Resolución reitoral do 6 de xuño de 2024, pola que se establece o procedemento de xestión dos certificados negativos de delitos sexuais para persoal con contacto habitual con persoas menores de idade

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1174
Departamento: Reitor
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Lei orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte a violencia, establece no artigo 57 “Requisito para o acceso a profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade:

1. Será requisito para o acceso e exercicio de calquera profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade, o non ser condenado por sentenza firme por calquera delito contra a liberdade e indemnidade sexuais tipificados no título VIII da Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, así como por calquera delito de trata de seres humanos tipificado no título VII bis do Código penal. Para ese efecto, quen pretenda o acceso a tales profesións, oficios ou actividades deberá acreditar esta circunstancia mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais

2. Para os efectos desta lei, son profesións, oficios e actividades que implican contacto habitual con persoas menores de idade, todas aquelas, retribuídas ou non, que pola súa propia natureza e esencia conlevan o trato repetido, directo e regular e non meramente ocasional con nenos, nenas ou adolescentes, así como, en todo caso, todas aquelas que teñan como destinatarios principais a persoas menores de idade.” Para maior abastanza, o artigo 58 deste mesma norma establece a obriga para o persoal contratado ou colaborador de comunicar calquera cambio no citado rexistro:

Artigo 58. “De conformidade co anterior, o traballador por conta allea deberá comunicar ao seu empregador calquera cambio que se produza no devandito Rexistro respecto da existencia de antecedentes, aínda cando estes se deriven de feitos anteriores ao comezo da súa relación laboral. A omisión desta comunicación será considerada como incumprimento grave e culpable para os efectos do disposto no artigo 54.2.d) do Estatuto dos Traballadores.

Esta obriga de comunicación, así como as consecuencias do seu incumprimento, deberán incluírse tamén nos acordos que se subscriban entre as empresas e os beneficiarios das prácticas non laborais que se formalicen ao amparo do Real Decreto 1543/2011, do 31 de decembro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.”

Pola súa parte, o Real decreto 1110/2015, de 11 de decembro, polo que se regula o Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos, modificado polo recente Real decreto 407/2024, do 23 de abril, establece no seu artigo 3.2 o seguinte:“A finalidade do Rexistro é contribuír á protección das persoas menores de idade contra a explotación e as agresións sexuais, con independencia de quen sexa o autor do delito, mediante o establecemento dun mecanismo de prevención que permita coñecer se quen pretende o acceso e exercicio de profesións, oficios e actividades que impliquen o contacto habitual con persoas menores de idade, carecen ou non de condenas penais polos delitos aos que se refire o apartado anterior.” O artigo 9.2 do devandito real decreto, dispón:“[...] Así mesmo, as empresas e entidades, incluídas as de voluntariado, que dean ocupación en calquera profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade, poderán, previo consentimento expreso da persoa interesada ou do seu representante, comprobar a inexistencia de antecedentes no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos, mediante a obtención dunha certificación negativa do Rexistro, cando sexa necesaria para a contratación e exercicio da relación laboral ou actividade. En ausencia de consentimento expreso previo que habilite ás empresas e entidades ao acceso ao Rexistro, o certificado só poderá expedirse a instancia da propia persoa interesada nos termos previstos no apartado terceiro deste artigo.” Este artigo, en concreto os apartados 2, 3, 4 e 6, foi modificado recentemente polo Real decreto 407/2024, que na súa parte expositiva sinala:

“Así mesmo, modifícase o artigo 9 articulando a posibilidade de que a certificación negativa de antecedentes por delitos contra a liberdade sexual e de trata de seres humanos de quen vaia a acceder ou se manteñan en calquera profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade poida ser solicitada, co consentimento expreso daqueles, pola propia empresa ou entidade que dea ocupación, ou por determinados Colexios Profesionais, nos casos nos que a normativa aplicable esixa aos seus colexiados e ás súas colexiadas a ausencia de antecedentes por delitos desta natureza. Con iso axilízase a tramitación do procedemento de certificación inicial, diminuíndo a carga para a cidadanía e para a Administración, e facilítase un control periódico do mantemento deste requisito esencial, impedindo que persoas condenadas durante o exercicio destas profesións, ou actividades, poidan manterse nelas.” Respecto do tratamento por parte da universidade dos datos contidos no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos , hai dúas cuestións a ter en conta:

Por unha banda, o informe 8/2019 da Axencia Española de Protección de Datos, con referencia 002540/2019, referido ao Anteproxecto de Lei orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia no que insta a retirada, por resultar desproporcionada, da disposición transitoria única que dispoñía:“En tanto non sexan de plena aplicación os mecanismos aos que se refire o artigo 54.3, os traballadores por conta allea e os voluntarios deberán achegar periodicamente ao seu empregador ou organización (...)

cando menos cada dous anos, unha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos.”. Como consecuencia deste informe, na redacción definitiva da Lei orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia esta disposición non aparece.

Por outra banda, a Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, cualifica a información sobre antecedentes penais de delitos sexuais como de especial protección. Polo que se require o consentimento expreso da persoa interesada para que unha terceira persoa poida acceder a eses datos e este acceso debe ser en todo caso proporcionado e adecuado co fin último para o que se solicita o consentimento.

A Universidade, en aplicación da normativa referida recolle na relación de postos de traballo do Persoal Técnico de Xestión, Administración e Servizos (PTXAS) a exixencia do certificado negativo de delitos sexuais no momento de acceso aos postos que impliquen o contacto habitual con menores. A maiores, hai unidades ou servizos nos que, dada a intensidade do contacto con menores e/ou o elevado volume de persoas menores coas que se traballa habitualmente, cómpre facer unha renovación anual dos certificados do seu persoal, tanto PTXAS como profesorado ou persoal investigador Polo exposto, no uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario, e polos Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro.

RESOLVO,

Primeiro. Exixencia do certificado negativo de delitos sexuais

Na relación de postos de traballo do Persoal Técnico de Xestión, Administración e Servizos (PTXAS), figuran os postos nos que é necesario acreditar a inexistencia de antecedentes penais de delitos sexuais no momento de acceso ao dito posto. Para dar cumprimento a este requisito, a persoa que vaia acceder ao posto ten dúas opcións:

• Achegar ela mesma o certificado gratuíto que pode obter a través da seguinte ligazón:https://sede.mjusticia.gob.es/es/tramites/certificado-registro-central

• Autorizar á Universidade para que consulte no rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos esta información para o que é preciso achegar o seguinte documento asinado.https://assets.usc.gal/sites/default/files/paragraphs/links/2023-

02/FormularioConsentimento.pdf Esta documentación será reclamada dende a xerencia antes da toma de posesión do posto e unha vez recibida incorporarase ao expediente persoal da persoa traballadora

A persoa traballadora deberá comunicar á xerencia calquera cambio que se produza no devandito rexistro respecto da existencia de antecedentes, aínda cando estes se deriven de feitos anteriores ao comezo da súa relación laboral.

Segundo. Unidades nas que é necesaria a renovación anual do certificado negativo de delitos sexuais

A renovación anual do certificado soamente será necesaria cando o posto implique un contacto habitual e intenso con menores e/ou cando o volume de persoas menores coas que se traballa habitualmente é elevado.

En todo caso, anualmente é necesaria a renovación dos certificados do persoal con contacto habitual con menores que prestan servizo nas seguintes unidades/programas/centros:

- Escola Infantil Breogán

- Área de Deportes (agás o persoal administrativo do negociado)

- Facultade de Medicina e Odontoloxía O persoal que colabore na/o:

a) Unidade Odontoloxía de Persoas con Necesidades Especiais

b) Servizo de Radioloxía

- Facultade de Óptica O persoal que colabore na/o:

a) Unidade de Audioloxía

b) Servizo de Optometría

-Facultade de Psicoloxía O persoal que colabore nas seguintes unidades:

a) Psicoloxía Forense

b) Venres clínicos

c) Investigación en prevención e tratamento de problemas de conduta

d) Dificultades no desenvolvemento e aprendizaxe

e) Atención educativa en altas capacidades

-Programa A Ponte

O persoal que colabore no programa Stembach Calquera unidade, centro ou servizo cuxo persoal teña contacto habitual con menores e non estea incluída na relación anterior, debe poñelo en coñecemento da xerencia para que se poida analizar a situación e adoptar as medidas pertinentes.

Terceiro. Procedemento de renovación anual do certificado negativo de delitos sexuais

Cada ano a xerencia pediralle a todas as unidades recollidas no apartado anterior unha actualización do seu persoal que teña contacto habitual con menores de idade, e requirirá a documentación pertinente para manter actualizadas as certificacións do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos deste persoal.

Para os efectos desta actualización, enténdese que as autorizacións para que a universidade poida consultar os datos no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos non caducan, sen prexuízo de que a persoa interesada poida revogar esta autorización en calquera momento

A documentación obtida arquivarase no expediente persoal da persoa traballadora.

Santiago de Compostela, na data de sinatura electrónica.

O reitor.

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver