Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interés galego

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 089 20/07/1983
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: Derrogada
Texto Texto con anotacións

O Estatuto de Galicia sinala no seu artigo 27 como da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma «o réxime das Fundacións de interés galego». O precepto atributivo da competencia arrédase, no seu enunciado, doutros equivalentes que foron recollidos polos diversos Estatutos de Autonomía. Así, nos correspondentes ó País Vasco, Cataluña e Andalucía, a competencia de cada Comunidade Autónoma exténdese sobre aquelas Fundacións «que desenvolvan principalmente as súas funcións» no seu territorio. Claramente se aprecia, pois, que a competencia atribuída a Galicia é máis ampla pois inclúe a formulación do réxime das Fundacións de interés galego. Isto permite realizar un replantexamento profundo da institución fundacional, do que está extraordinariamente necesitada, ó menos para Galicia, tal e como tamén se fixo recentemente en Cataluña.

En efecto, o réxime fundacional, no Dereito positivo español, está composto dun conxunto non homoxéneo de normas promulgadas en épocas diversas, normas que esencialmente se diferencian entre si porque cada unha delas vén encarna-lo espírito do momento no que se promulgan: a problemática singular de cada época, desde 1849 en diante, as concretas preocupacións que están no ambiente en que a norma se forxa, quedarán reflexadas no articulado da disposición que se dicta. E todo isto, presidido sempre por un espírito restrictivo que non abandona ó réxime fundacional desde as primeiras regulacións ó fío do fenómeno desvinculador e desamortizador do pasado século. De aí o contraste notable entre a evolución da institución no Dereito comparado e no español.

A presente Lei non se desentende da conveniencia de contempla-la Fundación como unha institución xurídica, os requisitos e límites da cal deberán de formularse con rigor; pero, sen prexuício disto, engade esixencias elementais de claridade e flexibilidade no que concerne á constitución e funcionamento das Fundacións. No tocante á constitución, proporciónanse as canles necesarias á vontade do fundador, tanto no que se refire estrictamente á súa expresión coma no que atinxe á dotación patrimonial e á formulación dos Estatutos.

En canto ó funcionamento da Fundación, hanse destaca-los preceptos relativos á dinámica do patrimonio fundacional e á documentación da xestión financeira. Nos primerios, e sen prexuício das cautelas que poida adopta-lo Protectorado, instruméntase un sistema máis dinámico e actual có que veu presidindo o ordenamento do Estado. E, no referente á xestión contable, a regra fundamental é que esta débese adaptar ás dimensións e características de cada Fundación. En último término, a composición e atribucións do órgano ou órganos de goberno, deséñanse sobre a base do respeto, ante todo, á vontade do fundador, sen prexuício de establece-los deberes e responsabilidades dos patróns.

O novo Corpo legal cérrase cunha ordenación da función do Protectorado, a cargo da Xunta. Frente ós innecesarios e profundos controis que estipula a lexislación estatal, vólvese aquí ó fundamento orixinal desta fundación administrativa, cifrado tanto na garantía do cumprimento da vontade do fundador canto na salvagarda dos concretos intereses xerais, a consecución dos cales se propuxo cada Fundación.

Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de réxime das Fundacións de interés galego.

Título preliminar

Artigo 1

1. A presente lei seralles aplicable ás fundacións de interese galego, entendéndose por tales aquelas que, estando domiciliadas ou desenvolvendo principalmente as súas funcións en Galicia, estean constituídas por persoas naturais ou xurídicas que destinen ou afecten un patrimonio á realización sen ánimo de lucro de fins de interese xeral en beneficio de persoas non determinadas individualmente.

2. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado das fundacións referidas na alínea anterior e exercerá as facultades que garantan o cumprimento da vontade dos fundadores e as que, para tales efectos, esta lei establece.

3. No caso das fundacións que teñan por obxecto a consecución de fins de interese galego e nas que concorran conxuntamente as características de desenvolve-las funcións principalmente fóra da Comunidade Autónoma e non teñan o domicilio en Galicia, o fundador poderá encomendarlle á Xunta de Galicia tarefas concretas de salvagarda da súa vontade sempre que non sexan contrarias á normativa que resulte aplicable. Así mesmo, a Xunta poderá prestarlles apoio para a consecución dos ditos intereses.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo modificado: Artigo 1 nova redacción por artigo primeiro.

Título I Constitución

Artigo 2

1. Calquera persoa natural ou xurídica pode constituír Fundacións de interés galego, que se aterán ás prescricións da presente Lei.

2. A finalidade da Fundación debe ser lícita e duradeira, servir ó interés xeral de Galicia e beneficiar a persoas non individualmente determinadas.

Artigo 3

1. A vontade fundacional pódese manifestar en calquera forma susceptible de producir efectos xurídicos.

2. As Fundacións pódense constituír por actos inter vivos ou mortis causa.

Artigo 4

1. A constitución por actos inter vivos deberase facer mediante escritura pública na que constará a carta fundacional.

2. No acto fundacional mortis causa, o fundador pode outorgar, por si mesmo, a carta fundacional, ou designar outras persoas para o seu outorgamento, as cales deberán pedi-la súa inscrición no Rexistro cumprindo os requisitos establecidos na presente Lei.

Artigo 5

A escritura pública da carta fundacional comprenderá, sen perxuício de todas aquelas condicións lícitas que os fundadores establezan, os seguintes extremos:

a) As circunstancias que acrediten a personalidade dos fundadores, sexan persoas naturais ou xurídicas, e determinen a súa capacidade para constituíren unha Fundación.

b) A vontade de constituír unha Fundación de interés galego conforme ós preceptos desta Lei.

c) Os Estatutos que regularán o funcionamento da Fundación con arregro ás disposicións do artigo 6.

d) A dotación inicial da Fundación, coa descrición e a natureza dos bens e os dereitos que a integran, a súa pertenza e as súas cargas e o título de aportación.

e) A designación das persoas naturais ou xurídicas que deban constituí-lo órgano de goberno inicial da Fundación.

Artigo 6

Os Estatutos da Fundación, comprenderán, ademais das condicións lícitas que nela se establezan, os seguintes extremos:

a) Denominación da Fundación.

b) O seu obxecto e finalidade fundacional.

c) Domicilio da Fundación e lugares nos que vaian radica-los seus establecementos ou delegacións.

d) As regras para a aplicación das rendas ó obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios.

e) O órgano que teña ó seu cargo a representación e goberno da Fundación, con expresión do seu réxime, composición, regras para a designación e renovación dos seus membros, as súas atribucións e a forma de deliberar e adoptar acordos.

Artigo 7

1. A aportación do patrimonio fundacional débese realizar por cesión gratuíta entre vivos ou por sucesión por causa de morte, e pode consistir en bens e dereitos de calquera tipo.

2. A Fundación non pode constituírse sen unha dotación inicial, aínda que se exprese nos Estatutos o compromiso de dotación sucesiva periódica a cargo do fundador ou de terceiras persoas.

3. A dotación inicial suficiente para o cumprimento dos seus fins, poderase incrementar posteriormente polo fundador ou terceiras persoas.

4. Os modos e as cargas que graven os bens aportados non poden absorbe-lo seu valor. Tampouco poden significar uns gastos anuais que impidan o destino dunha parte das rendas ós fins fundacionais, agás que o Protectorado autorice a aportación atendendo ó interés da Fundación.

5. Á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a Fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da Fundación.

Artigo 8

1. A fundación entenderase validamente constituída como de interese galego desde o outorgamento da carta da fundación en escritura pública, sempre que, unha vez recoñecida pola Consellería competente, se inscriba no Rexistro de fundacións, que será único para a Comunidade Autónoma.

2. A personalidade xurídica das Fundacións de interés galego nace desde a súa inscrición en tal Rexistro.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo modificado: Artigo 8 apartado 1 nova redacción por artigo primeiro.

Artigo 9

O órgano de goberno dunha Fundación non inscrita pode, dentro das súas facultades, outorgar actos, adquirir dereitos e contraer obrigas, que consideren inaprazables, en nome e interés daquela, os cales entenderanse asumidos automaticamente pola Fundación ó se produci-la inscrición. En caso contrario, o patrimonio fundacional responderá das obrigas contraídas, e, no seu defecto, a responsabilidade recaerá solidariamente sobre as persoas que contrataran.

Artigo 10

As modificacións posteriores do contido dos Estatutos, os actos de fusión, agregación e extinción, e as sucesivas renovacións do órgano de goberno débense inscribir obrigatoriamente no Rexistro de Fundacións de interés galego da Xunta de Galicia, cos mesmos requisitos que a carta fundacional.

Artigo 11

1. A inscrición no Rexistro de Fundacións de interés galego só pode ser denegada se os documentos non se axustan ás disposicións desta Lei.

2. O Rexistro é público e as certificacións que expide dan fe do seu contido.

Título II Goberno

Artigo 12

As Fundacións rexeranse polo órgano de goberno establecido polo fundador que ostentará a súa representación e abranguerá tódalas facultades que sexan necesarias para a realización dos fins fundacionais.

Artigo 13

1. O órgano de goberno compoñerase, como mínimo, de tres membros, e elixirá de entre eles presidente e secretario, a non ser que os estatutos dispoñan outra cousa.

2. Non obstante, os fundadores que sexan persoas físicas poderán reservar para si con carácter vitalicio o exercicio de tódalas competencias asignadas ós órganos de goberno da fundación.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo modificado: Artigo 13 nova redacción por artigo primeiro.

Artigo 14

1. Pode ser membro do órgano de goberno da fundación quen teña plenitude da súa capacidade de obrar e non estea inhabilitado para o exercicio dun cargo público. As persoas incapacitadas actuarán no órgano de goberno por medio dos seus respectivos representantes legais.

2. As persoas xurídicas poden integrarse nos órganos de goberno da fundación, designando para tal fin, necesariamente, a persoa ou as persoas naturais que as representen.

3. Os membros do órgano de goberno exercerán o seu cargo de forma gratuíta, sen prexuício do dereito a que se lles reembolsen os gastos, debidamente xustificados, que estes lles produza, así como o aboamento das axudas de custo por asistencia que, se é o caso, fixe o seu órgano de goberno, dentro dos límites que se determinen regulamentariamente, e sempre e cando non prohíban o aboamento de tales gastos os respectivos estatutos.

4. Se os estatutos non o prohíben, o órgano de goberno poderá delega-las súas facultades en un ou máis de un dos seus membros e nomear apoderados xerais ou especiais con funcións e responsabilidades mancomunadas ou solidarias. Non son delegables a aprobación das contas, a formulación de presupostos, o alleamento e o gravame dos bens inmobles, das obras de arte e dos bens patrimoniais histórico-artísticos e documentais, así como os valores mobiliarios non cotizados en bolsa, nin calquera outro acto que precise a autorización ou aprobación do protectorado. Cando o apoderado xeral dunha fundación fose membro do órgano de goberno e exercese as súas funcións con dedicación exclusiva, determinarase regulamentariamente a posibilidade da súa retribución, se os estatutos así o previsen.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo modificado: Artigo 14 nova redacción por artigo primeiro.

Artigo 15

1. Os lexítimos representantes das Fundacións poderán aceptar herdanzas, legados e donacións.

2. As herdanzas a favor dunha Fundación enténdense aceptadas sempre a beneficio de inventario.

3. As herdanzas e legados a favor dunha Fundación non poden ser repudiados, nin as donacións rexeitadas sen autorización previa e expresa do Protectorado.

4. Para a aceptación de legados e donacións con carga será necesaria, así mesmo, a autorización expresa do Protectorado.

Artigo 16

Os membros do órgano de goberno da Fundación están obrigados a:

1.— Cumprir e facer cumprir estrictamente os fins fundacionais, de acordo co disposto nos Estatutos da Fundación.

2.— Conserva-los bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación e manter plenamente a productividade dos mesmos, segundo criterios financeiros e de acordo coas circunstancias económicas.

3.— Servi-lo cargo coa dilixencia dun administrador leal, segundo estableza a Lei e os Estatutos.

Artigo 17

1. Os membros dos órganos de goberno da Fundación son responsables, frente a ela, nos términos que establezan as leis. Quedará exento de responsabilidade quen se opuxese ó acordo determinante da mesma ou non participase na súa adopción.

2. A acción de responsabilidade exercerase ante os Tribunais pola mesma Fundación, polo Protectorado ou por quen estea lexitimado de acordo coas leis.

Artigo 18

As Fundacións a que se refire esta lei, están obrigadas, no cumprimento dos seus fins, a dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades.

Artigo 19

As cantidades que excepcionalmente poida percibir unha fundación do conxunto dos seus beneficiarios non poderán exceder do custo real do servicio ou da prestación, sen marxe comercial de ningunha clase.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo modificado: Artigo 19 nova redacción por artigo primeiro.

Artigo 20

1. Os bens inmobles da Fundación destinados con carácter permanente ó cumprimento directo da finalidade fundacional, só poderán ser alleados a título oneroso, nas condicións establecidas polo fundador ou nas que sinale o Protectorado para cada caso.

2. Os demais bens e dereitos poderán ser alleados soamente para reinverte-lo precio noutros da mesma natureza se, o Protectorado, no prazo de tres meses a partir da comunicación do órgano de goberno, non se opuxer.

3. Non poderán gravarse bens da dotación ou consumir unha parte destes, sen autorización previa do Protectorado.

Artigo 21

1. A actividade contable das fundacións debe axeitarse ás normas de contabilidade xeral e ás esixencias da lexislación fiscal que, nun e noutro caso, lles sexan aplicables. Os rexistros e os comprobantes de contabilidade serán aqueles que, de acordo co volume do seu patrimonio e coa natureza das súas actividades, abonden para garanti-la veracidade dos datos contidos nos seus inventarios e presupostos.

2. Cada ano, o órgano de goberno da fundación formulará un inventario-balance pechado na data do remate do exercicio económico, que reflicta con claridade e exactitude a situación patrimonial da entidade naquela data, e unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, suficiente para coñecer e xustifica-lo cumprimento da finalidade das fundacións e dos preceptos legais aplicables. Así mesmo, será efectuada a liquidación do presuposto de ingresos e gastos do ano anterior. O prazo para a elaboración destes documentos e para a súa presentación ó protectorado será de seis meses, contados desde a data de cerramento do exercicio.

A fundación tamén deberá formula- lo presuposto de ingresos e gastos correspondente ó exercicio seguinte, que se lle debe presentar ó protectorado con anterioriodade ó inicio do exercicio económico. O protectorado poderá formularlle obxeccións ó presuposto no prazo de un mes. Para os efectos do previsto no parágrafo anterior as obxeccións do protectorado unicamente poderán basearse en infraccións da normativa vixente ou das cláusulas estutarias.

De non se presenta-los presupostos no prazo sinalado anteriormente, entenderanse prorrogados por doceavas partes os do ano anterior, sen prexuício das accións legais que lle correspondan ó protectorado.

3. Someteranse a auditoría externa as contas das fundacións que, na data de peche de exercicio, non cumpran as circunstancias previstas no Real decreto 776/1998, do 30 de abril, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e as normas de información orzamentaria delas, que permiten a formulación de contas anuais abreviadas.

