Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia
NORMA CONSOLIDADA
- Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro
- Decreto 307/2009, do 28 de maio
- Decreto 124/2016, do 8 de setembro
- Artigo 2 nova redacción por artigo único apartado un.
- Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado dous.
- Artigo 7 nova redacción por artigo único apartado tres.
- Artigo 11 nova redacción por disposición adicional primeira.
- Artigo 13 nova redacción por disposición adicional primeira.
- Artigo 15 nova redacción por artigo único apartado catro.
- Artigo 17 nova redacción por artigo único apartado cinco.
- Artigo 18 engadido por artigo único apartado seis.
- Disposición derradeira segunda nova redacción por artigo único apartado sete.
- Anexo I nova redacción por artigo único apartado oito.
- Anexo II suprimido por artigo único apartado nove.
- Anexo III suprimido por artigo único apartado dez.
- Decreto 60/2019, do 23 de maio
- Artigo 1 nova redacción por artigo único apartado un.
- Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado dous.
- Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado dous.
- Artigo 5 nova redacción por artigo único apartado tres.
- Artigo 6 nova redacción por artigo único apartado catro.
- Artigo 7 nova redacción por artigo único apartado cinco.
- Artigo 8 nova redacción por artigo único apartado seis.
- Artigo 9 nova redacción por artigo único apartado sete.
- Artigo 9.bis nova redacción por artigo único apartado oito.
- Artigo 13 nova redacción por artigo único apartado nove.
- Artigo 14 nova redacción por artigo único apartado dez.
- Artigo 15 nova redacción por artigo único apartado once.
- Artigo 16 nova redacción por artigo único apartado doce.
- Artigo 17 nova redacción por artigo único apartado trece.
- Artigo 18 nova redacción por artigo único apartado catorce.
- Disposición adicional primeira nova redacción por artigo único apartado quince.
- Disposición adicional segunda engadida por artigo único apartado dezaseis.
- Disposición adicional terceira engadida por artigo único apartado dezasete.
- Disposición adicional cuarta engadida por artigo único apartado dezaoito.
- Disposición transitoria segunda engadida por artigo único apartado dezanove.
- Decreto 20/2022, do 24 de febreiro
- Lei 10/2023, do 28 de decembro
- Lei 5/2024, do 27 de decembro
Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 53, do 16 de marzo de 2006.
No Decreto 217/2003, do 11 de abril, regúlase a cobertura temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo; tanto aqueles reservados ao persoal funcionario (artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia), como os reservados ao persoal laboral (artigo 9 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia).
A experiencia derivada da súa aplicación permitiu detectar disfuncións tales como o cómputo de méritos que non parecen axeitados para o acceso á Administración pública, a coincidencia temporal da actualización de méritos coa presentación de novas solicitudes, o que impide pechar a actualización de listas nos prazos fixados, e listas saturadas onde se segue permitindo a incorporación de novas solicitudes sen posibilidade real do inscrito de ser chamado para a cobertura dunha praza.
Por outra banda, e á vista da diversa casuística xurdida en relación cos diferentes puntos da normativa vixente ata a data e co fin de aproveitar a experiencia na xestión do sistema de cobertura, estímase oportuno modificala en determinados aspectos para permitir unha xestión máis axeitada aos fins que se pretenden conseguir.
Deste xeito, conxugando os intereses da Administración e das/dos interesadas/os en formar parte das correspondentes listas, limítase a presentación de solicitudes a determinados períodos permitindo, ao mesmo tempo ao órgano xestor, valorar a conveniencia ou non da apertura destas en función das necesidades reais.
Co fin de ter en conta os cambios producidos nas circunstancias dos integrantes das listas e evitar os chamamentos errados, inclúese a posibilidade de modificar os ámbitos e os datos persoais así como de solicitar a suspensión temporal destes.
Modifícase o baremo co obxecto de ter en conta tan só aqueles méritos que se consideran máis axeitados para o acceso a función pública, tales como ter superadas probas selectivas e a experiencia na Administración.
Por último, prevese a posibilidade de encomendar a xestión dos chamamentos para postos dependentes delas ás distintas consellerías, co obxecto de axilizar o proceso na medida do posible.
Visto na Mesa Xeral de Negociación e informe favorable da Comisión de persoal, co voto a favor da Confederación Intersindical Galega (CIG). Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión celebrada en Santiago de Compostela o día dous de marzo de dous mil seis,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto deste decreto é a regulación do procedemento para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo, tanto daqueles reservados a persoal funcionario das administracións xeral e especial, como os reservados ao persoal laboral, mentres non se procede á súa cobertura con carácter definitivo.
Este decreto tamén será de aplicación á cobertura das contratacións que se realicen ao abeiro do concepto orzamentario 131 (“persoal laboral temporal”) do capítulo I da Lei de orzamentos e para a selección de funcionarios interinos nos supostos previstos nas alíneas c) e d) do artigo 23.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, ou norma que a substitúa.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 1 nova redacción por artigo único apartado un.
Artigo 2. Modalidades de vinculación
As modalidades de vinculación que se aplicarán serán as seguintes:
1. Para a cobertura dos postos reservados a persoal funcionario, o nomeamento previsto no artigo 23 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
2. Para a cobertura de postos reservados a persoal laboral, as modalidades contractuais previstas no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e preferentemente o contrato de interinidade.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Artigo 2 nova redacción por artigo único apartado un.
Artigo 3º.-Sistema de lista aberta.
A cobertura temporal dos postos de traballo efectuarase a través dun sistema de lista aberta en que a orde de prelación virá dada pola puntuación obtida trala aplicación do baremo previsto no artigo 9º.
Para estes efectos:
1. Para a cobertura de postos reservados ao persoal funcionario, elaborarase unha única lista por corpo, escala ou especialidade dentro de cada grupo de persoal funcionario.
2. Para a cobertura de postos reservados ao persoal laboral elaborarase unha única lista para cada categoría.
Artigo 4. Órgano competente para a elaboración e o control do funcionamento das listas
1. Constituirase unha Comisión Permanente como órgano colexiado encargado da elaboración e do control do funcionamento das listas. A dita comisión quedará adscrita á consellería competente en materia de función pública.
2. A composición da Comisión Permanente será a seguinte:
Presidencia: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública ou persoa en quen delegue.
Tres persoas en representación da Administración, designadas pola persoa titular da consellería competente en materia de función pública.
Catro persoas designadas polas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Empregados Públicos.
Secretaría: unha persoa funcionaria membro da Comisión Permanente adscrita ao servizo de listas de contratación temporal, designada pola persoa titular da consellería en materia de función pública, que actuará con voz e voto.
Na composición da Comisión Permanente procurarase atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.
3. As competencias da Comisión Permanente son as seguintes:
a) Elaborar as listas a que se refire este decreto, así como realizar as súas actualizacións e, unha vez aprobadas as listas, así como as súas actualizacións, elevaraas á persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública para a súa publicación.
b) Resolver as cuestións derivadas da interpretación do presente decreto.
c) Adoptar cantos acordos e decisións exixa a xestión correcta das listas.
d) Resolver as solicitudes e reclamacións presentadas en relación co funcionamento e xestión das listas.
e) Ser informada sobre a incorporación dos entes instrumentais do sector público autonómico ao sistema de xestión de listas regulado polo presente decreto.
Decreto 307/2009, do 28 de maio.
Artigo modificado: Artigo 4 nova redacción por disposición adicional cuarta.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado dous.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado dous.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado dous.
Artigo 5. Solicitudes de inclusión
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Nas solicitudes, a persoa solicitante fará constar en que ámbito territorial desexa prestar os seus servizos, ata un máximo de oito por cada categoría, corpo, escala ou especialidade, de conformidade coas seguintes posibilidades:
2.1. Con carácter xeral:
* Para a cobertura de postos reservados ao persoal funcionario:
– Subgrupos A1, A2, C1, C2 e grupo B: servizos centrais, autonómico ou provincial. Excepcionalmente, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública poderá determinar, nalgúns corpos, escalas ou especialidades, ámbitos inferiores á provincia.
– Agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: conxunto de municipios, segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.
* Para a cobertura de postos reservados a persoal laboral:
Servizos centrais, autonómico, provincial ou agrupación de municipios.
2.2. No ámbito da defensa contra incendios forestais e o ambiente:
a) Para a cobertura de postos nos servizos de defensa contra incendios forestais:
Distrito forestal ou comarca segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.
b) Para a cobertura de postos no ámbito dos servizos de conservación da natureza:
Distrito, comarca, bacía ou parque natural, segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 5 nova redacción por artigo único apartado tres.
Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes
As novas solicitudes poderanse presentar:
1. Desde a publicación da resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.
2. No caso de listas elaboradas de conformidade co previsto no presente decreto que se atopen en xestión, desde o día 1 de marzo ata o día 30 de abril de cada ano, elaborándose no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro.
Porén, en calquera momento en que a Administración considere que unha determinada lista está saturada porque non se produzan contratacións ou nomeamentos, ou ben polo excesivo número de persoas inscritas, poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes, coa excepción das persoas interesadas que superasen algunha proba do último proceso selectivo, ou teñan prestado servizos, no ámbito de aplicación do artigo un, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 6 nova redacción por artigo único apartado catro.
Artigo 7. Modificación de ámbitos e datos persoais
1. As persoas inscritas nas listas que desexen cambiar de ámbito ou modificar os seus datos persoais deberán facelo mediante unha solicitude. O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta. gal/funcion-publica e presentarase electronicamente.
As solicitudes poderán presentarse:
a) Para cambio de ámbito: no mes de xaneiro de todos os anos, producirán efectos na xestión das listas a partir do 1 de marzo seguinte.
b) Por cambio de datos persoais: en calquera momento, producirán efectos na xestión das listas desde o día seguinte ao da súa presentación.
2. A comunicación do número de teléfono móbil poderase presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa, mediante modelo normalizado que se poderá descargar na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta. gal/funcion-publica. A comunicación producirá efectos transcorridos 10 días contados desde a data da comunicación.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Artigo 7 nova redacción por artigo único apartado tres.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 7 nova redacción por artigo único apartado cinco.
Artigo 8. Requisitos
Serán requisitos indispensables para poder inscribirse nas listas posuír a titulación ou formación académica exixida para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade e os demais requisitos legalmente exixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas na data de presentación da solicitude de inclusión na lista pola persoa interesada en formar parte dela.
Neste senso, as persoas solicitantes deberán posuír para os subgrupos A1, A2, C1, e grupos B, I, II e III, o Celga 4 ou equivalente, para o subgrupo C2 e grupo IV, o Celga 3 ou equivalente e, finalmente, para a agrupación profesional de funcionarios e grupo V, o Celga 2 ou equivalente.
Soamente se concederá validez aos cursos ou titulacións relativas á lingua galega homologados polo órgano competente, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega ou norma que a substitúa.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 8 nova redacción por artigo único apartado seis.
Artigo 9. Baremo
O baremo aplicable para a elaboración das listas para a cobertura de postos reservados a persoal funcionario e persoal laboral será o seguinte:
a) A suma das notas das probas superadas no último proceso selectivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o grupo, escala, especialidade ou categoría en que se solicita a inscrición na lista ata un máximo de 40 puntos segundo a seguinte fórmula: suma das notas obtidas nas probas do proceso selectivo multiplicado por 40 e dividido entre a suma das notas máximas posible das probas do proceso selectivo.
A puntuación desta epígrafe porase de oficio a cero con motivo da resolución dun novo proceso selectivo para o mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría da lista en que se encontre inscrita a persoa interesada, e incluirase, así mesmo, de oficio, de ser o caso, a nova puntuación.
Entenderase resolto un proceso selectivo coa publicación do resultado do acto de elección de destino do persoal de novo ingreso.
b) Por cada mes completo de servizos efectivamente prestados na mesma categoría, corpo ou escala, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sempre que neste último caso teñan publicadas as súas relacións de postos de traballo e figuren no ámbito de aplicación do artigo un do presente decreto: 0,15 puntos, ata un máximo de 20 puntos.
c) Por cada chamamento pola mesma lista, aceptado e rematado sen renuncia ao desempeño do posto: 0,2 puntos, ata un máximo de 4 puntos. Só se terán en conta os chamamentos atendidos polas novas listas elaboradas a raíz da entrada en vigor deste decreto.
En todo caso, só se terán en conta os méritos alegados que o solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 9 nova redacción por artigo único apartado sete.
Artigo 9.bis. Baremo aplicable ao persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais
Para os efectos exclusivos de elaboración das listas para a cobertura de postos reservados ás categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais, o baremo será o seguinte:
a) Por servizos prestados:
1. Por cada mes completo de servizos efectivamente prestados na mesma categoría, corpo, escala ou especialidade, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: 0,30 puntos, ata un máximo de 40 puntos.
2. Por cada mes completo de servizos efectivamente prestados en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia ou demais entidades instrumentais na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables: 0,15 puntos, ata un máximo de 20 puntos.
A suma das puntuacións dos números 1 e 2 non poderá superar en ningún caso os 40 puntos.
b) Polo coñecemento do terreo nos termos establecidos na resolución da dirección xeral competente en materia de función pública pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo presente decreto, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.
Por acreditación do coñecemento do terreo nalgún dos concellos incluídos nos distritos forestais que solicitan: 10 puntos.
c) A suma das notas das probas superadas no último proceso selectivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o grupo, escala, especialidade ou categoría en que se solicita a inscrición na lista ata un máximo de 40 puntos segundo a seguinte fórmula: suma das notas obtidas nas probas do proceso selectivo multiplicado por 40 e dividido entre a suma das notas máximas posible das probas do proceso selectivo.
A puntuación desta epígrafe porase de oficio a cero con motivo da resolución dun novo proceso selectivo para o mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría da lista en que se encontre inscrita a persoa interesada, e incluirase, así mesmo, de oficio, de ser o caso, a nova puntuación.
Entenderase resolto un proceso selectivo coa publicación do resultado do acto de elección de destino do persoal de novo ingreso.
d) Por cada chamamento pola mesma lista, aceptado e rematado sen renuncia ao desempeño do posto: 0,2 puntos, ata un máximo de 4 puntos. Só se terán en conta os chamamentos atendidos polas novas listas elaboradas a raíz da entrada en vigor deste decreto.
En todo caso só, se terán en conta os méritos alegados que a persoa solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior.
Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro.
Artigo engadido: Artigo 9 bis engadido por artigo único
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 9.bis nova redacción por artigo único apartado oito.
Lei 5/2024, do 27 de decembro.
Artigo modificado: Artigo bis 9 alínea a) apartado 2 nova redacción por artigo 99 apartado un.
Artigo 10º.-Desempate.
De producirse empate na puntuación, a orde de desempate será a seguinte:
1. A solicitante de sexo feminino con preferencia sobre o de sexo masculino, cando na categoría, corpo ou escala se dean as condicións de infrarrepresentación previstas no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.
2. Puntuación pola orde das letras do baremo.
3. Solicitante de maior idade.
4. Pola letra vixente no resultado do sorteo para participar en procesos selectivos do ano natural anterior, que se aplicará coa actualización de méritos.
Artigo 11º.-Publicidade das listas.
Puntuadas as solicitudes, a Comisión Permanente elevara a listaxe correspondente á Dirección Xeral da Función Pública para a súa publicación é remisión á secretaría xeral da consellería competente en materia de función pública, así como ós seus departamentos territoriais.
O estado das listas poderá consultarse na internet e nas oficinas de información administrativa e atención ao cidadán.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Artigo 11 nova redacción por disposición adicional primeira.
Artigo 12º.-Actualización de méritos.
A actualización de méritos será realizada anualmente de oficio pola Administración mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Nesta resolución darase publicidade á lista provisional e as persoas interesadas disporán dun prazo de dez días para reclamaren no caso de non estaren conformes con ela.
Decreto 20/2022, do 24 de febreiro.
Artigo modificado: Artigo 12 nova redacción por artigo único.
Artigo 13. Procedemento para solicitar a cobertura temporal de postos
Producida a necesidade de cobertura temporal dun posto, a secretaría xeral técnica ou órgano equivalente con competencia en materia de persoal dirixirase, coa maior brevidade posible, á dirección xeral competente en materia de función pública e solicitará a persoa que, segundo a orde de prelación que figura na lista, lle corresponda ser chamada.
As solicitudes deberán xerarse e enviarse asinadas electronicamente empregando o sistema electrónico de solicitudes de cobertura temporal que a dirección xeral competente en materia de función pública porá á disposición das unidades administrativas solicitantes e serán tramitadas por rigorosa orde de recepción.
Decreto 307/2009, do 28 de maio.
Artigo modificado: Artigo 13 nova redacción por disposición adicional cuarta.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Artigo 13 nova redacción por disposición adicional primeira.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 13 nova redacción por artigo único apartado nove.
Artigo 14. Os chamamentos ás persoas aspirantes
1. De acordo co disposto no artigo 41.1.b), parágrafo 3º, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obriga para os integrantes das listas de aspirantes ao nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios, e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, do emprego de medios electrónicos para a emisión e recepción das notificacións dos seus chamamentos para o desempeño dos correspondentes postos de traballo.
Para tales efectos, a notificación de cada chamamento farase ás persoas interesadas empregando o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de se relacionaren por medios electrónicos.
As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dous días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se accedese ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Adicionalmente, realizarase unha comunicación mediante SMS con aviso de recepción, que poderá completarse mediante o envío dun correo electrónico ás persoas aspirantes. O aviso de recepción proporcionará información da recepción polo teléfono da persoa citada.
Na mensaxe da notificación mediante Notific@ e da comunicación vía SMS e, se é o caso, correo electrónico, incluirase o código individual da citación e un enlace que permitirá ás persoas seleccionadas ao chamamento accederen directamente, a través do portal web da Xunta de Galicia, ao contido íntegro da citación enviada.
As persoas seleccionadas, no prazo máximo de dous días naturais desde a posta á disposición da notificación en Notific@, deberán acceder ao sistema de elección de prazas e establecer a orde de prelación de todos os postos ofertados e validar a súa elección.
A validación da súa elección suporá a aceptación do chamamento por parte da persoa aspirante nos termos seleccionados.
No caso de que o aspirante ao chamamento non acceda ou non valide a súa elección de postos no prazo indicado, suporá o rexeitamento do chamamento por parte do aspirante, coas consecuencias en cada caso establecidas neste decreto.
No suposto de que a persoa seleccionada reciba varios chamamentos consecutivos durante o prazo previsto no parágrafo anterior, deberá atender por orde de recepción as citacións enviadas, ás cales lles serán aplicables as regras precedentes, e os chamamentos serán por estrita orde de citación.
A acreditación da notificación efectuada ou, se for o caso, o rexeitamento incorporarase ao expediente.
2. Nos supostos en que a necesidade de cobertura dun posto non fose previsible coa antelación suficiente ou polas circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos, debidamente acreditadas, fose necesaria a súa cobertura de xeito urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderá realizarse telefonicamente.
Neste suposto, o persoal funcionario que os realice fará constar mediante dilixencia a súa realización e se tiveron ou non resposta.
Unha persoa representante da parte social na comisión terá dereito a estar presente en todos os chamamentos telefónicos. Para tal fin, a persoa encargada facilitaralle a información que precise.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 14 nova redacción por artigo único apartado dez.
Lei 10/2023, do 28 de decembro.
Artigo modificado: Artigo 14 apartado 1 nova redacción por artigo 8 apartado dous.
Lei 5/2024, do 27 de decembro.
Artigo modificado: Artigo 14 apartado 1 nova redacción por artigo 99 apartado dous.
Artigo 15. Suspensión dos chamamentos
1. De oficio.
A aceptación dun chamamento polas listas elaboradas en aplicación deste decreto, para unha categoría, corpo, escala ou especialidade suporá a suspensión dos chamamentos tanto para outros ámbitos da mesma lista como para as listas correspondentes a outras categorías, corpos, escalas ou especialidades, coas excepcións que a continuación se indican:
A) As persoas integrantes dunha lista que estean en situación de suspensión por ter sido seleccionadas para ocupar un posto ou por estar prestando servizos nun posto non vacante serán chamadas para a cobertura de posto vacante da mesma categoría, corpo, escala ou especialidade por unha soa vez cada catro anos.
B) As persoas integrantes das listas que, como consecuencia de ter sido seleccionadas para ocupar un posto ou estaren prestando servizos nunha categoría, corpo, escala ou especialidade estean en situación de suspensión noutras listas serán chamadas por unha soa vez, cada catro anos, en cada unha destas para a cobertura de posto vacante.
Enténdense consumidas as opcións A) e B) polos integrantes das listas polo mero ofrecemento por parte da Administración do posto vacante nesas condicións con independencia de que acepten o posto ou non.
Para os efectos deste decreto, entenderase por posto vacante aquel que careza de titular. Non obstante, os postos reservados a persoal laboral con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria e os postos de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses ao ano terán sempre a condición de postos non vacantes.
2. Por solicitude da persoa interesada.
As persoas integrantes das listas que non estean prestando servizos a través das listas elaboradas en aplicación deste decreto poderán solicitar a suspensión das citacións. O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica e deberá efectuarse electronicamente.
A solicitude terá efectos en todas as listas en que estea inscrita a persoa solicitante desde o día seguinte á súa presentación.
A suspensión manterase en canto a persoa interesada non presente solicitude de reincorporación. A solicitude de reincorporación efectuarase electronicamente no modelo que estará á disposición das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica e producirá efectos transcorridos 10 días desde a súa presentación.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Artigo 15 nova redacción por artigo único apartado catro.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 15 nova redacción por artigo único apartado once.
Artigo 16. Credenciais.
Nas notificacións remitidas a través do sistema electrónico de notificacións da Xunta de Galicia comunicarase a todas as persoas aspirantes incluídas en cada citación a data de resolución do chamamento, así como o enderezo web a que poden acceder para comprobar se foron seleccionadas para algún dos postos ofertados. Nesta data, poderán acceder ao sistema para coñeceren o resultado do chamamento e, no caso de seren seleccionadas pola dirección xeral competente en materia de función pública, poderán descargar a credencial de adxudicación do posto e calquera outra información adicional relativa á dita adxudicación.
En todo caso, á persoa que resulte adxudicataria do posto nalgunha das citacións, enviaráselle un acceso directo á descarga da credencial mediante SMS e, se é o caso, por correo electrónico.
O acceso á credencial pola persoa seleccionada farase nun prazo non superior a un día hábil, para a súa presentación no posto de traballo no prazo que nela figure, ao cal deberá acudir coa documentación que en cada caso se lle exixa.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 16 nova redacción por artigo único apartado doce.
Artigo 17. Situación nas listas e renuncia
1. As persoas integrantes dunha lista non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda nela ata que prestasen servizos durante un ano. Mentres isto non ocorra, retornarán á posición que lles corresponda na lista de acordo coa súa puntuación ao cesaren no posto para o cal foron nomeadas ou contratadas.
2. As persoas integrantes dunha lista que prestasen servizos durante un ano pasarán a ocupar a última posición na lista durante catro meses ao remate do nomeamento ou da contratación. Transcorridos os catro meses volverán automaticamente á posición que lles corresponda na lista de acordo coa súa puntuación.
3. As persoas integrantes dunha lista que renunciasen a formar parte dela non poderán incorporarse na mesma lista ata que transcorra o prazo dun ano desde a data da renuncia, e logo de solicitude de inscrición.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Artigo 17 nova redacción por artigo único apartado cinco.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 17 nova redacción por artigo único apartado trece.
Artigo 18. Penalización
1. As persoas integrantes dunha lista que non aceptasen ou rexeitasen os postos ofertados a que están obrigadas, non se presentasen no posto de traballo previsto na credencial no prazo indicado ou renunciasen a un posto para o que foron seleccionadas quedarán excluídas dos chamamentos durante un ano, que se contará desde a data do feito causante da exclusión.
Exceptúase do disposto no parágrafo anterior:
a) A falta de aceptación ou rexeitamento do posto, a non presentación ou a renuncia ao posto cando derive de forza maior.
b) A renuncia a un posto para desempeñar outro vacante, nos supostos previstos no artigo 15.1 deste decreto.
c) A renuncia a un posto reservado a persoal laboral con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria ou a un posto de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez transcorridos seis meses desde a data do inicio de prestación de servizos que figura no contrato. Neste caso, a persoa traballadora terá a obriga de realizar un aviso previo con quince dias hábiles de antelación á data de efectos da renuncia ao servizo de persoal correspondente.
O persoal que renuncie a un posto con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria ou a un posto descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses nos termos previstos no parágrafo anterior terá dereito á non aceptación dos postos que se lle oferten desta natureza durante o período dun ano desde a renuncia.
d) A renuncia a un posto derivada de ter recoñecida unha discapacidade que comporte unha imposibilidade ou unha limitación substancial para desempeñar as funcións do posto, unha vez apreciada esta circunstancia pola Comisión Permanente, cos informes que, de ser o caso, considere pertinentes.
e) Calquera outra causa de entidade suficiente, debidamente acreditada pola persoa interesada, que se considere procedente pola Comisión Permanente logo de acordo motivado adoptado ao respecto.
2. As persoas integrantes das listas que estean penalizadas e queiran volver formar parte delas poderán solicitar a reincorporación. A solicitude de reincorporación presentada durante o período de penalización producirá efectos transcorrido o prazo dun ano, que se contará desde a data do feito causante da exclusión. A solicitude presentada con posterioridade ao remate do período de penalización producirá efectos o día seguinte ao da súa presentación.
A solicitude de reincorporación deberase realizar e presentar electronicamente na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo engadido: Artigo 18 engadido por artigo único apartado seis.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Artigo 18 nova redacción por artigo único apartado catorce.
Disposición adicional primeira. Encomenda de xestión
A realización material dos chamamentos ao persoal integrante das listas confeccionadas de conformidade co este decreto para a cobertura de postos correspondentes a centros e/ou unidades dependentes dunha/s consellerías en concreto poderá encomendarse a estas mediante o procedemento e nos supostos previstos no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou norma que a substitúa.
A encomenda de xestión non suporá cesión da titularidade da competencia nin dos elementos substantivos do seu exercicio e será responsabilidade do órgano ou entidade encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou nos que se integre a concreta actividade material obxecto da encomenda.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo modificado: Disposición adicional primeira nova redacción por artigo único apartado quince.
Disposición adicional segunda. Xestión das listas para persoas con discapacidade intelectual
A xestión das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, realizarase conforme os seguintes criterios:
1. Todas as citacións se realizarán por correo postal, sen prexuízo de que poidan elixir a recepción das notificacións por medios electrónicos.
2. Os postos de traballo que se oferten non terán a consideración de itinerantes nin poderán desenvolverse en réxime de quendas nin en horario nocturno, nin serán incompatibles co desenvolvemento das funcións e tarefas asignadas a este colectivo.
3. Os postos que se desenvolveran terán unha duración mínima estimada de 1 mes.
4. Os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade intelectual serán provistos, para o seu desempeño temporal en caso de substitucións, por persoas candidatas desta lista.
5. Non se penalizarán aquelas persoas aspirantes que ata en tres ocasións rexeiten as prazas ofertadas que se atopen nunha localidade diferente á da súa residencia habitual.
Para estes efectos, a xestión das citacións e chamamentos realizarase tendo en conta dúas situacións diferenciadas:
1) Que a porcentaxe de persoas con discapacidade intelectual en servizo activo fose inferior ao 2 % do total de persoas traballadoras do grupo V, categoría 003, da Xunta de Galicia.
Neste caso, un de cada cinco chamamentos e logo de aplicación dos criterios antes indicados realizaríase a través da lista elaborada para persoas que acrediten discapacidade intelectual, salvo que, polas especiais características do posto que se oferte, o seu desenvolvemento resulte incompatible coas funcións ou tarefas que deba realizar este colectivo.
De non ser posible ofertar o posto ou no caso de non se cubrir ningunha praza (do grupo de cinco chamamentos) mediante persoas candidatas deste colectivo, a cobertura do posto de traballo que lle correspondería engadiríase ao lote dos cinco seguintes postos de traballo para prover. Seguindo este patrón, o posto reservado e non adxudicado a este colectivo engadiríase ao bloque dos seguintes cinco chamamentos, ofertándose entón dúas das cinco prazas para prover.
2) Que a porcentaxe de persoas con discapacidade intelectual en servizo activo fose igual ou superior ao 2 % do total de persoas traballadoras do grupo V, categoría 003 da Xunta de Galicia.
Neste caso aplicaríase a porcentaxe do 2 % e un de cada cincuenta chamamentos estaría reservado a este colectivo.
Os criterios contidos na presente disposición serán igualmente aplicables á xestión das listas para a contratación temporal de persoal da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, correspondentes a outros corpos, grupos escalas e categorías que poidan xurdir con motivo dos procesos selectivos que se convoquen.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo engadido: Disposición adicional segunda engadida por artigo único apartado dezaseis.
Disposición adicional terceira. Proba extraordinaria de aptitude
Excepcionalmente, para a cobertura de postos reservados ao persoal funcionario dos subgrupos A1 e A2 e do persoal laboral dos grupos I e II, cando as características específicas e técnicas dos postos obxecto de cobertura o requiran e resulten debidamente apreciadas pola Comisión Permanente, poderá realizarse ás persoas inscritas nas listas que por orde de prelación corresponda, unha proba teórica e/ou práctica, co obxecto de acreditar a aptitude necesaria para o desenvolvemento do citado posto.
A convocatoria para realizar a/s dita/s proba/s corresponderalle á consellería a que estea adscrita a praza, logo de informe da dirección xeral competente en materia de función pública. Do resultado da selección darase conta á Comisión Permanente.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo engadido: Disposición adicional terceira engadida por artigo único apartado dezasete.
Disposición adicional cuarta. Protección de datos de carácter persoal
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo titular da dirección xeral competente en materia de función pública coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://intranet.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo engadido: Disposición adicional cuarta engadida por artigo único apartado dezaoito.
Disposición adicional quinta. Puntuación por probas superadas durante a coexistencia de procesos selectivos ordinarios e procesos selectivos derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público
Para a determinación da puntuación a que se refire a letra a) do artigo 9, no caso de se teren realizado probas selectivas derivadas da Lei 20/2021, do 28 de decembro, aplicarase a puntuación máis beneficiosa para as persoas inscritas entre o proceso derivado da dita lei ou o último proceso selectivo convocado nese grupo, escala, especialidade ou categoría profesional.
Lei 10/2023, do 28 de decembro.
Artigo engadido: Disposición adicional quinta engadida por artigo 8 apartado un.
Disposición adicional sexta
O baremo aplicable nas listas elaboradas para o nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais será o establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
Non obstante, no procedemento de inclusión nesta lista valoraranse por unha soa vez os servizos prestados ata o 30 de maio de 2023 como persoal laboral das categorías equivalentes segundo o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nos termos do artigo 9 bis a) do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
Lei 5/2024, do 27 de decembro.
Artigo engadido: Disposición adicional sexta engadida por artigo 99 apartado tres.
Disposición transitoria
As listas elaboradas ao abeiro do Decreto 217/2003, do 11 de abril, continuarán en vigor ata que a Administración efectúe de oficio a súa adaptación ao presente decreto.
Disposición transitoria segunda. Habilitación para elaboración dunha lista única como resultado da funcionarización
Unha vez rematadas as primeiras probas selectivas de acceso ao corpo, escala, especialidade, grupo, subgrupo ou agrupación profesional de persoal funcionario para incorporar o persoal laboral funcionarizado ou para dar cobertura ás prazas funcionarizadas orixinariamente clasificadas como laborais, establecerase, se é o caso, unha única lista de chamamentos na cal se valorarán por igual os servizos prestados en virtude de relación xurídica funcionarial e laboral na categoría funcionarizada.
En canto non se materialicen as previsións contidas no parágrafo anterior, manteranse vixentes as listas existentes para a contratación de persoal laboral ou para o nomeamento de persoal funcionario interino e os chamamentos faranse a través das listas das categorías en que estaban clasificados os postos na relación de postos de traballo antes da súa funcionarización.
Non obstante, no caso de ser necesario a Comisión Permanente elaborará unha única lista das características do parágrafo primeiro da presente disposición con anterioridade á finalización dos procesos de funcionarización, en que se computarán por igual os servizos prestados en postos de distinta natureza en relación coa lista que se estableza.
Para que a persoa interesada sexa admitida na lista única será necesario cumprir os requisitos exixidos para o acceso ao correspondente corpo, escala ou especialidade en que se clasifica a categoría que se funcionariza, nos termos establecidos no artigo 8 deste decreto.
Decreto 60/2019, do 23 de maio.
Artigo engadido: Disposición transitoria segunda engadida por artigo único apartado dezanove.
Disposición derrogatoria
Queda derrogado o Decreto 217/2003, do 11 de abril, e demais disposicións do mesmo ou inferior rango que se opoñan ao establecido no presente decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.
Disposicións derradeiras
Primeira.-
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.
Segunda.- Habilitación para o desenvolvemento do decreto e para a modificación do anexo
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto, así como para modificar o contido do anexo.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Disposición derradeira segunda nova redacción por artigo único apartado sete.
Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil seis.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO I
[Documento: dec_CPREAAPPX_00037_2006_20060302]
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo modificado: Anexo I nova redacción por artigo único apartado oito.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo derrogado: Anexo II suprimido por artigo único apartado nove.
Decreto 124/2016, do 8 de setembro.
Artigo derrogado: Anexo III suprimido por artigo único apartado dez.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.