inferior.
Artigo 5
Para Os efectos de chamamento, presumirase inicialmente que poden ter duración igual ou superior a un ano, as substitucións de persoas traballadoras que ocupen postos vacantes en comisión de servizo ou atribución temporal de funcións.
Recibirán o mesmo tratamento as substitucións do persoal que pase a desempeñar postos de libre designación ou liberados e liberadas sindicais, agás que na resolución da liberación se indique unha duración inferior.
Artigo 6
O persoal contratado a tempo parcial, terá dereito de opción a un contrato a tempo completo cando lle corresponda pola orde de listaxe.
SECCIÓN 2ª. CHAMAMENTOS
Artigo 1
Recibida solicitude escrita na Vicexerencia de Lugo ou no Servizo de Planificación e Programación de PAS para cubrir temporalmente un posto de traballo, e unha vez autorizada a mesma pola Xerencia da USC, o procedemento para o chamamento consistirá en realizar a proposta á persoa que lle corresponda segundo se indica neste bloque V.
Artigo 2
A oferta realizarase do seguinte xeito:
a) Procedemento ordinario:
- Telefonicamente:o primeiro contacto farase mediante chamada telefónica ou correo electrónico, no caso de que a/o aspirante facilitase este medio de contacto.
- Cando non sexa posible efectuar o contacto por calquera dos medios anteriormente citados remitirase carta certificada con acuse de recibo ou telegrama.
Recibido o resgardo de aviso, sen ter resposta procederase a chamar ao/a seguinte da listaxe.
b) Procedemento de urxencia:utilizarase para cubrir aqueles postos que polas súas especiais características (1 só efectivo nesa unidade, p. ex. escola infantil...) non sexan susceptibles da espera necesaria prevista para o procedemento ordinario.
O medio utilizado será:chamada telefónica ou correo electrónico, no caso de que a/o aspirante facilitase este medio de contacto, procedéndose no mesmo día a contactar coa seguinte persoa aspirante se non se tivera resposta da/o anterior.
CAPÍTULO VI. CAUSAS DE BAIXA EN LISTAXES E CAUSAS XUSTIFICADAS DE PERMANENCIA.
Artigo 1
Causas de baixa na listaxe correspondente, as seguintes:
- Renuncia a oferta ou contrato de traballo ou nomeamento sen causa xustificada.
- A non comparecencia ao acto de sinatura do contrato ou toma de posesión sen causa xustificada e despois de que se ten aceptado a proposta.
- A non superación do período de proba.
- Non lograr contactar coa/co aspirante, despois de intentalo dúas veces por medios escritos.
- A existencia de dous informes escritos e motivados acerca da non idoneidade do/a traballador/a para o desenvolvemento dos postos de traballo para os que foi contratado/a ou nomeado/a, segundo o procedemento que previamente se negocie.
Artigo 2
Causas xustificadas de permanencia en listaxes:
Coa finalidade de garantir a permanencia nas listaxes daquelas persoas que se atopen en determinadas situacións, admitirase a renuncia á oferta e o contrato/nomeamento sempre que se xustifique de forma suficiente, nos seguintes supostos coa mesma duración prevista para estes casos na normativa de aplicación:
- Enfermidade, embarazo, maternidade, paternidade ou adopción legal.
- Exercicio de representación sindical ou designación para cargo público.
- Matrimonio.
- Falecemento/ de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
- Teruncontrato en vigor, nomeamento de bolseiro/a ou asinar un novo contrato.
- Calquera outra de entidade suficiente que se considere oportuno pola Xerencia, previo acordo coa representación social.
Artigo 3
O persoal afectado por estes supostos quedará suspendido temporalmente da listaxe correspondente. Cando as causas que motivaron a renuncia teñan remitido, o/a interesado/a deberá comunicalo por escrito á Vicexerencia de Lugo ou ao Servizo de Planificación e Programación de PAS para ser incluído/a novamente no posto que estaba no momento de ofertarlle o contrato/nomeamento,
Artigo 4
No futuro, as partes poderán introducir calquera outro criterio que se acorde.
CAPÍTULO VII. SITUACIÓN AO REMATE DUN CONTRATO/NOMEAMENTO
Artigo 1
Cando un traballador/a remate o seu contrato temporal ou o seu nomeamento como funcionario/a interino/a, ou cando a praza ocupada interinamente se provea por persoal de plantilla, por algún dos sistemas de provisión previstos regulamentariamente, o/a traballador/a afectado/a voltará á listaxe de espera mantendo a orde de prelación orixinaria sempre que, a listaxe estea en vigor.
Artigo 2
Esta norma xeral, terá as seguintes excepcións:
2.1.- Ao remate dun contrato temporal ou nomeamento de interinidade poderá formalizarse un novo coa mesma persoa cando as necesidades do servizo así o demanden e sexa autorizado pola Xerencia.
2.2.- Terá preferencia para ocupación de vacantes, o persoal contratado ou nomeado interinamente cando se dean os seguintes supostos:
a) Cese na substitución dun traballador cuxo posto pasa a estar vacante e sempre que sexa necesaria a súa cobertura.
b) A creación en plantilla da praza, que pon fin ao contrato laboral ou nomeamento de funcionario interino eventual ou por obra.
2.3.- Cando a finalización dun contrato de persoal laboral ou nomeamento de persoal interino se produza pola execución dun concurso para a provisión de postos, será de aplicación o disposto na excepción contida no apartado 2.2 a) deste capítulo VII.
O persoal que cese, redistribuirase nas vacantes resultantes do concurso, de acordo coa orde que ocupen na listaxe de espera. No caso de que quede persoal sen recolocar, por non existir suficientes postos, esas persoas volverán a listaxe de espera mantendo a orde de prelación que orixinariamente tiveran na mesma, sempre que esta continúe vixente.
Artigo 3
Cando por lei proceda incorporar mediante adscrición provisional persoal fixo de plantilla, cesará na vacante o/a traballador/a interino/a que non pertenza a listaxe vixente, ou o/a que peor lugar ocupe na listaxe de espera en vigor no Campus no que se reingrese o traballador fixo.
Artigo 4
A incorporación por concurso de traslados dun traballador empregado fixo, conlevará o cese do traballador contratado ou nomeado nese posto específico.
Artigo 5
Cando un traballador remate a súa relación de emprego coa USC con posterioridade a entrada en vigor dunha listaxe de espera e non estea incluído na nova listaxe, a relación de emprego previa coa USC non determinará a inclusión automática na nova listaxe nin dará dereito a súa recolocación.
CAPÍTULO VIII. COMISION DE INTERPRETACIÓN
Artigo único
Constituirase unha Comisión para a interpretación de normas e supostos concretos que non estean regulamentados no presente Acordo, da que formarán parte as persoas que exerzan as presidencias da Xunta de Persoal, do Comité Intercentros, e dúas representando á Xerencia.
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.