Tamén se someterán a auditoría externa aquelas contas que, a xuízo do padroado da fundación ou do protectorado, presenten especiais circunstancias que así o aconsellen.

O informe ó que se refiren os apartados anteriores presentarase no protectorado xunto coas contas anuais da fundación.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo modificado: Artigo 21 nova redacción por artigo primeiro.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado: Artigo 21 apartado 3 engadido por disposición adicional cuarta.

Artigo 22

O Protectorado da Xunta de Galicia comprende as facultades necesarias para garantiza-lo cumprimento da vontade dos fundadores nos términos da presente Lei.

Corresponde, en particular, ó Protectorado:

a) Leva-lo Rexistro de Fundacións de interés galego.

b) Velar polo efectivo cumprimento dos fins de cada Fundación e a salvagarda do interés galego.

c) Verificar se os recursos económicos da Fundación foron aplicados ós fins fundacionais.

d) Promover e intervir nos procedementos de modificación, agregación, fusión ou extinción de Fundacións.

e) Promover ante os Tribunais a remoción dos membros do órgano de goberno da Fundación no caso de grave incumprimento das obrigas estatutarias ou disposicións da presente Lei.

Poderán tamén interesa-la suspensión previa dos mesmos durante o trámite ou procedemento.

f) Asumir provisionalmente a xestión das actividades da fundación, cando careza de órgano de goberno, cando este estivese suspendido nas súas funcións por decisión xudicial ou cando o padroado non se reunise ó longo de dous exercicios consecutivos.

A situación provisional non poderá prolongarse por máis de dous anos, prazo dentro do cal deberá dotarse á fundación dos órganos estatutarios de goberno; de non ser posible, procederase á súa disolución e liquidación. No caso de suspensión xudicial, o prazo contarase a partir de que esta cese.

g) Promover e ser parte en toda clase de procedementos relacionados coa presente Lei.

h) Tramitar e resolve-los expedientes de autorización a que se refire esta Lei.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo modificado: Artigo 22 apartado f) nova redacción por artigo primeiro.

Artigo 23

Os acordos do Protectorado suxeitos a Dereito Administrativo serán recorribles en vía administrativa, e no seu caso, ante a Xurisdicción Contencioso-Administrativa.

Artigo 24

A extinción dunha Fundación ou a súa transformación por agregación ou fusión, procederá polas causas previstas na carta fundacional e nos supostos establecidos no artigo 39 do Código Civil, dándolles ós bens e dereitos o destino predeterminado nas devanditas disposicións.

Disposición adicional primeira

No prazo de seis meses a partir da entrada en vigor da presente Lei, a Xunta de Galicia aprobará o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións.

Disposición adicional segunda

Constituído o Protectorado, este asumirá as funcións que na actualidade realiza a Administración do Estado sobre as Fundacións sometidas ó réxime da presente Lei.

Disposición adicional terceira

O exercicio das facultades inherentes ó protectorado realizarase de forma totalmente gratuíta.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo engadido: Disposición adicional terceira engadida por artigo segundo.

Disposición adicional cuarta

A presente lei seralles aplicable, con carácter retroactivo, ás fundacións de interese galego existentes con anterioridade á súa entrada en vigor. A renovación dos seus órganos de goberno, sen embargo, deberá axustarse ó previsto nesta lei cando estatutariamente corresponda designa-los novos membros. O inventario-balance axustarase ás previsións da presente lei xa no primeiro exercicio económico no que deba legalmente presentarse.

Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Artigo engadido: Disposición adicional cuarta engadida por artigo segundo.

Disposición transitoria primeira

No término de dous anos, as Fundacións constituídas con anterioridade e suxeitas a esta Lei, deberán adapta-los seus Estatutos ós preceptos da mesma e presentalos no Rexistro de Fundacións da Comunidade.

Disposición transitoria segunda

O incumprimento da obriga precitada, determinará a suspensión da actividade da Fundación, e a esixencia de responsabilidade ós patróns.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 1983

Gerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver